Chamamento a organizacións

CONFLUENCIA

Un novo impulso

Van para tres anos que o camiño de Ourense en Común comezou á beira do Miño. Un grupo de persoas diversas acordaron que era chegado o momento de tentar xuntar forzas e darlle unha volta ao xeito de facer política. Coa ollada posta nas eleccións municipais de 2015 e escoitando o eco que se facía notar entre xentes de Ourense que pedían un esforzo colectivo para trazar liñas verdes entre entidades, colectivos, activistas, partidos, asociacións que habitaban a cidade e na procura do ben común. Esa volta de foco no “como” facer política tiña como pés de apoio os principios de participación, horizontalidade e transparencia. Chegaba a hora de dar a palabra ao pobo non só para votar, senón para determinar o quen e o como habería de construírse unha candidatura municipal na vella Auria.

O nacemento de OUeC non foi o big bang da política ourensá. Moitas e moitos, antes que esta candidatura cidadá, fixeron política transformadora na cidade e fixérona ben. As forzas políticas con asentamento no noso concello que teñen unha acreditada traxectoria de loita polos intereses da maioría social foron, son e serán fundamentais para a construción da alternativa que precisamos cara a 2019. Pero é coa suma fraterna de todas elas, que esa alternativa se vai facer posible. Segue logo vixente a necesidade desta casa común que o espazo de confluencia ofrece a todas elas, para que xunto con aquelas outras persoas da cidade que sentiron o chamado ao activismo, dende o Nunca Máis ou dende o 15M, pulen por dar fin dunha vez por todas á era do caciquismo, o nepotismo e as políticas ao servizo dos beneficios privados dunha elite socioeconómica.

Tres anos despois do chamamento inicial, OUeC relanza o seu proceso de confluencia co convencemento de que é o único camiño para fortalecerse e amosar que os argumentos que o axudaron a nacer seguen vixentes na actualidade. Chamamos a todas aquelas asociacións, partidos e colectivos con actividade no concello de Ourense e que compartan os principios que deron corpo a este espazo de confluencia a tender a man con xenerosidade e a se encontrar novamente as unhas coas outras para dar forma á candidatura e ao programa de 2019.

Porque é no diálogo honesto dunha asemblea, ou na escoita activa dentro do seo dun grupo de traballo onde mellor se poden contrastar ideas e proxectos para construír un común que nos represente a todas. Un proxecto que segue asentado no manifesto que encetou este camiño, que comeza con “Amamos Ourense” e que fala da vontade de conformar unha ferramenta política que loite por dar unha vida mellor, máis xusta e digna á cidadanía ourensá.

O novo Ourense en común ha de ser un espazo aínda máis xeneroso, máis aberto, rico na súa diversidade e baseado no apoio mútuo. Porque confluímos para influírnos, para contaminarnos as unhas ás outras da nosa maneira de entender isto de facer política. E farémolo dende abaixo, en igualdade de condicións, cooperando e construíndo ferramentas que fagan asequible a participación política a todas aquelas persoas que se queiran achegar a formar parte. Pero non seremos só unha suma de partes, senón que haberemos de ser capaces de mellorarnos e crear novos métodos que permitan a todas as que queiran dar o seu apoio ter capacidade de decisión na construción da candidatura e do programa electoral.

Polo tanto, novamente o Grupo de Traballo de Apertura ponse á disposición de todos os colectivos que se sintan interpelados por este chamamento en ola@ourenseencomun.gal para explicar o proxecto, aclarar posíbeis dúbidas e establecer a vía de comunicación necesaria para fixar xuntanzas. É hora de irmandarnos e dar forma aos encontros de confluencia con reunións transparentes que permitan que o proceso sexa observado dende fóra, ampliando así a confianza mútua e á procura dos maiores índices de radicalidade democrática.

Aquí podes consultar o texto do chamamento:

Deixa unha resposta

3 comments

  1. Menudo texto, vaya tostón!!!! de verdad alguien se ha leído esto? si lo lees por encima no es más que un panfleto populista a lo Antonio Gramsci.

    Confluencia? Por favor, separad bien los párrafos, títulos para cada sección bien definidos, no se puede leer una biblia y entender de que va Ourense en Común.

    En definitiva, más populismo barato, aún encima comparte color con #Podemos.

    Sobre el BNG ? Ni ellos mismos saben quienes son.

  2. Ola Boky, graciñas polas aportacións. Tentamos facelo o mellor posible para construir un proceso transparente, por iso publicamos as actas das reunións que mantemos con forzas políticas para acadar un espazo de confluencia que agrupe á maioría social da cidade de Ourense. Reunímonos con aqueles partidos políticos que se sentiron interpelados, dalgunha maneira, polo noso chamamento. Poida que unha web onde cada páxina funcionase con artigos separados fose máis sinxela de ler. Non temos grandes coñecementos de deseño web polo que che pedimos comprensión. Xa aumentamos o título de cada unha das actas para que se poidan ver mellor de xeito separado. En canto á cor que utilizamos é a cor da bandeira oficial de Ourense. Unha aperta.

  3. Martiño , a tua ilusión non era a a arqueoloxía ?? Xa te convertiche nun político profesional ??