No pleno de novembro, pediremos unha tarificación da auga polo consumo real
18 Outubro, 2018
0
•     O grupo presenta unha moción para a modificación da ordenanza e “que o cobro sexa xusto e real, e fomente o consumo responsable”.
•     O Concello impón un cobro por 10m3 , “os ourensáns abonan sempre un mínimo, o consuman ou non”.
•     Caducado o contrato en setembro, os servizos de abastecemento e saneamento das augas de Ourense préstanse actualmente en precario, en mans da mesma empresa desde hai 25 anos.

    Ourense en Común anunciaba esta mañá que presentará unha moción no pleno de novembro coa que plantexará tarificar a auga no Concello en termos de consumo real.

    Montserrat Valencia, edil do grupo, analiza a actual ordenanza municipal, que “impón un consumo mínimo mensual, e así promove un consumo irresponsable. Aínda que consumas 3m3, pagarás 10 m3. O coste será idéntico”.

    A moción que o grupo promove, fala da cultura do aforro,  a concelleira defende que a cidadanía debe concienciarse sobre a auga, “co cambio que propoñemos na ordenanza, aforrar auga en casa pode ser importante para o noso peto, pero é especialmente importante ante o reto do cambio climático. A sequía do pasado ano foi un aviso, nas próximas décadas haberá máis, e a nosa capacidade de consumo vaise ver restrinxida. Temos que empezar xa a reducilo”.

    A edil explica que “a xestión da auga, como ben público, debe manterse fóra da especulación, non pode ser tratado como unha mercadoría ou valor bursátil coa que unha empresa privada veña a negociar ou lucrarse”. É por isto que, rematada en setembro a concesión municipal do abastecemento e saneamento das augas de Ourense, desde 1993 en mans da mesma empresa baixo diferentes nomes -hoxe Viaqua-, o grupo entende este momento como unha oportunidade, e insisten no que xa solicitaran en varias ocasións, “como recurso indispensable para a vida, como dereito e ben común, a auga debe ser xestionada desde o público. Sacar a xestión de novo a concurso é asinar contratos que non están feitos para que se xestione ben o recurso, senon para asegurar que se gañe moito diñeiro”.