O goberno de Jesús Vázquez chega “in extremis” a final de ano
26 Decembro, 2018
0
•    A intervención municipal obriga ao goberno a convocar un pleno extraordinario urxente antes de remate o ano para salvar unha subvención de 3 millóns de euros.
•    Tal e como denunciaba Ourense en Común hai 15 días, o mesmo concelleiro responsable de perder 15 millóns de euros dunha subvención europea pon agora en serio risco uns recursos fundamentais para o desenvolvemento dun sector estratéxico para Ourense, o turismo.
•     Martiño Xosé Vázquez censura a incapacidade de Jesús Vázquez para cumprir os prazos e trámites fundamentais, advertindo que terán que convocar igualmente outro pleno extraordinario urxente para aprobar a Conta Xeral, que tiña que estar xa en posesión do Tribunal de Contas antes do 15 de outubro.

    Hai 15 días que Ourense en Común alertaba do risco no que se atopa a subvención concedida ao Concello de Ourense por Red.es, entidade pública empresarial do Ministerio de Economía e Empresa dependente da Secretaría de Estado para o Avance Dixital.

    A resolución desta axuda publicábase o pasado 13 de setembro, data na que empezaba a contar o prazo de tres meses establecido nas bases para formalizar os convenios de colaboración entre as partes. No caso de Ourense, os 2.908.410,93 € para impulsar o programa “Capital Termal Intelixente” proposto polo Concello de Ourense. Recursos que “penden agora dun fío” segundo Ourense en Común ao rematar o prazo de sinatura o xoves, 13 de decembro, sen que o convenio fora aprobado.

    Co prazo esgotado, a concellería de Turismo, dirixida por Jorge Pumar, respondía daquela a estas declaracións afirmando ter “conseguido unha prórroga para non perder a axuda”. De tal modo que o expediente para a sinatura do convenio foi entregado á Secretaría Municipal para ser aprobado no primeiro pleno ordinario do ano 2019 que se celebrará o vindeiro 07/01/2019. Porén este expediente nunca chegou a contar co informe favorable da intervención municipal para tal aprobación.

    Na mañá de hoxe, 26/12/2018, fóra da orde do día da Xunta de Área de Economía, Emprego e Contratación, ao non ter convocada a respectiva comisión de Turismo; o concelleiro responsable confirmaba aos grupos da oposición a desaprobación do órgano de fiscalización ao proceder previsto polo goberno municipal. Obrigando a asinar ese convenio antes de que remate o ano 2018 ou este non podería entrar en vigor.

    Razón pola que nesta mesma mañá esta concellería acelera todos os trámites para convocar un pleno extraordinario urxente co que salvar “in extremis” a inversión máis potente do mandato despois de ter perdido xa outra subvención dos fondos EDUSI para o desenvolvemento urbano sostible. “O mesmo concelleiro que deixou a Ourense como a única grande cidade galega sen a subvención para o desenvolvemento urbano sustentable xoga agora con lume e pon e risco 3 millóns de euros para o desenvolvemento dun sector estratéxico para o futuro de Ourense, o turismo”, afirmaba na mañá de hoxe o voceiro de Ourense en Común Martiño Xosé Vázquez. Ao tempo que pedía celeridade e dilixencia no goberno de Jesús Vázquez: “chegan coa lingua fóra ao final do partido, incumprindo todas as normativas e con trámites fundamentais aínda sen pechar como a propia Conta Xeral que tiña que ser remitida xa ao Tribunal de Contas antes do 15 de outubro.