Antía Pousa Pérez

Antía Pousa Pérez



Data de nacemento: 12/03/1982
Áreas de goberno: Feminismo, Diversidade, Participación Cidadá e Transparencia

Orgullosa pontina da fornada do 82, nacín e crecín en Ponte Canedo, no seo dunha familia que sementou en min un compromiso social e político que me acompaña en todo o meu desenvolvemento vital.

Esa convicción de corresponsabilizarme na loita por construír un mundo máis xusto guiou sempre o meu ser, o meu sentir e o meu facer. Creo firmemente que a transformación social ten que vir da man da cidadanía organizada camiñando xunta na vindicación dunha vida digna, e as institucións públicas deben facilitar, promover eses espazos reflexión conxunta e beber deles para desenvolver unhas políticas que respondan de xeito eficaz e real as súas demandas e necesidades.

Entendo o feminismo como a ferramenta fundamental que vai mudar unha estrutura política, económica e social que nos agrede e nos escraviza ao servizo do capital, por unha sociedade igualitaria que poña no centro a vida, os coidados, o bon vivir. Así pois, será fundamental que a perspectiva de xénero se dilúa en todas e cada unha das políticas que se leven a cabo dende a administración local, dende o seu deseño, durante a súa execución e ata a súa avaliación.

Ese é o motor que me impulsa a formar parte desta lista, deste proxecto municipalista que é OueC, deste espazo horizontal e asembleario, comprometido coa cidade de Ourense e coa diversidade das súas xentes, que xa estamos cansas de padecer políticas podres e que apostamos por un presente e un futuro construído por todas e para todas.

Info
Filla e neta de ferroviarios política e socialmente comprometidos cos que xa dende ben cativa mantiña intensas conversas que foron sementando en min un espírito revelde e crítico que ata o día de hoxe me fai cuestionar o establecido.

A figura da miña nai representa esa capacidade de traballo inxente, de esforzo permanente, de tremenda implicación social e elevadísimo grao de responsabilidade no eido persoal e laboral. Ela é o piar sobre o que puiden construírme, levou a cabo unha fermosa maternidade de acompañamento respectuoso, flexible e comprensivo que hoxe en día me serve de espello para exercer eu ese complicado papel.

Cun profundo e interiorizado concepto de xustiza social estudie Traballo Social en Salamanca pero tiven claro que o meu proxecto vital quería que tivera como escenario a cidade das Burgas, a pesar das voces que me dicían de xeito repetitivo que esta cidade non tiña nada que ofrecerme, e que eu non ía cambiar o mundo, sempre quixen crer que si podería aportar algo na dinámica e o benestar da miña comunidade.

O meu gran crecemento o sitúo sendo xa nai e unha vez adquirido un nivel de autocoñecemento e de análise suficiente que me fan ver no feminismo a verdadeira ferramenta de transformación social, o verdadeiro núcleo ao redor do cal debería construírse esa outra estrutura política, económica e social certamente máis xusta. E nesa loita de feminismo organizado me fun coñecendo e recoñecendo dentro dunha rede sorora que pon a vida no centro e ás mulleres como verdadeiras sustentadoras da mesma.

Coas metas definidas cara a mediación e a loita pola igualdade, hai un par de anos xa, inicio xunto a tres persoas máis, un proxecto cooperativo de intervención sociocomunitaria que pretende ir máis aló do desempeño da profesión, é unha declaración de principios tanto nos contextos que traballamos como no xeito en que o facemos, apostando por valores de cooperación e non competición, afastadas do individualismo e facilitando o desenvolvemento individual e social.

EQUIPO