O acordo Concello-Xunta referente aos viais é unha renuncia do alcalde ao modelo de cidade
4 Decembro, 2018
0
•     O protocolo asinado “responde á necesidade de Jesús Vázquez de acumular méritos para as eleccións, pero hipoteca e pon en risco o que todas queremos e Ourense necesita”.
•     Con este acordo o PP incumpre e paraliza o proxecto Móvete por Ourense, e renuncia expresamente á pacificación do tráfico en rúas como Concordia.
•     Jesús Vázquez “venderá en campaña dúas rotondas na avenida Otero Pedrayo. A cambio Ourense terá que esquecer para sempre o soterramento para a conexión peonil entre os campus”.
•     A obra prevista en Reza ignora as demandas veciñais e vai en contra dun acordo plenario.

    Ourense en Común avaliaba esta mañá nunha rolda de prensa o protocolo de colaboración asinado entre o alcalde de Ourense, e a conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, relativo a intervencións e cambios na titularidade de diferentes rúas de Ourense. 

    O voceiro do grupo, Martiño Xosé Vázquez, interpretaba que este acordo atende á “necesidade e urxencia do alcalde para poder vender logros en campaña”, e apunta a que Jesús Vázquez “hipoteca e pon en risco o modelo de cidade que todas queremos, ou ben porque non o coñece ou ben porque lle da igual porque necesita obras para vender antes de maio”.

    O grupo da a benvida ás inversións da Xunta cun concello “históricamente discriminado no reparto de fondos autonómicos”, pero aclara que “de facer as obras, que se fagan ben”.

    Apuntan a que o “parcheo en Marcelo Macías non vai solucionar o deterioro da rúa, que continuará padecendo a conxestión do tráficonamentres non se habilite un novo vial entre a Farixa e Saínza”, e denuncian a insistencia da Xunta e o alcalde na obra prevista en Reza, que “ignora as demandas veciñais e vai en contra dun acordo plenario”.

    Martiño X. Vázquez sinalaba ademáis a “renuncia expresa do alcalde á pacificación do tráfico en Concordia”, aclarándolle que “tamén foi complicado peonalizar o Paseo, ou humanizar Pontevedra, pero a ninguén se lle ocorre volver atrás porque ese é o modelo de cidade do futuro, e apunta á “gravidade” polo incumprimento do proxecto Móvete por Ourense, no que se leva traballando máis dun ano.

    O voceiro de Ourense en Común advertía tamén que con este acordo, “Jesús Vázquez venderá en campaña dúas rotondas na avenida Otero Pedrayo, pero a cambio Ourense terá que esquecer para sempre o soterramento para conectar os dous campus”.

    Martiño X. Vázquez avanzaba que “non imos ceder”, e pide ao goberno “rectificar as actuacións previstas en Concordia, aceptar o programa marcado polo Móvete por Ourense”, e compromete que a partir de maio, “desde o goberno ou desde a oposición, presionaremos para que o proxecto de cidade salga adiante, e seguiremos loitando, especialmente polo soterramento da Avenida Otero Pedrayo”.  O grupo rexistraba hoxe unha instancia dirixida á alcaldía a citar á Asociación de Veciños de Reza e “explicarlles, mirandolles á cara por que as súas alegacións non van ser tidas en conta”.