MARTIÑO X. VÁZQUEZ MATO

MARTIÑO X. VÁZQUEZ MATO

Candidato á alcaldía


Data de nacemento: 22/12/1983

Áreas de goberno: Desenvolvemento Local, Economía Social, Turismo, Termalismo, Innovación


Nacín aquí, en Ourense, e nos 35 anos que teño, pulsei a vida de barrio no Vinteún e no Couto, a tranquilidade do rural en Cudeiro e Seixalbo, a vitalidade das Lagoas e Barrocás, ou o raigame de San Francisco. As mudanzas pagaron a pena, coñezo o latir de Ourense en toda a súa extensión.Son un firme defensor do municipalismo, do local, dos concellos como espazos onde atender as demandas da rúa, e onde introducir outra forma de facer política, “ao servizo de” e non “en beneficio de”, desde o realismo, día a día, cara a cara, e co fin de ser útil, de transformar a realidade, de servir a un único ben, o ben común, defendendo a sanidade, a educación, a auga, o patrimonio, o aire, ou a cultura, defendendo o que é de todas.

Preséntome á alcaldía porque á miña xeración tócalle dar un paso á fronte para recuperar un futuro secuestrado. Aprendendo do pasado pero sempre coa vista no horizonte. E non o fago en solitario, veño acompañado dun equipo de persoas provenientes dos movementos sociais e con acreditada solvencia para transformar esta cidade dende o 26 de maio. Somos a única candidatura que realmente pode cambiar a realidade. Homes e mulleres novas, con ilusión e forza. Din que somos a xeración mellor formada, fagamos pois que a nosa formación reverta no futuro de Ourense. Que a emigración deste capital humano sexa unha opción e nunca máis unha imposición.

Info
A profesión de artesáns dos meus pais achegoume dende neno ao rico patrimonio galego, material e inmaterial. De seguro esta semente estivo detrás da miña licenciatura en Historia na Universidade de Vigo. Foi alí, na academia nos derradeiros anos de carreira, onde comezou a miña relación profesional e emocional coa arqueoloxía, que aínda segue a quitarme o sono. No ano 2007, integrado no Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, achegueime ao mundo da investigación.

Doutoramento, posgraos, artigos científicos, máster, proxectos I+D, algunha que outra hora de docencia universitaria… un sendeiro cortado pola crise e os recortes daqueles que venderon o país para rescatar á banca.

A diferencia de moitos amigos e amigas obrigadas a emigrar para traballar eu negueime. Quería que fora a miña terra e as xentes que pagaron os meus estudos as quen tiveran o retorno da miña actividade. Así foi que xunto con dous compañeiros creamos unha empresa de xestión cultural no ámbito da economía social. Agora levamos xa 6 anos dende a súa creación e hoxe xera traballo para un mínimo de 7 persoas, chegando a ter picos de actividade de case 20 persoas.

En política podería dicirse que veño dunha tradición irredenta por influencia paterna, ligado a defensa do país, e duns valores de igualdade e xustiza social por parte materna. Foi por isto en boa medida polo que no seu momento asumín as teses de Xosé Manuel Beiras na procura dun suxeito político galego pero colaborando en rede no resto do estado, acompasando en pé de igualdade unha axenda social coa xusta reivindicación en clave de país.

Ao marxe de etiquetas clásicas gústame definirme como activista do Procomún. Achegueime a este concepto e filosofía nun congreso que organizamos en Celanova no ano 2014 e dende aquela non o volvín a abandonar. Primeiro nos movementos sociais e dende 2015 tamén nas institucións defendendo o que é de todos e de ninguén ao tempo (a sanidade, a educación, a auga, o patrimonio, o aire, a cultura…).

MARTIÑO X. VÁZQUEZ MATO

EQUIPO PARA GOBERNAR