Chamamos á sociedade ourensá a mobilizarse contra o pelotazo urbanístico do Partido Popular

Chamamos á sociedade ourensá a mobilizarse contra o pelotazo urbanístico do Partido Popular

• Os informes da Intervención e a Secretaría Municipais, detallan “cambios substanciais” no documento, indican “a necesidade dunha segunda exposición pública”, e apuntan que “so o pleno ten a potestade para aprobar o Plan”.
• Martiño Xosé Vázquez interpela ao Colexio de Arquitectos e resto de Colexios Profesionais, ás Federacións e Asociacións veciñais a manifestarse públicamente. “Estámonos a xogar o futuro de Ourense”.
• Desde setembro de 2015 Ourense en Común vén defendendo que o PXOM fose sometido a unha nova exposición pública, “puxemos nomes e apelidos de a quen beneficia este plan”.

    Martiño Xosé Vázquez, candidato á alcaldía por Ourense en Común, facía esta mañá un chamamento a toda a sociedade civil ourensá, para manifestarse “contra o pelotazo urbanístico”, logo de que o Partido Popular veña de aprobar provisionalmente en Xunta de Goberno o Plan Xeral de Ordenación Municipal, “nos minutos de desconto, cometendo falta e tapándolle os ollos aos árbitros”.

    Martiño X. Vázquez solicitaba esta mañá aos medios “que ampliedes a nosa voz para que toda a sociedade civil de Ourense se posicione públicamente contra este pelotazo urbanístico”, apelando nomeadamente ao Colexio de Arquitectos, e a todos os Colexios profesionais con sede en Ourense, ás Federacións Miño e Limiar, ás asociacións veciñais, colectivos, e a todas as entidades sociais, sindicais e políticas, porque “estámonos a xogar o futuro de Ourense das próximas décadas”.

    Desde o grupo sinalan novamente aos “cambiazos” introducidos no PXOM polo PP, que ademais “secuestrou o debate ao pleno, e aproba o documento con dous informes contrarios da secretaría e da intervención municipal”, concluíndo que “o proceder do PP só responde ao interese da especulación inmobiliaria”, e advirten que “imos esgotar a vía administrativa, e se fose necesario chegaremos á vía xudicial”.

    Martiño X. Vázquez explica que o plan do PP “merma as zonas verdes, aumenta o aproveitamento lucrativo do chan e reduce as cargas aos promotores”, e conclúe que “ten tantas modificacións que o único camiño posible para a súa aprobación con lexitimidade e seguridade xurídica pasa por unha nova exposición pública e a súa posterior aprobación no pleno. Non podemos consentir que os mesmos que fixeron caer o PXOM de 2003 poñan en perigo de novo o futuro desta cidade”.

A intervención municipal tamén apunta a “alteracións substanciais” no PXOM, e esixe unha nova exposición pública e o aval do pleno

A intervención municipal tamén apunta a “alteracións substanciais” no PXOM, e esixe unha nova exposición pública e o aval do pleno

• As conclusións do interventor respaldan o informe da Secretaría Municipal, que tamén indica que “so o pleno ten a potestade para aprobar o Plan”.
• Ourense en Común solicitou en reiteradas ocasións unha nova exposición pública do Plan urbanístico, e advirte da “irresponsabilidade” do Partido Popular levando á cidade a un “futuro urbanístico incerto, inseguro, problemático e ilegal”.
• Hai quince días que Jesús Cudeiro elude convocar a Xunta de área de urbanismo, onde comparece semanalmente.

     Tal e como Ourense en Común adiantaba hai unha semana en rolda de prensa, o informe da intervención municipal “fiscaliza de desconformidade” a proposta de resolución provisional do PXOM, por “acoller na súa redacción modificacións de carácter substancial con respecto á aprobación inicial”.

     O informe emitido polo interventor apunta no informe á introdución de numerosas modificacións, tanto cualitativas como cuantitativas, que “van máis alá de meros aspectos puntuais, e inciden na altura das edificacións, os aproveitamentos urbanísticos, incrementan o solo urbanizable,  aumentan a edificabilidade, e cambian os parámetros do propio planeamento, repercutindo nas ordenanzas de solos urbanos, rurais e urbanizables, nos Peri´s e plans especiais, nos criterios de clasificación do solo e no catálogo”;  cuestións que para Ourense en Común evidencian “que o plan foi alterado e que necesita ser exposto ao público de novo”.

     Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, censuraba en rolda de prensa hai unha semana que o Partido Popular está a actuar de forma “irresponsable” e “aventurando ao urbanismo de Ourense a cometer os mesmos erros, e abrir de novo as portas a que o documento sexa recurrido perante a xustiza, como xa aconteceu co de 2003”. O grupo apunta ao actual edil de Urbanismo, Jesús Cudeiro, que tamén o era co goberno de Manuel Cabezas como “o gran responsable de que Ourense teña a día de hoxe un plan do ano 1986” e engaden que “quere volver a facelo, quere devolver a xestión urbanística da cidade aos especuladores inmobiliarios. Tuneou o PXOM, introduciu centos de modificacións, con aumentos salvaxes no aproveitamento lucrativo do chan, e agora vai aprobalo facendo trampas,  de costas aos grupos da corporación, de costas á cidadanía e poñendo a Ourense nun futuro urbanístico incerto, inseguro, problemático e ilegal.

     Dende Ourense en Común advirten de novo que esgotarán todas as vías administrativas e xurídicas, acudindo a xustiza se é preciso, se o goberno do PP de Jesús Vázquez prosegue na súa intención de aprobar un PXOM en solitario, secuestrando o debate do pleno, con dous informes contrarios da secretaría e da intervención municipal e con cambios substanciais que o obrigan por lei a unha nova exposición pública.

O PP quere unha aprobación do PXOM ilegal, sen validez nin seguridade xurídica, co único fin de contentar aos especuladores

O PP quere unha aprobación do PXOM ilegal, sen validez nin seguridade xurídica, co único fin de contentar aos especuladores

• O Partido Popular busca aprobar o PXOM “en solitario e con todos os informes en contra”.
“O afán especulador do PP pon en serio risco o urbanismo do Concello. Deixarán de novo o futuro da cidade cheo de incertidumes. Son os mesmos responsables de que Ourense teña hoxe un plan do 86, os mesmos cometendo as mesmas cacicadas”.
• Cudeiro secuestra o debate plenario e prescinde dos informes da Secretaría e a Intervención municipal para aprobar o Plan “a porta pechada”.

    “Alarmante e de extrema gravidade”. Así cualificaba Ourense en Común as intencións do PP para o PXOM, logo de que o edil responsable de urbanismo fixera xa público o proceder que ten artellado para seguir o proceso de aprobación do Plan urbanístico sen pasar polo pleno e saltándose o informe do Interventor, que “estará rematado nuns días e estamos seguras de que sería igual de demoledor que o da secretaría municipal”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, denuncia ao Partido Popular pola “irresponsabilidade de cometer os mesmos erros, e abrir de novo as portas a que o documento sexa recurrido perante a xustiza, como xa aconteceu co de 2003, do propio Partido Popular”.

    O grupo apunta ao actual edil de Urbanismo, Jesús Cudeiro, que tamén o era co goberno de Manuel Cabezas como “o gran responsable de que Ourense teña a día de hoxe un plan do ano 1986” e engaden que “quere volver a facelo, quere devolver a xestión urbanística da cidade aos especuladores inmobiliarios. Tuneou o PXOM, introduciu centos de modificacións, con aumentos salvaxes no aproveitamento lucrativo do chan, e agora vai aprobalo facendo trampas,  de costas aos grupos da corporación, de costas á cidadanía e poñendo a Ourense nun futuro urbanístico incerto, inseguro, problemático e ilegal”.

Ourense en Común proporá en pleno un acordo da corporación para unha segunda exposición pública do PXOM

Ourense en Común proporá en pleno un acordo da corporación para unha segunda exposición pública do PXOM

O grupo municipal Ourense en Común considera que a aprobación do PXOM debe contar coas máximas garantías de transparencia e participación cidadá.

“Estamos perante un documento que marcará o destino de Ourense nas dúas próximas décadas, razón pola que a súa aprobación debe contar co maior consenso social e con todas as garantías posibles”. Con esta afirmación Ourense en Común quere deixar clara a súa posición con respecto aos debates xurdidos nas últimas semanas con motivo da posible anulación do ordenamento provisional: “A urxencia derivada dunha eventual caída do ordenamento provisional non pode servir de pretexto para aprobar un plan sen unha segunda exposición pública”.

Ourense en Común presentará unha moción no pleno ordinario do próximo venres na que demandará un acordo da corporación para garantir que o novo PXOM conte coa maior participación cidadá posible. Entre outras propostas, este grupo solicitará a creación dunha comisión de seguimento ampla, campañas de información específica por barrios e unha segunda exposición pública: “entendemos que despois das 6000 alegacións presentadas o documento resultante non será o mesmo que o exposto inicialmente, polo que é obrigada unha nova fase de alegacións públicas antes da súa aprobación definitiva”.