“Ordenanza si, pero non así”. Emendas de OUeC ao proxecto de ordenanza sobre o botellón
29 Novembro, 2018
0
•     O noso grupo detecta numerosas eivas no contido e a forma dun texto “cheo de ambigüidades, falto de compromisos, excluínte coa participación da mocidade, e que comete a torpeza de empregar terminoloxía controlada polo propio lobby do alcohol”.
•     O borrador obvia normativas vixentes e alude a documentos ás portas de quedar obsoletos.
•     OUeC avaliou o documento nunha mesa de traballo participada con estudantes, ANPAs, colexios profesionais e veciñas e veciños a nivel particular.
•     A consulta cidadá previa á redacción da ordenanza “foi tomada polo goberno como un trámite, non como unha oportunidade de investigar nin abrir o texto á participación. Enquisaron só a 80 persoas, menos do 0,1% da poboación”.

    Dentro do prazo de dez días establecido para a presentación de emendas, Ourense en Común rexistraba onte os disensos aos que o grupo chegou unha vez analizado o borrador en colaboración con colectivos de estudantes, colexios profesionais e veciñas e veciños a nivel particular, aos que o grupo convidou a pasada semana a unha mesa de traballo participada.

    O grupo detecta numerosas eivas no contido e a forma do texto, quereflicte ambigüidade e carencias normativas desde a inconcreta exposición de motivos”, por obviar os textos normativos vixentes na materia, e referir ao Plan Municipal de Saúde, que expira en 2018, o que cualifican como “unha torpeza ás portas de 2019”.

    Cuestionan ademais a intención preventiva do goberno no borrador, ao non contemplarse ningún programa específico nin concretar o xeito de chegar ás aulas, ás ANPAS, aos formadores e formadoras, aos educadores e educadoras, aos orientadores e orientadoras e á sociedade civil xeral, “toda a materia de intencións está sen realizar”, e suxiren que “debe consolidarse como unha obriga para a institución que a xuventude participe activa e directamente na elaboración dos programas alternativos ao botellón”.

    Montserrat Valencia, concelleira de Ourense en Común, que asistiu tamén nesta semana á xornada “Alcohol e menores” organizada pola Universidade de Vigo, bota en falta “compromisos para promover a prevención do consumo de alcohol desde os primeiros ciclos educativos, formando e implicando aos educadores e educadoras, sensibilizando á cidadanía en xeral e fomentando a participación da xuventude nas propostas alternativas de lecer”.

    Sobre o cuestionario habilitado na web municipal previamente á redacción do texto, o grupo apunta a deficiencias básicas no plantexamento das preguntas, “dirixindo as respostas a resultados categóricos e sen matices que dificultan a investigación social”,  e consideran que a mostra de 80 persoas enquisadas non é representativa da poboación do concello de Ourense, polo que conclúen que “a consulta foi un mero trámite, e os resultados inútiles para a redacción da ordenanza”.