Censuramos o abandono da Ponte Romana, que leva unha semana completa sen alumeado público
3 Febreiro, 2019
0
• Inseguridade, risco de caídas e un impacto negativo nos comercios inmediatos son as principais consecuencias da falta de luz no monumento.
• Ourense en Común denuncia o abandono do goberno municipal a un Ben de Interese Cultural, referente simbólico da cidade e principal zona de paso e conexión entre as dúas ribeiras do río.
• O abandono da Praza de Abastos ou a urbanización da Rúa Ribeira de Canedo foron outras das denuncias veciñais no punto interactivo instalado por Ourense en Común na entrada da Ponte Romana este sábado.

    O grupo municipal Ourense en Común lanzaba na mañá de onte sábado o punto de información e denuncia interactiva  “O futuro é contigo”, un espazo que percorrerá os principais barrios da cidade durante os vindeiros días. Hoxe mesmo achegaránse  ao barrio do Couto.

    “Trátase de crear un espazo de diálogo e denuncia o máis próximo posible a veciñanza. Para comunicar calquera problema poñemos a súa disposición todas as ferramentas posibles para solucionalo: conversas coas concelleiras, queixas para comisións de área, mocións a pleno e incluso abrirlle a porta a que podan concorrer con nós nas vindeiras eleccións municipais de maio”, apunta o portavoz da formación e candidato a alcalde por Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez.

    A principal denuncia recollida no día de onte é o abandono xeneralizado do barrio da Ponte por parte do goberno do Partido Popular. Ao peche sine die da Praza de Abastos sumábanse outras denuncias máis próximas como a falta de mantemento das beirarrúas ou a demanda histórica de urbanización da Rúa Ribeira de Canedo. Porén a denuncia máis repetida por sorprendente foi a falta de alumeado público na Ponte Romana. Viandantes e veciñas da zona denunciaron unha situación de inseguridade e risco de caídas que leva prolongándose por máis de 5 días, aportando fotos do estado no que se atopa.

    “En calquera outra cidade sería impensable que o principal monumento, un referente simbólico da cidade, quedase ás escuras unha semana. E neste caso aínda máis grave pois xa non falamos só dun Ben de Interese Cultural, senón dunha infraestrutura necesaria pola que cruzan cada día centos de persoas”, afirmaba Martiño Xosé Vázquez ao remate da xornada.

    O grupo municipal presentará esta mesma semana unha queixa formal no rexistro municipal ao tempo que demandará a súa solución na Comisión Informativa de Infraestruturas.