Ourense en Común publica na súa web as actas das xuntas de área e dos consellos municipais do concello de Ourense

Ourense en Común publica na súa web as actas das xuntas de área e dos consellos municipais do concello de Ourense

En base ao principio de transparencia que Ourense en Común promove dentro e fora do concello, a web do grupo vén de publicar un novo apartado no que calquera persoa interesada poderá consultar as actas das xuntas de área ou dos consellos municipais aos que os concelleiros e a concelleira de OUeC asisten como representantes municipais.

 

As xuntas de área véñen reguladas no artigo 128 e seguintes do Regulamento orgánico de goberno e organización do concello e nelas dáse conta das diferentes cuestións plantexadas polos concelleiros ao grupo de goberno municipal co fin de facer unha política participativa e resolutiva en cuestións que poden afectar a toda a cidadanía.

 

Son seis as xuntas de área nas que se traballa desde o concello: Facenda, Persoal e Servizos xerais; Economía, Emprego e Comercio; Urbanismo e Vivenda; Infraestruturas, Medio ambiente, Participación Cidadá; Cultura, Educación, Turismo e Termalismo; e, Benestar social.

 

Cada concelleiro de OUeC ten atribuida a asistencia a dúas xuntas de área celebradas todos os martes. E así, a concelleira Ledicia Piñeiro asiste á xunta de Cultura, Educación, Turismo e Termalismo onde se tratan diversas temáticas como a universidade, as escolas infantís ou o mantemento dos centros educativos; a normalización linguística ou os festivais e museos; e, Benestar social, con asuntos tan sensibles como son os servizos sociais comunitarios ou o fogar do transeúnte ou a xestión dos centros cívicos da cidade, a protectora de animais, os CIMM ou a casa da xuventude.

 

Pola parte do concelleiro Martiño X. Vázquez, están as áreas de Facenda, Persoal e Servizos xerais, con asuntos da índole como son os fondos europeos, o comercio ou a xestión orzamentaria do concello e, Urbanismo e Vivenda, onde se trata a xestión urbanística, as licenzas ou o patrimonio municipal.

 

Finalmente, o concelleiro Miguel Doval asiste as áreas de Economía, Emprego e Comercio, onde priman os asuntos sobre promoción económica, industria, emprego, participación en feiras ou xestión de edificios municipais, entre outros; e á de Infraestruturas, Medio ambiente, Participación Cidadá, isto é, mobiliario urbano, augas, saneamento, servizos eléctricos calidade ambiental e sustentabilidade, parques ou xardíns e transporte público.

 

Tamén se publican as actas dos Consellos municipais ás que igualmente asiste OUeC. Actualmente só fai convocatoria de reunións o Consello Municipal de Deportes estando pendente da primeira convocatoria deste goberno do Consello Municipal de Cultura.

 

En todo caso, o denominador común en case todas estas xuntas e consellos é a incapacidade do actual goberno local para proporcionar a información que se lle solicita en tempo e forma e á que legalmente temos dereito tal e como indica o artigo 9 e seguintes do Regulamento do concello e tal e como recentemente se denunciou publicamente. Enlace á nova de La Voz de Galicia.

 

Pódense consultar as actas premendo aquí.

O  debate: para todas, de interese cidadán e baixo criterios informativos

O debate: para todas, de interese cidadán e baixo criterios informativos

Ourense en Común quere manifestar o seu apoio ao documento emitido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) respecto da organización de debates electorais entre as distintas forzas que se presentan ás eleccións municipais do 24 de maio.
Asumimos que só con información de calidade e transparente, poderase exercer unha democracia plena. Como xa dixera o candidato de Ourense en Común á alcaldía de Ourense , o histórico líder veciñal Miguel Doval: “apoiarase calquera medida que permita mellorar a participación en política dunha cidadanía ben informada”.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia aposta porque os debates teñan lugar baixo o criterio “básico” do “interese cidadán, é dicir, o dereito da cidadanía a ser informada das distintas opcións políticas”. Unha aposta coa que concordamos e que aparece recollida dende o manifesto fundacional de Ourense en Común coa nosa aposta por unha maior transparencia e participación na xestión institucional.
Dende Ourense en Común, entendemos polo tanto, que este compromiso informativo deberase reflectir nuns debates cun espírito constructivo, ateigado de propostas e exemplos cotiás de interese para a veciñanza do municipio de Ourense. Un debate no que non terían cabida as acusacións e reproches aos que acostuman os partidos xa instalados nas cúpulas de poder. Como di o CPXG no seu comunicado no derradeiro punto e no que, de novo, concordamos plenamente “os temas a debate son [..] os que atinxen á veciñanza de cada localidade e os que preocupan á cidadanía de Galicia”
Contamos coa vontade de acadar os consensos necesarios para levar a cabo debates deste xeito, máis enriquecedores e proveitosos, nos que o diálogo esté por riba da ofensa, as ideas por riba da loita verbal, e o beneficio común por riba do interese partidista e electoral.

Gañaremos seguro: venceremos nós

Gañaremos seguro: venceremos nós

_MG_2172En novembro de 2014 presentábase ante a cidade o proxecto político de Ourense en Común. Daquela a ilusión era máxima para construír unha candidatura cidadá e de confluencia, unha candidatura honesta, cuns principios básicos e un obxectivo claro: Gañar Ourense. Gañar Ourense para transformalo, para mudar os xeitos de participar en política e, en definitiva, para devolverlle o protagonismo á xente, ás persoas, ao pobo.

Daquela, lembrade, o peche do acto Ourense Ben Común remataba cantando aquel “Venceremos nós”, unha versión renovada do clásico de Peter Seeger, xa versionada por Luis Olivares ou máis recentemente polo Neno Eliot, pero máis que un himno, unha declaración de intencións.

E hoxe a candidatura de Ourense en Común e xá unha realidade. A ilusión medrou e medrou, non sen dificultades, pero agora máis forte que nunca, máis claro que nunca, Ourense en Común está reforzado como espazo de construcción dun modelo de cidade. E así o quixeron deixar claro as candidatas na súa primeira rolda de prensa ante os medios de comunicación ourensáns. Na posta en escena en Magma Espacio, lembraron que gañar é o obxectivo pero, gañar non a calquera prezo.

_MG_2170

O candidato número tres da lista, Martiño Xosé Vázquez, destacou que “para nós gañar Ourense non é gañar as eleccións, nin sequera o goberno municipal. Nós gañamos seguro, porque imos desenvolver un proceso completo, se conseguimos establecer en cada barrio do Concello de Ourense un grupo de traballo. Constituír mesas sectorias de xeito permanente, xa gañamos, porque estamos transformando a realidade social do Concello”. Establecer un método de traballo que permita facer de interlocutores entre a administración, os técnicos e as persoas Estamos convencidas, gañaremos seguro!.

OueC quere e aspira a facer cidade, unha cidade para as persoas e por iso facemos cidade, construímos cidade e o único xei de facelo é a través da cidade, en contacto coa xente nos barrios e nas mesas sectoriais.

O histórico líder do movemento veciñal nos barrios de Ourense, Miguel Doval, é o home que encabeza a lista e para el tamén é a oportunidade de poñer en práctica “todo o que levo 20 anos predicando nos barrios”. É o momento e destacou que “queremos rachar conceptos, a participación cidadá é o máis importante, e o noso programa vai estar en contínua evolución, seguindo a evolución da cidade”. Para Doval, o protagonisto está nas cidadás que queremos “ser protagonistas do noso propio destino” construíndo a cidade que queremos. E unha resposta clara a unha pregunta “Gústame Ourense en Común porque dende o principio sentinme cómodo e máis novo”, dixo Doval. “Se te sinalan co dedo un montón de xente nova, para min é un orgullo. E ainda por riba teñen a ocurrencia de facer o que levo predicando toda a vida: partipación, como ía negarme?”.

Miguel si que hai necesidade de meterse en fregados coma este, e como negarse?

Somos cidadás actoras da política municipal e queremos que as veciñas tamén o sexan e todas teñamos voz non só fóra senón tamén dentro da institución. E así as candidatas llo trasladaron aos medios, que tamén serven para que esta ilusión chegue a máis xente.

Seguimos adiante, mirando de fronte porque como dixo a número dous, Ledicia Piñeiro, “a xente que soubo entender este novo método seguimos aquí, seguimos sendo Ourense en Común”.

Coa lista pechada e xa en precampaña toca traballar e para iso xa comezou o traballo hai oito meses e despois dunha análise das máis dun cento de propostas recibidas o programa sairá á luz o vindeiro 30 de abril. O primeiro programa colaborativo de Ourense feito en común pola xente de Ourense, expertos, veciñas, activistas, militantes de organizacións politicas, xuntas!.

E para difundir e amplificar esta mensaxe e como explicou a candidata número seis Mavi Calviño “faremos unha campaña, austera, honesta, diferente e tiraremos da creatividade da xente que estamos en Ourense en común para que sexa atractiva para o cidadán” e destacou “vai ser unha campaña totalmente transparente como as nosas contas publicadas dende o minuto un na nosa páaxina web”.

Un equipo de xente traballa xa na organición desa campaña, xa a veremos…. e xa vos iremos contando. Permanecede atentas!.

Gañar Ourense

Ese é o reto que nos plantexamos o grupo de persoas que conformamos o proceso de Ourense en común. Gañar Ourense para os seus veciños e veciñas. Gañar para abrir as portas do concello á transparencia, á ética a un compromiso coas necesidades da xente.  E facelo participativamente, contando coa cidadanía. Por iso unhas Primarias Cidadás Abertas, por iso un Programa Participativo. Porque só sumando podemos construír o goberno de todas, a cidade das persoas.  Este mércores día 4 comeza a campaña das primarias. Non é unha competición, é un xeito máis de compartir coa cidadanía as nosas propostas. Nun proceso coma o de OUeC o que importan son as ideas, os principios. Cada unha das persoas que concorre ás primarias está capacitada para defendelas máis coidamos que debe ser a cidadanía, e non unha cúpula dun partido quen ordee a listaxe. É outro xeito de facer as cousas, amosando coa práctica que cremos na intelixencia colectiva, no poder da xente. Isto é participación, isto é transparencia. Isto é comezar a mudar as cousas. Sabemos que se poden facer doutro xeito máis estamos convencidas de que estas son as ferramentas do futuro. Imaxinamos, e sabemos que se pode conquerir, unha cidade na que cada barrio, cada rúa, cada veciña se implique no seu desenvolvemento, progreso e mellora.

Primarias Cidadás Abertas

Primarias Cidadás Abertas

calendarioXa chegan as Primarias Cidadás Abertas de Ourense en común. Un xeito participativo de construir xuntas unha candidatura que nos represente a toda a cidadanía ourensá. Unha candidatura plural, diversa que escolleremos entre todas nun proceso aberto e transparente. O sábado 14 e o domingo 15 de marzo teremos a oportunidade de votar, presencial ou telemáticamente, por aquelas mulleres e homes que irán xuntos na nosa lista para as municipais. Intelixencia colectiva para repensar outro modelo de cidade.  O proceso de confluencia Ourense en Común quere ser unha ferramenta ao servizo da sociedade ourensá. Un espazo habitado por diferentes sensibilidades e identidades políticas que procuran acadar a xustiza social. Guiado pola ética e polo compromiso na súa acción política comprométese a sacar a institución á rúa. E queremos comezar facendo un chamamento á participación nas dúas direccións. En Ourense hai xente competente, capaz e con principios que poden representar dignamente á cidadanía no concello. Se ti es unha desas persoas non o dubides e preséntate ás primarias. E ademais queremos que participe canta máis xente mellor nas xornadas electorais. Poremos para elo todas as facilidades tanto presenciais como telemáticas para que ninguén que queira participar poida facelo. Porque chegou o tempo da xente, chegou a hora da cidadanía. Todas e todos somos os protagonistas deste cambio. Ler máis.

Camiñando cara un concello de todas

Camiñando cara un concello de todas

Ourense en común continúa no 2015 a súa dinámica de construcción dun programa participativo pensado por e para a xente de Ourense. Pechamos o 2014 no que acadamos o obxectivo inicial de 1.500 sinaturas de apoio e nos dotamos dunha estrutura de organizativa. E comezamos un novo proceso que transita polos barrios achegándose á realidade do día a día das veciñas e veciños: Seixalbo, A Carballeira… e todos os que virán despois. Ao mesmo tempo están en marcha os encontros sectoriais que ofrecerán unha diagnose da situación na que se atopan os servizos municipais do concello así como a proposta dunha alternativa política para a súa xestión. A cultura, o termalismo, a economía, a mobilidade, o urbanismo… repensados dende os principios que sustentan este movemento municipalista. Porque cremos que o cambio democrático que ven debe comezar naquela institución máis cercana á cidadanía. Facendo á xente protagonista. Redefinindo o concepto de gobernantes e gobernados. Creando un compromiso ético colectivo para cambiar de vez a forma de facer as cousas.

Imaxes do 1º encontro 26-12-14E este compromiso materialízase tamén nun proceso de confluencia. Ao longo dos meses de decembro e xaneiro Ourense en común está a levar a cabo reunións coas forzas políticas da cidade que se viron interpeladas polo chamamento para recoller o seu apoio e facilitar a súa integración nesta iniciativa. Porque cremos firmemente que só así, actuando con xenerosidade, se pode conseguir o obxectivo. Sumando a experiencia acumulada de persoas que comparten uns principios semellantes con novas formas participativas de facer política.

xornadE esas novas maneiras están a coller forma en xornadas participativas como a desenvolvida ao redor da redacción do regulamento que rexirá o proceso de primarias cidadás abertas polo que se configurará unha candidatura para as municipais de maio. Un proceso transparente dende o seu inicio que culminará cunha xornada electoral na que calquer cidadá que o desexe poderá escoller directamente non só o cabeza de lista se non cales son as persoas que pensa que o van representar mellor no concello. A mobilización dunha veciñanza libre, madura e responsable que exerce a súa capacidade para elixir, fronte ás formas tradicionais de listas dirixidas opacas que escapan ao control da xente. Unha veciñanza que debe exercer permanentemen o dereito a controlar ás persoas que ocupan posto de concelleiro e tamén á figura da alcaldesa. Unha veciñanza activa e organizada que supervise a actividade municipal e cree así un verdadeiro contrapoder na rúa que evite os desmanes corruptos que asolagan actualmente as nosas institucións.

seixalboE sabemos que é posible, estamos orgullosas do Ourense vivo e desperto. Do Ourense que emprende socialmente que é libre e non ten medo. Un Ourense que reclama, que é solidario e activo. Un Ourense que se expande cada día máis. Que só mira ao pasado para saber que é o que non quere xa máis. Que quere enterrar para sempre as prácticas nepóticas que condenan á provincia e á cidade aos postos de cola no desenvolvemento. Un Ourense que premia o talento, os méritos e o esforzo dos seus veciños. Un Ourense feito por todos. Unha cidade para todas.

OURENSE BEN COMÚN

OURENSE BEN COMÚN

“Cando a tiranía é lei, a revolución é orde”. Parafraseando a Calle 13 (que a súa vez colleu o lema de Pedro Albizu Campos, combatente pola liberación de Porto Rico), Martiño Xosé Vázquez rematou a súa intervención no acto #OurenseBenComún. Engadindo que se a tendencia non muda, terá que unirse (cos seus títulos universitarios) á maioría dos seus amigos, que se viron obrigados a buscar a vida no exterior por falta de oportunidades na terra.

foto1A presentación de Ourense en Común tras acadar o primeiro obxectivo fixado, as 1.500 sinaturas como aval ao proxecto, foi unha grande asemblea no Campus na que as ourensás e os ourensáns (da cidade e das aldeas) puideron escoitar qué é OeC, cales son os seus principais cometidos e cara onde se dirixe esta marea cidadá sen mar, co Miño de columna vertebral. Puideron escoitar e tamén participar e expoñer as súas inquedanzas e as súas pegas.
foto2E é que cando a desesperanza se converte en enfado, entón si, hai que facer algo! Non hai mellor esterco ca xenreira, a rabia para a toxicidade, para un vivir sombrío. E sempre se pode facer algo para cambialo, ata os desesperanzados poden intentalo.
Cando lees os xornais sabendo que non hai defensa dos desfavorecidos, se unha mañá máis escoitas a radio agardando o próximo imputado, cando acendes a tele e volves apagala, compañeira, compañeiro, tes que facer algo. E por fin, tras anos e anos no papel de vasalos, hai onde amarrarse. foto3O 15M foi o xérmolo da implicación política dos de a pé. Berrarlle á pantalla tonta, despotricar nas redes sociais non fixo efecto e houbo que saír ás rúas, ás prazas para unirse cos que levan quilómetros de activismo nos pés e seguen portando faixas. Agora chegou o momento de gañar, de tomar as institucións para a cidadanía.
foto4Transparencia, participación e horizontalidade, os tres piares organizativos fundamentais de OeC, quedaron reflictidos nas breves e concretas explicacións dos voceiros de cadanseu grupo de traballo. A palestra encheuse de verbas para o cambio e desa enerxía que recenden os que cren no que falan, os que cren no que fan. As mans de fronte, respondían.
foto5
Só se pode gobernar para todas e todos, se antes de crear as ferramentas precisas para a participación directa, se pensa no ben común. Ata agora só se lles permitiu chegar aos gobernos a individuas e individuos que unicamente pensaban no resto (máis ben en empresas ca en persoas) se tiñan riqueza que ofrecerlle, se lle posibilitaban perpetuarse no poder con artimañas non só ilegais senón ademais carentes de ética algunha.
Un Ourense habitábel para todas e todos é unha cidade solidaria, unha cidade sustentábel (a ecoloxista María Durán explicando os medios no salón de actos amosouna realizábel).

foto6E isto está por construír, entre todas e todos. A confluencia de forzas, as sinerxias de ideas poden crear un programa para un municipio no que os servizos públicos (renovados, reforzados) chegen sobre todo a quen máis os precisa, no que a cultura tamén poida ser un xeito de vida, unha opción de enriquecemento intelectual e de ocio ( ninguén en Ourense como a invitada Ánxeles Cuña para explicar nesta presentación o esquecemento das administracións á cultura e á educación).
foto7Quixeron ir ao grao, directos, non hai tempo, cada día que pasa é un día cara o empeoramento. Pediron voces para engadirse a este espazo común, para modelar entre todas e todos, os medios máis axeitados para chegar aos feitos.
Unha posta en escena clara e dinámica que trasmitiu máis dixerible a mensaxe. E remataron coa guitarra e o acordeón, con ese xa popular chamamento de Pete Seeger a vencer, contra o medo e cantado en galego. Un bo final para algo que comeza, en ti tamén está chegar aos feitos.­
foto8