Encontro co Centro Comercial Aberto Ourense Centro

Encontro co Centro Comercial Aberto Ourense Centro

O martes 5 de maio os candidatos de Ourense en Común Miguel Doval e Carlos García reuníronse co Presidente do CCAOC, Luís Rivera, co tesoureiro desta asociación, Gaspar Sierra, e coa xerente, Lorena Tato. Despois de explicar brevemente o noso proxecto, interesámonos en coñecer as súas demandas.

Os pequenos empresarios aquí representados amósannos as súas queixas pola pouca implicación e falta de colaboración en xeral das administracións, o que deriva en políticas pouco ou nada axeitadas para o desenvolvemento do comercio local. Afirman, ademais, que a ausencia de acordo entre os distintos grupos políticos que conforman a día de hoxe o Concello e as marcadas diferencias entre a administación local, a provincial e a autonómica imposibilitan avances na resolución de problemas importantes. Situación á que non axuda en nada o baixo poder adquisitivo das ourensás e dos ourensáns debido ás baixas rendas e ao desemprego. A isto, apuntan dende o CCAOC, hai que engadir o alto custo das taxas municipais, principalmente o IBI. Avogan por unha revisión deste imposto e unha maior progresividade. Critican do mesmo xeito o feito de ter tantos impedimentos para dotar aos comercios da debida accesibilidade para as persoas con diversidade funcional, e solicitan axuda técnica e económica.

Os comerciantes esixen tamén o mesmo calendario de apertura para os pequenos comercios que para os grandes centros comerciais, evitando así a competencia desleal, facilitada pola falta de labores de inspección da Xunta. Ademais, a presión continua das grandes cadeas obriga a uns cada vez máis estensos horarios, con efectos moi negativos na conciliación. Porén, as discriminacións respecto das grandes empresas son máis, pois o trato que estas reciben do concello é previlexiado ata o punto de que non colaboran en gastos comúns dos comercios da zona, como por exemplo o pago do alumeado de Nadal. Precisamente respecto do alumeado, que ata hai moi pouco o pagaban só os comerciantes, hai queixas de que este chega tarde e mal, revertindo de forma negativa no consumo. Comunican así mesmo que a Mesa Local de Comercios, na que se sentan representantes das asociacións de comerciantes co Concello e a Xunta, está practicamente desactivada. Só teñen algunhas sesións para informar dos programas de axudas.

E así, día tras día van pechando negocios, quedando moitos baixos baleiros mesmo no centro. O alto prezo dos alugueiros dificulta a subsistencia dos que quedan e limita a apertura de novos comercios. En conclusión, o CCAOC solicita un acordo entre as diferentes forzas para elaborar e desenvolver un plan de actuación que axude ao pequeno comercio, xa que, engaden, as actuacións puntuais non serven para arranxar nada: é precisa unha planificación de accións que permita unha mellora efectiva real da situación.

Desde Ourense en Común trasladóuselle que, precisamente, no noso Programa Participativo inclúese un Plan de Apoio ao Comercio e aos Produtos Locais para sensibilizar á poboación a través de accións de promoción como a creación dunha marca de calidade propia de Ourense, feiras, mostras, obradoiros, publicidade… Ademais, recollemos un plan integral para a revitalización de áreas comerciais e un programa completo de medidas que atenda ás necesidades concretas das PYMES.

Foto da xuntanza co CCAOC