Cidade Amiga da Infancia? Ourense está nas antípodas de merecer este recoñecemento
27 Novembro, 2018
0
•     O deficiente mantemento e limpeza nos parques ou a inseguridade viaria revelan unha cidade “nas antípodas de merecer este recoñecemento”.
•    Os recortes e a mala xestión do Partido Popular deixaron nos últimos cursos en Ourense a máis de 200 familias sen axudas escolares.
•     O Partido Popular exclúe a participación infantil na vida municipal, rexeitando a creación dun Parlamento da Infancia, solicitado por Ourense en Común xa en 2016.

    Ourense en Común cuestionaba hoxe o recoñecemento de Unicef ao goberno de Ourense como “Amigo da Infancia”, aclarando ao alcalde que este selo “non é un galardón para poñer nunha colección, non é un xoguete mediático nin unha medalla, é un compromiso e botan en falta “políticas que poñan no centro o benestar dos nenos e as nenas, que garantan os seus dereitos, fomenten a súa participación e fagan que a cidade sexa máis habitable.

    Consultando as bases de Unicef para o outorgamento do Selo, Ourense en Común extrae que “o único que fixo este goberno en tres anos foi encargar a unha consultora o Plan de Infancia, porque o precisaba para concorrer á convocatoria, pero descoidaron todo o demais. Desmantelaron o necesario servizo de conciliación para familias monoparentais, ou o camiño escolar, a única medida que daba protagonismo á infancia fronte a grave ameaza da grande densidade de tráfico que padece Ourense”.

    Á denuncia da perigosidade na seguridade vial ás portas dos colexios, o grupo engade tamén o deficiente mantemento dos parques, e as insuficientes partidas nas axudas para material e comedores escolares, “os recortes do goberno do PP deixaron fóra destas axudas a 200 familias, levando aos membros máis vulnerables da unidade familiar, os nenos e nenas, a unha situación de grave incertidume para o correcto desenvolvemento do curso escolar”.

    Din ademais do goberno de Jesús Vázquez que é excluínte no tocante á participación infantil na vida municipal”, lembrando o voto en contra do Partido Popular no pleno de marzo de 2016 a unha moción de OUeC, na que solicitaban a creación dun Parlamento da Infancia. “Hai unha profunda diferenza entre organizar algunha sesión plenaria infantil illada para que teña eco nos medios de comunicación, e realizar un traballo regular, que permita unha participación real de representantes infantís na política municipal.

    Desde o grupo lamentan que “a día de hoxe, Ourense está moi lonxe de merecer este recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia”, e agardan que o alcalde tome este recoñecemento “como un reto para espertar e acometer todo o que ten pendente por facer, que incremente os recursos, aumente as medidas de conciliación, mellore o espazo público, e dea prioridade á voz, ás necesidades e aos dereitos dos nenos e nenas como parte fundamental das políticas públicas”.