Solicitamos no pleno recursos para combater a pobreza no concello de Ourense

Solicitamos no pleno recursos para combater a pobreza no concello de Ourense

• Os indicadores da Rede Galega contra a Pobreza e Cáritas evidencian un aumento da pobreza en Ourense, especialmente acusado entre mulleres e persoas maiores de 65 anos.
• A precarización do mercado laboral non permite que ter traballo garanta saír dunha situación de exclusión social.
• O grupo sinala aos 70 millóns de aforros municipais para crear un Fondo de Protección Social co que combater esta situación.

    O pleno do Concello de Ourense debatirá este venres unha proposta do grupo municipal Ourense en Común que pretende fixar a atención da corporación nos altos índices de pobreza e exclusión social da localidade. Dende a organización municipalista apuntan que “o risco de pobreza e exclusión social é un dos problemas fundamentais que enfronta Ourense”, facéndose eco dos informes publicados durante os últimos anos por diversos organismos e, especialmente, os realizados pola EAPN (Rede Europea de Loita contra a Pobreza).

    Ourense en Común presentará no pleno os datos que demostran a gravidade da situación na cidade das Burgas e, botando man da Memoria de Cáritas, inciden en que “dende o ano 2008, o número de persoas no limiar da pobreza ou en risco de exclusión non para de medrar”, apuntando a que estamos nunha “situación de empobrecemento e precariedade normalizada, onde cada día máis familias en Ourense teñen dificultades para afrontar os pagos do alugueiro, a alimentación ou dos subministros básicos”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, defende que o Concello de Ourense “ten que achegarse a esta realidade e orientar as políticas públicas a reducir as cifras da pobreza, detrás das que se agochan persoas”. Dende Ourense en Común propoñen a creación dun Fondo de Protección Social, co obxectivo de “atender a todas persoas que o necesiten, ampliando e renovando as axudas se é preciso, e camiñar cara unha renda mínima municipal coa que soportar o drama da ausencia de ingresos ou a precariedade de cada vez máis persoas no noso concello”.

    No grupo urxen axilizar os trámites da xestión deste Fondo, “deixando avanzado o traballo para o próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.

Mocións de OUeC para o Pleno Ordinario 04/09/2015

Dereitos laborais, transparencia e participación na xestión municipal serán as tres mocións que Ourense en Común presentará no pleno ordinario deste Ligazón ao evento na axenda de OUeC

Moción do Grupo Municipal OUeC: Conflicto no Servizo de Axuda no Fogar

A organización municipalista Ourense en Común considera que unha mala xestión na adxudicación do contrato de axuda a domicilio está a provocar deficiencias neste servizo público. Razón pola que solicita a creación dunha comisión para revisar todos os contratos do Concello de Ourense coa empresa adxudicataria Limpiezas, Ajardinamientos y Servicios Seralia, S.A. Preténdese garantir tanto a calidade na prestación do servizo como blindar os dereitos das traballadoras ameazadas por un expediente de regulación de emprego desestimado polas autoridades laborais competentes.

+ Máis información sobre este tema no resumo da xuntanza mantida entre Ourense en Común e persoal da empresa Seralia o 9 de xullo.

+ O texto íntegro desta Moción de OUeC en PDF: Moción Pleno Ordinario 04092015: Seralia

 

Moción do Grupo Municipal OUeC: Banda de Música, xestión democrática

A Banda de Música Municipal será novamente tema de debate. Deste modo Ourense en Común cumpre coa promesa feita no anterior pleno de presentar unha proposta para obxectivar o seu labor e poñer fin dunha vez por todas á súa instrumentalización política. Así é que se preténde crear unha mesa de traballo con representación de todos os grupos municipais, aberta á participación cidadá e na que estará representada tamén a Asociación Ricardo Courtier. O obxectivo é constituír un órgano democrático con representación das forzas políticas representadas no concello, así como da sociedade civil, coa finalidade de procurar a máxima eficiencia no gasto público e a implantación de mecanismos de transparencia na xestión da Banda Municipal.

+ O texto íntegro desta Moción de OUeC en PDF: Moción Pleno Ordinario 04092015: Banda de Música

 

Moción do Grupo Municipal OUeC: Participar e ser partícipes

A terceira das mocións presentadas por Ourense en Común, baixo o título Participar e ser partícipes, pretende promover a constitución dun Consello Cidadán de Participación con representación de todos os grupos municipais, técnicos e colectivos sociais para, entre outras, a revisión, actualización e aplicación do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ourense. Principal obxectivo: poñer solución ás serias deficiencias na aplicación deste texto e garantir a participación real da cidadanía na xestión municipal para que nunca máis ningún cidadán, colectivo ou asociación vexa privada a súa participación nun órgano de goberno local.

+ O texto íntegro desta Moción de OUeC en PDF: Moción Pleno Ordinario 04092015: Consello Participación

Concello: Pleno ordinario

Orde do día para a Sesión Ordinaria do Pleno do Concello de Ourense do día 28 de agosto do ano 2015, ás 9 horas.
(Convocada o 25 de agosto de 2015)

  1. Aprobación da acta anterior do día 24 de xullo de 2015.
  2. Posta en coñecemento do decreto núm. 5588, de 14/07/2015, de delegación de competencia presidencia comisión en concelleiros.
  3. Resolución de alegacións na modificación puntual de ordenación urbana no ámbito Chabasqueira-Couto, para o cambio de uso de dúas parcelas no solo urbano consolidado. Expte. Planeamento Urbanístico 2012007901.
  4. Rogos e preguntas.

Concello: Pleno ordinario

Orde do día para a Sesión Ordinaria do Pleno do Concello de Ourense do día 3 de xullo do ano 2015, ás 9 horas.
(Convocada o 30 de xuño de 2015)

  1. Aprobación da acta da sesión constitutiva da corporación municipal do día 13 de xuño de 2015.
  2. Posta en coñecemento das resolucións ditadas desde a data de celebración do último Pleno e, en especial, do decreto núm. 4116, de 19/06/2015, de delegación especial da Alcaldía-Presidencia para a celebración de matrimonio civil.
  3. Posta en coñecemento do informe de Tesouraría sobre o período medio de pago correspondente ao mes de abril de 2015.
  4. Posta en coñecemento do informa de Tesouraría sobre o período medio de pago correspondente ao mes de maio de 2015.
  5. Parte resolutiva.
    1. Actualización do Inventario Municipal de Bens
    2. Moción do grupo municipal Ourense en Común para instar a organismos supramunicipais para desbloquear a situación de supresión de módulos no CIFP Portovello.
  6. Mocións de urxencia.
  7. Parte de información, impulso e control.
  8. Rogos.
  9. Preguntas.

Concello: Moción do Grupo Municipal Ourense en Común a presentar no pleno ordinario do mes de xullo (03/07/2015)

bannermocion 01 Portovello

Moción presentada ao amparo do previsto no artigo 91.4 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais para instar a organismos supramunicipais para desbloquear a situación de supresión de módulos no CIFP Portovello. (descárgaa en PDF)

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Estase a dar unha situación de terrible desamparo para un grupo de alumnas e alumnos do CIFP Portovello, así como un ataque ao ensino público e de calidade no noso concello. Pretende suprimirse neste centro os estudos dos Ciclos Superior de Educación Infantil (CSEI) e Medio de Atención a persoas en situación de Dependencia (CAPSD) na oferta presencial de persoas adultas, quedando como única alternativa para o alumnado interesado nestes estudos a modalidade a distancia, debido á imposibilidade de matricularse na oferta ordinaria.

Temos, por unha banda, unha situación de discriminación en canto ao dereito á formación permanente. Especialmente protexido segundo a Lei Orgánica 5/2002 de 19 de xuño das cualificacións e da formación profesional (art 1.2), a oferta de formación sostida con fondos públicos promoverá a formación ao longo de toda a vida, acomodándose ás distintas expectativas e situacións persoais e profesionais. É unha realidade que, a oferta de persoas adultas é especialmente axeitada para dar resposta á situación de persoas que por motivos laborais ou de conciliación familiar non están en disposición de adaptarse aos
estudos da oferta ordinaria. A alternativa colectiva que se presentada son os estudos a distancia. Estes esixen competencias e recursos informáticos e realízanse con un limitado acompañamento directo do equipo docente. Esta situación é especialmente preocupante para o alumnado do CAPSD, procedente na súa maioría do mundo laboral, que non ten adquiridas competencias dixitais básicas para desenvolverse na plataforma de teleformación, que no momento de iniciar os seus estudos non lles eran necesarios. De consumarse esta situación, estaríase novamente atentando contra os principios da non discriminación.

Por outra banda, estase a dar, unha situación de desequilibro territorial xa que Ourense se converterá na única provincia que non contará cunha oferta completa nas tres modalidades. É especialmente rechamante esta realidade, cando ao longo dos últimos anos, esta formación viña tratando de dar reposta ás necesidades socioeconómica dunha provincia, con altos índices de dispersión, envellecemento e dependencia da súa poboación, na que moitas persoas están atopando unha oportunidade laboral.

Ademais disto, todos o movemento dos últimos tempos fan pensar nunha estratexia privatizadora desta formación, xa que logo, sI haberá prazas no ensino privado. Un centro ourensán ofertará estes estudos de xeito concertado no réxime ordinario e sen concerto, polo momento, no réxime presencial de persoas adultas. Cando menos chama a atención o desmantelamento duns estudos do público no momento en que comezan a ofertarse dende o sector privado na nosa cidade e provincia.

Sorprende a utilización do argumento de baixa matrícula nalgúns módulos dos ciclos afectados. Cos datos na man, unha análise da evolución da matrícula do ciclo de APSD ao longo dos tres últimos cursos, desde a implantación dos mesmos no réxime das persoas adultas, amosan un progresivo asentamento dos estudos, sen observarse unha perda de matrícula e conseguindo aumentar notabelmente o número de alumnado que accede á FCT e ao título. Ademais desde hai algún tempo, vense constatando no departamento do Ciclo, un maior índice de colocación por parte do alumnado deste réxime, con respecto ao do ordinario.

Este ataque ao ensino público no Centro Integrado de FP Portovello, non se limita só á oferta formativa da Familia Profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade. No que se refire á oferta de Administración, hai que manisfestar que o cambio da oferta modular do CS ADFI por ciclo completo á oferta parcial de dito ciclo supón a extinción a curto prazo do réxime modular (no curso 2016/2017).

Por iso, o grupo municipal de Ourense en Común solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS:

  1. Instar á Xunta de Galicia e a Consellería de Educación a reconsiderar a súa decisión de suprimir o réxime presencial para persoas adultas dos Ciclos Superior de Educación Infantil (CSEI) e Medio de Atención a persoas en situación de Dependencia (CAPSD)
  2. Instar á Xunta de Galicia e a Consellería de Educación á non extinción da modalidade parcial da oferta modular do CS ADFI.
  3. Demandar á Xunta de Galicia e a Consellería de Educación solucións colectivas para o alumnado cos estudos iniciados, protexendo o dereito a un ensino público e de calidade, así como os dereitos de non discriminación e de educación permanente.