Esiximos ao PP corrixir a morosidade da súa xestión no Concello de Ourense
4 Decembro, 2018
0
•     “Así é como coida o Partido Popular ao comercio local, tardando máis de 100 días en pagarlle as facturas a ferreterías, librerías, subministros…”
•     Os pagos pendentes suman máis de seis millóns de débeda, cuxos intereses de demora “incrementarán máis aínda a sangría deste goberno no peto dos veciños e veciñas de Ourense”.
•     O Concello tarda 3 veces máis en pagar do que exixe a lei.

Ourense en Común calificaba esta mañá como “outra vergoña” o estado da Tesourería Municipal, logo de coñecer que o Concello de Ourense mantén nunha débeda de máis de seis millóns de euros en facturas pendentes de pago, cun retraso de 100,56 días, cando o prazo que permite a lei é de só 30 días.

    O grupo apunta a que o goberno de Jesús Vázquez, con Ana Morenza á fronte da área de Facenda, “convertiron a este Concello en mal pagador, perxudicando ás pequenas empresas que prestan servicios municipais”.

    Denuncian o reiterado incumprimento do prazo legal de pago durante todo este 2018, e requiren dun plan de axuste para “corrixir a morosidade e evitar que o Ministerio de Facenda teña que intervir“ os recursos do Concello.

    Engaden que é “inxente” a cantidade de facturas acumuladas por este goberno, e denuncian que sexa unha “práctica habitual que afoga aos pequenos empresarios e ao comercio local”.