Equo apoia a candidatura de Ourense en Común “por unha cidade máis verde, máis sostible e con futuro”

Equo apoia a candidatura de Ourense en Común “por unha cidade máis verde, máis sostible e con futuro”

• Stephanie Ordóñez, coportavoz de Equo Galicia e Alberto Prieto, membro da Comisión executiva federal de Equo deron esta mañá respaldo á lista encabezada por Martiño Xosé Vázquez.
• Destacan as propostas para fomentar a mobilidade sostible e de proximidade, potenciar os espazos verdes, ou mellorar a calidade na alimentación dos ourensáns.
“O programa de OUeC está impregnado de tres puntos fundamentais para Equo: o ecoloxismo, o feminismo e a protección do ben común”.

        Stephanie Ordóñez e Alberto Prieto, respectivamente coportavoz de Equo Galicia, e membro da Comisión executiva federal de Equo, visitaban hoxe Ourense para validar as medidas ecoloxistas da candidatura de Ourense en Común, nunha rolda de prensa xunto a Martiño Xosé Vázquez e a súa número 2 e responsable da área de Sustentabilidade ambiental do programa, Montserrat Valencia, que declaraba que “o futuro de Ourense pasa por poñer o mantemento da vida das persoas no centro da acción política, e de que as políticas locais se baseen na xustiza ambiental e social. Repetimos a aposta pola defensa da sustentabilidade ambiental do 2015, nun modelo político, social e económico onde a institución, as organizacións sociais e a propia cidadanía poidan incidir directamente”.

    Desde Equo, Stephanie Ordóñez manifestaba que a organización política e ecoloxista á que representa revalida neste 2019 o apoio de 2015 a Ourense en Común “por unha razón moi clara, porque o seu programa está impregnado de tres puntos fundamentais para Equo: o ecoloxismo, o feminismo e a protección do ben común”, e destacaba que o programa de OUeC “busca o futuro no emprego verde, o mellor para a enerxía, a auga, o tratamento de residuos, e ten conta da protección das cidadás, para que os veciños e veciñas teñan a cidade que queren en merecen: máis verde, máis sostible e con futuro”.

    Alberto Prieto, membro da Comisión executiva federal de Equo, avaliaba Ourense como unha cidade “chea por oportunidades”, e manifestaba que “a aposta por OUeC garante que se poidan aproveitar todas esas potencialidades: dende a compacidade, o cinturón periurbán de vexetación, como a presencia dos ríos, que poden ser unha grande oportunidade para o desarrollo dunha mobilidade sostible en proximidade”. 

rePensar OUeC 2017

rePensar OUeC 2017

Procurando fomentar unha participación activa en OUeC en harmonía co desenvolvemento persoal, familiar ou laboral, desta volta a xornada anual “RePensar OUeC” celebrarase en domingo (?15/01/2017?).

Será unha xornada monográfica dende as ⏰10h da mañá ata ás 20h da noite⏰ aproximadamente, cun receso para un xantar comunitario (prégase que cada participante achegue algún petisco para compartir). O punto de encontro será o Espazo en Común, sito nas Burgas 8.

Existirá a posibilidade de habilitar unha zona infantil para facilitar a conciliación na sesión de mañá de 10h a 14h (na de tarde non será posible). Se queres reservar unha praza só tes que cubrir o seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScQwvTLhhiHWQ4_mkEfn5D7QSNYaV2D9aIPYZZP23gvE3xarw/viewform?c=0&w=1

?Os obxectivos desta xuntanza anual serán novamente avaliar o proceso municipalista dende o seu proceso constituínte e analizar en que fase do mesmo se atopa. Asemade desta volta preténdese unha redefinición de documentos constituíntes, folla de ruta e planificación estratéxica adaptadas á realidade actual e o horizonte das eleccións municipais de 2019.

Os documentos motivo de análise serán:

  • Declaración de principios:
  • Estrutura organizativa:
  • Protocolo de entrada e participación:
  • Carta de compromiso:
    • Versión actual (Descarga)
    • Proposta do GT Confluencia (Non se presentaron emendas)
  • Código de ética política:
  • Código de Boa Gobernanza:
  • Regulamento Asembleario: 
  • Folla de ruta:

A proposta elaborada polo GT Confluencia poderá ser emendada ata o xoves 12/01/2017 ás 23:59 (mediante correo-e a ourenseencomun@ourense.gal facendo mención na emenda presentada a que documento fai referencia). Posteriormente as emendas serán ordenadas para o seu debate atendendo as seguintes normas:

– O tempo de exposición de cada emenda, incluída a do texto orixinal se é o caso, será de 2 minutos.

– Haberá varias quendas de intervención abertas ao longo da xornada (dun minuto de máximo de duración) para reflexionar sobre aqueles puntos con maior número de emendas ou que podan xerar máis debate.

Consulta o programa completo da xornada:

repensarprograma

Ourense en Común aposta por unha área da Lingua que dea prestixio social ao galego

  • OUeC propón colaborar coa candidatura de Ponte nas Ondas para que o patrimonio galego-portugués sexa recoñecido como Patrimonio da Humanidade
  • Crearase un Observatorio da Lingua que xestione a política lingüística municipal. “Este órgano transversal a tódalas concellerías asegurará o fomento da normalización do Galego”
  • Os estudos sociolingüísticos son rotundos: existe unha radical ruptura xeracional na transmisión da lingua e uns baixos niveis de uso entre a mocidade. Nestes espazos, o Concello ten moito que dicir e que facer
  • Ademais, comezaremos a elaborar a programación cultural co gallo da conmemoración dos 100 anos da Xeración Nós en 2020

OURENSE. 13/05/15.– O Programa Participativo de OueC presenta unha área específica ao redor da lingua galega, e faino no apartado de Ben Común, porque iso é o noso idioma, un ben de toda a veciñanza de Ourense como o son as augas quentes, o rianxo, o Santo Cristo, os magostos ou as beiras do Miño e o Barbaña.

A xestión da política lingüística municipal amósase especialmente relevante, por ser os concellos as administracións cun maior contacto directo coa cidadanía; polo tanto, debe ofrecer algo máis ca traballo de asesoramento lingüístico ou administrativo, para abordar en todas as súas dimensións o conflito lingüístico.

Por iso a xestión da lingua para OUeC debe ser transversal, e participar en todos os departamentos municipais e tamén no sector socioeconómico.

OUeC propón unha área dinamizadora que colabore na dotación de ferramentas e recursos ás verdadeiras institucións, colectivos e axentes que traballan a prol da normalización lingüística, e no prestixio social da lingua.

 

A lingua en perigo

Nas mesas participativas da Área de Lingua, resultou inevitable centrar as diferentes propostas e discursos ao redor da infancia, a xente nova e o sector educativo. Os estudos sociolingüísticos son rotundos, existe unha radical ruptura xeracional na transmisión do idioma e uns baixos niveis de uso entre a mocidade. E nestes espazos, o Concello ten moito que dicir e que facer.

A Lei Paz Andrade é unha das ferramentas fundamentais para acadar os nosos obxectivos; o achegamento á lingua e cultura portuguesas son o camiño para mudar o paradigma sociopolítico galego, en relación co status da lingua, incidindo no seu carácter internacional e a súa pertenza ao ámbito da lusofonía.

As políticas lingüísticas impleméntanse no país desde hai 30 anos, e non presentan bos resultados. Por iso é necesario darlle unha volta a esas políticas, moitas veces escuras e agochadas. Un bo exemplo é que co gallo da celebración do día das Letras Galegas, se aproveita para homenaxear a un fascista: as persoas que toman estas decisións fan política. En OUeC xa reiteramos que a política non se pode separar de nada, e moito menos da cultura e a lingua.

Por iso, crearase un Observatorio da Lingua que xestione a política lingüística municipal. “Este órgano transversal a tódalas concellerías asegurará o fomento da normalización do Galego e tenderá ao autofinanzamento a través de axudas europeas a proxectos interrrexionais aproveitando a unión da lingua e a cultura galego-portuguesa”.

“Entendemos a lingua como un valor de proxección de Ourense de cara a fóra e de cara ao futuro. Por isto presentaremos a candidatura de Ourense como Patrimonio Literario da Humanidade pola UNESCO, colaboraremos coa candidatura de Ponte nas Ondas para que o patrimonio galego-portugués sexa recoñecido como Patrimonio da Humanidade e, ademais, comezaremos a elaborar a programación cultural co gallo da conmemoración dos 100 anos da Xeración Nós en 2020”.

É necesario que a área municipal de lingua supere o seu papel instrumental e simbólico para participar activamente en todos os departamentos do Concello, dotándose de recursos para ser unha auténtica ferramenta de dinamización social e económica.

Desde OUeC queremos convidarvos a ler o Programa Participativo, e a Área de Lingua, para comezar xa, a traballar por un Ourense e unha lingua en común.

Por un Concello das persoas!

Ourense en Común presentará a candidatura de Ourense como Patrimonio Literario da Humanidade pola UNESCO e creará un observatorio da Lingua

Ourense en Común presentará a candidatura de Ourense como Patrimonio Literario da Humanidade pola UNESCO e creará un observatorio da Lingua

    • Crearase un Observatorio da Lingua que xestione a política lingüística municipal. Este órgano transversal a tódalas concellerías asegurará o fomento da normalización do Galego.
    • OUeC presentará a candidatura de Ourense como Patrimonio Literario da Humanidade pola UNESCO e comezarase a elaborar a programación cultural co gallo da conmemoración dos 100 anos da Xeración Nós en 2020.
    • Os diferentes espazos museísticos da zoza histórica integraranse nun gran Museo Aberto, que permita coordinar e mellorar a súa programación e funcionamento. Non pode haber ningún museo nin monumento pechado ao público.
  • Porase en funcionamento do Banco Municipal de Libros de Texto en colaboración coas ANPAS dos centro educativos.

OURENSE. 13/05/15.– As candidatas de OUeC Maravillas Calviño, número seis da candidatura e Emilio Rodríguez Tilve, a número 9, falaron esta mañá diante do Colexio Curros Enríquez dalgunhas das medidas recolllidas no Programa Participativo relacionadas cas áreas de Educación, Cultura e Lingua.

A cultura sen xente non é cultura e por iso defendemos o acceso a ela como dereito fundamental e irrenunciable das persoas e queremos devolver a Ourense o título de cidade cultural, dixo Emilio Rodríguez Tilve. “Dende OueC queremos cambiar o xeito de facer as cousas dende a Concellería de Cultura, facendo a cultura máis accesible a tódalas veciñas. Para isto queremos facer unha axenda unificada de actividades culturais no concello, garantir a presenza cultural nos barrios e o rural e fomentar a participación de todas no ciclo de festexos municipais para asegurar a súa vitalidade e supervivencia”, sinalou.

Para poñer en valor a tradición de cultura de Ourense, OueC quere integrar os diferentes espazos museísticos da cidade vella nun gran Museo Aberto. Que permita coordinar e mellorar a súa programación e funcionamento. “Non pode haber ningún museo nin monumento pechado ao público. Queremos abrir e recuperar os espazos monumentais pechados e crear un grande escenario da cultura a pé de rúa”, destacou.

 

Ourense Patrimonio Literario da Humanidade

A defensa da nosa lingua e cultura literaria de Ourense é tamén unha prioridade para OueC. Para isto, crearase un Observatorio da Lingua que xestione a política lingüística municipal. “Este órgano transversal a tódalas concellerías asegurará o fomento da normalización do Galego e tenderá ao autofinanzamento a través de axudas europeas a proxectos interrrexionais aproveitando a unión da lingua e a cultura galego-portuguesa”, explicou Rodríguez Tilve.

“Entendemos a lingua como un valor de proxección de Ourense de cara a fóra e de cara ao futuro. Por isto presentaremos a candidatura de Ourense como Patrimonio Literario da Humanidade pola UNESCO, colaboraremos coa candidatura de Ponte nas Ondas para que o patrimonio galego-portugués sexa reconocido como Patrimonio da Humanidade e, ademais, comezaremos a elaborar a programación cultural co gallo da conmemoración dos 100 anos da Xeración Nós en 2020.

 

Educación para todas ao longo de toda a vida

No eido da Educación Maravillas Calviño, número seis da candidatura de OUeC manifestou o compromiso de OUeC coa Educación, “comprometémonos coa aprendizaxe permanente, para todas as persoas e ó longo de toda a súa vida, construíndo xuntas a cidade educadora que é capaz de ensinar e tamén de aprender.

“Temos que converter Ourense e a súa contorna nun espazo educador, dando a coñecer a súa historia, tradicións, patrimonio e recursos. A cidade educadora sae dos espazos pechados para trasladarse as rúas, prazas, parques, mercados…. a todos os espazos públicos, dando a coñecer a historia, tradicións, patrimonio e recursos do noso Concello, articulándose en base a elaboración de unidades didácticas, itinerarios ambientais e históricos, concursos artísticos, visitas guiadas…, implicando aos colectivos, entidades e asociación da cidade e garantindo a transversalidade para que se impliquen todas as áreas municipais”, engadiu.

Como parte da Educación é importante redefinir as bibliotecas municipais como centro de recursos para a aprendizaxe e a investigación co obxectivo de que a información se transforme en coñecemento.

“Tamén propoñemos a posta en funcionamento do Banco Municipal de Libros de Texto en colaboración coas ANPAS dos centro educativos, destacou Calviño.

Para OUeC o prioritario son as persoas e para mellorar a calidade de vida é preciso mellorar a conciliación familiar e laboral especialmente fóra do horario lectivo e en período vacacional. “Para iso apostamos pola ampliación dos horarios de apertura das instalacións deportivas dos centros escolares para uso da veciñanza, en colaboración coa Consellería de Educación e en coordinación coas ANPAS”, dixo Maravillas Calvió . Isto incluiría a programación anual de actividades culturais, sociais e lúdicas, facendo unha oferta unificada entre todas as concellarías coa suficiente antelación para facilitar o seu coñecemento.

“E, por suposto, defendemos e esiximos unha educación pública e universal, gratuita e de calidade, laica, inclusiva e en galego rematou Maravillas Calviño, numero seis da candidatura cidadá de OUeC.

Rolda de Prensa: Ben común

Rolda de Prensa: Ben común

Ourense en Común segue a debullar o seu Programa Participativo. Nesta ocasión, Mavi Calviño e Emilio R. Tilve, números 6 e 9 na candidatura de OUeC, presentarán ás 12h nunha rolda de prensa no CEIP Curros Enríquez a parte do noso programa adicada ao noso Ben Común, con medidas concretas nos eidos da Educación, a Cultura e a nosa Lingua.

Temos fame de cultura

Temos fame de cultura

No que levamos de campaña non houbo un día que non sairamos á rúa. E ben que o pasamos. Paseo crítico para descubrir os segredos e tesouros do Ourense que nos negamos a esquecer, marchas en bicicleta, tempo para compartir cos cativos contos e debuxos…e o que aínda está por vir! Creatividade a mantenta. Curiosidade. Memoria. E rúa, moita rúa. O que estamos a facer estes días é o que mellor ilustra a cultura que queremos. E xente, moita xente: creando, pensando, rindo, aprendendo. Porque de nada nos serven os escenarios baleiros, os libros nos caixóns ou os monumentos pechados ás visitas. A cultura sen xente non é cultura e por iso defendemos o acceso a ela como dereito fundamental e irrenunciable das persoas.

Por onde pasa ese dereito? Primeiro, por xerar unha cultura que sintamos como nosa e que nos ilusione. E iso non nolo poden impor. Un concello das persoas non pode «dirixir» unha programación sen ter en conta ao público, preocupándose pola cantidade e non pola calidade, caendo no personalismo, na arbitrariedade ou mesmo na propaganda política… e sendo moitas veces pouco máis que un simple contratista. Ese non é o camiño. Ourense leva tempo xa nun estrano proceso de divorcio entre a cultura que fai a súa veciñanza e os eventos que programa a administración. Unha axenda paralela que debilita as partes e unha competencia absurda que temos que desmontar. O camiño da cultura é tamén o do diálogo e a reconciliación. O da cidade coa súa cidadanía.

 

Apoio decidido á cultura real

Facer cultura é ante todo escoitar e axudar, apoiar, participar. Por iso priorizamos unha política que de apoio real aos proxectos culturais e creativos da cidade. Queremos unha concellaría de cultura implicada e coa capacidade abondo como para botar unha man no desenvolvemento das iniciativas que xa hai en marcha, fornecéndoas con medios técnicos e profesionais e abrindo os equipamentos para que os ocupen coas súas ideas. Propoñemos formación especializada e de calidade para un sector que consideramos estratéxico; así como acompañamento e asesoramento na busca de financiamento e nos procesos administrativos.

Entendemos que o apoio a cultura como sector ten que ser tamén económico, e aquí, como en todos as aspecto da vida municipal, defendemos un principio de racionalidade. Redeseñaremos o actual programa de axudas municipais para establecer tres liñas que diferencien entre proxectos culturais, eventos e produción artística; cada unha con criterios de valoración claros e de dominio público, e que garantan a total transparencia orzamentaria. Non queremos comprar cultura senón investir en cultura,con estratexias definidas e a longo prazo nas que se teña en conta a calidade e o retorno social.

 

Cultura cociñada a lume lento, tamén nos barrios

Se queremos unha política cultural forte e eficaz para Ourense temos que entender a cidade na que vivimos e a totalidade das súas producións culturais: a das asociacións veciñais, a dos colectivos inmigrantes, a da súa mocidade, a dos seus maiores, que son ademais a salvagarda da memoria e o patrimonio. Queremos desenvolver accións que estimulen esta creatividade e permitan unha programación cultural propia nos barrios e no rural. A cultura é o xeito no que expresamos a nosa identidade, e queremos dicir con orgullo que somos Polvorín, Rabo de Galo, a Cuña, Mariñamansa, o Couto e todo ese longo etcétera que é Ourense.

Queremos involucrar a xente na construción daquilo que a fai feliz. As festas e o lecer tamén son cultura, e precisan da participación de todas as persoas para ser grandes e vitais. Celebracións coma os magostos, o Entroido, ou os Maios son ademais a herdanza que recibimos e que temos responsabilidade de coidar e dinamizar, para poder seguir a desfrutar dela. Nós, e tamén o turismo que pode atraer.

 

Un gran museo aberto na cidade vella

A presenza dos barrios, da cidade que é suma de todas e cada unha das súas veciñas é veciños é fundamental para comezara construír o legado cultural de Ourense para o futuro. O concello terá que elaborar un mapa real das iniciativas culturais que hai na cidade, e tamén daquelas que xa desapareceron: percorrer o pasado e fundamental para alumear os camiños do futuro.

A cidade vella, testemuña da «arte e o desastre» da historia de Ourense dos últimos dous séculos é un gran conxunto patrimonial no que aínda hai moito por explorar e reivindicar. Desde o pasado romano das Burgas ata os murais dos Artistiñas, queremos desenvolver no centro histórico un grande museo aberto da cidade que permita coordinar e mellorar a programación e funcionamento dos espazos museísticos que xa existen, e demandar a apertura e recuperación dos espazos monumentais pechados e crear un grande escenario da cultura a pé de rúa.

En Ourense en Común practicamos a democracia cultural, aquela que fai posible que a cidadanía pase de simple espectadora á creadora, e na que as persoas recuperemos o control sobre o noso patrimonio, a nosa imaxinación e o noso lecer. Senón podemos bailar, esta revolución non nos interesa.

As Lagoas en Común

As Lagoas en Común

Ourense en Común está nos barrios!

A tarde-noite deste mércores 13 de maio pasarémola nas Lagoas,  escoitando á veciñanza, dialogando sobre as problemáticas do barrio, o seu presente e o seu futuro.  Presentaremos ademais as principais propostas do Programa Participativo de Ourense en Común para estas Municipais 2015.

Fotos das chapas «Ourense en Común» e «Eu son das Lagoas»