No próximo pleno pediremos un compromiso de todos os partidos para loitar contra o desemprego

No próximo pleno pediremos un compromiso de todos os partidos para loitar contra o desemprego

• A taxa de paro rexistrada na capital sitúase na mesma porcentaxe que antes da crise, pero cunha caída no censo de 2500 persoas.
• No ano 2017 só un de cada 10 contratos eran fixos.
• A precariedade laboral e a emigración son as únicas políticas activas de emprego do Partido Popular.

    Na mañá deste venres,  Ourense en Común rexistraba unha iniciativa a defender no vindeiro pleno municipal do mes de abril, incluíndo un acordo co que se pretende comprometer a sinatura dun Pacto Local polo Emprego, conxuntamente entre as forzas políticas e entidades do tecido económico e social de Ourense, co fin de que a vindeira corporación poida garantir o desenvolvemento dunha estratexia de emprego para o Concello, que permita articular e optimizar os servizos e programas existentes, e outros de nova creación, incorporando tamén medidas para o emprego de colectivos específicos.

    Martiño Xosé Vázquez, voceiro e candidato á alcaldía por Ourense en Común, apuntaba esta mañá que a finalidade deste pacto é “blindar nos programas electorais de todas as forzas políticas un compromiso coa que é a maior preocupación da veciñanza de Ourense, especialmente da xente nova e mulleres”. Preténdese, en palabras do portavoz e candidato, “que, independentemente de quen goberne despois das eleccións, exista un preacordo de políticas activas de emprego”.

    “Namentres algúns se aferran ao mantra de que o emprego non é competencia municipal, nós sabemos que hai infinidade de accións que podemos levar a cabo desde o Concello para estimular a creación de emprego, impulsar o emprendemento, e reverter a grave situación de desemprego que viven miles de familias na nosa cidade, ben de forma directa, apostando pola cooperación público-privada, o apoio a iniciativas sociais de emprego, a sinatura de convenios, o fomento do cooperativismo, habilitando un servizo de mellora e reciclaxe profesional para a inserción de maiores de 45 anos, ou ben de forma indirecta, vía bonificación de impostos por exemplo. Ourense precisa un goberno activo, con vontade e compromiso co emprego, non pasivo á agarda de que outras institucións veñan a nos salvar”.

    Con esta moción o grupo continúa na liña que xa anunciara para as últimas sesións plenarias, buscando “deixar avanzado o traballo para o próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.

OUeC solicitará no pleno que o alcalde se comprometa coas condicións laborais das empresas contratadas polo Concello

OUeC solicitará no pleno que o alcalde se comprometa coas condicións laborais das empresas contratadas polo Concello

  • Ourense en Común quere garantir que non se repitan situacións como as vividas polas traballadoras de Linorsa e Seralia nos últimos meses.
  • Ate o de agora só a ponderación económica tense en conta no momento de adxudicar contratos.
  • Ourense en Común solicita que se teña en conta a necesidade de non incidir negativamente sobre as condicións nas que se desenvolve a prestación laboral ou sobre o propio emprego.

 

Ourense, 23 de agosto de 2016

Ourense en Común presentaba esta mañá unha moción que defenderá no vindeiro pleno ordinario do mes de setembro. Nesta proposta o grupo municipalista solicitará que o alcalde se comprometa a garantir, entre outras, as condicións laborais das traballadoras de empresas contratadas pola institución municipal.  

Ate o de agora só a ponderación económica tense en conta no momento de adxudicar contratos públicos. Deste xeito estase promovendo que naqueles contratos nos que o compoñente económico fundamental vén constituído polo custo da man de obra, a única forma de rebaixar a oferta é empeorando as condicións laborais dos traballadores”.

Esta é a razón, segundo Ourense en Común, dos conflitos vividos nos últimos meses con varias empresas adxudicatarias. Así apuntan a que “todas elas sumaban faltas de pagamento ás traballadoras e presentaron ofertas de licitación que significaron o descontento do persoal a subrogar”.

A moción presentada aposta porque as administracións municipais procuren unha contratación pública estratéxica, sustentable e socialmente responsable que teña en conta non só a calidade e eficacia na prestación de servizos públicos e nas compras públicas, senón tamén a necesidade de non incidir negativamente sobre as condicións nas que se desenvolve a prestación laboral ou sobre o propio emprego. “A oferta economicamente máis vantaxosa non ten por que identificarse coa do prezo máis baixo”, advirten.

Ourense en Común argumenta que a súa proposta está contemplada nunha Directiva do Parlamento Europeo e xa en práctica en varios concellos do estado español sen que isto supuxera en ningún caso a redución do número de licitadores. En base a esta propoñen a inclusión de cláusulas sociais nos procesos de contratación pública, ben como requisito previo (Criterio de Admisión ou Reserva de Mercado), como elemento de puntuación (Criterio de Adxudicación) ou como unha obriga inherente ao propio contrato (Condición en fase de Execución).

A Carballeira en Común

A Carballeira en Común

Ourense en Común está nos barrios!

A noitiña do luns 18 estaremos na Carballeira, escoitando á veciñanza e dialogando sobre as problemáticas do barrio.  Presentaremos ademais as principais propostas do Programa Participativo de Ourense en Común para estas Municipais 2015.

Participarán: Carlos García (dinamiza o encontro), Xosé Dorrío, María Durán, Ánxeles Faraldo e Montse Valencia
Convidado Victor Barro – Quince anos de activismo no movemento ecologista ourensan, galego e estatal.