Incorporamos a voz dos colectivos ao noso Programa Participativo

Incorporamos a voz dos colectivos ao noso Programa Participativo

• Martiño X. Vázquez, candidato á alcaldía, e a número 2 da lista, Montse Valencia, mantiñan esta mañá sendas xuntanzas, con representantes da UGT e Amigos da Terra.
• Nas últimas semanas sucedéronse as reunións con colexios oficiais, sindicatos, asociacións e actores estratéxicos da cidade “para enriquecer o noso programa de goberno”.
“A xestión municipal suspende en moitas áreas. O concello pode facer moito máis. Nós faremos moito máis. O primeiro é darlles aos colectivos voz e capacidade para condicionar as políticas locais”.

        Ourense en Común mantén para a cita electoral do 26M a liña de traballo iniciada en 2015, diagnosticando a situación na que se atopan os servizos municipais desde a perspectiva dos sindicatos, colexios oficiais, asociacións, entidades e veciñas e veciños da cidade, cos que vén mantendo xuntanzas nas ultimas semanas, recollendo propostas e alternativas na xestión das diferentes áreas dos servizos municipais, e incorporándoas ao Programa Participativo co que concorrerá ás urnas.

    Entre outros colectivos, a candidatura mantivo reunións coa Coordinadora galega de ONGs, CCOO, a Asociación Española de Prevención de Accidentes de Tráfico -P(A)T-, os traballadores do Centro de Coñecemento da Molinera, co Sindicato de Policías Municipais, con representantes do corpo de Bombeiros, Stop Accidentes, Stop Desafiuzamentos, o Colexio de Arquitectos, ou o Foro Liceo, abordando as necesidades para “garantir a prestación de servizos de calidade ás cidadás, desde unha institución cercana, que faga á xente protagonista e redefina o concepto de gobernantes e gobernados. Temos un compromiso ético colectivo para cambiar de vez a forma de facer as cousas. O primeiro é darlles aos colectivos voz e capacidade para condicionar as políticas locais”.

    Os encontros máis recentes producíanse na mañá de hoxe, en que Martiño X. Vázquez, candidato á alcaldía, e a número 2 da lista, Montse Valencia, reuníanse primeiro con delegados do sindicato UGT, cos que compartiron as medidas que Ourense en Común propón para frear o devalo demográfico e a perda de capital humano derivada da crise económica, e logo con representantes de Amigos da Terra, coas que compartiron a necesidade de mudar as políticas públicas en materia de medio ambiente para que o Concello de Ourense sexa sostible e teña un futuro.

Ourense en Común abre un referendo cidadá para decidir si apoia o recoñecemento honorario a Estanislao Reverter

Ourense en Común abre un referendo cidadá para decidir si apoia o recoñecemento honorario a Estanislao Reverter

O actual equipo de goberno do Concello de Ourense propuxo na pasada Xunta de Portavoces iniciar un expediente de recoñecemento honorario á figura de Estanislao Reverter. Unha proposta non recollida no programa participativo coa que Ourense en Común concorreu ás eleccións municipais do mes de maio. Razón pola que esta organización abre a pregunta a todas as veciñas do municipio para definir o seu posicionamento.

 

“Nós non temos un cheque en branco para facer o que queiramos os próximos catro anos”. Con esta afirmación a organización municipalista defende un dos seus principios fundamentais: a participación. “Estamos convencidas de que só involucrando á cidadanía na toma de decisións e favorecendo a co-xestión conseguiremos que algo mude.”

 

Malia a ser o grupo municipal con menos edís en pleno, o seu papel está a condicionar a iniciativa política da corporación en materia de participación e transparencia. A convocatoria da Mesa de Mobilidade, por vez primeira no Concello de Ourense, ou compartir as actas das Xuntas de Área e Comisións dos seus edís antes incluso que a propia web institucional amosa nas súas palabras que “o fomento de espazos para o diálogo e acceso á información son temas nodais para nós.”

 

“Con este referendo pretendemos non só definir cal debe ser a postura de Ourense en Común perante o expediente de honra a Estanislao Reverter, senón que tamén explorar ferramentas de decisión colectiva”.

 

O prazo de votación permanecerá aberto ata o xoves e será accesible mediante a web e redes sociais de Ourense en Común.

 

ANEXOS.-

Páxina web para participar na votación:

http://ourenseencomun.gal/estanislao_reverter/

Ourense en Común celebra unha xornada participativa para deliberar o seu posicionamento nos procesos electorais supramunicipais

Ourense en Común celebra unha xornada participativa para deliberar o seu posicionamento nos procesos electorais supramunicipais

Ourense en Común, aceptando o seu mandato municipalista, non é alleo á importancia que ten a política en ámbitos superiores e como isto afecta ás veciñas e veciños de Ourense. É por isto que, ante a convocatoria de vindeiros procesos electorais, contribuiremos dende a colaboración con aquelas candidaturas fieis aos principios básicos de Ourense en Común de horizontalidade, transparencia e participación.

 

Asemade un proceso que OUeC poida acompañar deberá cumprir os seus principios políticos básicos: unha xustiza social que garanta a vida digna para todas as persoas, a loita pola igualdade de xénero, o impulso dunha economía próspera, xusta e sustentable, e a aposta decidida pola renovación democrática dende o compromiso ético e a xestión transparente.

 

Ourense en Común constata que, alá onde os procesos de confluencia foron comprendidos na súa esencia, convertéronse na alternativa gañadora. Isto debeuse a que foron entendidos en pé de igualdade por todas as forzas políticas que decidiron traballar por eles. É así, aparcando as siglas e os nomes e antepoñendo as ideas comúns, como un novo proceso de confluencia pode ser a casa que dea acubillo ás persoas que sintan a necesidade dun cambio nas políticas do Estado e do País.

 

Dende a humildade de saber que OUeC non é a ferramenta definitiva nin os inventores dos procesos de confluencia, contribuiremos a axudar a que a realidade dunha candidatura que englobe ao maior número de forzas cidadás e políticas, capaces de articular ese cambio, sexa posible.

 

Data e hora: Xoves 15 de outubro de 2015 ás 19.30h.
Lugar: Local Ourense en Común. As Burgas, 8
Duración do acto: De 19.30h a 21.30h.

Ourense en Común proporá en pleno un acordo da corporación para unha segunda exposición pública do PXOM

Ourense en Común proporá en pleno un acordo da corporación para unha segunda exposición pública do PXOM

O grupo municipal Ourense en Común considera que a aprobación do PXOM debe contar coas máximas garantías de transparencia e participación cidadá.

“Estamos perante un documento que marcará o destino de Ourense nas dúas próximas décadas, razón pola que a súa aprobación debe contar co maior consenso social e con todas as garantías posibles”. Con esta afirmación Ourense en Común quere deixar clara a súa posición con respecto aos debates xurdidos nas últimas semanas con motivo da posible anulación do ordenamento provisional: “A urxencia derivada dunha eventual caída do ordenamento provisional non pode servir de pretexto para aprobar un plan sen unha segunda exposición pública”.

Ourense en Común presentará unha moción no pleno ordinario do próximo venres na que demandará un acordo da corporación para garantir que o novo PXOM conte coa maior participación cidadá posible. Entre outras propostas, este grupo solicitará a creación dunha comisión de seguimento ampla, campañas de información específica por barrios e unha segunda exposición pública: “entendemos que despois das 6000 alegacións presentadas o documento resultante non será o mesmo que o exposto inicialmente, polo que é obrigada unha nova fase de alegacións públicas antes da súa aprobación definitiva”.