Mavi Calviño Cid

Mavi Calviño Cid

Candidata a concelleira

Data de nacemento: 07/03/1962
Áreas de goberno: Facenda, Tesourería, Recursos e Xestión Municipal

Nacín en A Ulfe (Cartelle) parroquia de As Maravillas, de aí o meu nome. E alí pasei parte da miña infancia convivindo cos meus avós que me transmitiron a alegría de vivir nun ambiente que, economicamente no rural, aínda estaba na situación da post-guerra. Transmitíronme tamén o que é a democracia na maneira de funcionar en familia, sen imposicións, con diálogo, moi lonxe do que era a realidade política naquel momento.

Ata os 14 anos vivín no rural con todos os seus condicionamentos derivados dun contexto social de ditadura. A esa idade trasladámonos a Ourense, ó barrio da Carballeira, o mesmo onde recalei hai 15 anos despois tras pasar pola Granxa, a Cuña e o Posío.

Vou na candidatura de Ourense en Común porque é un proxecto que vin nacer e medrar e creo firmemente no programa que presentamos para o noso concello. Unha candidatura que ofrece un aire novo e fresco, con xente preparada para xestionar cada unha das áreas que consideramos prioritarias para facer de Ourense un concello para as persoas, uns núcleos urbanos máis “ vivibles ”. Un concello onde os recursos dispoñibles se distribúan dun xeito máis equilibrado, equitativo, xusto, en definitiva, máis humano.

Nos 4 anos no Concello de Ourense, amosamos o que, con moi poucos recursos económicos e humanos, se pode facer e na liña que queremos traballar. E aquí seguimos, porque iniciamos un camiño que queremos seguir andando sabendo que aínda temos moito e bo que aportar, se a veciñanza de Ourense así o considera.

Info
As inquedanzas deberon nacer comigo aquel 7 de marzo de vai 57 anos. Lembro a miña infancia interpoñendo o meu pequecho corpo entre as vítimas de “bullying” (anque daquelas nin se chamaba así nin estaba mal visto) e os acosadores. Xa na adolescencia e xuventude convertinme en habitual de manifestacións e concentracións da mais diversa índole: laborais, sociais, feministas, en defensa da nosa maltratada lingua nai…. recalei no sindicalismo, no asociacionismo, alí onde sentise que se precisaban voces.

Supoño que a influencia das docentes da Universidade Laboral de Vigo, onde estudei o Bacherelato, foi moi importante no meu desenvolvemento como persoa. Daquelas eses centros eran o mais progresista e innovador que se podía atopar no sistema educativo, con profes e educadoras con moitas inquedanzas culturais e sociais.

En 1992, buscando gañarme os garabanzos, preparei e aprobei as oposicións para a Administración do Estado, desenvolvendo dende entón o meu traballo no Instituto Nacional da Seguridade Social de Ourense.

No ano 2002 fixen unha paréntese no activismo para cumprir un dos meus soños aparcados anos atrás porque a vida nunca te leva por onde ti queres senon por onde ela decide. Non podía pasar por esta vida sen vivir o universitario e daquelas saquei o título de Enxeñeira Técnica de Informática de Xestión.

E chegou a crise na década do 2010 e tivemos que voltar a saír ás rúas, día si e día tamén, con diferentes colectivos (pensionistas, estudantes, persoas desafiuzadas, traballadores, empregados públicos….) para intentar non perder todo o conseguido en 40 anos. Día tras día, mes tras mes e ano tras ano o megáfono foi o meu inseparable compañeiro para tentar que as voces se escoitaran mais forte e mais lonxe.

E buscando outro xeito de loitar, dende dentro, xurdiu no ano 2014 Ourense en Común, e sentín que atopara o meu sitio e a miña xente. Aquí recalei e aquí estou tentando aportar todo o que, dentro das miñas posibilidades e capacidades, sexa posible, como profesional e sobre todo como persoa. Nunca, ningún esforzo é en balde. Sempre se medra persoalmente cando loitas por aquelo no que se cre, e eu quero seguir medrando ó carón de tantas boas e xenerosas.

EQUIPO