O concelleiro de urbanismo incorre nunha nova irregularidade na tramitación do PXOM
7 Novembro, 2018
0
•   Cun ditame desfavorable da Secretaría municipal, e sen o informe da asesoría xurídica, Cudeiro remite o PXOM á Intervención municipal. “É unha irresponsabilidade tras doutra, o expediente segue incompleto, e cando estea listo debe pasar polo pleno”.
•   Ourense en Común reclama unha nova exposición pública do Plan, para “garantir a viabilidade, a lexitimidade e a seguridade xurídica do futuro urbanístico de Ourense”.
•   O Partido Popular persiste na teima de aprobar o PXOM “en solitario e a porta pechada”, para deixar a xestión urbanística da cidade nas mans dos especuladores inmobiliarios.

    Ourense en Común denunciaba hoxe “unha nova metedura de pata” no proceder do concelleiro de urbanismo, José Cudeiro, por remitir o PXOM á Intervención municipal sen o informe preceptivo da asesoría xurídica, e cun ditame desfavorable da Secretaría municipal. “Xa aventuramos o que vai acontecer, o interventor pedirá documentación porque o expediente chega incompleto”, explica Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo.

    O grupo sinala ao Partido Popular como “únicos responsables de seguir perpetuando o retraso do PXOM, por tunealo primeiro, por intentar agora aprobalo a porta pechada, de costas aos grupos da corporación, de costas á cidadanía, e facendo trampas, botando man do Consello Consultivo -onde o propio PP nomeou aos letrados a dedo- para desdicir á Secretaría Municipal, cuxo informe dictamina que o PXOM ten que aprobarse no Pleno”.

    Ourense en Común insiste en que os cambios introducidos no PXOM polo PP “nada teñen que ver coa adaptación á lei de solo, buscan contentar os intereses privados de moitos especuladores inmobiliarios”. Martiño X. Vázquez explica que o plan do PP “reduce as zonas verdes, aumenta o aproveitamento lucrativo do chan e reduce as cargas aos promotores, e conclúe que ten tantas modificacións que o único camiño posible para a súa aprobación con lexitimidade e seguridade xurídica pasa por unha nova exposición pública e a súa posterior aprobación no pleno. Non imos consentir que os mesmos que fixeron caer o PXOM de 2003 poñan en perigo de novo o futuro desta cidade.