Levaremos ao pleno os problemas de acceso a vivenda en réxime de alugueiro
18 Decembro, 2018
0
•     Ningunha persoa foi beneficiaria do Programa Rehaluga en 2017 e 2018.
•     Stop Desafiuzamentos e Ourense en Común advertían hai dous anos de que os criterios excluíntes fixados polo goberno popular farían fracasar o Programa.
•     O concelleiro do Partido Popular responsable das áreas de urbanismo e vivenda admitía esta mañá que “o programa non funciona e que haberá que redefinir os criterios”.

    Despois de cumprirse máis de dous anos desde a posta en marcha do Programa de Vivendas Baleiras “Rehaluga” da Xunta de Galicia, o portavoz de Ourense en Común interesábase na mañá de hoxe na execución do programa no concello de Ourense, solicitando información ao respecto ao responsable do goberno municipal do PP nas Área de Urbanismo, Patrimonio e Vivenda, Jesús Cudeiro. “Demandamos datos exactos do grao de cumprimento do programa pois xa desde que se puxo a andar tiñamos serias dúbidas da súa eficacia”.

    Foi en setembro de 2016 cando Ourense en Común deulle voz ás demandas do colectivo Stop Desafiuzamentos para cuestionar o programa. “Daquela fomos o único grupo municipal en poñer en dúbida a iniciativa, e fixemos unha alegación á totalidade do texto porque existían claros indicadores de que sería un fracaso”. Os datos aportados esta mañá polo edil responsable do PP, fan concluír a Ourense en Común que “o tempo danos hoxe a razón”.

    No ano 2017, cun volume de 29 solicitudes, só 4 vivendas foron postas a disposición do programa, e ningunha foi adxudicada ao ter todas as persoas demandantes uns ingresos demasiado baixos, xa que os requisitos impostos no programa determinaban que as persoas beneficiarias deberían ter uns ingresos elevados. Respecto aos datos de 2018, aínda sen pechar o exercicio, apuntan á mesma tendencia. Houbo 21 solicitudes e ningunha adxudicación. 10 persoas foron rexeitadas de acceder ao programa por non chegar a uns ingresos mínimos.

    “Xa o advertimos, o programa do PP erra na base, e trafica cun dereito básico como é o da vivenda”, explica Martiño Xosé Vázquez, “o programa vai dirixido a protexer aos propietarios dos inmobles, e as persoas que non dispoñan de recursos non poderán acceder a unha destas vivendas”, poñendo como exemplo o contido do artigo 10 do programa, que “evidencia que existen colectivos, os máis necesitados, que non se beneficiarán nunca deste programa polos criterios económicos fixados polo Partido Popular, que son totalmente excluíntes”.

    Desde o grupo sinalan que “o texto está pensado por alguén alleo á realidade do noso concello”, onde os datos de emancipación xuvenil son alarmantes, de entre 12 e 15 anos por enriba da media europea. “A xuventude que non emigra vive en Ourense precarizada con ingresos medios de 600 ou 700 euros, que ademais as exclúen de optar a ter axudas para o alugueiro. Non ten sentido”.