OUeC e PSdeG piden no pleno a adhesión do Concello á campaña “En negro contra as violencias”

OUeC e PSdeG piden no pleno a adhesión do Concello á campaña “En negro contra as violencias”

•     A campaña de sensibilización contra o machismo, iniciada polo goberno de Compostela Aberta en Santiago, medra con novas adhesións cada cada ano. “Só falta Ourense”.
•    Máis de 100 concellos galegos de todas as cores políticas, as deputacións de Pontevedra, Lugo e A Coruña, colexios profesionais, e milleiros de establecementos comerciais tinguen de negro estes días os espazos públicos e privados.
•     Na provincia, son xa oito os concellos adheridos á campaña, Barbadás, Verín, Vilar de Santos, Castrelo de Miño, Allariz, Viana do Bolo, Manzaneda e A Pobra de Trives.
•     Os grupos solicitan tamén a urxente posta en marcha da Comisión Provincial de Violencia de Xénero de Ourense.

    Ourense en Común e o Grupo Socialista no Concello levarán ao pleno de decembro unha moción conxunta, coa que solicitan a adhesión do Concello de Ourense á campaña “En negro contra as violencias”, que tingue de negro os espazos públicos, e mesmo os de propiedade privada, en sinal de rexeitamento frontal contra todas as violencias machistas.

    Lamentan que o goberno municipal do PP no Concello de Ourense “nunca mostrou vontade de adherirse a unha campaña que cada vez ten máis presenza na sociedade, e na que deberían deixar á marxe razóns ideolóxicas ou partidistas”, e estenden tamén a crítica á deputación. “Só falta Ourense, as outras tres deputacións e máis dun cento de concellos están implicados nunha campaña que medra cada ano, fortalecendo o alcance pola propia acción conxunta e en rede”.

    Destacan que a iniciativa, posta en marcha polo goberno de Compostela Aberta en Santiago, “é unha oportunidade que Ourense está perdendo, para enriquecer o traballo contra a lacra da violencia machista, xa que incentiva o contacto entre as Concellerías de Igualdade dos diferentes concellos adheridos, facilita ferramentas para desenvolver as accións, permite compartir información e metodoloxías de traballo, proporciona recursos didácticos para traballar a violencia de xénero nas aulas, e posibilita a participación dos axentes sociais.

    Os grupos destacan na moción as grandes cotas de visibilidade e seguimento social que as mobilizacións do activismo feminista alcanzaron este ano, pero engaden que “a mobilización social precisa tamén do respaldo unánime das institucións e de todos os axentes sociais e económicos para que a loita contra as violencias machistas sexa efectiva”.

    Nos acordos da moción solicitan ademais a posta en marcha da Comisión Provincial de Violencia de Xénero en Ourense, seguindo o exemplo de Coruña, unha das primeiras provincias do Estado nas que se constitúe esta comisión, que pretende coordinar a todas as institucións que traballan para erradicar a violencia de xénero, de tal maneira que non haxa fisuras no sistema de protección ás vítimas.  

OUeC urxe rectificación para significar a memoria de Asunción González e das vítimas de violencia machista nun lugar “visible e simbólico”

OUeC urxe rectificación para significar a memoria de Asunción González e das vítimas de violencia machista nun lugar “visible e simbólico”

•     En contra de todo o Consello Municipal de Igualdade, Sofía Godoy quere homenaxear cun parque para cans á primeira vítima de violencia machista en Ourense.
•    CCOO, Esquerda Unida, o Foro Feminista Falando Nós, a Marcha Mundial das Mulleres, o sindicato STEG, Ourense en Común e Podemos Ourense uníanse esta mañá reivindicando outro espazo para visibilizar a lacra da violencia machista.
•     OUeC buscará o apoio do PsdeG para solicitar a celebración dun pleno extraordinario para rectificar o expediente.

    Ourense en Común sumábase hoxe á petición rexistrada por CCOO, Esquerda Unida, o Foro Feminista Falando Nós, a Marcha Mundial das Mulleres, o sindicato STEG, e Podemos Ourense contra a decisión da edil Sofía Godoy, “unilateral e en contra de todo o Consello Municipal de Igualdadede adicar os terreos da antiga depuradora de Reza, na contorna inmediata a un parque canino, a Asunción González, a que foi a primeira vítima por violencia machista declarada e documentada no concello de Ourense.

    Montserrat Valencia, edil de OueC, lembraba esta mañá que foi unha iniciativa de Ourense en Común, en abril de 2017, a que activou a vontade de feminizar o espazo público e nomear unha praza como Asunción González, “para dignificar a memoria da primeira vítima en Ourense, a de todas as mulleres sometidas á violencia patriarcal, e saldar unha débeda histórica con moitas mulleres invisibles a ollos dunha sociedade masculina”, pero critica como un escándalo” que o Partido Popular e Sofía Godoy “afeen a iniciativa ata a marxinalidade, levando a homenaxe a un parque para cans ao carón dunha depuradora”.

    A idea de Sofía Godoy foi “frontalmente rexeitada por todos os colectivos presentes no Consello Municipal de Igualdade, que entenden que o espazo “non cumpre os obxectivos de visibilización, concienciación nin resignificación das vítimas da violencia machista”, e desde Ourense en Común propúxose que sexa un espazo simbólico e visible o que leve o nome de Asunción González. Propuxemos por exemplo a praza onde está a castañeira, onde o feminismo da cidade adoita concentrarse contra os asasinatos machistas, e contamos co respaldo inmediato de todo o Consello Municipal. Pero Sofía Godoy ignora o parecer das alí representadas”.

    Desde Ourense en Común avanzan que “buscaremos o apoio do PSOE para solicitar de urxencia un pleno extraordinario, e darlle a oportunidade ao goberno de rectificar. Non somos quen de poder devolverlle a vida a Asunción, nin a ningunha das vítimas, pero si podemos xerar un símbolo que permita lembrar cada día a todas esas mulleres sometidas ao longo do tempo á violencia patriarcal. O sitio non debe ser un parque para cans”.

Elvira López Cuevillas, Begoña Muñoz, e “a miña avoa”, propostas de Ourense en Común ao rueiro

Elvira López Cuevillas, Begoña Muñoz, e “a miña avoa”, propostas de Ourense en Común ao rueiro

• Froito dunha moción do grupo, o Concello abriu á cidadanía un proceso participado para recoller propostas coas que dar nome de muller aos espazos públicos de Ourense.
• Os nomes suxeridos saíron de catro sesións de traballo participado con diversos colectivos da cidade e veciñas a título individual.

    Dentro do prazo establecido no proceso de participación veciñal aberto para a presentación de propostas de mulleres relevantes coas que nomear prazas e rúas do Concello de Ourense, Ourense en Común presentaba esta semana tres suxestións para incorporar aos espazos públicos da cidade.

    O grupo destaca a figura de Elvira López Cuevillas como intelectual, rompedora, estudosa, reivindicativa, rápida, áxil, valente. A que fóra filla de Florentino López Cuevillas resulta un “referente porque “soubo desprenderse das ataduras impostas, vivindo con independencia e sen medo, a costa do seu traballo”, referíndose aos anos nos que exerceu como profesora dos emigrantes, en Holanda, e por ser unha escritora directa, intelixente e audaz”, dirixindo cartas “sen medo a molestar contra aquelo co que non concordaba ou lle parecía inxusto.

    Elvira formou parte moi activa da vida cultural de Ourense, fiel ao Clube de Lectura do Liceo, e moi unida ao Museo Arqueolóxico de Ourense, onde “sendo xa moi maior aproveitaba sempre que podía para ir coñecer os últimos descubrimentos”. O seu nome consta hoxe en día adxunto a persoeiros da cultura, a arte, e as letras no Cemiterio de San Francisco, de entre 50 tan só catro mulleres, unha delas Elvira López Cuevillas.

    A profesora de Lingua Galega e Literatura, de Iniciación á Arte Dramática e de Diversificación Curricular no IES Otero Pedrayo, Begoña Muñoz Saá, figura tamén nas achegas presentadas polo grupo ao rueiro. Destacan o seu valor como dramaturga, sendo autora de diversas pezas teatrais e polos seus múltiples traballos de adaptación de obras despois representadas pola compañía Sarabela Teatro. Begoña sempre foi crítica coas inxustizas dun mundo “acomodado” para os homes e reivindicativa por un cambio en feminino.

    Entre as propostas, o grupo tamén quere facer un recoñecemento xeral ás avoas ourensás e galegas, poñendo en valor o seu papel invisible, nomeando algunha rúa ou praza como “A miña avoa”. “Non se xubilan nunca, son super-heroínas sempre dispostas a axudar a sustentar as economías familiares. Foron avoas-nais dos cativos e cativas na ausencia das proxenitoras nos anos de éxodo das aldeas cara as cidades e cara outros países, e son coidadoras e educadoras imprescindibles nestes tempos en que os traballos complican a conciliación da vida persoal e profesional”.

A Praza 1000 converterase en Praza Asunción González para visibilizar a lacra da violencia machista

A Praza 1000 converterase en Praza Asunción González para visibilizar a lacra da violencia machista

•    A moción de OUeC aprobada en abril comeza a feminizar o rueiro de Ourense.
•    A coñecida como “pobre Asunción” foi asasinada na Praza Maior de Ourense nun acto de odio machista durante as celebracións do venres santo de 1891.
•    As vítimas mortais por violencia de xénero no territorio español superan xa o milleiro no que levamos de século XXI.
•    O Concello ten pendente abrir un proceso participado para renomear outros espazos impersoais da cidade. (Prazas 100, 200, ou 500)

    Ourense en Común coñecía esta semana que o Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) e a Concellería de Cultura, traballan conxuntamente estes días para dar cumprimento ao segundo punto da moción do grupo aprobada no pasado mes de abril, para replantexar as nomenclaturas impersoais de algunhas prazas da cidade de Ourense (Praza 100, 200, 500 ou 1000), saldar “unha débeda históricae poñer en valor a “mulleres ourensás invisibles a ollos dunha sociedade que aínda hoxe limita o feminino”.

    A petición do grupo, a “praza 1000”, na contorna do I.E.S Xulio Prieto Nespereira (Sexto Instituto), pasará a chamarse proximamente “Praza Asunción González”, nunha “alegoría da vida”, como “homenaxe ás máis de 1.000  mulleres asasinadas no que vai de século”, e  como  “lembranza para todas e cada unha das vítimas da violencia de xénero”, explican desde o grupo. “Non somos quen de poder devolverlle a vida a Asunción, nin a ningunha das vítimas, pero si podemos xerar un símbolo que permita lembrar cada día a todas esas mulleres sometidas ao longo do tempo á violencia patriarcal.

    Asunción González (1871-1891), veciña de Ourense e de profesión costureira, foi a primeira vítima (documentada como tal) de violencia machista en Ourense. Juan González, veciño de Reza (e suposta ex-parella de Asunción), disparou contra a moza producíndolle feridas incompatibles coa vida durante os actos relixiosos do venres santo do 1891, na praza maior de Ourense.

    O asasinato de Asunción González causou un forte impacto na sociedade ourensá, e a súa familia quedou lastrada por este terrible episodio para sempre. Os seus restos, no cemiterio de San Francisco, visibilízanse cunha lápida que recolle o seguinte:  “¡¡Pobre Asunción!! Viernes Santo del 91”.

    A moción de Ourense en Común contaba ademáis con outro punto, pendente de executarse, no que o grupo instaba ao goberno a abrir un proceso de participación veciñal co obxectivo de recoller propostas de mulleres relevantes cos que renomear tamén as prazas 100, 200, ou 500, entendendo que “as propias veciñas son as súas lexítimas propietarias”.

OUeC solicitará en pleno nomear unha praza “Pobre Asunción” como símbolo contra a violencia machista

OUeC solicitará en pleno nomear unha praza “Pobre Asunción” como símbolo contra a violencia machista

  • Asunción González, asasinada o 28 de abril de 1891, foi a primeira vítima por violencia machista declarada e documentada en Ourense.
  • Ourense en Común proporá no pleno do mes de abril nomear unha praza co nome co que foi recordada (Pobre Asunción) como símbolo contra os asasinatos machistas e en recoñecemento a todas as mulleres historicamente sometidas a violencia patriarcal.
  • A iniciativa presentada por Ourense en Común pretende abrir á participación co obxectivo de recoller máis propostas de mulleres relevantes para todas as prazas sen nome propio no municipio (Praza 100, 200, 500 ou 1000).

 

Ourense, 8 de marzo de 2017

Ourense en Común presentará no próximo pleno ordinario do mes de abril unha iniciativa coa que se pretende nomear unha praza Pobre Asunción, o nome co que pasou a historia Asunción González, a primeira vítima por violencia machista declarada e documentada en Ourense.

“Pretendemos visibilizar unha das lacras da nosa sociedade. Dende que comezou o ano 2017 foron asasinadas decenas de mulleres por violencia machista. A proposta de nomear unha praza a Asunción González non lles devolverá a vida pero é un símbolo que nos lembrará cada día a todas esas mulleres historicamente sometidas á violencia patriarcal, afirma a concelleira de Ourense en Común Ledicia Piñeiro.

A proposta do grupo municipalista OUeC pretende abrir en paralelo un proceso de participación veciñal co obxectivo de recoller todas as propostas posibles de mulleres importantes da historia local. “Será un modo de saldar unha débeda histórica con moitas mulleres que en Ourense e no mundo foron invisibles a ollos dunha sociedade masculina que arrinconaba o feminino sempre á esfera do privado”.

Entre outras propostas a edil Ledicia Piñeiro chama a atención por exemplo da pontina Delia Delso, mestra represaliada que podería humanizar a hoxe Praza 200 no barrio do Pino, ou Esperanza Martín Borrajo, pedánea e activista veciñal con forte compromiso co barrio de Covadonga que de seguro tería un maior recoñecemento social que a hoxe Praza 100.

“Son moitos os nomes de mulleres que recoñecer en lugar dos impersoais números ou letras presentes no rueiro de Ourense. Ademais deberán ser as propias veciñas as que fagan chegar as propostas ao concello con máis nomes propios ou xenéricos, ao fin de contas delas son tamén as rúas e as prazas. Non tería sequera porque facer mención a unha muller en concreto, por exemplo para a praza 1000 na estrada de Barra de Miño unha idea podería ser Praza das Rianxeiras, pois sabemos que desta zona proviñan moitas delas e sería recoñecer tamén o seu traballo silenciado”, afirma a concelleira de Ourense en Común Ledicia Piñeiro.

 

ESCOITA O AUDIO DA CONCELLEIRA LEDICIA PIÑEIRO AQUÍ.
OUeC non participará nos actos institucionais do 8 de Marzo programados polo Concello

OUeC non participará nos actos institucionais do 8 de Marzo programados polo Concello

  • A programación deseñada polo Partido Popular no Concello de Ourense menospreza a labor de colectivos feministas que levan anos defendendo os dereitos da muller.
  • Baixo o lema “móllate pola igualdade” o Concello de Ourense organiza actividades sen ningunha relación coa efeméride como zumba, aquagym ou un concerto de Minimalia, entre outras actividades.
  • O Partido Popular escolle por vez primeira a un home para recibir o premio Clara Campoamor de Igualdade de Xénero e encarga a execución de toda a programación da efeméride a homes.

 

Ourense, 7 de marzo de 2017

Ourense en Común non participará en ningún dos actos institucionais do Día da Muller propostos polo goberno do Partido Popular no Concello de Ourense ao menosprezar estes a labor histórica de colectivos feministas que levan anos defendendo os dereitos da muller.

Baixo o lema “móllate pola igualdade” o Concello de Ourense organiza actividades de zumba, aquagym e un concerto de Minimalia, entre outras actividades. O grupo municipal de Ourense en Común considera que esta programación menospreza a efeméride. A loita pola igualdade non se representa con clases de Zumba ou Aquagym” apunta a concelleira Ledicia Piñeiro.

Outra das críticas deste grupo pasan pola sobrerepresentación masculina, non contentos con outorgar o premio Clara Campoamor por vez primeira a un home, cando foi un galardón pensado para o recoñecemento das mulleres, a programación será toda ela executada por homes”.

Ourense en Común adheriuse xa á petición lanzada pola Marcha Mundial das Mulleres, para que se anule o fallo do xurado e que no seu lugar sexa escollida algunha das outras candidatas, ou declarar como última opción o premio como deserto. Asemade solicitará unha relación detallada dos gastos de execución das actividades ao sospeitar que esta programación será a máis cara dos últimos anos.

O grupo municipal chama pola contra a participar nas actividades propostas dende a Marcha Mundial das Mulleres que en Ourense consistirán nun paro simbólico ás 12h na Praza maior e actividades lúdicas e reivindicativas nunha marcha con inicio ás 20h dende a Castañeira no Parque de San Lázaro ata os Xardíns Padre Feijóo.

Escoitar AUDIO da  concelleira Ledicia Piñeiro premendo AQUÍ

Xornada de Feminismo e Diversidade do pasado 5 de setembro

Xornada de Feminismo e Diversidade do pasado 5 de setembro

Ledicia Piñeiro nos resume o máis destacado deste encontro sobre políticas de igualdade desde unha óptica feminista

Dicía Beatriz Preciado que é esencial facer unha «xenealoxía política do corpo» que nos permite coñecer e comprender cales e como foron aqueles procesos de «ficción política» -identidade sexual, xénero, clase social, raza …- que nos moldean e constitúen. Ficcións que son somáticas (é dicir, «toman a forma da vida») e que nalgúns casos pode ser deconstruída e reconstruída a través de varias estratexias de resistencia e subversión crítica (para que en lugar de someternos, nos empoderen).

Desta «xenealoxía política do corpo» hai moito do modelo organizativo das feministas de Podemos. Feminismo e Diversidade, lila son as lesbianas, as trans, as negras, as persoas con movilidade reducida, os gays… os corpos vulnerables, os corpos anormais, os corpos infradotados…

O pasado sábado 5 de setembro tiven a sorte de participar nas xornadas de feminismo e diversidade organizadas pola secretaría de Feminismo e Coordinación de Podemos Galiza. O día de traballo dividiuse en tres apartados. Na primeira parte tivemos un momento de reflexión sobre o por que da baixa participación das mulleres na política, e por extensión en case calquera espazo do ámbito público. A división do traballo, contexto hostil, anos e anos de desterro de calquera espazo público, chegaron a ser parte das conlusións da xornada. ¿Cómo se muda? xerando referentes, reivindicando os nosos métodos e a nosa política, facendo do feminismo parte esencial da axenda política, estando nós e chamando a outras.

Na segunda parte da xornada falamos da organización feminista dentro de Podemos, estructura organizativa, liñas, debates (abertos e pechados), tarefas inmediatas… Hai unha grande experiencia, xerada en pouco tempo polas compas de Podemos, materializada en textos, accións e creación de estructura. Finalmente, tres compañeiras de procesos municipalistas de unidade popular en tres concellos diferentes dimos a nosa visión da participación da muller na institución e de como ser suxeitos activos no ostracismo dunha institución patriarcal que constantemente xera situacións perversas contra as mulleres.

Sentímonos seguras para concluír que nos tempos que vivimos, a confluencia que está por vir debe, necesariamente, ser feminista, e só será feminista coas mulleres na primeira liña, construíndo e dirixindo procesos.