Día do Libro: textos que inspiran ás concelleiras de Ourense en Común

Día do Libro: textos que inspiran ás concelleiras de Ourense en Común

Co gallo do Día do Libro, as 3 concelleiras de Ourense en Común recomendan outros tantos textos, que consideran de cabeceira e ateigados de referentes.

En suma lecturas recomendables, que poden ser boas ferramentas para comprender o mundo de hoxe e preparar o do mañá.

 

Un ideal polo que vivo
Nelson Mandela

Por Miguel Doval Garza

Nelson Mandela é unha das persoas máis carismáticas que deu a política mundial e sen dúbida, todo un referente para min. Este libro recolle o sentido das loitas sociais e axuda a reflexionar sobre o mundo opresivo no que vivimos e o xeito de facelo mudar. Ourense en Común ten moito de todo iso, da defensa do entendemento colectivo para acadar as metas que nos propoñamos.

Ler máis...

Especialmente quixera facer mención ao discurso que o líder deu perante o Parlamento de Sudáfrica en 1999, abrindo o informe da comisión que desvelou os crimes cometidos no “apartheid”.

“….e mentres pensamos xuntos nos retos futuros, precisamos lembrar que a busca da reconciliación foi o obxectivo fundamental da loita do pobo, para establecer un goberno baseado na vontade do pobo e construir unha Sudáfrica que nos pertenza a todos.

A busca da reconciliación foi a enerxía que deu vida ao noso difícil proceso de negociacións e aos acordos que de alí xurdiron. A busca de unha nación en paz consigo mesma é a motivación principal do noso Programa de Reconstrución e Desenvolvemento para crear unha mellor vida para todos.”

Teoría King Kong
Virginie Despentes

Por Ledicia Piñeiro Prada

Lin Teoría de King Kong fai como seis ou sete anos, nos primeiros anos de universidade, igual xa fai dez anos, non o sei, o caso é que foi un libro do que quedei namorada e impresionada a partes iguais. Este ensaio autobiográfico de Virginie Despentes é unha labazada na cara do patriarcado, do machismo puro e do machismo silencioso e sutil.

Ler máis...

Virginie describe dende as súas entrañas, nunha mezcla de poesía de vertedoiro e vivencias persoais, o que é ser muller entre canones estéticos, éticos, referentes históricos, culturais, literarios non feitos nin por mulleres, nin para mulleres. Ante esta realidade, ela contrataca con Virginia Woolf, Angela Davis, Gail Pheterson e Annie Sprinkle

Nun libro centrado nas polaridades, non só entre homes e mulleres, tamén entre ricos e pobres, Virginie destroza o status quo.

“O soldado máis famoso da guerra de Iraq é unha muller. Hoxe en día os Estados envían aos seus pobres á fronte. Os conflitos armados volvéronse territorios mixtos. Cada vez máis a polaridade da realidade estrutúrase en función da clase social”

Nas polaridades onde “a cuestión da muller” sempre é secundaria “os homes denuncian con virulencia as inxustizas sociais ou raciais, pero móstranse indulxentes e comprensivos cando se trata da dominación machista. Son moitos os que pretenden explicar que o combate feminista é secundario, coma se fose un deporte de ricos, sen pertenza, nin urxencia. Fai falta ser idiota, ou noxentamente deshonesto para pensar que unha forma de opresión é insoportable, e xulgar que a outra está chea de poesía”

Para min foi como ler unha tese sobre prostitución, agresións (en toda a súa amplitude) e violación, a santísima trindade da violencia machista. Todo isto relatado dende múltiples ópticas de muller: a adolescencia, a maternidade, como suxeito produtivo e reprodutivo e as relacións heterosexuais. Sen esquecer que o camiño é feminista ou non é, ou non hai camiño, nin redención, nin perdón pola terrible reivindicación das mulleres, que “queren ser consideradas persoas”. 

Moi recomendable.

Común: ensaio sobre a revolución no s. XXI
Christian Laval e Pierre Dardot

Por Martiño Xosé Vázquez Mato

Ourense en Común xurdía a inicios do verán de 2015 no Campus Universitario, nunha reunión de xentes activas no tecido asociativo local, na loita ecoloxista, na protección do noso patrimonio, na defensa das clases traballadoras e da maioría social agredida polas políticas neoliberais.

Na mesma época, saía do prelo a primeira edición deste ensaio de case 700 páxinas, que afonda por igual na diagnose deses problemas e na proposta proactiva para solucionalos.

Ler máis...

Citaba a declaración de principios redactada uns meses despois por Ourense en Común: “Foi na rúa onde comezou a confluencia das distintas loitas, anteriores e posteriores ao 15M, que agora se materializa nun novo movemento municipalista que cuestiona tamén esa alternancia nos gobernos dos nosos concellos.”

Unha reflexión presente tamén na propia publicación de Laval e Dardot: “Estas loitas obedecen á racionalidade política do común, procuras colectivas de formas democráticas novas. É o que expresa de forma ben clara a relación entre a <<Comuna>> francesa e os <<Comúns>> (…) inscritos nunha longa serie de ocupacións de prazas e parques ao longo do planeta dende 2011”.

As prazas foron así o recoñecemento dunha identidade colectiva de indignación e defensa de valores diferentes aos hexemónicos no momento.

“Dende fai máis de dez anos, en todos os manifestos, plataformas e declaracións públicas en nome da loita antiglobalización, os termos de <<Commons>> ou de <<Bens Comúns>> serviron para traducir loitas, prácticas, dereitos e formas de existencia que queren opoñerse aos procesos de privatización e ás formas de mercantilización practicadas dende os anos 80”.

Non era algo novo, e menos no noso país onde a defensa do común se manifestou co nome propio de NUNCA MÁIS.

Era algo máis sinxelo que todo o anterior, a comprensión de que só dende o colectivo defenderemos o colectivo. O COMÚN expresa así a CONFLUENCIA de loitas para recuperar os bens e servizos colectivos.

Hoxe sigo lendo e relendo o texto de Laval e Dardot, especialmente o referido a Propostas Políticas que apostan polo PROCOMÚN, como modelo de goberno para o ben común; quizais o apartado máis interesante na miña opinión. Se cadra non son obxectivo pois estou convencido de que no ano 2019, Ourense poderá ser gobernado en común e os preceptos deste ensaio deberán ser o noso libro de cabeceira.

En suma, unha lectura moi recomendable que, como cita Mark Hunyadi, “pode ser unha ferramenta para comprender o mundo de hoxe e preparar o mundo do mañá”.

Ourense en Común reproba ao goberno e á oposición

Ourense en Común reproba ao goberno e á oposición

08/02/2016 Intervención de Ourense en Común no pleno de reprobación a Jesús Vázquez Abad (Alcalde do Concello de Ourense)

(Baixa o documento en PDF)
07/06/2013 Intervención de Susana Gómez, antiga edil de Democracia Ourensana, instando á oposición a «abandonar o xogo das reprobacións e ser valentes propoñendo unha moción de censura. Do contrario que fagan oposición constructiva.»
Ourense en Común apoiará á candidatura En Marea para as eleccións xerais do próximo 20 de decembro

Ourense en Común apoiará á candidatura En Marea para as eleccións xerais do próximo 20 de decembro

Ourense en Común xorde durante o segundo semestre de 2014 como un colectivo plural no que participa a veciñanza do concello, persoas de xeito individual e axentes cunha traxectoria previa de traballo en diferentes movementos sociais e políticos, en defensa do dereito á vida e ao traballo digno, da sanidade pública (gratuíta e universal), do ensino público (gratuíto e de calidade), do dereito á vivenda, do uso normalizado do galego como lingua propia e dunha cultura de nós para o mundo. Xorde como unha plataforma de confluencia cidadá para trasladar ao ámbito institucional os valores de progreso, solidariedade, tolerancia, igualdade e transparencia. Piares sobre os que asentar o firme compromiso de avanzar na creación e posta en práctica de ferramentas de participación efectiva coas que ampliar os límites do sistema democrático municipal, permitíndonos por fin ás veciñas de Ourense exercer o control real das nosas institucións independentemente de quen sexa responsable das mesmas.

Ourense en Común presentábase ás eleccións municipais de maio de 2015 cun programa colaborativo elaborado mediante a combinación de decenas de mesas técnicas e encontros nos barrios rurais e urbanos do concello. Un programa que pretendía asentar as bases dun proxecto de cidade, elaborado de modo participado, con máis de trescentas propostas que converteron a Ourense en Común no grupo político con representación na nova corporación municipal con máis suxestións de renovación programática, a unha distancia maior de 100 puntos do Partido Popular, 200 do Partido Socialista de Galicia en Ourense e case 300 de Democracia Ourensana.

Os resultados electorais do mes de maio de 2015, insuficientes para implementar o modelo de cidade proposto, permitiron abrir un vano de esperanza polo que introducir novos discursos, metodoloxías e prioridades que, situando o social no centro das políticas públicas, avanzaba na consolidación dun modelo de democracia real e directa.

Durante o verán e outono de 2015 os esforzos colectivos das veciñas que conforman Ourense en Común, sen experiencia na política institucional, concentráronse na introdución destes valores na actual corporación municipal e a superación dunha realidade hermética deseñada por e para organizacións con aparatos a escala supramunicipal. Estruturas e procedementos que afastan á cidadanía dos seus órganos de representación apelando a unha sorte de eficiencia nesta xestión do común. Axioma a todas luces irreal como evidencian os numerosos casos de corrupción destapados nos últimos anos.

A chegada de xentes con ampla formación pero sen experiencia na política institucional, nin medios materiais ou humanos á altura dos partidos tradicionais, supuxo un grande esforzo persoal primeiro para a confección dunha candidatura cidadá e despois para competir na campaña electoral en pé de igualdade co resto de organizacións políticas. Do mesmo modo que obrigou a posteriori a un esforzo extra para comprender, analizar e en parte afastarse das lóxicas viciadas da administración máis próxima ao cidadán como é o Concello de Ourense. Só coa colaboración desinteresada de decenas de persoas e colectivos foi posible que Ourense en Común exercera e siga a exercer a día de hoxe unha labor de oposición construtiva.

Entre outros condicionantes, este enorme desgaste e a necesaria concentración de esforzos na política municipal mantivo a Ourense en Común afastado dos diferentes procesos de confluencia que pretendían replicar a maior escala o acontecido nas eleccións do 24 de maio de 2015. Así é que malia a participación individual nas diferentes iniciativas, as asembleas extraordinarias convocadas para tomar unha decisión colexiada ao respecto decidiron concentrar todos os esforzos no compromiso asumido unicamente no plano municipal.

Ourense en Común, ao igual que o resto de candidaturas municipalistas que emerxeron na pasada primavera, xurdía cun fin de base local para a constitución de alternativas electorais deseñadas dende a máxima transparencia, participación e horizontalidade nos seus procesos de construción. Con todo, a práctica diaria evidencia a necesidade dunha análise autocrítica para reconfigurar a propia estrutura organizativa e adaptala ás emerxencias e demandas sociais. Nese horizonte trabállase xa coa realización de enquisas abertas á participación sobre cal debe ser o seu papel nas institucións. Na mesma liña avánzase na redacción dun plan estratéxico que será aprobado e referendado nunha grande asemblea cidadá no mes de xaneiro baixo o título Repensar Ourense en Común.

No plano territorial comézanse a tecer redes de cooperación intermunicipal para a socialización de experiencias que permitan desenvolver e aplicar accións políticas conxuntas a diferente escala. Obxectivo central e prioritario no que se avanza na actualidade coa construción de novos espazos de confluencia a escala provincial como a denominada Rede de Candidaturas Veciñais de Ourense. Unha iniciativa de colaboración e intercambio entre diferentes candidaturas xurdidas en Ourense no marco das últimas eleccións municipais.

De igual modo o defendido proceso de renovación democrática, iniciado antes nas rúas e materializado nas últimas citas electorais tomando as principais cidades do estado español, debe ter como obxectivo final recuperar todas as institucións, tamén as autonómicas e estatais, das mans dunha minoría corrupta que goberna para enriquecerse e servir aos seus propios intereses.

Dende Ourense en Común entendemos que os próximos comicios electorais de decembro e do vindeiro ano 2016 serán esenciais para superar unha lóxica política histórica na que se perpetuaron no poder unhas elites baixo a alternancia bipartidista. Fronte a propostas baseadas na corrupción, na especulación inmobiliaria, no malgasto e na falta de transparencia das contas, ao carón da privatización sistemática de servizos públicos e ao distanciamento e deshumanización das administracións, debemos propoñer agora novas políticas fundamentadas na xestión do común, priorizando o social e afondando nos principios de xustiza social, igualdade de xénero, sustentabilidade, democracia participativa e compromiso ético. É por isto que a asemblea extraordinaria de Ourense en Común celebrada o luns 23 de novembro tomaba por un referendo superior a 2/3 os seguintes acordos:

  • Apoiar á candidatura electoral de En Marea para os vindeiros comicios do mes de decembro. Así é que, malia a non ter participado no seu proceso de confección e recoñecer déficits en materia de participación e transparencia na súa construción, enténdese que esta é a única candidatura que pode dar continuidade ao proceso de renovación democrática nas institucións iniciado nas eleccións municipais do 24 de maio.

  • Apoiar ás listas para as candidaturas ao parlamento e ao senado pola provincia de Ourense e, malia a recoñecer a súa pluralidade integrando nas mesmas a persoas moi valiosas e activas como David Bruzos, manifestar que Ourense en Común non foi participe da súa elaboración.

  • Anunciar o compromiso de Ourense en Común de colaborar de forma proactiva na futura construción dun espazo de confluencia amplo, aberto á participación e transparente para as eleccións ao Parlamento de Galicia do ano 2016 co que pechar un ciclo electoral que debe recuperar todas as institucións e poñelas novamente ao servizo da cidadanía.

Ourense en Común celebra unha xornada participativa para deliberar o seu posicionamento nos procesos electorais supramunicipais

Ourense en Común celebra unha xornada participativa para deliberar o seu posicionamento nos procesos electorais supramunicipais

Ourense en Común, aceptando o seu mandato municipalista, non é alleo á importancia que ten a política en ámbitos superiores e como isto afecta ás veciñas e veciños de Ourense. É por isto que, ante a convocatoria de vindeiros procesos electorais, contribuiremos dende a colaboración con aquelas candidaturas fieis aos principios básicos de Ourense en Común de horizontalidade, transparencia e participación.

 

Asemade un proceso que OUeC poida acompañar deberá cumprir os seus principios políticos básicos: unha xustiza social que garanta a vida digna para todas as persoas, a loita pola igualdade de xénero, o impulso dunha economía próspera, xusta e sustentable, e a aposta decidida pola renovación democrática dende o compromiso ético e a xestión transparente.

 

Ourense en Común constata que, alá onde os procesos de confluencia foron comprendidos na súa esencia, convertéronse na alternativa gañadora. Isto debeuse a que foron entendidos en pé de igualdade por todas as forzas políticas que decidiron traballar por eles. É así, aparcando as siglas e os nomes e antepoñendo as ideas comúns, como un novo proceso de confluencia pode ser a casa que dea acubillo ás persoas que sintan a necesidade dun cambio nas políticas do Estado e do País.

 

Dende a humildade de saber que OUeC non é a ferramenta definitiva nin os inventores dos procesos de confluencia, contribuiremos a axudar a que a realidade dunha candidatura que englobe ao maior número de forzas cidadás e políticas, capaces de articular ese cambio, sexa posible.

 

Data e hora: Xoves 15 de outubro de 2015 ás 19.30h.
Lugar: Local Ourense en Común. As Burgas, 8
Duración do acto: De 19.30h a 21.30h.

Por que Ourense en Comun impulsará o comercio local?

Por que Ourense en Comun impulsará o comercio local?

 

  1. Non hai que coller o coche (non contaminamos) para ir mercar á carnicería nin á mercería do barrio.
  2. A tendeira dáche os bos días en galego cando entras pola porta e se xa te coñece preguntarache se o teu avó vai melloriño.
  3. Tes a quen reclamarlle, cara a cara, se o produto non te deixa de todo satisfeita. Darache de seguro outro novo par de zapatos e sen que teñas que amosarlle o ticket!
  4. O da tenda de roupa dirache a camisa que mellor che senta.
  5. A panadeira regálache unha magdalena coa bola de pan.
  6. Á peixeira aínda lle podes regatear un pouquichiño.
  7. O que pagas polo que consumes será revertido de novo aquí, fomentando o crecemento da economía local.
  8. Se evitas as grandes cadenas evitas que continúen enriquecéndose os mesmos tres de sempre.
  9. Pídelle o teu froiteiro as patacas que se sementaron aquí, as pavías do país e as leitugas do paisano de Palmés. Comerás máis san e axudarás aos teus veciños e veciñas labregos.
  10. E é que non podemos deixar que pechen os negocios das ourensás e os ourensáns mentres as grandes empresas seguen colonizando as zonas comerciais.