Martiño Ramos Soto

Martiño Ramos Soto



Data de nacemento: 24/01/1975
Áreas de goberno: Ben Común, Educación, Lingua e Cultura

Son Ourensán. Sinto a cidade ben adentro. Identifícome coa nosa forma de vivir a vida e de ver o mundo. Gosto do entroido, do magosto, dos maios. Recoñézome na nosa historia e nos nosos antepasados. Son quen de ver as enormes potencialidades que ten o noso territorio e de imaxinar un futuro prometedor para a nosa terra. E coido que ese é un acto de rebeldía contra os tristes que nos queren enterrar.

Actualmente resido no barrio das Lagoas onde crio á miña filla. Son mestre de música nun cole rural, o mellor cole do mundo. Firme defensor da escola pública como unha das principais bases dunha democracia de cidadás libres e iguais. Dende pequeno estou vencellado ao mundo da cultura e da música.

Tamén son un home, branco, cis hetero, teño un apartamento en propiedade, un coche que ten 19 anos, un salario a fin de mes e unha casa onde vivir. É por iso que considero que pertenzo a un sector privilexiado da sociedade. E dende esa consciencia decátome da necesidade de tomar parte activa no social e no político pola xustiza e pola igualdade. Fágoo dende a convicción de que no cercano, no concello, no municipalismo, está unha das fronteiras de defensa da vida, contra os totalitarismos da dereita.

Info
Nese proceso de toma de consciencia lembro unha noite especial da miña vida. Era domingo, 22 de novembro de 2012. Chegara á casa en Ourense, despois de pasar o día en Muros e Carnota vendo as praias cheas de chapapote. Esa noite saía no telexornal o ministro Mariano Rajoy asegurando que non había marea negra. Púxenme en pé e prometín solennemente confrontar politicamente aquel seu partido político. Foi a partires do Nunca Máis, o 15M galego, que comecei tomar parte. Co Non á guerra despois, outra infamia “popular” que meteu ao estado español na guerra contra Iraq. E despois o 15M. O tan manido 15M. Un proceso político popular, de base, horizontal, asemblear… do que todo o mundo fala e do que tan pouco se entendeu. Non quero ser eu aquí agora quen tente capitalizar ese legado político mais si aproveitarei para facer unhas reflexións. O 15M falounos da importancia da converxencia das loitas, sinalou con claridade o deficit democrático que habita no interior do estado español, puxo de manifesto a inexistencia da separación de poderes e a existencia dun goberno na sombra do IBEX35. Pero tamén colocou na axenda política a idea de que a gobernanza mundial representa tan só os intereses do 1% da poboación. E que esa dinámica está a levarnos cara ao desastre como especie e como planeta.

Dou un paso para adiante moi ilusionado coa capacidade de traballo e as ideas transformadoras que leva Ourense en común ao concello de Ourense. E vou aproveitar estas liñas para falar dun tema que considero necesario. O extraordinariamente complexa que é a participación activa en política sen descoidar as tarefas de coidados. É urxente revisar o propio modelo de representación institucional. A vida faise insostible se unha decide tomar parte activa e ao tempo ten resposabilidades no ámbito dos coidados. Coido que compre abrir un debate entorno a esta reflexión e repensar a maneira de facer as cousas.

EQUIPO