Ourense en Común inicia unha campaña austera, limpa e de proximidade

Ourense en Común inicia unha campaña austera, limpa e de proximidade

• A candidatura encabezada por Martiño X. Vázquez pegará únicamente tres cartaces nas rúas, “por unha cuestión de ecoloxía e limpeza”.
“Iremos a onde está a xente”. Baixo un formato nomeado “barlamento”, bares en diferentes barrios da cidade acollerán faladoiros de políticas municipais nun ambiente distendido.
• 5.000 xornais sairán á rúa, presentando “un programa en alianza co tecido social da cidade, e unha candidatura profesional para un goberno eficiente”.

    Co gallo do inicio da campaña cara a cita electoral do 26M, Martiño Xosé Vázquez, avanza que a de Ourense en Común será unha campaña “sustentable e austera”, e explica que “por unha cuestión de ecoloxía e limpeza non teremos carteis ensuciando as rúas, nin competindo en solapar e pegar uns por riba de outros”.

A candidatura pegará  únicamente tres cartaces, nos espazos habilitados no Parque de San Lázaro, Posío e A Ponte, e apoiaránse en dez lonas en diferentes puntos da cidade para visibilizar a candidatura coa que concorren ás urnas.

    Cunha media de idade de 38 anos, os primeiros nomes da lista centrarán a imaxe de campaña.  Martiño X. Vázquez, historiador e arqueólogo vencellado á economía do terceiro sector, Montse Valencia, profesional no eido do dereito ambiental, Antía Pousa, mediadora social vencellada ao movemento feminista, e Xosé Vaquero, bombeiro municipal, representan “unha xeración capacitada e moi ben formada para transformar o futuro de aquí e dende aquí, un futuro que pasa polo ecoloxismo e o feminismo, para un desenvolvemento de progreso, eco-consciente e respectuoso para as persoas, que nos impulse a un futuro prometedor para Ourense”.

    O candidato a alcaldía adianta ademais unha campaña “de proximidade, de moita presencia na rúa. Pasearemos os barrios e estaremos a disposición da veciñanza para ser interpeladas”.

    Nos barrios farán reparto dun xornal no que “presentamos o modelo de cidade que queremos, as nosas propostas estratéxicas para Ourense, e contamos quen somos, tamén desde o plano persoal”.

    A campaña de OUeC reivindicará ademais “a importancia dos espazos para o diálogo, que cada salón, cada cociña, cada bar sexa un ágora onde debater”, polo que comezando o próximo luns no Posío,  “iremos a onde está a xente”, e visitarán bares dos diferentes barrios da cidade cun formato nomeado “barlamento”, promovendo “faladoiros temáticos nun ambiente distendido”.

    O candidato á alcaldía conclúe que “Ourense xógase moito nesta campaña: continuar coa dinámica de maltrato á cidade ou por fin mirar cara ao futuro e avanzar. Nós saimos a recuperar o futuro”.

Equo apoia a candidatura de Ourense en Común “por unha cidade máis verde, máis sostible e con futuro”

Equo apoia a candidatura de Ourense en Común “por unha cidade máis verde, máis sostible e con futuro”

• Stephanie Ordóñez, coportavoz de Equo Galicia e Alberto Prieto, membro da Comisión executiva federal de Equo deron esta mañá respaldo á lista encabezada por Martiño Xosé Vázquez.
• Destacan as propostas para fomentar a mobilidade sostible e de proximidade, potenciar os espazos verdes, ou mellorar a calidade na alimentación dos ourensáns.
“O programa de OUeC está impregnado de tres puntos fundamentais para Equo: o ecoloxismo, o feminismo e a protección do ben común”.

        Stephanie Ordóñez e Alberto Prieto, respectivamente coportavoz de Equo Galicia, e membro da Comisión executiva federal de Equo, visitaban hoxe Ourense para validar as medidas ecoloxistas da candidatura de Ourense en Común, nunha rolda de prensa xunto a Martiño Xosé Vázquez e a súa número 2 e responsable da área de Sustentabilidade ambiental do programa, Montserrat Valencia, que declaraba que “o futuro de Ourense pasa por poñer o mantemento da vida das persoas no centro da acción política, e de que as políticas locais se baseen na xustiza ambiental e social. Repetimos a aposta pola defensa da sustentabilidade ambiental do 2015, nun modelo político, social e económico onde a institución, as organizacións sociais e a propia cidadanía poidan incidir directamente”.

    Desde Equo, Stephanie Ordóñez manifestaba que a organización política e ecoloxista á que representa revalida neste 2019 o apoio de 2015 a Ourense en Común “por unha razón moi clara, porque o seu programa está impregnado de tres puntos fundamentais para Equo: o ecoloxismo, o feminismo e a protección do ben común”, e destacaba que o programa de OUeC “busca o futuro no emprego verde, o mellor para a enerxía, a auga, o tratamento de residuos, e ten conta da protección das cidadás, para que os veciños e veciñas teñan a cidade que queren en merecen: máis verde, máis sostible e con futuro”.

    Alberto Prieto, membro da Comisión executiva federal de Equo, avaliaba Ourense como unha cidade “chea por oportunidades”, e manifestaba que “a aposta por OUeC garante que se poidan aproveitar todas esas potencialidades: dende a compacidade, o cinturón periurbán de vexetación, como a presencia dos ríos, que poden ser unha grande oportunidade para o desarrollo dunha mobilidade sostible en proximidade”.