Preguntas frecuentes sobre Ourense en Común

Que é Ourense en común?

Ourense en Común é unha ferramenta de participación cidadá na vida institucional do Concello de Ourense, baseada nuns principios básicos de xustiza e equidade social e ambiental, coa democracia participativa como método. Unha iniciativa política horizontal, autoxestionada e motivacional, renovable e sostible/resistente por riba das etapas electorais e, por tanto por enriba tamén de personalismos de ningún tipo. É un proxecto colectivo e coral.

Ourense en Común pretende actuar como ferramenta de empoderamento persoal, diverso e heteroxéneo. Sempre a disposición dos movementos sociais, actuando como correa de distribución do verdadeiro motor que son as propias persoas, unha a unha construíndo unha masa crítica de xente que sexa quen de mudar a realidade, alo menos a xestión da vida en común no noso municipio. Unha lóxica que fomente novos 15M e espazos de catarse, non que silencie as rúas. Unha plataforma cidadá con ánimo pedagóxico para o activismo, fiscalización, denuncia e reivindicación cidadá municipal.

 

Que proxecto temos para o ciclo 2019-2023?

A ofensiva institucional que iniciamos na primavera democrática de 2015 foi apoiada por máis de 5500 persoas que co seu voto introduciron no Concello de Ourense os valores dun municipio máis sustentable, xusto, habitable e igualitario. Por vez primeira en Ourense unha forza política de nova creación acadaba tal representación institucional, con tres edís nunha corporación de vinte sete. Porén a correlación de forzas resultante non permitiría a suma dun goberno de progreso e o Concello de Ourense quedaría finalmente gobernado polo Partido Popular.

O seu legado é agora unha cidade abandonada, conxelada no tempo, no que todos os servizos públicos (transporte, recollida de lixo…) son prestados de forma precaria e deficiente. Colapso ao que non escapan nin aqueles servizos máis sensibles (dependencia, becas comedor e material escolar…) que acumulan débedas millonarias.

Namentres os especuladores inmobiliarios agradecían a rebaixa fiscal que reduce a capacidade inversora municipal en seis millóns de euros, todos os grandes retos da cidade (PXOM, despoboación, modelo económico…) seguen sen resolverse. Namentres os bancos agradecían a amortización total da débeda municipal no ano 2017, o goberno do Partido Popular era incapaz de aprobar un orzamento en tres anos. Namentres decenas de provedores, autónomos e pequenas empresas tardan ata un ano en cobrar, máis de 60 millóns de euros de remanente de tesourería acumulan po na caixa de alcaldía.

Ourense en Común preséntase como un proxecto sólido para saír desta situación. Nestes anos aprendemos moito das experiencias de Compostela, Coruña, Ferrol e tantos outros gobernos do cambio. Agora sabemos que unha renda básica municipal é posible, igual que posible é remunicipalizar servizos e que outro modelo de urbanismo é factible, pero todas requiren de coñecementos e capacidade para ser quen de poñelas en marcha. Presentamos unha candidatura coñecedora da realidade e con solvencia acreditada, con experiencia dentro e fóra da institución.

 

E como se organiza Ourense en Común?

Ourense en común organízase en base a tres piares fundamentais: máxima transparencia, participación e horizontalidade. Piares que asentan a seguinte estrutura:

Asemblea en Común (AeC) Plenario, máximo órgano de decisión de Ourense en Común. Soberana e de adhesión individual. Modalidade de participación segundo Protocolo de Entrada e Participación e Regulamento Asembleario.

Grupos de traballo (GT) Unidades técnicas de adhesión individual configuradas segundo criterios de operatividade, pluralidade e independencia.

 

Como podo participar en Ourense en común?

Calquera persoa, maior de 16 anos, pode participar libremente en Ourense en Común. Só é necesario querer colaborar na construción dun futuro mellor.

Existen medios de participación e ferramentas dixitais que permiten unha participación sostible a distancia, co obxectivo de garantir que as opinións de todas sexan escoitadas e tomadas en consideración.

Queres participar? Contacta con nós no correo-e ola@ourenseencomun.gal