Chamamos á sociedade ourensá a mobilizarse contra o pelotazo urbanístico do Partido Popular

Chamamos á sociedade ourensá a mobilizarse contra o pelotazo urbanístico do Partido Popular

• Os informes da Intervención e a Secretaría Municipais, detallan “cambios substanciais” no documento, indican “a necesidade dunha segunda exposición pública”, e apuntan que “so o pleno ten a potestade para aprobar o Plan”.
• Martiño Xosé Vázquez interpela ao Colexio de Arquitectos e resto de Colexios Profesionais, ás Federacións e Asociacións veciñais a manifestarse públicamente. “Estámonos a xogar o futuro de Ourense”.
• Desde setembro de 2015 Ourense en Común vén defendendo que o PXOM fose sometido a unha nova exposición pública, “puxemos nomes e apelidos de a quen beneficia este plan”.

    Martiño Xosé Vázquez, candidato á alcaldía por Ourense en Común, facía esta mañá un chamamento a toda a sociedade civil ourensá, para manifestarse “contra o pelotazo urbanístico”, logo de que o Partido Popular veña de aprobar provisionalmente en Xunta de Goberno o Plan Xeral de Ordenación Municipal, “nos minutos de desconto, cometendo falta e tapándolle os ollos aos árbitros”.

    Martiño X. Vázquez solicitaba esta mañá aos medios “que ampliedes a nosa voz para que toda a sociedade civil de Ourense se posicione públicamente contra este pelotazo urbanístico”, apelando nomeadamente ao Colexio de Arquitectos, e a todos os Colexios profesionais con sede en Ourense, ás Federacións Miño e Limiar, ás asociacións veciñais, colectivos, e a todas as entidades sociais, sindicais e políticas, porque “estámonos a xogar o futuro de Ourense das próximas décadas”.

    Desde o grupo sinalan novamente aos “cambiazos” introducidos no PXOM polo PP, que ademais “secuestrou o debate ao pleno, e aproba o documento con dous informes contrarios da secretaría e da intervención municipal”, concluíndo que “o proceder do PP só responde ao interese da especulación inmobiliaria”, e advirten que “imos esgotar a vía administrativa, e se fose necesario chegaremos á vía xudicial”.

    Martiño X. Vázquez explica que o plan do PP “merma as zonas verdes, aumenta o aproveitamento lucrativo do chan e reduce as cargas aos promotores”, e conclúe que “ten tantas modificacións que o único camiño posible para a súa aprobación con lexitimidade e seguridade xurídica pasa por unha nova exposición pública e a súa posterior aprobación no pleno. Non podemos consentir que os mesmos que fixeron caer o PXOM de 2003 poñan en perigo de novo o futuro desta cidade”.

Deixa un comentario

Your email address will not be published. Required fields are marked *
Podes usar estas etiquetas e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>