Confírmase: o PP quere aprobar o PXOM en solitario, antes das eleccións e con todos os informes en contra
11 Decembro, 2018
0
• O PP omitiu intencionadamente remitir á intervención municipal a información completa. “Están levando o PXOM a un bucle que resolverán aprobando en solitario o Plan antes de rematar o ciclo electoral, para contentar aos especuladores inmobiliarios”.
• O concelleiro do PP admite que en tres meses forzará a aprobación do PXOM en Xunta de Goberno Local, independentemente da fiscalización do interventor e evitando pasar polo pleno. “Deixarán de novo o futuro urbanístico da cidade cheo de incertidumes e sen seguridade xurídica”.
“As mesmas responsables de que Ourense teña a día de hoxe un plan do 86 queren cometer os mesmos erros. O afán especulador do PP pon en serio risco o urbanismo do Concello”.

    “Un procedemento neglixente e carente por completo de seguridade xurídica”. Así cualificaba Ourense en Común as intencións do PP para o PXOM, logo de que o edil responsable de urbanismo revelara na xunta de área celebrada esta mañá o proceder previsto polo equipo de goberno de poñerlle un prazo de tres meses á intervención municipal -á que lle remitiron o expediente incompleto-, para seguidamente aprobar o Plan en solitario e a porta pechada, esquivando pasar polo pleno, como require o informe da secretaría municipal.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, relata que “é a crónica dunha morte anunciada”, e sinala ao Partido Popular de “cometer os mesmos erros, e abrir de novo as portas a que o documento sexa recurrido perante a xustiza, como xa aconteceu co de 2003, do propio Partido Popular”.

    O grupo apunta a que “son as mesmas persoas responsables de que Ourense teña a día de hoxe un plan do ano 1986” e engaden que no PP “están desbocados, e nos minutos de desconto todo lles vale para contentar intereses privados e devolverlle a xestión urbanística da cidade aos especuladores inmobiliarios. Tunearon o PXOM, introduciron centos de modificacións con aumentos salvaxes no aproveitamento lucrativo do chan, e intentarán agora aprobalo facendo trampas, e de costas aos grupos da corporación, de costas á cidadanía”.