rePensar OUeC 2017

rePensar OUeC 2017

Procurando fomentar unha participación activa en OUeC en harmonía co desenvolvemento persoal, familiar ou laboral, desta volta a xornada anual “RePensar OUeC” celebrarase en domingo (?15/01/2017?).

Será unha xornada monográfica dende as ⏰10h da mañá ata ás 20h da noite⏰ aproximadamente, cun receso para un xantar comunitario (prégase que cada participante achegue algún petisco para compartir). O punto de encontro será o Espazo en Común, sito nas Burgas 8.

Existirá a posibilidade de habilitar unha zona infantil para facilitar a conciliación na sesión de mañá de 10h a 14h (na de tarde non será posible). Se queres reservar unha praza só tes que cubrir o seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScQwvTLhhiHWQ4_mkEfn5D7QSNYaV2D9aIPYZZP23gvE3xarw/viewform?c=0&w=1

?Os obxectivos desta xuntanza anual serán novamente avaliar o proceso municipalista dende o seu proceso constituínte e analizar en que fase do mesmo se atopa. Asemade desta volta preténdese unha redefinición de documentos constituíntes, folla de ruta e planificación estratéxica adaptadas á realidade actual e o horizonte das eleccións municipais de 2019.

Os documentos motivo de análise serán:

  • Declaración de principios:
  • Estrutura organizativa:
  • Protocolo de entrada e participación:
  • Carta de compromiso:
    • Versión actual (Descarga)
    • Proposta do GT Confluencia (Non se presentaron emendas)
  • Código de ética política:
  • Código de Boa Gobernanza:
  • Regulamento Asembleario: 
  • Folla de ruta:

A proposta elaborada polo GT Confluencia poderá ser emendada ata o xoves 12/01/2017 ás 23:59 (mediante correo-e a ourenseencomun@ourense.gal facendo mención na emenda presentada a que documento fai referencia). Posteriormente as emendas serán ordenadas para o seu debate atendendo as seguintes normas:

– O tempo de exposición de cada emenda, incluída a do texto orixinal se é o caso, será de 2 minutos.

– Haberá varias quendas de intervención abertas ao longo da xornada (dun minuto de máximo de duración) para reflexionar sobre aqueles puntos con maior número de emendas ou que podan xerar máis debate.

Consulta o programa completo da xornada:

repensarprograma

Ourense en Común celebra unha xornada participativa para deliberar o seu posicionamento nos procesos electorais supramunicipais

Ourense en Común celebra unha xornada participativa para deliberar o seu posicionamento nos procesos electorais supramunicipais

Ourense en Común, aceptando o seu mandato municipalista, non é alleo á importancia que ten a política en ámbitos superiores e como isto afecta ás veciñas e veciños de Ourense. É por isto que, ante a convocatoria de vindeiros procesos electorais, contribuiremos dende a colaboración con aquelas candidaturas fieis aos principios básicos de Ourense en Común de horizontalidade, transparencia e participación.

 

Asemade un proceso que OUeC poida acompañar deberá cumprir os seus principios políticos básicos: unha xustiza social que garanta a vida digna para todas as persoas, a loita pola igualdade de xénero, o impulso dunha economía próspera, xusta e sustentable, e a aposta decidida pola renovación democrática dende o compromiso ético e a xestión transparente.

 

Ourense en Común constata que, alá onde os procesos de confluencia foron comprendidos na súa esencia, convertéronse na alternativa gañadora. Isto debeuse a que foron entendidos en pé de igualdade por todas as forzas políticas que decidiron traballar por eles. É así, aparcando as siglas e os nomes e antepoñendo as ideas comúns, como un novo proceso de confluencia pode ser a casa que dea acubillo ás persoas que sintan a necesidade dun cambio nas políticas do Estado e do País.

 

Dende a humildade de saber que OUeC non é a ferramenta definitiva nin os inventores dos procesos de confluencia, contribuiremos a axudar a que a realidade dunha candidatura que englobe ao maior número de forzas cidadás e políticas, capaces de articular ese cambio, sexa posible.

 

Data e hora: Xoves 15 de outubro de 2015 ás 19.30h.
Lugar: Local Ourense en Común. As Burgas, 8
Duración do acto: De 19.30h a 21.30h.

Debate a 6 no Liceo

Miguel Doval, candidato á alcaldía de Ourense en Común, participará nun debate organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a través da súa demarcación en Ourense, xunto a outras cinco forzas políticas.

Celebrarase o vindeiro luns, 18 de maio, ás 20:00 horas no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5). O acceso é libre ata completar o aforo.

O debate acollerá a seis das representantes das formacións políticas que se presentan o vindeiro 24 de maio á alcaldía de Ourense: Miguel Doval, de Ourense en Común; Susana García, do BNG Ourense-Asembleas Abertas; Xosé Mosquera, de Compromiso por Galicia; Aurelio Prado, de Anova; Jesús Vazquez Abad do PPdeG; e José Angel Vazquez Barquero, do PSdeG-PSOE. Democracia Ourensana, pola súa banda, foi tamén convidada a participar no debate, pero declinou asistir.

O debate estará moderado polo colexiado e xornalista de Radio Nacional de España Abelardo Vázquez (Ferrol, 1958). Vázquez iniciou a súa carreira profesional en 1976 na emisora La Voz del Miño de Ourense e desenvolveuna principalmente en RTVE. En 2006 fixose cargo da Xefatura de Informativos en Andalucia, e en 2007 director do Centro Territorial de TVE en Sevilla, e director de Nacional de TVE entre 2008 e 2010. En 2010 volveu a Ourense, onde traballa en RTVE. O veterano xornalista tamén é colaborador e columnista en distintos medios.

Estrutura do debate

Tras a presentación do acto, cada candidata disporá de 1 a 2 minutos para resumir o seu programa, antes de comezar cos bloques temáticos sobre cuestións de actualidade para Ourense, como a economía municipal, o termalismo, os servizos sociais, o urbanismo ou o AVE. Ningún partido coñecerá de antemán as preguntas, tan só a temática de cada bloque. Haberá opcións de réplica, pero sempre outorgando ao moderador a capacidade de regular o tempo.

O debate estará aberto a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo. Ofrécense tamén os medios dos que dispón o Liceo, con micrófonos e distribuidor, para que radios e televisións poidan gravar ou retransmitir o acto. Ademais diso, o debate será retransmitido polas redes sociais co hashtag #OurenseDebate.

Miguel Doval no Foro La Región

Debate a 3

O candidato á alcaldía de Ourense en Común participa nun debate con outras dúas das candidaturas que na actualidade non contan con presenza na Corporación.

Miguel Doval debaterá cos candidatos de Compromiso x Galicia e Anova a partir das 20:30 no Auditorio, con retransmisión en directo por Telemiño.

O  debate: para todas, de interese cidadán e baixo criterios informativos

O debate: para todas, de interese cidadán e baixo criterios informativos

Ourense en Común quere manifestar o seu apoio ao documento emitido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) respecto da organización de debates electorais entre as distintas forzas que se presentan ás eleccións municipais do 24 de maio.
Asumimos que só con información de calidade e transparente, poderase exercer unha democracia plena. Como xa dixera o candidato de Ourense en Común á alcaldía de Ourense , o histórico líder veciñal Miguel Doval: “apoiarase calquera medida que permita mellorar a participación en política dunha cidadanía ben informada”.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia aposta porque os debates teñan lugar baixo o criterio “básico” do “interese cidadán, é dicir, o dereito da cidadanía a ser informada das distintas opcións políticas”. Unha aposta coa que concordamos e que aparece recollida dende o manifesto fundacional de Ourense en Común coa nosa aposta por unha maior transparencia e participación na xestión institucional.
Dende Ourense en Común, entendemos polo tanto, que este compromiso informativo deberase reflectir nuns debates cun espírito constructivo, ateigado de propostas e exemplos cotiás de interese para a veciñanza do municipio de Ourense. Un debate no que non terían cabida as acusacións e reproches aos que acostuman os partidos xa instalados nas cúpulas de poder. Como di o CPXG no seu comunicado no derradeiro punto e no que, de novo, concordamos plenamente “os temas a debate son [..] os que atinxen á veciñanza de cada localidade e os que preocupan á cidadanía de Galicia”
Contamos coa vontade de acadar os consensos necesarios para levar a cabo debates deste xeito, máis enriquecedores e proveitosos, nos que o diálogo esté por riba da ofensa, as ideas por riba da loita verbal, e o beneficio común por riba do interese partidista e electoral.