Concello: Xunta de Área de Benestar Social

De conformidade co art. 121.1 do Regulamento Orgánico de Goberno e Organización do Pleno e a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello de Ourense (Publicado no BOP do 14/11/2012) e do disposto polo Decreto de Alcaldía núm. 2015004200 de 26 de xuño de 2015, onde se establecen a estruturación da Administración municipal vixente, convócaselle pola presente, á Xunta de Área, a celebrar o próximo martes día 28 de xullo de 2015, as 13:30 horas, no edificio municipal da praza san Martiño, sala do 3ª andar, coa seguinte orde do día:

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.

2. Información da presidenta.

3. Rogos e preguntas.

Ourense, 24 de xullo de 2015.

Concello: Constitución da Xunta de Área de Asuntos Sociais, Sanidade, Muller, Igualdade, Xuventude e Voluntariado

O 10 de xullo convócase a Sesión Extraordinaria constitutiva da Xunta de Área de Asuntos Sociais, Sanidade, Muller, Igualdade, Xuventude e Voluntariado para o 15 de xullo de 2015, ás 13:30h no Centro Cívico Colón. Ledicia Piñeiro será a representante titular de Ourense en Común nesta Xunta de Área.

Orde do día

  1. O obxecto da sesión é proceder á constitución da Xunta de Área de Asuntos Sociais, Sanidade, Muller, Igualdade, Xuventude e Voluntariado, en base ao disposto no artigo 118 e seguintes do Regulamento orgánico de goberno e organización do pleno e da comisión especial de suxestións e reclamacións.
  2. Determinación do día e hora en que terán lugar as sesións da xunta de área

Composición da Xunta de Área:

  • Presidente: Dª. María Sofía Godoy Gómez Franqueira
  • Vogal: D. José Mario Guede Fernández
  • Vogal: Dª. Concepción García Lozano
  • Vogal: Dª. Carmen Rodríguez Dacosta
  • Vogal: Dª. Laura Nóvoa García
  • Vogal: Dª. Mª Teresa Rodríguez Garrido
  • Vogal: Dª. Ledicia Piñeiro Prada
  • Secretaria: Dª. Montserrat Ramos Galván
Reunión con persoal da empresa Seralia, contrata do Concello de Ourense afectada por ERE presuntamente irregular

Reunión con persoal da empresa Seralia, contrata do Concello de Ourense afectada por ERE presuntamente irregular

LUGAR: Magma Espacio, Centro de Coworking. Rúa Bedoya 27 Baixo (Ourense)
ASISTEN: integrantes dos Grupos de Traballo de Apertura e Institucional de Ourense en Común, representantes sindicais e traballadoras da empresa.

RELATORIO:
OUeC dá a coñecer cal é o mecanismo de funcionamento do grupo de traballo de apertura así como dos protocolos de transparencia e seguimento ás reunións que se manteñen cos colectivos da cidade. As traballadoras agradecen a recepción e escoita activa dun problema que outras organizacións políticas do Concello de Ourense non quixeron atender.

Comezan explicando o caso dunha empresa que, aínda que o traballo sexa o mesmo traballo, está repartida en dúas áreas:

  • Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) – área afectada polo ERE onde actualmente hai 71 traballadoras (+3 suplencias) contratada polo Concello de Ourense.
  • Servizo de Dependencia (SD) – área con 90 traballadoras e cunha maior relación contractual con servizos para a administración autonómica.

Esta empresa gaña a concesión de SAD do Concello de Ourense a comezos do ano 2015 e recentemente informou ás traballadoras de que van solicitar un ERE, algo a todas luces irregular polo pouco tempo na xestión do servizo e por tratarse dun concurso público cunha oferta de parte. Elemento que se suma aos numerosos puntos de “fricción” coas traballadoras por incumprimento de condicións laborais: desprazamento entre domicilios aos que se asisten de servizos, incumprimento do convenio colectivo…

Actualmente a empresa ten varias denuncias perante inspección de traballo, quen xa informou da irregularidade do pretendido ERE. As negociacións deste comezaron o día 30 de xuño, o 10/07/2015 terán outra reunión e rematarán o 20 de xullo. O comité ao completo situase en contra e bloqueará o expediente sempre que poda.

O concello é o responsable último deste servizo porque é o contratista e pagador do servizo. As traballadoras afirman que solicitaron reunión coa Concelleira de Servizos Sociais Sofía Godoy e que non tiveron resposta algunha. Sospeitan que detrás de todo hai unha mala xestión por parte da empresa e do propio concello por contratar á primeira cunha evidente oferta en baixa temeraria. Con esta situación é ferinte ler o que se transmite dende o Concello na prensa, presumindo de mellorar e ampliar o servizo.

Dende OUeC poñemos ao GT Institucional ao servizo do colectivo para forzar unha reunión coa concelleira responsable de Servizos Sociais, asemade agardaremos o resultado das reunións inmediatas para definir unha posible moción en pleno instando á corporación a reconsiderar a contrata coa empresa.

Agradecendo ambas partes a disposición mostrada e emprazándonos para unha futura reunión levántase o encontro.

Foto do encontro con representantes das traballadoras de Seralia

Xutanza con STOP desafiuzamentos

Xutanza con STOP desafiuzamentos

Reunión Ourense en común – STOP Desafiuzamentos Ourense
Luns 6 de xullo – 20:30h
Acuden por parte de STOP Desafiuzamentos Mertxe Manzanares, Cristina Lorenzo e Roberto Pereira e por parte de Ourense en común Montse Malvar e Martiño Ramos

Acta da xuntanza

OUeC dá a coñecer cal é o mecanismo de funcionamento do grupo de traballo de apertura así como dos protocolos de transparencia e seguimento ás reunións que se manteñen cos colectivos da cidade.

STOP Desafiuzamentos fai saber que é unha plataforma apartidaria e quere seguir mantendo esa independencia que garanta o seu bo funcionamento. Así mesmo entende que OUeC, ao ter representación municipal, é unha das canles a través da cal facer chegar as demandas do colectivo ao plano institucional.

Ourense en común comunica da súa disponibilidade a actuar como vehículo para trasladar esas demandas ao Concello a través do seu grupo municipal. A plataforma levará esta disponibilidade de Ourense en común ao debate no seu da súa asemblea.

STOP Desafiuzamentos realiza unha descrición da traxectoria da plataforma constituída no ano 2011 no noso concello. Xorde por iniciativa dun grupo de persoas que detectaban que había a necesidade de articular unha resposta ante os problemas de acceso á vivenda que estaban a detectar entre as veciñas. A plataforma funciona en precario dende o punto de vista da implicación de diferentes persoas ao longo destes catro anos pola dificultade de conxugar a vida persoal e a activista.

A plataforma atendeu neste tempo 80 casos diferentes relacionados coa cuestión da vivenda e fan fincapé na diversidade de cada un das situación e dificultades atopadas. Organízase asemblearmente en reunións quincenais e articúlase en cinco grupos de traballo:

  • Mediación: Este grupo fai o contacto inicial e o seguimento dos casos. A súa función aparece desenvolvida na descrición que figura ao final desta acta.
  • Acción: creouse coa intención de crear un grupo de elaboración de ideas que favorezan o traballo da plataforma. Impulsou a creación dun mercadiño solidario activo na actualidade.
  • Tesourería: encárgase de todos os aspectos financeiros.
  • Recollida de alimentos: realiza unha campaña de recollida de alimentos para as persoas afectadas.
  • Redes: atende os perfís da plataforma nas redes sociais.

Poñemos enriba da mesa ideas presentes no Programa Participativo de Ourense en común no eido da xustiza social.

STOP Desafiuzamentos considera que é necesaria unha maior implicación do Concello de Ourense que garanta a existencia de suministros básicos: luz, auga, alimentos e calefacción. Tamén unha maior atención e un seguimento integral das familias que se atopan en situación de exclusión social e especialmente en casos nos que exista violencia de xénero. Sinalan a precarización dos servizos sociais e os tempos excesivamente dilatados de atención ás afectadas exemplificándoo no caso da axuda de emerxencia do concello que pode retrasarse ata 3 meses.

A necesidade de posta a disposición das persoas afectadas dunha bolsa de vivenda social por parte do concello que atenda ás necesidades específicas de cada un dos casos e sempre atendendo a criterios sustentables dende o punto de vista económico. Sinálase a importancia de que esa bolsa de vivenda evite a deslocalización das familias e a ruptura do arraigo ao barrio, concello e territorio.

En relación á Comisión Técnica Municipal de Seguimento de Desafiuzamentos descríbese que nace no ano 2013 por vocación da plataforma e co apoio unánime de todas as forzas políticas representadas no Concello de Ourense e que foi presentada no seo do pacto cívico por voz do BNG e tras a elaboración dun documento de 15 puntos que recolle as demandas de STOP Desafiuzamentos. A diagnose da plataforma é que esta comisión non tivo unha utilidade real pola falta de implicación da corporación socialista. A traxectoria desta comisión foi moi breve, o clima de traballo non era bo nin había dinámicas de escoita activa por parte das persoas que representaban ás distintas administracións. A ausencia de representantes da Xunta de Galicia e a alternancia das representantes do PP nas dúas reunións que obrigou a repetir debates ralentizando o seu funcionamento sumado á sensación que trasladan as persoas afectadas de sentirse maltratadas no ámbito desta comisión levaron á plataforma a replantexarse a utilidade desta e tomar a decisión finalmente de abandonar este espazo de traballo.

STOP Desafiuzamentos Ourense dá traslado a Ourense en común dun documento onde se recollen unha serie de propostas en materia de política municipal de vivenda. OUeC comprométese a estudalas e, no seu caso, tratalas en Pleno Municipal en forma de moción. Estas propostas foron elaboradas en coordinación coas Plataformas de Afectadas pola Hipoteca e STOP Desafiuzamentos de Galicia.

Complétase a xuntanza cunha descrición do importante proceso de seguimento dos diferentes casos que leva adiante o grupo de mediación de STOP desafiuzamentos. Así, o proceso comeza cun primeiro contacto coas persoas afectadas polo problema de vivenda, levando a cabo un labor de acompañamento e seguimento. Sinálase a importancia do labor de apoio mútuo que este GT desenvolve. Describen a importancia da implicación das propias persoas afectadas para garantir o éxito na resolución do seu caso particular. Así mesmo, sinálase que a implicación a nivel de traballo organizativo da plataforma favorece o empoderamento de cada unha destas persoas. No caso de asesoría legal sempre se recomenda a avogacía de oficio para estar asesorados. Cada unha das decisións e pasos que se dan adóptanse por parte da persoa afectada proporcionando a plataforma toda a información precisa para elo. O grupo de mediación desenvolve unha metodoloxía de asesoría colectiva poñendo en común a descrición dos casos no ámbito da asemblea.

Un pacto contra a pobreza en Ourense

Un pacto contra a pobreza en Ourense

photo_2015-05-01_15-19-45Ourense en Común mantivo unha xuntanza de traballo coa A Rede Galega contra a Pobreza-EAPN Galicia que está a presentar ante as candidatas á alcaldía de Ourense, a campaña Concellos ao servizo das persoas. O obxectivo é buscar o compromiso das candidatas ás eleccións municipais para mellorar a calidade de vida das súas veciñas e o respecto dos dereitos
sociais.

Neste encontro estiveron presentes Martiño Xosé Vázquez e Javier Octavio de Toledo e o cabeza de lista Miguel Doval, como representantes da candidatura cidadá Ourense en Común e membros da Rede EAPN Galicia, entre eles o seu director, Xosé Cuns Traba, quen destacou que quedou “gratamente sorpendido do nivel de análise das nosas propostas achegadas e como están integradas no Programa Participativo de OUeC”.

Ourense en Común comprometeuse tras este encontro a presentar en asemblea a proposta de unión ao Compromiso para un Pacto contra a Pobreza e pola inclusión social proposto por EAPN para o seu referendo no único órgano de decisión soberano da organización.

A loita contra a pobreza, aínda sen resolver, tamén en Ourense

A cidade de Ourense, según o Instituto Galego de Estadística (datos 2012/2013) sitúabase  á  cabeza das sete grandes CD1ki_MWEAAOC_1cidades galegas  en canto á porcentaxe máis alta de persoas en risco de pobreza e exclusión social, co 23,24%, en total 25.006 persoas.  Ademais, tamén no 2013 era a terceira cidade que menos invistiu na partida de Protección e Promoción Social con 85,75€ persoa/ano, moi por debaixo da media galega que se sitúa  en 109,08 euros.
Estes datos, realmente alarmantes, reflicten o fracaso da loita contra esta situación e débese en grande medida á falta de compromiso político na atención ás persoas por parte de moitos concellos, tamén o de Ourense, ás carencias na coordinación entre os distintos axentes, á corrupción política e á falta de transparencia. Ademais, existe un enfoque incorrecto na loita contra a pobreza, xa que se presenta cun carácter asistencialista no canto de avogar por unha actuación inclusiva.
Neste sentido van as nosas propostas recollidas no Programa Participativo de Ourense en Común   , que presentaremos este luns ás 20 horas no Centro Cívico da Rúa Colón.

Ligazón a web da campaña
Ligazón ao datos dos concellos de Ourense

Ligazón ao documento de compromiso

 

 

 

 

 

photo_2015-05-01_15-19-50

Encontros con colectivos: EAPN Galicia

EAPN Galicia, a Rede Galega contra a Pobreza, busca que as distintas candidaturas ás eleccións municipais se comprometan na loita contra esta eiva social. Esa loita é un compromiso que está no ADN de Ourense en Común, convencidas como estamos de que a erradicación da pobreza é unha decisión política. Este xoves o noso candidato á alcaldía, Miguel Doval, reúnese con EAPN Galicia no local Magma Espacio, para ratificar o noso compromiso con esa loita.