Este xoves abrimos o debate que nega o goberno. Falamos do “botellón”
21 Novembro, 2018
0
•     Ourense en Común convocou a colectivos e entidades e chama á cidadanía a participar e involucrarse na redacción da ordenanza.
•    Colectivos de estudiantes, ANPAs ou Colexios Profesionais xa confirmaron a súa participación na mesa de traballo.
•     A mesa está convocada para este xoves, 22 de novembro, desde as 19h30 no Espazo en Común das Burgas.

    Logo de que os grupos con representación na corporación recibiran a pasada semana o borrador que propón o goberno para a Ordenanza que busca regular o consumo de alcohol no espazo público, e dentro do prazo de emendas habilitado, Ourense en Común celebra mañá xoves unha mesa participada para avaliar o texto, e a posibilidade de propoñer cambios e/ou melloras ao mesmo.

    O grupo convocou formalmente xa o pasado venres a colexios profesionais, delegacións de alumnos das diferentes facultades do Campus Universitario, asociacións estudiantís, de pais e nais, e outras entidades, facilitándolles xa o borrador proposto polo goberno para a futura ordenanza, e obtendo “moi boa receptividade por parte dos colectivos, que agradecen que a súa visión sexa tida en conta para enriquecer o debate”.

    Ourense en Común critica os métodos do goberno na confección desta e outras ordenanzas, “adoitan tomar decisións unilaterais e obstrúen calquer viso de consulta participada”, explica Montserrat Valencia, edil do grupo, que defende que desde OUeC “mantemos a aposta pola necesaria participación da cidadanía na política e as decisións municipais. A participación é poder, e a democracia non é o voto illado cada catro anos. Esta ordenanza afectará a toda a cidadanía, e as veciñas e vecinos teñen o dereito de acceder á información e contar con este espazo para o diálogo”.

    O debate celebrarase mañá xoves, desde as 19h30 da tarde, no Espazo en Común das Burgas.