Levamos ao pleno os dereitos das persoas con discapacidade e os problemas na accesibilidade da cidade

Levamos ao pleno os dereitos das persoas con discapacidade e os problemas na accesibilidade da cidade

• O actual goberno do PP no concello ten pendente dende hai máis de tres anos aprobar unha ordenanza municipal de accesibilidade.
• Ourense en Común sinala que “protexer e asegurar ás persoas con discapacidade o pleno desfrute dos seus dereitos fundamentais en condicións de igualdade nunca foi a prioridade do goberno de Jesús Vázquez, que vive de costas aos problemas diarios da veciñanza”.
• A moción quere impulsar a creación dun Consello Municipal que teña a encomenda directa da redacción dunha ordenanza e un plan municipal de accesibilidade universal.

    Na mañá de onte venres, Ourense en Común rexistraba unha iniciativa a defender no vindeiro pleno municipal do mes de abril, incluíndo un acordo co que o grupo quere dar voz ás demandas das persoas con discapacidade e visibilizar as deficiencias de accesibilidade na cidade. O obxectivo da moción é a creación dun Consello Municipal de accesibilidade e dereitos das persoas con discapacidade, que promova a revisión urxente do borrador da ordenanza municipal de accesibilidade, pendente dende hai máis de tres anos, e a redacción dun Plan Municipal de Accesibilidade Universal.

    Dende Ourense en Común apuntan que o Concello de Ourense “vai once anos tarde, despois de que a convención vinculante das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade fixara, xa no ano 2008, que as políticas en materia de accesibilidade son un deber de actuación das Administracións Públicas.

    “A accesibilidade universal é unha obriga para protexer e asegurar o pleno gozo dos dereitos humanos e liberdades fundamentais en condicións de igualdade por parte das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da vida”, declara o voceiro de Ourense en Común e candidato á alcaldía, que lembra que “a cidade está chea de barreiras, moitas invisibles para a maioría pero infranqueables para outras. Darlle voz a quen as sofre a diario é a mellor forma de acabar con elas para sempre”.

    Con esta moción o grupo continúa na liña que xa anunciara para as últimas sesións plenarias, buscando deixar avanzado o traballo para o próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía. Con nós no goberno, os Consellos Municipais como órganos de participación e rendición de contas serán fundamentais”.

Encontro coa Asociación Alma Llanera

Encontro coa Asociación Alma Llanera

O candidato de Ourense en Común á alcaldía, Miguel Doval, e as tamén integrantes da nosa lista Mavi Calviño e Bea Reza xuntáronse esta tarde con Sonia Sánchez e José Antonio, membros de Alma Llanera, a asociación adicada principalmente á problemática das persoas inmigrantes de Venezuela e dos emigrantes ourensáns no país americano.

Durante a conversa, Sonia e José criticaron a desinterese do Concello de Ourense polo colectivo inmigrante, abandonando plans de axuda que, segundo din, non se continuaron levando a cabo por desidia e non por falta de recursos. É o caso de programas de interculturalidade e convenios para cursos de formación, por poñer algún exemplo.

Alma Llanera pide así a colaboración do concello tanto para as persoas inmigrantes como para as ourensás e os ourensáns que viven en Venezuela e non contan co apoio do seu municipio para retornar á terra, e engaden que a administración tampouco lle pon doados os trámites burocráticos aos emigrantes retornados. Solicitan, por exemplo, poder convalidar os títulos académicos, así como unha oficina de información e apoio na busca de emprego, xa que «en Servizos Sociais están saturados e teñen sufrido as consecuencias da falta de persoal e de recursos económicos». Botan en falta tamén locais e espazos públicos cedidos de balde polo concello para realizar as súas actividades.

Pola nosa banda, explicámoslles os apartados do Programa Participativo de Ourense en Común relativos aos temas que máis lles preocupan, tanto no asesoramento na busca de emprego como no plan integral de servizos sociais, vivenda e cesión de locais infrautilizados para uso de colectivos e asociacións. Facemos tamén fincapé no importante que é para nós a riqueza que aporta a diversidade cultural, e que queremos un Concello de persoas que vivan dignamente, independentemente da súa orixe, raza ou credo.

Rematamos co compromiso de manternos en contacto.