Ourense en Común pide valentía ao Partido Popular para afrontar unha reforma estrutural da mobilidade urbana contra os atropelos

Ourense en Común pide valentía ao Partido Popular para afrontar unha reforma estrutural da mobilidade urbana contra os atropelos

Ourense en Común recibe con decepción os acordos derivados da mesa de traballo en materia de seguridade viaria celebrada onte no Concello de Ourense por entender que todas as propostas presentadas concéntranse na sanción e non afrontan o problema real.

As medidas propostas polo Partido Popular, radares e sancións, non afrontan o problema estrutural que a cidade de Ourense ten en materia de mobilidade. Dende Ourense en Común botamos en falta un cronograma de actuacións específicas orientado á progresiva pacificación do tráfico. Obxectivo que debería situarse no centro de calquera acción neste campo.

Trátanse por igual a peóns e vehículos motorizados, chegando incluso a presentar a posibilidade de sancionar tamén aos peóns. Dende Ourense en Común comprendemos a cidade como un espazo de convivencia para as persoas, as cales deben situarse no centro da acción de goberno. Así é que calquera proposta debe ir orientada a mellorar as súas condicións de vida, en seguridade viaria pero tamén ambiental, acústica, etc. Razón pola que regular en base a unha condición de iguais peóns e vehículos é un erro de valoración moi grave que afasta por completo ao Concello de Ourense do ideal de cidade saudable proposto.

Das medidas presentadas onte polo Partido Popular as únicas que recibimos con esperanza son as ligadas a un compromiso orzamentario para abordar accións estruturais na instalación de pasos elevados, bandas redutoras e medidas semellantes. Con todo estas accións deben ter claro cal é o seu fin, a pacificación do tráfico motorizado na cidade, e ir acompañadas doutras moitas nunha estratexia conxunta en materia de mobilidade.

Dende Ourense en Común seguimos instando ao Partido Popular a convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade para avaliar todas estas propostas e medidas urxentes de prevención de atropelos.

OUeC insta ao PP a convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade para adoptar medidas contra os atropelos na cidade

OUeC insta ao PP a convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade para adoptar medidas contra os atropelos na cidade

Ourense en Común entregará a primeira hora de mañá mércores por rexistro unha instancia dirixida á Alcaldía – Presidencia para convocar con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia a Mesa de Taballo Municipal de Mobilidade para avaliar propostas de medidas urxentes de prevención de atropelos no Concello de Ourense.

  • Con data 08/01/2016, no pleno ordinario do mes de xaneiro do Concello de Ourense, no seu punto da orde do día 4.3., acordouse a instalación de redutores de velocidade na Estrada da Granxa e na Rúa Marcelo Macías como medida disuasoria para evitar accidentes. Medidas que se ben poden axudar nesas áreas de actuación non garanten a solución do problema, pois a dispersión xeográfica dos atropelos repártese sen un patrón definido por toda a cidade de Ourense: estrada de Seixalbo, Saínza, Pena Corneira, Av. Habana, na Rúa Picasso e en moitos outros lugares.

 

  • Os datos aportados polo Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do Concello de Ourense amosan que detrás dos accidentes citados existe un problema estrutural que debe ser analizado e solucionado en multitude de frontes coa participación de todos os colectivos e técnicos responsables: transporte público, fomento de medios de mobilidade alternativa mediante carril bici, aparcamentos disuasorios, zonas 30 e pacificación de rúas, pasos elevados, etc. Medidas que deberán ser debatidas e aprobadas no foro oportuno constituído para tal (Mesa de Mobilidade) e que ten a súa próxima convocatoria no mes de febreiro deste ano en curso cunha orde do día xa pechada: 1. Melloras PMUS, 2. Transporte Público, 3. Carril Bici.

 

  • No pleno do 08/01/2016 quedou en evidencia a concordancia de todos os grupos municipais presentes na actual corporación en tomar medidas urxentes para frear o elevado número de atropelos, en calquera parte da cidade. Un tipo de accidentes que ten elevado a súa incidencia no último mes cun atropelo cada dous días segundo datos dos diferentes medios de comunicación locais. Razón pola que Ourense en Común presentará por rexistro unha instancia dirixida á Alcaldía – Presidencia para a convocatoria con carácter monográfico, extraordinario e de urxencia da Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade cun único punto na orde do día:
    Propostas de medidas urxentes de prevención de atropelos no Concello de Ourense

 

  • Dende Ourense en Común entendemos que esta convocatoria non deberá anular a prevista para o mes de febreiro e seguintes, xa que estas deberán abordar dende un punto de vista estrutural a complexidade da problemática.

 

Consultade nesta ligazón as nosas propostas en materia de mobilidade:
http://ourenseencomun.gal/programa-participativo/territorio/

Ourense en Común urxe a Jesús Vázquez e ao equipo de goberno a constituír a Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade

Ourense en Común urxe a Jesús Vázquez e ao equipo de goberno a constituír a Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade

O grupo municipalista presentaba esta mañá por rexistro unha instancia para a súa convocatoria con carácter de urxencia ante a celebración da Semana Europea da Mobilidade

Ourense en Común presentou no pleno do mes de Agosto unha moción que foi aprobada pola actual corporación para constituír unha Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade. Perante a inactividade do equipo de goberno a este respecto nese mes a organización municipalista tornaba novamente a solicitar a súa convocatoria urxente no pleno do mes de Setembro. Unha urxencia derivada da inminente celebración da Semana da Mobilidade Europea.

Dende este mércores 16 e ata o próximo martes 22 celébrase en toda Europa a Semana da Mobilidade. Unha campaña de concienciación dirixida a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como á cidadanía en xeral, sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche nas cidades, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta ou o desprazamento a pé.

A día de hoxe luns, só dous días antes do inicio desta Semana da Mobilidade Europea, nin o Grupo Municipal de Ourense en Común nin o resto de grupos e colectivos sociais relacionados con esta materia foron convocados á constitución da citada Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade. Feito que dende Ourense en Común entenden como «a evidencia do pouco interese que o actual equipo de goberno ten polo noso medio ambiente e saúde pública». Asemade argumentan que «a desidia nesta convocatoria e a supresión no organigrama popular de calquera referencia ao termo mobilidade, sumada ao retraso e escurantismo co que está sendo afrontada a renovación do contrato coa empresa de transporte público, son a proba de que esta temática esencial na construción das cidades do futuro non é unha prioridade para este equipo de goberno».

Vinteún en Común

Vinteún en Común

Ourense en Común está nos barrios!

O martes 19, contra ás 19:30h, estaremos no Vinteún, dialogando coa veciñanza sobre as problemáticas do barrio e escoitando as súas propostas e reivindicacións.  Presentaremos ademais o Programa Participativo construído entre todas para Ourense, prestando nesta ocasión especial atención aos aspectos de Territorio e Mobilidade.

Participarán: Martiño Xosé Vázquez Mato (dinamiza), Miguel Doval e Rita González
Convidadas: Panchi García Quiroga (Investigador e activista dos comúns e da cultura libre) e Silvia Villar (experta en xestion do patrimonio cultural)

Entrevista a Martiño X. Vázquez en Onda Cero sobre mobilidade

Entrevista a Martiño X. Vázquez en Onda Cero sobre mobilidade

Martiño X. Vázquez, número 3 da candidatura de OUeC, será entrevistado a partir das 12:30 en Onda Cero, no 98.8 da FM ourensá ou na propia páxina web http://www.ondacero.es/emisoras/galicia/ourense/directo. A entrevista centrarase no eido da mobilidade e nas propostas de Ourense en Común para acadar unha cidade para as persoas, que inclúen unha aposta definitiva pola intermodalidade (peón-bicicleta-transporte público), a pacificación do tráfico e a creación dun corredor verde, entre outras medidas.

OUeC convertirá Ourense nunha Cidade das Persoas e para as Persoas

OUeC convertirá Ourense nunha Cidade das Persoas e para as Persoas

Ourense en Común reordenará e impulsará o transporte urbano.

Traballaremos para que trala chegada do AVE, o corredor liberado sexa transformado nunha senda verde.

Ourense 14/05/2015. Ourense en Común convocamos hoxe aos medios de comunicación no Parque de San Lázaro para expor a nosa proposta de mobilidade. Unha proposta que se estudou ao detalle nunha xornada aberta e participativa, unha proposta seria, realista e realizábel para un mellor Ourense, unha Cidade das persoas.

 

Deficiencias do transporte urbano

O actual sistema de transporte urbano do Concello de Ourense, como amosamos no plano presentado, deixa amplas zonas sen servizo, “hai barrios que non teñen nin conexión directa cos seus propios centros de saúde como é o caso de Castro de Beiro, algo semellante pasa en San Francisco” apunta Martiño Xosé Vázquez. Ademais, as frecuencias son en numerosas liñas moi reducidas, hai unha falta de conexión directa entre os principais centros de atracción da cidade e unha sobrecarga do eixo norte-sur. Un deseño que ademais non permite a intermodalidade e é moi contaminante. Unhas graves deficiencias que non se subsanaron na convocatoria do novo concurso público de trasporte urbano, feito á présa e sen escoitar aos axentes sociais, demandas que nós si tivemos en conta para a elaboración do noso Programa Participativo.

 

As propostas de OUeC en mobilidade

Dende Ourense en Común apostamos por reordenar e impulsar o transporte urbano e dar collida as novas formas de mobilidade, “que unha persoa que viva en Seixalvo e baixe en bicicleta ao centro poida volver a casa no bus coa súa bici” pon de exemplo o número 3 da candidatura de Ourense en Común.

Ademais Ourense é a terceira cidade de España na que peor uso lle damos ao transporte particular. O mellor exemplo deste defecto é o colapso que provocan no tráfico os coches de nais e pais que levan aos cativos aos colexios, “unha cidade na que as nenas non poden ir camiñando ao colexio non é unha cidade segura, saudábel nin exemplo de nada” reflexiona Martiño Xosé Vázquez.

É por isto que levaremos a cabo medidas a custe reducido como a pacificación do tráfico de todos os barrios da cidade. “Apostamos por un modelo de cidade lenta, cómoda para ser vivida e onde conquistemos os espazos secuestrados polos coches” di Martiño Xosé Vázquez. Ademais, desenvolveremos unha estratexia de expulsión progresiva do tráfico rodado do interior da cidade mediante o apoio do transporte metropolitano. Este debe ir acompañado da construción de aparcadoiros disuasorios á entrada da cidade e completar o eixo de circunvalación exterior.

 

A entrada do AVE

Dende OUeC apostamos por reducir ao máximo o impacto da integración da Alta Velocidade en Ourense e aproveitar a súa chegada para que “ese corredor liberado suture unha ferida que hai no Concello, a división entre barrios ”. O metro de superficie non soluciona o problema de mobilidade que sufrimos as ourensás e os ourensáns, seguiría mantendo o eixo norte-sur e non está garantido o seu mantemento, endebedaría ao concello cando hai urxencias de gasto como é o 23% de persoas en risco de exclusión social. Nós apostamos por unha conquista progresiva dese espazo, levantando as vías e construíndo zonas axardinadas, sendeiros, infraestruturas deportivas e un carril bici. Un corredor verde.

Nas intervencións arquitectónicas subordinadas ao AVE deberán primar a utilidade e integración na paisaxe natural, cultural e humana da cidade e a nova estación deberá garantir unha correcta intermodalidade entre diferentes medios de transporte.

“Toda estratexia de mobilidade de Ourense en Común está pensada nas persoas, non facemos unha campaña con propostas mediáticas para saír en prensa, outro tipo de mobilidade sostíbel é posible. Queremos unha cidade saudábel que mereza a pena ser vivida” conclúe Martiño Xosé Vázquez.

[metaslider id=2609]
O Territorio en Común

O Territorio en Común

Convocatoria a medios de comunicación

Ourense en Común convoca a todos os medios de comunicación a un encontro na rúa co noso candidato número tres, Martiño Xosé Vázquez, para contarvos en persoa as medidas concretas do noso Programa Participativo relacionadas coa xestión do territorio e a mobilidade, fundamentais na nosa aposta por un novo modelo de cidade: A Cidade das Persoas.

Ourense é a terceira cidade do Estado español con maior taxa de tráfico rodado. Reflexionemos un intre. O noso benestar ás veces só precisa dun pouco de xenerosidade, dun cambio de hábitos. Pensemos se queremos un Ourense deseñado para os coches ou deseñado para as persoas. Nós témolo claro.

A progresiva pacificación do tráfico de vehículos é condición indispensable para facer que a rúa sexa un lugar máis saudable e seguro. Pero tamén hai que dar alternativas: Ourense precisa unha rede de transporte público eficaz, con frecuencias e itinerarios revisados que a convertan nun servizo útil de verdade, que garanta a comunicación nos barrios. Urxe ademais desbloquear dunha vez por todas a situación do transporte metropolitano a través da mancomunización dos servizos entre municipios.

OUeC apostamos por un Ourense rururbán, deseñado por e para as persoas.

Agardámosvos!

Foto: Traballando en común a mobilidade en Ourense

Ourense en común deu comezo á campaña con dous actos centrados nas nenas e nenos e na mobilidade sostible

Ourense en común deu comezo á campaña con dous actos centrados nas nenas e nenos e na mobilidade sostible

Pola mañá nos xardíns do Padre Feijoo estableceuse un espazo de lecer interactivo para nenas e nenos.

Pola tarde, unha marcha ciclista percorreu a cidade reivindicando a mobilidade sostible.

Ourense en común puxo en marcha a súa campaña electoral apostando polo contacto directo coa veciñanza, o autofinanzamento, a austeridade e a creatividade. Deste xeito, os dous primeiros actos centráronse na cidadanía de mañá, as nenas e nenos do concello de Ourense e nun novo modelo de mobilidade.

Pola mañá estableceuse unha zona de lecer nos xardíns do Padre Feijoo onde as pequenas puideron debuxar, contar, atoparse, escoitar e aprender. Un espazo interactivo, sen consumo, cargado de valores. Unha pequena cidade xardín onde a xente miuda puido imaxinar ese Ourense futuro que a candidatura municipalista albisca: unha cidade das persoas.‬

A partires das 18h, unha marcha ciclista percorreu distintas rúas da cidade en reivindicación dunha mobilidade sostible no entorno urbano. Ao tempo aproveitouse para identificar deficiencias e perigos presentes nas nosas rúas, tanto para a xente que aposta pola bici como medio de transporte como para os peóns. Esta acción procura reivindicar unha nova cidade pensada para ser vivida, na que o tráfico se vexa pacificado progresivamente e facilite un ritmo de vida máis tranquilo.

As actividades continúan hoxe domingo con “O progreso en común”, un roteiro crítico pola principal arteria da cidade que procura a visibilización da súa realidade urbanística onde se xunta o poder coa esperanza, a grandeza coa banalidade, a arte co desastre e o patrimonio cultural co patrimonio económico duns poucos. Unha foto fixa do estado actual de Ourense.

[metaslider id=2351]