Solicitamos no pleno recursos para combater a pobreza no concello de Ourense

Solicitamos no pleno recursos para combater a pobreza no concello de Ourense

• Os indicadores da Rede Galega contra a Pobreza e Cáritas evidencian un aumento da pobreza en Ourense, especialmente acusado entre mulleres e persoas maiores de 65 anos.
• A precarización do mercado laboral non permite que ter traballo garanta saír dunha situación de exclusión social.
• O grupo sinala aos 70 millóns de aforros municipais para crear un Fondo de Protección Social co que combater esta situación.

    O pleno do Concello de Ourense debatirá este venres unha proposta do grupo municipal Ourense en Común que pretende fixar a atención da corporación nos altos índices de pobreza e exclusión social da localidade. Dende a organización municipalista apuntan que “o risco de pobreza e exclusión social é un dos problemas fundamentais que enfronta Ourense”, facéndose eco dos informes publicados durante os últimos anos por diversos organismos e, especialmente, os realizados pola EAPN (Rede Europea de Loita contra a Pobreza).

    Ourense en Común presentará no pleno os datos que demostran a gravidade da situación na cidade das Burgas e, botando man da Memoria de Cáritas, inciden en que “dende o ano 2008, o número de persoas no limiar da pobreza ou en risco de exclusión non para de medrar”, apuntando a que estamos nunha “situación de empobrecemento e precariedade normalizada, onde cada día máis familias en Ourense teñen dificultades para afrontar os pagos do alugueiro, a alimentación ou dos subministros básicos”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, defende que o Concello de Ourense “ten que achegarse a esta realidade e orientar as políticas públicas a reducir as cifras da pobreza, detrás das que se agochan persoas”. Dende Ourense en Común propoñen a creación dun Fondo de Protección Social, co obxectivo de “atender a todas persoas que o necesiten, ampliando e renovando as axudas se é preciso, e camiñar cara unha renda mínima municipal coa que soportar o drama da ausencia de ingresos ou a precariedade de cada vez máis persoas no noso concello”.

    No grupo urxen axilizar os trámites da xestión deste Fondo, “deixando avanzado o traballo para o próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.

Levamos ao pleno os dereitos das persoas con discapacidade e os problemas na accesibilidade da cidade

Levamos ao pleno os dereitos das persoas con discapacidade e os problemas na accesibilidade da cidade

• O actual goberno do PP no concello ten pendente dende hai máis de tres anos aprobar unha ordenanza municipal de accesibilidade.
• Ourense en Común sinala que “protexer e asegurar ás persoas con discapacidade o pleno desfrute dos seus dereitos fundamentais en condicións de igualdade nunca foi a prioridade do goberno de Jesús Vázquez, que vive de costas aos problemas diarios da veciñanza”.
• A moción quere impulsar a creación dun Consello Municipal que teña a encomenda directa da redacción dunha ordenanza e un plan municipal de accesibilidade universal.

    Na mañá de onte venres, Ourense en Común rexistraba unha iniciativa a defender no vindeiro pleno municipal do mes de abril, incluíndo un acordo co que o grupo quere dar voz ás demandas das persoas con discapacidade e visibilizar as deficiencias de accesibilidade na cidade. O obxectivo da moción é a creación dun Consello Municipal de accesibilidade e dereitos das persoas con discapacidade, que promova a revisión urxente do borrador da ordenanza municipal de accesibilidade, pendente dende hai máis de tres anos, e a redacción dun Plan Municipal de Accesibilidade Universal.

    Dende Ourense en Común apuntan que o Concello de Ourense “vai once anos tarde, despois de que a convención vinculante das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade fixara, xa no ano 2008, que as políticas en materia de accesibilidade son un deber de actuación das Administracións Públicas.

    “A accesibilidade universal é unha obriga para protexer e asegurar o pleno gozo dos dereitos humanos e liberdades fundamentais en condicións de igualdade por parte das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da vida”, declara o voceiro de Ourense en Común e candidato á alcaldía, que lembra que “a cidade está chea de barreiras, moitas invisibles para a maioría pero infranqueables para outras. Darlle voz a quen as sofre a diario é a mellor forma de acabar con elas para sempre”.

    Con esta moción o grupo continúa na liña que xa anunciara para as últimas sesións plenarias, buscando deixar avanzado o traballo para o próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía. Con nós no goberno, os Consellos Municipais como órganos de participación e rendición de contas serán fundamentais”.

No próximo pleno pediremos un compromiso de todos os partidos para loitar contra o desemprego

No próximo pleno pediremos un compromiso de todos os partidos para loitar contra o desemprego

• A taxa de paro rexistrada na capital sitúase na mesma porcentaxe que antes da crise, pero cunha caída no censo de 2500 persoas.
• No ano 2017 só un de cada 10 contratos eran fixos.
• A precariedade laboral e a emigración son as únicas políticas activas de emprego do Partido Popular.

    Na mañá deste venres,  Ourense en Común rexistraba unha iniciativa a defender no vindeiro pleno municipal do mes de abril, incluíndo un acordo co que se pretende comprometer a sinatura dun Pacto Local polo Emprego, conxuntamente entre as forzas políticas e entidades do tecido económico e social de Ourense, co fin de que a vindeira corporación poida garantir o desenvolvemento dunha estratexia de emprego para o Concello, que permita articular e optimizar os servizos e programas existentes, e outros de nova creación, incorporando tamén medidas para o emprego de colectivos específicos.

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro e candidato á alcaldía por Ourense en Común, apuntaba esta mañá que a finalidade deste pacto é “blindar nos programas electorais de todas as forzas políticas un compromiso coa que é a maior preocupación da veciñanza de Ourense, especialmente da xente nova e mulleres”. Preténdese, en palabras do portavoz e candidato, “que, independentemente de quen goberne despois das eleccións, exista un preacordo de políticas activas de emprego”.

    “Namentres algúns se aferran ao mantra de que o emprego non é competencia municipal, nós sabemos que hai infinidade de accións que podemos levar a cabo desde o Concello para estimular a creación de emprego, impulsar o emprendemento, e reverter a grave situación de desemprego que viven miles de familias na nosa cidade, ben de forma directa, apostando pola cooperación público-privada, o apoio a iniciativas sociais de emprego, a sinatura de convenios, o fomento do cooperativismo, habilitando un servizo de mellora e reciclaxe profesional para a inserción de maiores de 45 anos, ou ben de forma indirecta, vía bonificación de impostos por exemplo. Ourense precisa un goberno activo, con vontade e compromiso co emprego, non pasivo á agarda de que outras institucións veñan a nos salvar”.

    Con esta moción o grupo continúa na liña que xa anunciara para as últimas sesións plenarias, buscando “deixar avanzado o traballo para o próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.

Ourense en Común reproba ao goberno e á oposición

Ourense en Común reproba ao goberno e á oposición

08/02/2016 Intervención de Ourense en Común no pleno de reprobación a Jesús Vázquez Abad (Alcalde do Concello de Ourense)

(Baixa o documento en PDF)
07/06/2013 Intervención de Susana Gómez, antiga edil de Democracia Ourensana, instando á oposición a «abandonar o xogo das reprobacións e ser valentes propoñendo unha moción de censura. Do contrario que fagan oposición constructiva.»
Ourense en Común advirte que o acordo plenario sobre soportes publicitarios municipais contemplaba ceder espazos a colectivos e asociacións veciñais

Ourense en Común advirte que o acordo plenario sobre soportes publicitarios municipais contemplaba ceder espazos a colectivos e asociacións veciñais

Ourense en Común analiza con preocupación a intención do goberno do Partido Popular de sacar a concurso o mantemento e explotación dos soportes publicitarios municipais incumprindo o acordo plenario do 2 de setembro de 2015.

 

O pleno ordinario do Concello de Ourense do mes de setembro de 2015, por once votos a favor dos grupos municipais de Democracia Ourensana e Ourense en Común, dez votos en contra do grupo municipal do Partido Popular, e seis abstencións do grupo municipal do PSdeG-PSOE; aprobou que se procedera con carácter urxencia a eliminar os Mupis que supoñían unha barreira arquitectónica e cancelar o prego de contratación en curso. Comprometéndose asemade a instalar coa maior celeridade posible Taboleiros de Barrio que serán xestionados polas diferentes asociacións de veciñas para o seu uso como soporte de difusión, divulgación e expresión.

 

A intención do Partido Popular de retomar os trámites para convocar o concurso público de mantemento e explotación de soportes publicitarios municipais incumpre un punto nodal daquela resolución plenaria. Ourense en Común advirte da existencia dese acordo e do compromiso político adquirido polo equipo de goberno. De incumprilo a organización municipalista anuncia accións de rúa, protesta e denuncia.

 

Dende Ourense en Común albíscase un preocupante interese por parte do Grupo Municipal do Partido Popular en reducir os espazos de difusión e divulgación para colectivos e asociacións. Tendencia observable na negativa da cesión dalgúns destes soportes, o retraso na implantación de Taboleiros de Barrio ou o anuncio dun endurecemento na aplicación de sancións por instalación de carteis na vía pública.

Ourense en Común presentará tres mocións mañá no Pleno do concello

Ourense en Común presentará tres mocións mañá no Pleno do concello

Ourense en Común presentará maña no Pleno tres mocións: unha sobre a remunicipalización dos servizos municipais, outra sobre a participación do concello nunha cooperativa de enerxía renovable e a última, sobre a regularización das actividades nas rúas da cidade.

 

Ourense en Común solicitará no pleno a constitución dunha comisión informativa sobre as principais concesións municipais e a creación dun grupo de traballo que estude, tendo en conta a actual lexislación, a posibilidade de recuperación paulatina de servizos municipais. Transcorreron seis meses dende a constitución da actual corporación acumulando preguntas sen resposta. Que acontece coa axuda no fogar, co transporte público, cos paneis publicitarios, coa flota de bicicletas de aluguer, o servizo wifi e moitas outras .

O grupo municipal Ourense en Común xustifica a moción presentada pois “pouca ou ningunha información temos a maiores que calquera veciña de Ourense, e así faise moi complicado exercer unha correcta labor de oposición e control de goberno. OUeC pretende rachar co escurantismo dunha área de goberno nodal no que a transparencia e loita contra a corrupción se refire. Así é que xa fora presentada unha moción semellante no ano 2014 polo Bloque Nacionalista Galego e malia a ser aprobada en pleno nunca chegou a materializarse.

 

A segunda das mocións que presentará Ourense en Común versa sobre o compromiso do Concello de Ourense no avance cara a eficiencia enerxética mediante a participación nun proxecto de enerxía limpa e renovable. No pleno do pasado mes de decembro o equipo de goberno asumiu unha serie de compromisos para loitar contra o cambio climático que deben agora materializarse. Moitas son as vantaxes de avanzar cara a eficiencia enerxética mediante a contratación de enerxía limpa e renovable, e neste caso da participación en proxectos como Nosa Enerxía. Entre elas Ourense en Común destaca o consumo de enerxía eléctrica de orixe renovable certificada, promover o emprego local mediante fórmulas de Economía Social, participar da posta en marcha de futuros proxectos de enerxía renovable coa importante implantación local que isto ten en Ourense por mor da súa riqueza xeotérmica, defender a natureza e o desenvolvemento local.

 

E, por último, Ourense en Común solicitará no pleno que o Concello de Ourense avance na redacción dunha normativa específica que regule as actividades en rúa protexendo a convivencia harmónica da veciñanza coa libre expresión artística. O Observatorio para a defensa de dereitos e liberdades (ESCULCA) ten presentado un escrito no rexistro do Concello de Ourense pedindo explicacións polas actuacións da Policía Local na Rúa do Paseo o 23 de decembro do pasado ano 2015. Neste indícase que “varias persoas que teñen como actividade á de músicos de rúa (…) foron requiridos polo Policía Local a abandonar a devandita localización” por non dispoñer de licenza municipal para esta práctica.

Permiso inexistente no Concello de Ourense que motivou o requirimento de variada documentación por parte deste observatorio. Para Ourense en Común “as actuacións musicais e escénicas de rúa, mimos, prestidixitadores, etc. responden a unha realidade cultural diferente doutro tipo de expresións de ocupación da vía pública” polo que argumentan que non pode estar enmarcada dentro da Normativa Municipal de Ocupación de Vía Pública e demandan a redacción dunha nova ordenanza.

Ourense en Común presenta maña no pleno do concello tres mocións referidas a persoal, a participación e sobre o patrimonio natural e cultural

Ourense en Común presenta maña no pleno do concello tres mocións referidas a persoal, a participación e sobre o patrimonio natural e cultural

O grupo municipal presentará maña no pleno do concello de novembro tres mocións sobre a situación de conflicto que se está a vivir no Parque de bombeiros, sobre a necesidade de facer un programa estatístico de seguemento dos participantes dos cursos promovidos polas distintas concellerías e, a última das mocións, referida á necesidade de creación dun órgano de xestión en materia de Patrimonio natural e cultural.

O traballo do grupo para o pleno complétase coas emendas realizadas ás mocións dos outros grupos por canto na asemblea celebrada o pasado martes decidiuse valorar positivamente algunhas das citadas mocións sempre e cando se considerasen ditas emendas. Neste caso, emendouse a moción do PsdG-PSOE referida ao mantemento dunha instalación para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Reza situada na depuradora cuxas instalacións están pendentes de derribo por sentenza do ano 2007; outra das emendas realizouse á moción de Democracia Ourensana sobre a recuperación das marxes do río Loña cun paseo fluvial e, a última das emendas realizada tamén ao grupo municipal Democracia Ourensana na que solicitan dar maior protagonismo ás festas dos Magostos en Ourense fronte ás festas do Corpus, celebradas de cara ao verán e coñecidas como as festas patronais da cidade.

Desde Ourense en Común promovemos a participación da cidadanía nas decisións referidas ao municipio e que se traballan desde a institución, por iso conta con diferentes ferramentas participativas nas que destaca o uso dun programa informático que serve para a presentación de propostas. Calquera interesada pode porse en contacto co grupo a través do correo ola@ourenseencomun.gal e achegarnos as súas proposicións.

Fonte foto: Miguel Villar