O retraso das obras no Arqueolóxico, responsabilidade só do goberno municipal
13 Setembro, 2018
0
• O Ministerio de Cultura abonaba as taxas ao Concello o pasado luns.
• Ourense en Común apremia ao goberno a axilizar a licenza e “que eses 5.000 metros cadrados cheos de séculos da historia de Ourense deixen de estar ocultos á cidadanía”.

    Ourense en Común púxose en contacto co Ministerio de Cultura, responsable da reforma do Museo Arqueolóxico, e puido saber onte que as taxas que exixe o Concello de Ourense para que sexa concedida a licenza de obra, foron depositadas o pasado luns, polo que xa só depende do goberno axilizar os trámites, permitir iniciar as obras de rehabilitación, e que a reapertura de portas deste espazo estea un pouco máis cerca no tempo”.

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común,  fala dun proceso “demorado e  lastrado pola falta de capacidade de xestión do goberno popular nos tres últimos anos: a modificación do PERI do Casco Histórico chegou tarde, e a obstinación co depósito das taxas antes de iniciar os trámites de licitación convertiu a reforma nun absurdo problema burocrático”.

    O grupo pidecompromiso” do alcalde coas súas propias palabras. “Hai máis dun ano que se congratulaba de ter desbloqueada a paralización do Arqueolóxico, pero non se avanzou en absoluto. Que se comprometa de verdade, que axilice a cuestión e cando vexamos avances, entón poderá gabarse de algo”.

   Martiño Xosé Vázquez fala da urxente necesidadede desbloquear a situación, para garantir que a cultura, o patrimonio e a historia que conteñen eses 5.000 metros cadrados estean canto antes ao alcance de todos os ourensáns e visitantes”.