“Ordenanza si, pero non así”. Emendas de OUeC ao proxecto de ordenanza sobre o botellón

“Ordenanza si, pero non así”. Emendas de OUeC ao proxecto de ordenanza sobre o botellón

•     O noso grupo detecta numerosas eivas no contido e a forma dun texto “cheo de ambigüidades, falto de compromisos, excluínte coa participación da mocidade, e que comete a torpeza de empregar terminoloxía controlada polo propio lobby do alcohol”.
•     O borrador obvia normativas vixentes e alude a documentos ás portas de quedar obsoletos.
•     OUeC avaliou o documento nunha mesa de traballo participada con estudantes, ANPAs, colexios profesionais e veciñas e veciños a nivel particular.
•     A consulta cidadá previa á redacción da ordenanza “foi tomada polo goberno como un trámite, non como unha oportunidade de investigar nin abrir o texto á participación. Enquisaron só a 80 persoas, menos do 0,1% da poboación”.

    Dentro do prazo de dez días establecido para a presentación de emendas, Ourense en Común rexistraba onte os disensos aos que o grupo chegou unha vez analizado o borrador en colaboración con colectivos de estudantes, colexios profesionais e veciñas e veciños a nivel particular, aos que o grupo convidou a pasada semana a unha mesa de traballo participada.

    O grupo detecta numerosas eivas no contido e a forma do texto, quereflicte ambigüidade e carencias normativas desde a inconcreta exposición de motivos”, por obviar os textos normativos vixentes na materia, e referir ao Plan Municipal de Saúde, que expira en 2018, o que cualifican como “unha torpeza ás portas de 2019”.

    Cuestionan ademais a intención preventiva do goberno no borrador, ao non contemplarse ningún programa específico nin concretar o xeito de chegar ás aulas, ás ANPAS, aos formadores e formadoras, aos educadores e educadoras, aos orientadores e orientadoras e á sociedade civil xeral, “toda a materia de intencións está sen realizar”, e suxiren que “debe consolidarse como unha obriga para a institución que a xuventude participe activa e directamente na elaboración dos programas alternativos ao botellón”.

    Montserrat Valencia, concelleira de Ourense en Común, que asistiu tamén nesta semana á xornada “Alcohol e menores” organizada pola Universidade de Vigo, bota en falta “compromisos para promover a prevención do consumo de alcohol desde os primeiros ciclos educativos, formando e implicando aos educadores e educadoras, sensibilizando á cidadanía en xeral e fomentando a participación da xuventude nas propostas alternativas de lecer”.

    Sobre o cuestionario habilitado na web municipal previamente á redacción do texto, o grupo apunta a deficiencias básicas no plantexamento das preguntas, “dirixindo as respostas a resultados categóricos e sen matices que dificultan a investigación social”,  e consideran que a mostra de 80 persoas enquisadas non é representativa da poboación do concello de Ourense, polo que conclúen que “a consulta foi un mero trámite, e os resultados inútiles para a redacción da ordenanza”.

Ourense en Común sospeita dun boicot no servizo de apoio socioeducativo

Ourense en Común sospeita dun boicot no servizo de apoio socioeducativo

O programa paralizado incluía clases de reforzo escolar e social para nenos e nenas en risco de exclusión de 3 colexios da cidade 

A concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar parte dos acontecementos referentes ao denominado «Apoio socioeducativo en centros escolares», que a Concellería de Benestar dirixida pola edil do PP Sofía Godoy decidiu paralizar recentemente.

O programa, dirixido á prevención da marxinación infantil e xuvenil, desenvolvíase nos centros CEIP Prácticas, Irmáns Villar e Mariñamansa, e incluía clases de reforzo educativo e social para nenos e nenas aos que, por falta de recursos, as súas familias non poden prestar este apoio.

“Aínda que o contrato coa empresa prestadora remataba en marzo, desde Ourense en Común fíxose presión para que o Concello buscase formas de extender o servizo, ben cun contrato menor ou ampliando o existente ata finais do curso escolar.”

Á vista das negativas que se recibiron desde a Concellería de Benestar, na última semana de vencemento do contrato, Ourense en Común valorou a posibilidade de facer unha doazón para prorrogalo. “O 25% do salario das nosas concelleiras vai destinado a un fondo para uso social.”

En asemblea aberta, despois de reunirse cos profesionais e a empresa prestadora, Ourense en Común aprobou facer unha doazón privada para que o servizo continuase. A extensión do contrato xestionouse directamente coa empresa, sen entrar en contacto directo cos beneficiarios, e sen comunicalo a medios xa que “en nengún momento se quixo sacar rendemento político desta cuestión.”

As clases foron restablecidas con normalidade durante unha semana máis, ata que un xornalista lé a acta da asemblea na que se aprobara a doazón, e trascende á prensa que era Ourense en Común quen estaba detrás da financiación para a continuidade do servizo.

Nese momento, as clases anúlanse, e é cando o PP acusa a Ourense en Común de mentir, e defende que se están dando alternativas ás familias beneficiarias. “Ningunha das opcións propostas por Benestar teñen a calidade nin os criterios que tiñan previamente, sendo insuficientes. A realidade é que hai nenos que quedaron sen este apoio, cando é un servizo que nenos, pais, nais, profesores e incluso directores dos centros o identifican como unha necesidade.

O PP acusa aos pais de non ter aceptado a nova opción que se lles ofreceu, que reduce as clases de 4 horas a 1 única hora semanal, traslada o servizo aos centros cívicos, e diminúe a calidade dun apoio que ía máis alá do escolar. “O que non entende a Concelleira de Benestar é que aínda que son familias con poucos recursos, teñen a súa dignidade”

O servizo, actualmente paralizado por motivos descoñecidos, está totalmente na responsabilidade do equipo de goberno.

“É indignante que o goberno permita que se perda este servizo para familias con poucos recursos, pero moito máis que haxa un boicot expreso para que unha entidade privada que o queira financiar baixo unha doazón, non poda facelo.”

https://soundcloud.com/ourenseencomun/rolda-de-prensa-servizo-apoio-escolar-e-doazon-concelleiras-ouec

Ourense en Común asiste ao acto convocado pola Universidade de Vigo

Ourense en Común asiste ao acto convocado pola Universidade de Vigo

Hoxe celebrouse un acto no campus de Ourense enmarcado no Programa Universitario de Maiores e presidido polo vicerreitor do campus, D. Virxilio Rodríguez.

 

Dentro do marco xeral dos programas de formación das aulas de formación aberta da Universidade de Vigo desenvólvese o Programa para maiores, un proxecto de desenvolvemento científico-cultural dirixido a promover a ciencia e a cultura nas persoas maiores, ao mesmo tempo que as relacións interxeracionais.

 

Trátase dunha oferta de estudos para as persoas que, por diferentes razóns, non puideran acceder á universidade no seu momento ou que, sendo xa titulados, se atopen en idade inhabitual para as tarefas académicas.

 

Foi precisamente unha alumna a que achegou ao acto de hoxe a súa propia experiencia e as vantaxes de ter feito este programa formativo.

 

Ourense en Común valora moi positivamente a oferta formativa da Universidade e máis tendo en consideración ás persoas maiores e o seu papel activo na sociedade potenciando a súa participación na mesma. E neste senso, o vicerreitor de extensión universitaria da Universidade de Vigo ensalzou o curso e as súas posibilidades.