O Sentido Común: Marea fotográfica

O Sentido Común: Marea fotográfica

Safari fotográfico á caza da identidade do comercio local e alimentación sustentable

Unha nena ferida en Vietnam, un garimpeiro do Brasil, un galego despedíndose do seu fillo. Ás veces, a fotografía ensínanos cousas que non podemos ou non queremos ver e que removen a nosa conciencia para tomar partido.

Convencidos de que a revitalización do comercio local e da nosa economía ten moito que ver coa toma de conciencia, pedímoslle aos fotógrafos de Ourense que retraten o estado do comercio e a agricultura de Ourense. Sabemos que por aí pasa o futuro da nosa economía.

Encontro de fotógrafos profesionais e non tanto para mapear os nosos barrios en busca do comercio local.

Encontro cos comerciantes da Praza de Abastos

Encontro cos comerciantes da Praza de Abastos

Productiva xuntanza dos candidatos de Ourense en Común Miguel Doval, Carlos Miguélez e Carlos García con representantes dos comerciantes da Praza de Abastos da cidade. As primeiras críticas que fixeron estes pequenos empresarios foron dirixidas ás xa coñecidas deficiencias da infraestrutura. “A accesibilidade ao mercado é pésima e urxe un xeito de esquivar as escaleiras” trasladaron, tamén a iluminación e o sistema de calefacción é deficiente. Ademais cómpre, din, unha reforma urxente do tellado e da zona do Rianxo, algúns postos nin contan con acometidas de auga e luz. Estes lastres da Praza de Abastos, un referente comercial antaño, están provocando a perda de clientela. Deste xeito, os comerciantes piden que dunha vez se fagan as reformas precisas, algo que dende o goberno municipal non fixeron nos últimos anos malia as promesas. Din que as palabras dos políticos son sempre de apoio, sobre todo en tempo de campaña, pero láianse de que despois non fan nada.

A estes problemas hai que sumarlle a falta de aparcadoiros, din os afectados, non só para clientes, tamén para proveedores. Unha solución viable que aportan é baixar os prezos do parking privado da Alameda e crear unha conexión directa ata o mercado.

Trasladan ademais os comerciantes da Praza de Abastos a Ourense en Común a necesidade de adecentar a contorna do mercado pero preocúpalles o feito de que os futuros proxectos para a zona como centro neurálxico do termalismo traian grandes construccións que non respeten un equilibrio arquitectónico e acaben prexudicándoos. Apuntan precisamente a un proxecto máis semellante ao recollido no Programa Participativo de OueC, unhas infraestruturas de baixa altura relacionadas coa cultura e o termalismo.

Con todo, os comerciantes da Praza de Abastos aseguran que os seus negocios teñen un bo nivel de actividade, pero que estas melloras necesarias suporían un importante pulo e mesmo axudarían a ocupar a totalidade dos postos, moitos deles baleiros agora. Pensan, e niso Ourense en Común concorda plenamente, que o comercio local é un piar fundamental na economía da cidade e cren que a aposta por eles debe ser real. Contra as grandes superficies eles ofrecen calidade e un bo servizo. Innovación e diversificación de oferta axudaría ao pulo que precisan.

photo_2015-05-15_10-24-53 photo_2015-05-15_10-24-43

Encontros con colectivos: comerciantes da Praza de Abastos

Encontros con colectivos: comerciantes da Praza de Abastos

O fomento dunha economía de circuíto curto, que se preocupe polo comercio local e favoreza un tecido económico propio, é prioritario no programa de Ourense en Común. Este mércores 13 de maio Miguel Doval, candidato á alcaldía de Ourense en Común, terá un encontro cos comerciantes da Praza de Abastos. Será no 1º andar da propia praza ás 17:30h.

Por que Ourense en Comun impulsará o comercio local?

Por que Ourense en Comun impulsará o comercio local?

 

  1. Non hai que coller o coche (non contaminamos) para ir mercar á carnicería nin á mercería do barrio.
  2. A tendeira dáche os bos días en galego cando entras pola porta e se xa te coñece preguntarache se o teu avó vai melloriño.
  3. Tes a quen reclamarlle, cara a cara, se o produto non te deixa de todo satisfeita. Darache de seguro outro novo par de zapatos e sen que teñas que amosarlle o ticket!
  4. O da tenda de roupa dirache a camisa que mellor che senta.
  5. A panadeira regálache unha magdalena coa bola de pan.
  6. Á peixeira aínda lle podes regatear un pouquichiño.
  7. O que pagas polo que consumes será revertido de novo aquí, fomentando o crecemento da economía local.
  8. Se evitas as grandes cadenas evitas que continúen enriquecéndose os mesmos tres de sempre.
  9. Pídelle o teu froiteiro as patacas que se sementaron aquí, as pavías do país e as leitugas do paisano de Palmés. Comerás máis san e axudarás aos teus veciños e veciñas labregos.
  10. E é que non podemos deixar que pechen os negocios das ourensás e os ourensáns mentres as grandes empresas seguen colonizando as zonas comerciais.

Encontros con colectivos: Centro Comercial Aberto Couto Centro

O fomento dunha economía de circuíto curto, que se preocupe polo comercio local e favoreza un tecido económico propio, é prioritario no programa de Ourense en Común. Un comercio local saúdable é fonte de riqueza para toda a comunidade. Este luns 11 de maio, ás 10:30 no Magma Espacio, Ourense en Común escoitará o que teñen que dicir os comerciantes reunidos baixo a agrupación Centro Comercial Aberto: Coutro Centro.

Encontro co Centro Comercial Aberto Ourense Centro

Encontro co Centro Comercial Aberto Ourense Centro

O martes 5 de maio os candidatos de Ourense en Común Miguel Doval e Carlos García reuníronse co Presidente do CCAOC, Luís Rivera, co tesoureiro desta asociación, Gaspar Sierra, e coa xerente, Lorena Tato. Despois de explicar brevemente o noso proxecto, interesámonos en coñecer as súas demandas.

Os pequenos empresarios aquí representados amósannos as súas queixas pola pouca implicación e falta de colaboración en xeral das administracións, o que deriva en políticas pouco ou nada axeitadas para o desenvolvemento do comercio local. Afirman, ademais, que a ausencia de acordo entre os distintos grupos políticos que conforman a día de hoxe o Concello e as marcadas diferencias entre a administación local, a provincial e a autonómica imposibilitan avances na resolución de problemas importantes. Situación á que non axuda en nada o baixo poder adquisitivo das ourensás e dos ourensáns debido ás baixas rendas e ao desemprego. A isto, apuntan dende o CCAOC, hai que engadir o alto custo das taxas municipais, principalmente o IBI. Avogan por unha revisión deste imposto e unha maior progresividade. Critican do mesmo xeito o feito de ter tantos impedimentos para dotar aos comercios da debida accesibilidade para as persoas con diversidade funcional, e solicitan axuda técnica e económica.

Os comerciantes esixen tamén o mesmo calendario de apertura para os pequenos comercios que para os grandes centros comerciais, evitando así a competencia desleal, facilitada pola falta de labores de inspección da Xunta. Ademais, a presión continua das grandes cadeas obriga a uns cada vez máis estensos horarios, con efectos moi negativos na conciliación. Porén, as discriminacións respecto das grandes empresas son máis, pois o trato que estas reciben do concello é previlexiado ata o punto de que non colaboran en gastos comúns dos comercios da zona, como por exemplo o pago do alumeado de Nadal. Precisamente respecto do alumeado, que ata hai moi pouco o pagaban só os comerciantes, hai queixas de que este chega tarde e mal, revertindo de forma negativa no consumo. Comunican así mesmo que a Mesa Local de Comercios, na que se sentan representantes das asociacións de comerciantes co Concello e a Xunta, está practicamente desactivada. Só teñen algunhas sesións para informar dos programas de axudas.

E así, día tras día van pechando negocios, quedando moitos baixos baleiros mesmo no centro. O alto prezo dos alugueiros dificulta a subsistencia dos que quedan e limita a apertura de novos comercios. En conclusión, o CCAOC solicita un acordo entre as diferentes forzas para elaborar e desenvolver un plan de actuación que axude ao pequeno comercio, xa que, engaden, as actuacións puntuais non serven para arranxar nada: é precisa unha planificación de accións que permita unha mellora efectiva real da situación.

Desde Ourense en Común trasladóuselle que, precisamente, no noso Programa Participativo inclúese un Plan de Apoio ao Comercio e aos Produtos Locais para sensibilizar á poboación a través de accións de promoción como a creación dunha marca de calidade propia de Ourense, feiras, mostras, obradoiros, publicidade… Ademais, recollemos un plan integral para a revitalización de áreas comerciais e un programa completo de medidas que atenda ás necesidades concretas das PYMES.

Foto da xuntanza co CCAOC

Encontros con colectivos: Centro Comercial Aberto Ourense Centro

O fomento dunha economía de circuíto curto, que se preocupe polo comercio local e favoreza un tecido económico propio, é prioritario no programa de Ourense en Común. Un comercio local saúdable é fonte de riqueza para toda a comunidade. Este martes 5 de maio Ourense en Común escoitará o que teñen que dicir os comerciantes reunidos baixo a agrupación Centro Comercial Aberto. A xuntanza será ás 20:30h no 5º andar do Edificio Sindical.

[Posposto] Encontros con colectivos: Comerciantes Praza de Abastos

O fomento dunha economía de circuíto curto, que se preocupe polo comercio local e favoreza un tecido económico propio, é prioritario no programa de Ourense en Común. Este martes 5 de maio Miguel Doval, candidato á alcaldía de Ourense en Común, terá un encontro na Praza de Abastos cos comerciantes da mesma.

[Encontro adiado ao mércores 13 de maio, ás 17:30h]