Consolídase a cesión do OUFF a Baltar. Volvemos pedir a dimisión de Belén Iglesias
3 Outubro, 2018
0
•     O PP destruíu nos últimos tres anos o feito nos setenta anos anteriores no eido cultural municipal.
•     Baltar segue a deixar en evidencia a nefasta xestión de Jesús Vázquez, o candidato de Feijoo que el nunca apoiou.
•     OUeC pide ao goberno información sobre o papel que xogará agora o Concello no festival, “se é que terá algún”.

    Logo de coñecer o decreto asinado polo alcalde o pasado 21 de setembro consolidando a cesión do OUFF a Baltar, Ourense en Común denunciaba esta mañá a “aleivosía sistemática e inaudita” coa que o goberno municipal, con Jesús Vázquez á fronte, e Belén Iglesias como responsable da xestión cultural do Concello, “levan destruíndo nos últimos tres anos toda a actividade cultural dos setenta anos anteriores”.

    O PP “apúntase un novo fracaso para o historial de Belén Iglesias. Cantos máis precisamos?? A situación é insostible. Esta persoa debe dimitir, declaran desde Ourense en Común, que interpretan a “fagocitación do OUFF” como “outra xogada de Baltar, que como co Ateneo, quere deixar en evidencia a xestión do candidato de Feijoo, Jesús Vázquez, ao que el nunca apoiou”. 

    Coa perda do OUFF, “o concello perde un activo único que precisamente nas últimas edicións estaba poñendo a Ourense no mapa do audiovisual”. O grupo entende que a cesión é “un punto de non retorno”, e cuestiona o papel que xogará o Concello na produción e celebración do Festival de Cine, “se é que terá algún”.