Desmarcámonos da celebración institucional polo 8M. #AsíNON

Desmarcámonos da celebración institucional polo 8M. #AsíNON

• OUeC renuncia a compartir actos cun goberno do PP, “sen ideas, que nin traballa pola igualdade nin cre nela, que improvisa, e que deixou sen protección ás vítimas da violencia machista desfacéndose da Casa de Acollida”.
• A placa co nome de Asunción González “contén unha errata e ubicouse nun espazo marxinal por onde non pasa ninguén. A homenaxe así nin é visible nin simbólica”.
• OUeC lembra a Sofía Godoy que a responsabilidade e o compromiso para acabar coas desigualdades de xénero “non é traballo nin fotos dun día”.
• O grupo sí asistirá pola tarde á entrega do Premio Clara Campoamor, en recoñecemento ao traballo en prol da igualdade de Rosa María Cid Galante e o CIFP Portovello.

    As concelleiras de Ourense en Común abstivéronse esta mañá de participar na celebración institucional polo Día Internacional da Muller, “organizada a golpe de improvisación por un goberno hipócrita e sen estratexia, que esquece a igualdade de xénero os outros 364 días do ano”. 

    Montserrat Valencia, edil do grupo, sinala á “preguiza e caprichos” de Sofía Godoy, que “se comprometeu a redactar e consensuar un manifesto para este día, e non o fixo, que non escoita, que reiteradamente silencia e ignora as reivindicacións dos colectivos representados no Consello Municipal de Igualdade, que fai e desfai desde a total ignorancia e ao seu antollo, e que, logo do parque para cans, vén de escenificar outro intento fallido para visibilizar a lacra da violencia machista”, en referencia á placa a nome de Asunción González destapada esta mañá.

    Valencia lembra a Godoy o consenso do pleno en 2017, e tamén do Consello Municipal de Igualdade para significar a memoria de Asunción González e das vítimas de violencia machista nun “lugar visible”, un requisito que esta placa “non cumpre en absoluto”, sinalando a que “é torpe, contén erratas e ubicouse nun espazo residual por onde ninguén pasa e onde ninguén a verá”, concluíndo que “son as consecuencias da improvisación deste goberno”.

    Suxiren de novo a praza onde está a castañeira, onde o feminismo da cidade adoita concentrarse contra os asasinatos machistas como o “espazo idóneo” para esa homenaxe, denunciando que, malia ao consenso do CMI nesta idea, “a proposta está sendo silenciada e desbotada por Sofía Godoy, que minte e se xustifica nun informe que non existe”.

    “Sabemos que non somos quen de poder devolverlle a vida a Asunción, nin a ningunha das vítimas, pero si podemos xerar un símbolo que permita lembrar cada día a todas esas mulleres sometidas ao longo do tempo á violencia patriarcal”, e conclúen que “a celebración deste día será mañá, na rúa, en sororidade, coas mulleres, xuntas na loita, que á vista está que aínda queda moita”.

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>