Xosé M. Vaquero Márquez

Xosé M. Vaquero Márquez



Data de nacemento: 02/09/1977
Áreas de goberno: Seguridade Cidadá e Persoal

Pasei en Ourense os meus 41 anos de vida. Crieime no barrio dos Rosais, xogando preto das vías, entre os bloques de edificios, onde coñecías a todos os teus veciños. Máis tarde mudeime cos meus pais ao barrio de San Francisco e actualmente resido no de Mariñamansa, dende hai xa 18 anos. Coñezo ben a vida dos barrios e as súas necesidades específicas e sempre tiven en mente ser un axente activo da súa vida.

Entendo a política como unha expresión individual do meu interese por cambiar a mellor a realidade no que vivo. O municipalismo e o servizo público son conceptos fundamentais para min na procura dun xeito real de servir á cidadanía. Entendo que debemos renegar das practicas vinculadas ao profesionalismo político e entregar o goberno das cidades aos seus habitantes mediante representantes centrados na mellora das condicións de vida da comunidade.

Din un paso adiante no que respecta ao activismo político porque sinto que non podo queixarme do que me parece inxusto si eu mesmo non participo na procura dunha solución a través de tódalas vías posibles. E non cabe dúbida de que a acción política e fundamental para cambiar as cousas. Ourense en Común é o único proxecto que supón a posibilidade dun cambio verdadeiro e aquí será onde eu aporte todo o que estea na miña man para ser un servidor público.

Temos a ocasión de mudar a pel da nosa cidade e darlle un futuro aos nosos fillos; unha cidade que non os obrigue a marchar, senón que lles aporte ilusión para seguir traballando por e para ella.

Info
Co paso do tempo puiden formarme academicamente para dirixir o meu interese polo mundo que me rodea. Son Diplomado en Traballo Social e Lincenciado en Antropoloxía Cultural e Social, ademais de Titulado Superior en Arte Dramático.

Vinculado dende a miña xuventude ao mundo do teatro e ao activismo cultural, cofundei e presidín varias asociacións culturais relacionadas coa creación escénica. Tentei conxugar o teatro e o activismo social nos barrios nos que vivín. En 2016, tras rematar os meus estudos de Arte Dramático na Escola Superior de Galicia, fundei xunto cun bo amigo unha compañía profesional de teatro para poder seguir falando da nosa sociedade dende un escenario. Antagonista Teatro é un proxecto dirixido a crear debate en torno a cuestións fundamentais dos nosos días.

Son empregado do Concello de Ourense dende os 22 anos, exercendo como bombeiro para a miña cidade. Neste tempo puiden comprobar como funcionan as institucións públicas e facerme consciente da grande necesidade de renovación que existe na nosa cidade. E isto foi o que me fixo achegarme á vida política.

Son pai dun neno de 11 anos que me acompaña a case todas partes e descobre ao meu carón tanto o marabilloso mundo do teatro como o funcionamento das institucións públicas. Oxalá cando el sexa independente teña boas razóns para elixir quedarse en Ourense. Da nosa xeración depende que así sexa.

EQUIPO