Día do Libro: textos que inspiran ás concelleiras de Ourense en Común

Día do Libro: textos que inspiran ás concelleiras de Ourense en Común

Co gallo do Día do Libro, as 3 concelleiras de Ourense en Común recomendan outros tantos textos, que consideran de cabeceira e ateigados de referentes.

En suma lecturas recomendables, que poden ser boas ferramentas para comprender o mundo de hoxe e preparar o do mañá.

 

Un ideal polo que vivo
Nelson Mandela

Por Miguel Doval Garza

Nelson Mandela é unha das persoas máis carismáticas que deu a política mundial e sen dúbida, todo un referente para min. Este libro recolle o sentido das loitas sociais e axuda a reflexionar sobre o mundo opresivo no que vivimos e o xeito de facelo mudar. Ourense en Común ten moito de todo iso, da defensa do entendemento colectivo para acadar as metas que nos propoñamos.

Ler máis...

Especialmente quixera facer mención ao discurso que o líder deu perante o Parlamento de Sudáfrica en 1999, abrindo o informe da comisión que desvelou os crimes cometidos no “apartheid”.

“….e mentres pensamos xuntos nos retos futuros, precisamos lembrar que a busca da reconciliación foi o obxectivo fundamental da loita do pobo, para establecer un goberno baseado na vontade do pobo e construir unha Sudáfrica que nos pertenza a todos.

A busca da reconciliación foi a enerxía que deu vida ao noso difícil proceso de negociacións e aos acordos que de alí xurdiron. A busca de unha nación en paz consigo mesma é a motivación principal do noso Programa de Reconstrución e Desenvolvemento para crear unha mellor vida para todos.”

Teoría King Kong
Virginie Despentes

Por Ledicia Piñeiro Prada

Lin Teoría de King Kong fai como seis ou sete anos, nos primeiros anos de universidade, igual xa fai dez anos, non o sei, o caso é que foi un libro do que quedei namorada e impresionada a partes iguais. Este ensaio autobiográfico de Virginie Despentes é unha labazada na cara do patriarcado, do machismo puro e do machismo silencioso e sutil.

Ler máis...

Virginie describe dende as súas entrañas, nunha mezcla de poesía de vertedoiro e vivencias persoais, o que é ser muller entre canones estéticos, éticos, referentes históricos, culturais, literarios non feitos nin por mulleres, nin para mulleres. Ante esta realidade, ela contrataca con Virginia Woolf, Angela Davis, Gail Pheterson e Annie Sprinkle

Nun libro centrado nas polaridades, non só entre homes e mulleres, tamén entre ricos e pobres, Virginie destroza o status quo.

“O soldado máis famoso da guerra de Iraq é unha muller. Hoxe en día os Estados envían aos seus pobres á fronte. Os conflitos armados volvéronse territorios mixtos. Cada vez máis a polaridade da realidade estrutúrase en función da clase social”

Nas polaridades onde “a cuestión da muller” sempre é secundaria “os homes denuncian con virulencia as inxustizas sociais ou raciais, pero móstranse indulxentes e comprensivos cando se trata da dominación machista. Son moitos os que pretenden explicar que o combate feminista é secundario, coma se fose un deporte de ricos, sen pertenza, nin urxencia. Fai falta ser idiota, ou noxentamente deshonesto para pensar que unha forma de opresión é insoportable, e xulgar que a outra está chea de poesía”

Para min foi como ler unha tese sobre prostitución, agresións (en toda a súa amplitude) e violación, a santísima trindade da violencia machista. Todo isto relatado dende múltiples ópticas de muller: a adolescencia, a maternidade, como suxeito produtivo e reprodutivo e as relacións heterosexuais. Sen esquecer que o camiño é feminista ou non é, ou non hai camiño, nin redención, nin perdón pola terrible reivindicación das mulleres, que “queren ser consideradas persoas”. 

Moi recomendable.

Común: ensaio sobre a revolución no s. XXI
Christian Laval e Pierre Dardot

Por Martiño Xosé Vázquez Mato

Ourense en Común xurdía a inicios do verán de 2015 no Campus Universitario, nunha reunión de xentes activas no tecido asociativo local, na loita ecoloxista, na protección do noso patrimonio, na defensa das clases traballadoras e da maioría social agredida polas políticas neoliberais.

Na mesma época, saía do prelo a primeira edición deste ensaio de case 700 páxinas, que afonda por igual na diagnose deses problemas e na proposta proactiva para solucionalos.

Ler máis...

Citaba a declaración de principios redactada uns meses despois por Ourense en Común: “Foi na rúa onde comezou a confluencia das distintas loitas, anteriores e posteriores ao 15M, que agora se materializa nun novo movemento municipalista que cuestiona tamén esa alternancia nos gobernos dos nosos concellos.”

Unha reflexión presente tamén na propia publicación de Laval e Dardot: “Estas loitas obedecen á racionalidade política do común, procuras colectivas de formas democráticas novas. É o que expresa de forma ben clara a relación entre a <<Comuna>> francesa e os <<Comúns>> (…) inscritos nunha longa serie de ocupacións de prazas e parques ao longo do planeta dende 2011”.

As prazas foron así o recoñecemento dunha identidade colectiva de indignación e defensa de valores diferentes aos hexemónicos no momento.

“Dende fai máis de dez anos, en todos os manifestos, plataformas e declaracións públicas en nome da loita antiglobalización, os termos de <<Commons>> ou de <<Bens Comúns>> serviron para traducir loitas, prácticas, dereitos e formas de existencia que queren opoñerse aos procesos de privatización e ás formas de mercantilización practicadas dende os anos 80”.

Non era algo novo, e menos no noso país onde a defensa do común se manifestou co nome propio de NUNCA MÁIS.

Era algo máis sinxelo que todo o anterior, a comprensión de que só dende o colectivo defenderemos o colectivo. O COMÚN expresa así a CONFLUENCIA de loitas para recuperar os bens e servizos colectivos.

Hoxe sigo lendo e relendo o texto de Laval e Dardot, especialmente o referido a Propostas Políticas que apostan polo PROCOMÚN, como modelo de goberno para o ben común; quizais o apartado máis interesante na miña opinión. Se cadra non son obxectivo pois estou convencido de que no ano 2019, Ourense poderá ser gobernado en común e os preceptos deste ensaio deberán ser o noso libro de cabeceira.

En suma, unha lectura moi recomendable que, como cita Mark Hunyadi, “pode ser unha ferramenta para comprender o mundo de hoxe e preparar o mundo do mañá”.