Reunión cos Delegados Sindicais da Policía Local de Ourense (01/09/2015)

Reunión cos Delegados Sindicais da Policía Local de Ourense (01/09/2015)

1 de setembro de 2015 ás 17h.
LUGAR: Local de Ourense en Común (As Burgas)
ASISTEN: integrantes dos grupo de traballo Institucional de Ourense en Común, representantes sindicais.

RELATORIO:

Nesta terceira reunión comezamos falando sobre mobilidade e a proposta de Ourense en Común aprobada en pleno para implementar a Mesa de Mobilidade. No pleno ordinario deste venres rogaremos a convocatoria urxente na que a Policía Local debe estar presente. Ponse en coñecemento a moción presentada no pleno do 30/07/2015: Andar a cidade pensando na infancia.

Seguimos avanzando e abordamos a necesidade ou non de redactar un Regulamento específico de organización e funcionamento do Corpo de Policía Local do Concello de Ourense. Preséntase unha proposta de borrador e os representantes sindicais afirman que é o único modo de xestionar de modo eficiente este servizo. Cando existe unhas normas de xogo impera o xogo limpo en base as regras.

A moción que vai presentar no Pleno o grupo municipal Democracia Ourensana para implementar este regulamento, baseándose nesa proposta de borrador, pode ser beneficiosa neste senso. No referido ao marco temporal semella un tanto limitado pero se existe vontade política de todos os grupos pode ser factible. É necesario lembrar que estamos nun goberno en minoría e a aprobación dun documento estratéxico no contexto actual permitiría que a súa permanencia no tempo estivera garantida.

A redacción do Regulamento non exime do seu incumprimento, caso do Regulamento de Participación Cidadá ou tantos outros. Así é que entendemos necesario a proposta pero tamén a aplicación.

No referido á proposta dos membros da Mesa de Negociación que terán a encomenda de redacción, esta debe ser o máis multivocal e plural posible: presenza da Xefatura do Corpo, os diferentes sindicatos da Policía Local e os diferentes grupos municipais. Incluso con calquera outra presenza social sempre que sexa posible en aras da participación, pero garantindo a operatividade do proceso.

Complementariamente a esta actuación é necesario repensar a RPT e redactar un organigrama lóxico para o Concello de Ourense. Trátase dunha actuación realmente prioritaria, para a que se debe ter en conta quen serán as persoas responsables de desenvolvela e se teñen capacidade para tal.

Outros temas en conversa:

  • Novamente faise un chamamento da deficitaria situación da Policía Local para afrontar a cantidade inxente de peticións e servizos: medición de ruídos, tráfico, terrazas…
  • Xestión e necesario seguimento de autos, sancións, etc.
  • Necesidade de formación permanente e actualización do persoal: medicións, instrumental…
  • Nova concesión ORA e grúa municipal. Expira o contrato o próximo mes de Abril de 2016.
  • Memoria anual e informe de actividades da Policía Local.
  • Medios infrautilizados e outros deficientes (parque móbil, equipos de protección individual…)

Agradecendo ambas partes a disposición mostrada e emprazándonos para futuras encomendas, nomeadamente mesa mobilidade e tramitación peticións específicas, levántase o encontro.

Reunión cos Delegados Sindicais da Policía Local de Ourense

Reunión cos Delegados Sindicais da Policía Local de Ourense

LUGAR: Magma Espacio, Centro de Coworking. Rúa Bedoya 27 Baixo (Ourense)
ASISTEN: integrantes do Grupo de Traballo Institucional de Ourense en Común, representantes sindicais da Policía Local de Ourense.

RELATORIO:
Os representantes comezan achegando a realidade sindical do Concello de Ourense. Agradecen a recepción de Ourense en Común por segunda vez e presentan como un traballo conxunto podería axudar a que este servizo sexa mellor.

Os Delegados Sindicais queren poñer en coñecemento do grupo municipal Ourense en Común algunhas das súas demandas máis repetidas e nas que están traballando a día de hoxe:

  • Poucos efectivos (1.8 policías por cada 1000 habitantes segundo marcan os estándares europeos), actualmente a RPT recolle 124 e hai 103, a RPT de 2011 recollía 134.
  • Maior problema é de coordinación de competencias que limitan outras actividades. Falta policía de carácter específico para sancionar en materia de ruídos, medio ambiente, ordenanzas… mal reparto de efectivos, incluso algúns cubrindo postos que non son competencia municipal ou cubrindo funcións de carácter administrativo deixando efectivos en oficina e baleirando a rúa.
  • A Policía Local podería xogar un papel esencial para o deseño estratéxico dunha cidade a futuro: coñecemento da mobilidade municipal, aplicación ordenanzas, etc.
  • Degradación da imaxe da Policía Local por actividades herdadas e limitadas (paseos e sancións de tráfico), politizadas e fóra de competencias (Casa de Reza).
  • Proposta de creación dunha área de seguridade cidadá e emerxencias, ben sexa como xunta área ou comisión específica. Nesta xunta por exemplo debería estudarse por que acudiron efectivos da Policía Local ao desafiuzamento da Casa de Reza, coordinarse accións co equipo de bombeiros, prioridades, emerxencias, etc.
  • Servizos privatizados que afectan directamente á Policía Local, nomeadamente o servizo de hora e a grúa. Unha posibilidade estudada polo sindicato é remunicipalizar estes servizos asumindo o persoal actual. Un proceder que permitiría minimizar posibles dinámicas corruptas, aforrar fondos públicos, auditoría de servizos e cláusulas.
  • Preocupación dentro do servizo pola corrupción herdada ademais da falta de transparencia e escurantismo na xestión da Policía Local, así como un elevado grao de arbitrariedade na cadea de mando derivada en boa medida da pouca ou nula xestión do servizo por parte dos responsables políticos.
  • A función da Policía Local é clara e o servizo para mellorarse só necesitaría unha maior coordinación, formación e concreción en competencias. Marcando varias liñas vermellas, entre elas os tribunais externos para concorrer ás oposicións limitando presuntas prácticas corruptas detectadas no pasado e que manteñen causas abertas no presente.

Agradecendo ambas partes a disposición mostrada e emprazándonos para futuras encomendas, nomeadamente mesa mobilidade e tramitación peticións específicas, levántase o encontro.

Foto do encontro de OUeC con representantes sindicais da Policía Local

Reunión con persoal da empresa Seralia, contrata do Concello de Ourense afectada por ERE presuntamente irregular

Reunión con persoal da empresa Seralia, contrata do Concello de Ourense afectada por ERE presuntamente irregular

LUGAR: Magma Espacio, Centro de Coworking. Rúa Bedoya 27 Baixo (Ourense)
ASISTEN: integrantes dos Grupos de Traballo de Apertura e Institucional de Ourense en Común, representantes sindicais e traballadoras da empresa.

RELATORIO:
OUeC dá a coñecer cal é o mecanismo de funcionamento do grupo de traballo de apertura así como dos protocolos de transparencia e seguimento ás reunións que se manteñen cos colectivos da cidade. As traballadoras agradecen a recepción e escoita activa dun problema que outras organizacións políticas do Concello de Ourense non quixeron atender.

Comezan explicando o caso dunha empresa que, aínda que o traballo sexa o mesmo traballo, está repartida en dúas áreas:

  • Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) – área afectada polo ERE onde actualmente hai 71 traballadoras (+3 suplencias) contratada polo Concello de Ourense.
  • Servizo de Dependencia (SD) – área con 90 traballadoras e cunha maior relación contractual con servizos para a administración autonómica.

Esta empresa gaña a concesión de SAD do Concello de Ourense a comezos do ano 2015 e recentemente informou ás traballadoras de que van solicitar un ERE, algo a todas luces irregular polo pouco tempo na xestión do servizo e por tratarse dun concurso público cunha oferta de parte. Elemento que se suma aos numerosos puntos de “fricción” coas traballadoras por incumprimento de condicións laborais: desprazamento entre domicilios aos que se asisten de servizos, incumprimento do convenio colectivo…

Actualmente a empresa ten varias denuncias perante inspección de traballo, quen xa informou da irregularidade do pretendido ERE. As negociacións deste comezaron o día 30 de xuño, o 10/07/2015 terán outra reunión e rematarán o 20 de xullo. O comité ao completo situase en contra e bloqueará o expediente sempre que poda.

O concello é o responsable último deste servizo porque é o contratista e pagador do servizo. As traballadoras afirman que solicitaron reunión coa Concelleira de Servizos Sociais Sofía Godoy e que non tiveron resposta algunha. Sospeitan que detrás de todo hai unha mala xestión por parte da empresa e do propio concello por contratar á primeira cunha evidente oferta en baixa temeraria. Con esta situación é ferinte ler o que se transmite dende o Concello na prensa, presumindo de mellorar e ampliar o servizo.

Dende OUeC poñemos ao GT Institucional ao servizo do colectivo para forzar unha reunión coa concelleira responsable de Servizos Sociais, asemade agardaremos o resultado das reunións inmediatas para definir unha posible moción en pleno instando á corporación a reconsiderar a contrata coa empresa.

Agradecendo ambas partes a disposición mostrada e emprazándonos para unha futura reunión levántase o encontro.

Foto do encontro con representantes das traballadoras de Seralia

Reunión cos Bombeiros de Ourense

Reunión cos Bombeiros de Ourense

Dáse inicio a reunión ás 10:00 h. do día 25/06/2015

Iníciase a reunión cunha presentación persoal dos representantes dos bombeiros, Alberto e Celso en representación dos Bombeiros e dos sindicatos UGT e CIG.

Comeza iniciando a conversa dicindo que botaron de menos unha reunión previa ás eleccións. Miguel xustifícase en que se debeu á falta de tempo. Alberto explica que o motivo da reunión é que, debido a falta de reposición de prazas, o Parque pasou de 71 a 54 persoas. Iso é un problema que se solucionaba a base de extras. Como exemplo refírense a que non teñen redución horaria no verán e outros varios dereitos que non executan por compromiso co traballo. No 2012, ante a situación plántanse, e confirman que non queren seguir facendo horas extras. Calculan que fan 1.900 horas ao ano. Manifestan que compren traballadores para o servizo e traballo para os traballadores. Ademais falan dun servizo moi avellentado, nun servizo moi físico; un servizo que o persoal fai 300 horas laborais máis que o resto dos funcionarios do Concello.

Reivindicación persoal: cubrir as 16 prazas de bombeiros, cubrir as prazas de mandos intermedios. A día de hoxe están sen cabo, que o cargo rota cada seis meses. Moitas veces non se compensa o cargo. Tamén cómpre unha convocatoria de oficial que debería ser por vía de oposición e non de libre designación.

Reivindicación profesional: creación dunha mesa de traballo para que se dinamice o traballo. Esta mesa estaría composta por oficial e o suboficial como xefe executivo xa que este último ten un perfil máis práctico, polos anos de experiencia como bombeiro de base, que o oficial que é máis técnico e máis próximo a un arquitecto. Tamén estarían sarxentos e un bombeiro por quenda. Sería un órgano para sistematizar o traballo en mantemento, compras, protocolos e formación. Trátase de aproveitar o coñecemento residente nos propios traballadores para o ben do servizo. Hai problemas de formación continuada, non hai cursos, non se pagan as dietas, non se promove a formación. Propoñen aproveitar o diñeiro que entregan ás aseguradoras e asinar convenios con grupos e academias de seguridade par a ir logrando as reivindicacións profesionais.

Unha das eivas máis grandes é o número de profesionais por quenda. Hai 11 bombeiros por quenda, pero: “cantas intervencións podes asumir con ese número?”. Unha soa, un só camión. É preciso ter mínimo 12 persoas para contar cunha equipa A e unha B. Por non ter dúas equipas pode pasar que un accidentado o unha casa quede sen atender. Ademais teñen protocolos para atender aglomeracións de xente, alertas de temporal ou calor.

Reivindicación laboral: regularización salarial dos pluses de nocturnidade e outros. Execútanse vía decreto de alcaldía. Hai algún mes que non se cobra. Non é unha queixa sobre o salario se non sobre o modelo de pago. Simplificar eliminado o plus e inseríndoo na base da nómina. Calculan o modelo é máis eficiente e máis barato. Ademais nas baixas e nas xubilacións non se recoñecen os pluses. É farragosa a nivel xustificación de declaración da renda. Hai modelos en outras administracións de cómo integrar no específico (Xunta, Coruña, Vigo….)

Tamén solicitan o cambio de grupo de C2 a C1. O motivo é que en Galicia non existe un estatuto de Bombeiros a diferenza do que acontece no resto do Estado. Dentro desa lei existente en outros lados levaron ao C1. Non é imprescindible facer a lei a nivel autonómico pódese facer por vía municipal. A proposta que eles levan non carrexa subida salarial se non que coa inclusión dos complementos non soldo base xa se subiría de categoría. O cambio de categoría pasará para homologar ao igual que pasa con outras leis como a que homologa e coordina ás diferentes policías locais. Ademais o temario de bombeiro é complexo abondo como para xustificar un C1.

Finaliza a reunión ás 12:15 horas da mañá.

Ourense en Común presenta medidas concretas de emerxencia social e recibe o apoio de Yolanda Díaz, coordinadora Nacional de Esquerda Unida Galicia

Ourense en Común presenta medidas concretas de emerxencia social e recibe o apoio de Yolanda Díaz, coordinadora Nacional de Esquerda Unida Galicia

  • Ourense en Común asina o ‘Compromiso coas persoas’ da rede Rede Galega de Loita contra a Pobreza — EAPN Galicia nos apartados 5 a 15, un pacto contra a pobreza e pola inclusión social.
  • Crearase un Servizo de Emerxencia Social que atenda a situacións de necesidade social extrema e urxentes.
  • “A loita contra o desemprego ten que ser un grande reto para a Administración Local”, dixo Carlos Miguélez e por iso “crearemos unha Bolsa Social de Emprego Local”.
  • “Só o pobo pode cambiar esta realidade e por iso hoxe estou aquí apoiando a Ourense en Común”, dixo Yolanda Díaz, coordinadora Nacional de Esquerda Unida Galicia.
  • “A esquerda transformadora está para resolver os problemas da xente e para dicir que hai alternativas e por iso hoxe veño aquí para pedir o voto para Ourense en Común “, destacou Yolanda Díaz.

OURENSE. 20/05/15.Ledicia Piñeiro, número dous da candidatura veciñal Ourense en Común, explicou esta mañá en rolda de prensa ante os medios de comunicación na carpa de OUeC instalada nos Xardíns Padre Feijóo o compromiso firme coa loita contra a pobreza. Pobreza que afecta a un 23% das persoas do Concello de Ourense, máis de 25.000 persoas en risco que non teñen para cubrir as súas necesidades básicas, unha situación de emerxencia social. “Tras estudar as propostas da Rede Galega de Loita contra a Pobreza — EAPN Galicia coa que xa tivemos contacto no noso Programa Participativo decicimos na Asemblea polo Común asinar o Compromiso coas persoas nos apartados 5 a 15, un pacto contra a pobreza e pola inclusión social, que tamén asina o noso candidato á alcaldía Miguel Doval”, explicou Ledi Piñeiro.

“Porque no noso concello pásase fame, pásase frío, neste concello desafiuzase á xente, iso o primeiro, e por iso quixemos facer unha análise desta emerxencia social no noso Programa Participativo”, explicou a número dous de OUeC ao referirse ás medidas concretas sobre Benestar Social.

“Esta situación aféctanos tamén a xente moza coma min, que hoxe teño traballo, un contrato ata decembro, pero non sei que vai pasar comigo en 2016. Sei que a miña irmá emigrou de aquí para buscar un traballo, a miña curmá tamén. E iso é o que nos pasa á xuventude, que non temos expectativas de futuro”, dixo Ledia Piñeiro. “E isto é consecuencia de políticas das elites, para as elites, e cada vez os máis ricos teñen máis e cada vez as traballadoras temos menos e somos máis pobres”, engadiu.

 

Servizo de Emerxencia Social e Fondo de Protección Social

E por iso Ourense en Común presenta medidas concretas de emerxencia social como a creación dentro dun Servizo de Emerxencia Social que atenda a situacións de necesidade social extrema e urxentes, dando unha resposta inmediata que as resolva ou remedie, derivando estes casos posteriormente aos servizos sociais para unha solución estrutural e permanente. “A tramitación de axudas de emerxencia social non pode tardar meses e iso está acontecendo, por iso queremos tamén axilizar a lista de espera para ter cita cunha traballadora social do Concello”, apuntou Ledicia Piñeiro.

Ourense en Común porá en marcha un Plan de Emerxencia Infantil no que os centros (educativos e sociais) poidan identificar, ca colaboración de equipos docentes e educadoras de rúa, casos de pobreza ou exclusión social e actuar canto antes dende a súa detección. Tamén realizará un Programa Educativo de Rúa para articular unha rede preventiva socioeducativa de detección de situacións de exclusión e/ou risco de exclusión. Será xestionado por educadoras de rúa que formarán parte, xunto ás traballadoras sociais e ás educadoras dos equipos, dos Servizos Sociais Comunitarios.

“Crearemos un Fondo de Protección Social, para unificar as diferentes axudas municipais de emerxencia e inclusión que existen para camiñar cara unha renda mínima, xestionada dende o ámbito municipal, para soportar a situación de ausencia de ingresos ou precariedade de cada vez máis persoas no noso concello”, explicou Ledicia Piñeiro. “E tamén queremos que o Concello garanta os subministros básicos, polo menos os dependentes da Corporación Local (auga, recollida de residuos, etc.) a persoas e familias en situación de vulnerabilidade”, engadiu.

Para atender as necesidades das persoas que o precisan hai que dotar de persoal aos Servizos Sociais (traballadoras sociais, educadoras sociais, psicólogas, auxiliares de educador e persoal administrativo) e para garantir a cobertura e calidade dos servizos. “Tamén na liña das propostas do compromiso coas persoas de EAPN—Galicia falamos da creación dun Conselllo de Benestar Social, onde estean representadas todas as entidades que traballan no terceiro sector e que institucionalice a interlocución e a participación na construción das políticas sociais e de inclusión do Concello. Nós fomos quen de recoller no noso Programa Participativo a sensibilidade do terceiro sector social e a súa experiencia e queremos trasladalas ás pollíticas municipais de Benestar Social”, asegurou Ledicia Piñeiro.

E a institución municipal, a máis cercana ás cidadás ten que colaborar e pór a disposición das entidades do terceiro sector que operen no territorio os inmobles, infraestruturas e chan que precisen para desenvolver proxectos de inclusión social.

 

Emprego de calidade. Bolsa local de emprego

“Nós cremos que o Concello si que pode dinamizar o emprego”, dixo Carlos Miguélez, o número cinco da lista, que espuxo as medidas do Programa Participativo de OUeC sobre Emprego. A loita contra o desemprego ten que ser un grande reto para a Administración Local. E o desemprego que temos en Ourense é un desemprego estrutural, tamén culpa do desleixo das institucións públicas que non fixeron nada para evitar que que se destruíse emprego” manifestou Carlos Miguélez.

“Crearemos unha bolsa de traballo social. Temos que estudar as necesidades sociais sen cubrir (coidado de persoas dependentes; conservación e recuperación do medio; rehabilitación do patrimonio, infraestruturas e vivenda; reciclaxe e aproveitamento de residuos; servizos educativos, sanitarios e de benestar social…) e en base a esas necesidades cear emprego nestas actividades. Con base no financiamento público e apoiada tamén pola colaboración privada, a través de empresas públicas ou ben de entidades sen ánimo de lucro, xeraranse proxectos para os cales se vaia contratando de xeito paulatino, tendo en conta os orzamentos municipais”, explicou o número cinco da candidatura de OueC, Carlos Miguélez.

Cómpre dar apoio ás iniciativas sociais e emprego por medio de servizos de información e asesoramento, creación de redes de apoio, dotación de infraestruturas e equipamentos e, cando isto sexa posible, por medio do financiamento directo, o establecemento de axudas e subvencións e/ou a contratación directa de persoas obxecto destas actuacións. “A nosa proposta é unha proposta transversal, cremos que o Concello ten infraestructuras que pode ceder a iniciativas positivas para dinamizar o emprego. Temos que poñer en valor as nosas fortalezas como por exemplo, o sector téxtil, a través de cooperativas ou pequenas empresas de traballo social”, afirmou Miguélez. “E nós imos priorizar as contratacións, concesións e axudas a empresas e entidades que demostren un compromiso coa creación de emprego de calidade, engadiu.

 

Yolanda Díaz con Ourense en Común

Acompañando ás candidatas de Ourense en Común estivo esta mañá Yolanda Díaz, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida en Galicia. “Un pracer estar apoiando a Ourense en Común. Veño de Ferrol en Común, veño de Barcelona en Comú, veño de Ahora Madrid, veño da xente do pobo, de xente coma vós. Só o pobo pode cambiar esta realidade e por iso hoxe estou aquí”, manifestou Yolanda Díaz na súa primeira intervención ante os medios de comunicación. E un agradecemento especial para Manuel Peña Rey, histórico do Partido Comunista galego, que pecha a candidatura de OueC e para o que dixo “sen el non sería o que son”.

 

Están preocupados, e teñen que estalo

“Estou feliz de estar en Ourense, estamos percorrendo todo o país e é normal que Núñez Feijóo, que hoxe vai estar en Ourense, esté preocupado, están preocupados, porque a forza da xente do común é poderosísima, o único que pode tumbar ao fascismo financieiro no que estamos a vivir, é xustamente, a colectividade, a unidade popular. Por iso hoxe mandámoslle unha mensaxe a Alberto Núñez Feijóo que se poñan a temblar, porque irromperemos con forza o 24 de maio e faremos realidade as propostas políticas que Ledi e Carlos estaban explicado”, dixo Yolanda Díaz. “Somos xente do común, xente de abaixo e soamente nós podemos cambiar a nosa realidade”, engadiu. “E estou encantada de estar con xente coma min na rúa, porque dende o 15M, aprendimos que todo ten mudado, que non nos representan, que estamos sendo gobernados por un atallo de corruptos e delincuentes e ademais aprendimos que a corrupción é unha forma de goberno, non é unha mazá que está podrida, a cesta está podre, precisan corruptores FCC e todas as multinacionais para que haxa políticos corruptos que se deixan comprar”, destacou a coordinadora Nacional de Esquerda Unida Galicia.

“Están saqueando o público, os que teorizan que non queren intervención estatal eses mesmos son os que van ás admnitracións locais para empobrecernos e saquear as arcas públicas. É o modelo Esperanza Aqguirre, ela representa ben o modelo do que nós estamos a combater”, manifestou Díaz. “Queremos barrer a toda esa pandilla de corruptos e por iso hoxe estou aquí con Ourense en Común”.

De novo Yolanda Díaz fixo referencia ao 15M, xérmolo tamén de iniciativas como Ourense en Común e que comezou a mudalo todo “O 15M puxo en solfa o que hoxe sabemos, que non hai democracia neste país. Eu que veño do dereito, a democracia é que nun pobo haxa garantía de cumprimento dos dereitos fundamentais de todas as persoas. A democracia, como di Alberto Garzón, non é ir a votar cada catro anos, ou cada cinco anos, nas eleccións europeas, a democracia é que se respecten os dereitos fundamentais, e cando hai xente que está sendo botada das súas casa con crianzas, vulnerando a lexislación vixente, o dereito de acceso á vivenda, cando se bota ás persoas das súas casas, aquí non hai democracia, afirmou Yolanda Díaz. “non hai democracia nun país como Galicia onde hai 18.000 fogares con problemas severos de pobreza e cando 1 de cada cinco nenos é pobre, isto é real”, engadiu.

Racharon o pacto constitucional, dando un golpe de estado á constitución pactando que é máis importante o pago dunha débeda que non é nosa, a atender ás persoas”, asegurou Yolanda Díaz, “o que está en xogo é o modelo social ao que nos teñen sometidas. E o sistema capitalista entre pola porta dos concellos, por exemplo privatizando o servizo da auga nos concellos. Hai un saqueo permante dos recursos naturias. O incremento do recibo da auga dende que se ten privatizados nas vilas e concellos galegos é entre un 40 e un 60% máis caro. Hai familias xa que non poden pagar a factura da auga, ou persoas que se lles corta a electricidade, vulnerando a lexislación vixente porque non poden pagar o recibo da luz. E por iso é vital como di o programa de Ourense en Común, rescatar ás persoas. Non queremos que rescaten autoestradas, non queremos que rescaten a banca, 10 mil millóns de euros para o que foi esa estafa de Novagalicia banco. Queremos programas para rescatar á xente, este é a nosa prioridade”, destacou a coordenadora Nacional de Esquerda Unida Galicia, Yolanda Díaz.

Sobre Ourense en Común dixo ademais que “eu sei que a xente valora que se soubera priorizar a unidade, soubera priorizar cales son as necesidades da xente desta cidade, por riba das patrias partidarias. A xente que non pode darlle de comer ás súas fillas dálles igual se eu son de Esquerda Unida ou se Miguel Doval vén do movemento veciñal, dálle igual se hai compañeiros que son de Anova, de Espazo Ecosocialista, de Podemos, dálle igual, queremos estar á altura das circunstancias, e a esquerda transformadora está para resolver os problemas e para dicir que hai alternativas e por iso hoxe veño aquí para pedir o voto para Ourense en Común, concluíu Yolanda Díaz a súa intervención ante os medios.

E rematou a rolda de intervencións o cabeza de lista da candidatura de Ourense en Común, Miguel Doval “agradezo o apoio de todas as miñas compañeiras, grazas Yolanda é un luxo terte aquí”, dixo. “Pero o luxo é encabezar esta candidatura, un privilexio para min, porque Ourense é a miña cidade, á que lle quero. E os datos están aí, un 23% de pobreza nun Concello que presume de superávit, e esquécense da xente que o está a pasar mal, algo está a fallar e algo temos que cambiar, manifestou Miguel Doval. “Cando nos pomos detrás de pancartas defendendo o feminismo e creamos unha casa de acollida e a xestiona unha entidade relixiosa, aludindo falta de recursos, algo está a fallar, algo se está a facer mal”.

“En Ourense en Común practicamos a participación e a transparencia de verdade, as nosas asembleas son abertas e quen quera pode vir e opinar, a nosa campaña, xa vedes, caixas de cartón… Non hai outra opción máis transparente e máis clara que Ourense en Común e por iso tedes que votar Ourense en Común, manifestou Miguel Doval.

 

CONCELLO DE OURENSE

% Poboación en Risco Pobreza / Exclusión (AROPE) 2012 (3) 23.24
PERSOAS en Risco Pobreza / Exclusión (AROPE) 2012 (1) 25.006
COMPROMISO ¿Cantas persoas fora de pobreza e exclusión ao fin do 2016? -3.751
COMPROMISO ¿Cantas persoas fora de pobreza e exclusión ao fin do 2019? -6.251
Investimento real en Actuacións de protección e promoción social 2013 9.221.368
Total Gastos Concello 2013 95.715.562
Investimento por persoa 2013 85.75
Investimento por persoa en pobreza ou exclusión 2013 368.77
COMPROMISO Aumento orzamento Social no 2016 (110 € por persoa/ano) (2) 2.608.252
COMPROMISO Aumento orzamento Social no 2019 (160 € por persoa/ano) 7.985.352
Taxa Ocupación 2014 48.60%
Taxa Desemprego 2014 18.50%
Indicador Transparencia (máximo 100) 90.0%
[metaslider id=2936]