M. Ángeles Faraldo Vallés

M. Ángeles Faraldo Vallés

Candidata a Concellería de Saúde Pública

Data de nacemento: 24/01/1972
Áreas de goberno: Saúde Pública

Nacín en Madrid pero levo en Ourense desde os 5 anos. Vivín sempre no Centro, que para min sempre foi un barrio máis da cidade.

Licencieime en Farmacia en Santiago de Compostela, e despois de traballar 2 anos nunha parafarmacia en Ourense decidín preparar o FIR, tras 4 anos de formación na Farmacia do CHUO fíxenme especialista en Farmacia Hospitalaria. Agora levo 10 anos traballando na Farmacia do Hospital de Verín, un Hospital Comarcal que cobre o servizo de moitas comarcas rurais e semi-urbanas co cal todos os días viaxo desde o urbano ao rural. Razón pola que teño unha visión máis ampla do territorio e das necesidades das persoas, sobre todo das maiores.

Teño participado ao longo da miña vida en varios movementos sociais como activista e colaboro con varias ONGs.

No 2008 naceu a miña filla en Ourense e decidimos que a súa lingua materna (e paterna) fose o galego, son o que se chama unha “neofalante disglósica” pero aquí sigo pelexando pola cultura do país.

Info
Como non quero aceptar o triunfo do mercado sobre a xustiza social, que gañe sempre a banca sobre os valores humanos e o dereito a unha existencia digna; como non quero quedar ao marxe e simplemente asistir con indignación e parálise a ver como se destrúe o planeta Terra; como non me dá a gana de ver como sempre gañan os corruptos e aqueles que só priorizan intereses meramente persoais por diante do Ben Común; como non quero vivir nun mundo sen piedade entregado exclusivamente ao interese privado; a fins do ano 2012 decidín participar mais activamente en política sempre desde unha visión ecoloxista, feminista e de esquerdas. Desde ese momento participo na medida das miñas posibilidades achegando o que son. En 2015 comezou o proxecto municipalista de Ourense en Común e desde entón estou integrada no mesmo. Ademais, desde fins do ano 2018 formo parte do Consello das Mareas, a dirección política de En Marea. Un proxecto político no que intento construír un proxecto para Galicia de confluencia de partidos, colectivos sociais e persoas (unha persoa, un voto), ao xeito das mareas municipais como Ourense en Común.

Preséntome na lista de Ourense en Común porque penso que segue a ser un proxecto necesario para a cidade. Quero colaborar na área de saúde publica porque penso que os municipios teñen a obriga de crear espazos que propicien a saúde.

EQUIPO