Reunión cos Bombeiros de Ourense

Reunión cos Bombeiros de Ourense

Dáse inicio a reunión ás 10:00 h. do día 25/06/2015

Iníciase a reunión cunha presentación persoal dos representantes dos bombeiros, Alberto e Celso en representación dos Bombeiros e dos sindicatos UGT e CIG.

Comeza iniciando a conversa dicindo que botaron de menos unha reunión previa ás eleccións. Miguel xustifícase en que se debeu á falta de tempo. Alberto explica que o motivo da reunión é que, debido a falta de reposición de prazas, o Parque pasou de 71 a 54 persoas. Iso é un problema que se solucionaba a base de extras. Como exemplo refírense a que non teñen redución horaria no verán e outros varios dereitos que non executan por compromiso co traballo. No 2012, ante a situación plántanse, e confirman que non queren seguir facendo horas extras. Calculan que fan 1.900 horas ao ano. Manifestan que compren traballadores para o servizo e traballo para os traballadores. Ademais falan dun servizo moi avellentado, nun servizo moi físico; un servizo que o persoal fai 300 horas laborais máis que o resto dos funcionarios do Concello.

Reivindicación persoal: cubrir as 16 prazas de bombeiros, cubrir as prazas de mandos intermedios. A día de hoxe están sen cabo, que o cargo rota cada seis meses. Moitas veces non se compensa o cargo. Tamén cómpre unha convocatoria de oficial que debería ser por vía de oposición e non de libre designación.

Reivindicación profesional: creación dunha mesa de traballo para que se dinamice o traballo. Esta mesa estaría composta por oficial e o suboficial como xefe executivo xa que este último ten un perfil máis práctico, polos anos de experiencia como bombeiro de base, que o oficial que é máis técnico e máis próximo a un arquitecto. Tamén estarían sarxentos e un bombeiro por quenda. Sería un órgano para sistematizar o traballo en mantemento, compras, protocolos e formación. Trátase de aproveitar o coñecemento residente nos propios traballadores para o ben do servizo. Hai problemas de formación continuada, non hai cursos, non se pagan as dietas, non se promove a formación. Propoñen aproveitar o diñeiro que entregan ás aseguradoras e asinar convenios con grupos e academias de seguridade par a ir logrando as reivindicacións profesionais.

Unha das eivas máis grandes é o número de profesionais por quenda. Hai 11 bombeiros por quenda, pero: “cantas intervencións podes asumir con ese número?”. Unha soa, un só camión. É preciso ter mínimo 12 persoas para contar cunha equipa A e unha B. Por non ter dúas equipas pode pasar que un accidentado o unha casa quede sen atender. Ademais teñen protocolos para atender aglomeracións de xente, alertas de temporal ou calor.

Reivindicación laboral: regularización salarial dos pluses de nocturnidade e outros. Execútanse vía decreto de alcaldía. Hai algún mes que non se cobra. Non é unha queixa sobre o salario se non sobre o modelo de pago. Simplificar eliminado o plus e inseríndoo na base da nómina. Calculan o modelo é máis eficiente e máis barato. Ademais nas baixas e nas xubilacións non se recoñecen os pluses. É farragosa a nivel xustificación de declaración da renda. Hai modelos en outras administracións de cómo integrar no específico (Xunta, Coruña, Vigo….)

Tamén solicitan o cambio de grupo de C2 a C1. O motivo é que en Galicia non existe un estatuto de Bombeiros a diferenza do que acontece no resto do Estado. Dentro desa lei existente en outros lados levaron ao C1. Non é imprescindible facer a lei a nivel autonómico pódese facer por vía municipal. A proposta que eles levan non carrexa subida salarial se non que coa inclusión dos complementos non soldo base xa se subiría de categoría. O cambio de categoría pasará para homologar ao igual que pasa con outras leis como a que homologa e coordina ás diferentes policías locais. Ademais o temario de bombeiro é complexo abondo como para xustificar un C1.

Finaliza a reunión ás 12:15 horas da mañá.

Encontro con profesorado e alumnado do CIFP Portovello

Encontro con profesorado e alumnado do CIFP Portovello

  • Un grupo de estudantes vese afectado pola decisión da Consellería de Educación de suprimir o réxime presencial para persoas adultas neste centro.
  • O centro educativo é o único do seu nivel que ofrece na cidade de Ourense formación en servizos socioculturais e á comunidade.
  • Ourense en Común levará o problema ao pleno municipal para involucrar ao resto de grupos políticos e solicitará unha xuntanza co inspector de educación na que poidan estar presentes tamén os concelleiros de OUeC.
  • Haberá unha rolda de prensa mañá martes 23 ás 10:30h no Liceo de Ourense.

Este luns 22 de xuño de 2015 ás 19 horas, Ourense en Común mantivo unha xuntanza con profesorado e alumnado dos ciclos formativos de Atención a Personas en Situación de Dependencia e Educación Infantil do CIFP Portovello na modalidade modular.

Acta da xuntanza:

Data: Luns 22 de Xuño de 2015
Hora: 19h
Lugar: Ollo Ledo

Reunidos por parte do CIFP Portovello profesorado (David Pardo, Luis Casanova e Guadalupe Villamarín) e alumnado (Grecia Fonseca, Manoli e Marcial  Palomares), e por parte de OUeC Ledicia Piñeiro, Montse Malvar e Trinidad Domínguez.

1. Exposición da situación da familia de Servizos Socioculturais e á Comunidade: ciclos de Educación Infantil (119) e Atención a Persoas en Situación de Dependencia (32).

Suprimen o réxime de módulos para persoas adultas sen previo aviso, ofrecendo como única solución facer unha matrícula en réxime ordinario, coa limitación de prazas, ou ben facelo a distancia, o que non ten moita coherencia co propio fin dos estudos. Accederíase por notas de anteriores estudos, ademais da incompatibilidade co réxime de xente que traballa.

O problema máis importante agora mesmo é que os estudantes quedan sen poder rematar os seus estudos, ao carecer dunha oferta axeitada o ano que vén nos centros públicos da cidade. Ao mesmo tempo, aparece na web dun centro privado de educación a oferta do ciclo formativo en modalidade ordinario-concertado.

O inspector de educación ofrece como única resposta «Éche o que hai», facilitando inicialmente como posible solución ofertar só 15 prazas para o alumnado que queda colgado na mesma modalidade, cando hai 18 e ademais dita proposta non se fai por escrito; pasando finalmente a remitir a estas persoas a facer a modalidade presencial/ordinaria ou a distancia. Como problema engadido, ao estudar por módulos non se segue os cursos de forma regrada e ordenada, polo que a validación e recoñecemento das materias sería moi complexo.

Dende a Xunta alegan que estes ciclos se pechan por cuestións de matrícula e porque, din, «a formación a distancia adecúase aos estudos». Tampouco teñen en conta que o perfil do estudantado non garante o necesario coñecemento das TIC para un axeitado seguemento non presencial.

Ademais de todo isto, en proporción ao primeiro ano subiron as taxas de matrícula.

2. Solicítase que dende a Consellería de Educación se lle dea a ambos ciclos a necesaria continuidade para que todo o seu estudantado poida rematar os seus estudos na mesma modalidade de módulos, sen terse que ver na obriga de optar por outro tipo de modalidade que impida unha axeitada compatibilidade.

Tamén se solicita que en base aos derradeiros datos de matriculación, así como pola propia especificidade destes estudos, se manteñan ambos ciclos.

3. Propostas concretas executadas ou en execución por parte do alumnado:

Se remitiu un escrito a diferentes representantes públicos locais, provinciais e autonómicos sen obter ningún tipo de resposta pola súa parte.

Así mesmo, o Claustro de Profesores aprobou un documento no que se recollen unha serie de puntos básicos que se enviarán á xefa territorial, inspector de educación, etc.

Tamén se aposta por buscar o apoio da comunidade, tanto da cidadanía como dos negocios da zona que están involucrados no diario do alumnado.

Haberá unha Rolda de Prensa mañá martes 23 ás 10,30h no Liceo de Ourense.

4. Dende Ourense en Común proponse

  • Levalo ao pleno do Concello e interpelar directamente ao actual Alcalde e anterior Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, en base á información da que dispomos, tentando implicar tamén neste problema ao resto de partidos da oposición.
  • Solicitar outra xuntanza co inspector de educación na que poidan estar presentes tamén os Concelleiros de OUeC.
  • Propor pleno extraordinario con apoio das demais forzas e levar o tema ao pleno.
Encontro con Alberto Garzón

Encontro con Alberto Garzón

Hoxe domingo 21 de xuño de 2015 ás 11 horas, mantivemos unha xuntanza con Alberto Garzón, candidato á presidencia do Goberno por Izquierda Unida. Asistiron Carlos Miguélez (EU), Mavi Calviño (Demos+), Ángeles Faraldo (EspazoEcosocialista), Ledicia Piñeiro, Martiño Ramos e David Bruzos (OUeC)

Martiño da a benvida a Alberto. E fai a presentación de cada unha das persoas presentes na reunión. Comeza a reunión informando de que, como é habitual e para cumprir coa promesa de transparencia, levantaremos acta da reunión.

Alberto di que ven a escoitar á xente que formou parte das Mareas e ver a visión que temos sobre a posibilidade de montar unha candidatura unitaria de unidade popular tanto para as eleccións xerais como para as nacionais galegas. Ver e coñecer tamén os retos e as dificultades que tivemos e vivemos no proceso.

Alberto informa de que tiveron heteroxeneidade á hora de montar candidaturas de unidade popular. Di que fóra de Galiza houbo de todo, pero que en concreto en Galiza houbo moita sintonía xa no pasado e no presente foi fantástico como funcionaron estas candidaturas.

A lectura que fan é que nas autonómicas (que non houbo candidaturas de unidade popular) prácticamente non houbo cambios. Nas municipais onde sí que houbo esas candidaturas, houbo cambios moi importantes.

Di que en IU sempre fixo esa defensa, pero que no pasado era un pouco en abstracto e na teoría, e que na actualidade xa é na práctica porque ademáis están funcionando.

Di que hai que ir asumindo que teñen un dossier sobre cada quen de nós para sacar información de cada quen de nós. E que hai que ter claro que o enemigo é común, e que hai que estar unidas contra él.

Di que non entende a súa estratexia, porque se está impugnando ás súas propias declaracións respecto ás eleccións europeas. Pero considera que hai que seguir traballando por esa confluencia, porque a mera hipótese ilusionante de ter unha candidatura unitaria paga a pena porque os resultados poden ser bos. Di que IU vaise deixar a pel e cre que ten que ser unha candidatura con protagonismo cidadán, pero coas organizacións políticas apoiando. Cre que con vontade política, aínda que só quedan 5 meses, pódese conseguir.

Él di que está claro que hai un clima de “unidade popular” e como ese clima existe e está ahí, falta resolver cuestións concretas pero que con vontade política se podería superar e conseguir derrotar ao bipartidismo.

Tamén cre que as candidaturas locais de unidade popular que gañaron, tamén precisan ter un goberno estatal e nacional afín porque senón poden ser afogadas pola administración.

Toma a palabra Anxeles por Espazo Ecosocialista: di que na súa organización sempre tiveron claro que son fundamentais as candidaturas unitarias, e cren que hai que seguir avanzando en procesos non competitivos. O acerto, para elas, é que a sociedad civil pode participar abertamente en procesos de goberno sen precisar de organizacións políticas.

Toma a palabra por Demos+, Mavi Calviño, e explica que a súa primeira experiencia foi entrar en primaveira europea. Naquel momento non se deron as circunstancias para ter unha confluencia máis ampla, pero cre que agora sí que é, e que hai que aproveitar o momento porque se non sae agora non sabe cando poderá volver a saír. Di que as municipais demostraron que sí, que pode funcionar. Cre que a xente quere ver unidade real, sen competitividade e con xenerosidade. Con intención e interese sí que se pode conseguir.

Toma a palabra Carlos por EU, e di que concorda con todo o dito. Di que a única preocupación é como se xestiona algo a tan grande nivel. E cre que as mareas a nivel municipal son diferentes a unha estatal. Pero sí, concorda con que hai que facelo.

Ledicia fala por parte de Ourense en Común e informa de que efectivamente este debate non se deu, e aínda non houbo tempo a debater sobre o tema. Pero ela considera que o fundamental aprendido en Ourense en Común é que hai que ter moi claro os métodos de traballo e a honestidade e sinceridade. Cre que para que funcione hai que traballar no método para sacalo do ámbito municipal e sacalo ao supramunicipal.

Martiño fala por parte de Ourense en Común e di que xusto esta semana fai xusto un ano da primeira mensaxe de onde naceu Ourense en Común. E parécelle fantástico que agora tamén estemos falando desto. E cre que sí que é fundamental poñer por diante o ben común á situación persoal/concreta. E di que tamén preocupa como escalar o proceso dende o municipal ao estatal. E cre que é un reto moi importante.

Insiste, como dixo Ledicia, que aínda non se deu o debate en Ourense en Común, pero se dará.

Ledicia pregunta específicamente como analiza IU a súa proposta na realidade galega. Alberto di que o seu obxectivo é político, e que logo os métodos hai que falalos. E que IU vai a poñer todos os seus esforzos en que vaia adiante, e que sexa o pobo galego como implementa e con qué método. Intúe de que a resposta de como saltar do municipalismo ao supramunicipal ten que pasar porque as organizacións políticas teñen que server de axuda, pero tendo claro que os protagonismos teñen que ser cidadáns. Pero insiste en que a vontade política é fundamental, e tamén o é ter claro que o protagonismo sexa cidadá. Di que sería unha boa opción que en cada circunscripción vaian persoas referentes sociais e culturais de cada provincia. Cre que agora é a época de creación de clima, para que a xente se conciencie de que ou facemos o esforzo, ou seguirá gobernando o PP coa mesma política destructiva que ten agora mesmo.

Alberto Garzón di que as bases de Podemos opinan contrariamente ao que propón Pablo Iglesias, así que cre que os procesos van a desbordar á propia organización. E cre que aínda que o discurso actual sexa un en concreto, o clima é fundamental para avanzar nesta liña.

David de Ourense en Común comenta que cre que pode supoñer certa desilusión crer que se pode simplemente escalar o proceso municipalista ao estatal, aínda que concorda con que o momento é ideal e hai traballar a proposta. Insiste, como xa informaron varias compañeiras, en que aínda non se deu o debate en asemblea.

Angeles por Espazo Ecosocialista, quere insistir en que sí que hai vontade política, e cre que hai que traballar nel. E hai que aproveitar.

Ledicia repite unha frase repetida nos últimos tempos: “ou conflúes ou date por confluída/o”.

Alberto agradece a reunión e anima co curre que queda por diante. O resto tamén da as gracias a Alberto por estar en Ourense con nós.

Encontro:

Rolda de prensa:

Reunión coa Asociación Cultural ESCUA

Reunión coa Asociación Cultural ESCUA

Acta do 17 de xuño de 2015; no Grândola, Ourense.
Presentes por OUeC: Emilio Rodríguez e Martiño Ramos.
Presentes por ESCUA: Carlos Rafael e Pablo Pérez.

Para comezar a reunión, Martiño explica que, aínda que OUeC non teña capacidade para implementar o seu programa no Concello, este será a folla de ruta para os vindeiros catro anos.

Incidimos en que levamos traballando un ano na redacción dun Programa Participativo, que é unha proposta de gobernanza municipal aberta e participada con toda a cidadanía de Ourense, así como un documento en construción e mellora constante que se rexe por un principio de código aberto no que calquera forza gobernante se pode apropiar das ideas presentes nel.

Sinálase, ademais, a coincidencia de cumprirse hoxe exactamente o 1º aniversario de OUeC.

OUeC continúa definindo os principios de xestión municipal en materia de cultura, dando a coñecer o papel que un goberno municipal encabezado por OUeC defendería: situarse como o motor do desenvolvemento cultural do Concello, apoiándose no papel protagonista das diferentes axentes culturais da cidade.

De seguido demos lectura á sección relacionada con Cultura dentro da área Ben Común do Programa Participativo de OUeC.

Analizando a axenda unificada concordamos en que a contraprogramación é algo evitable e que acontece a cotío. Estamos tamén de acordo coa necesidade de ter unha persoa responsable da programación cultural do Concello, con capacidade para que este e outros casos non se repitan.

Valoramos o irregular funcionamento do Consello Municipal da Cultura (CMC) e Carlos reclama a capacidade de decisión deste. Reclama tamén que a páxina do Concello informe de calquera actividade que se realice en Ourense, non só das programadas pola entidade municipal. Ademais explica que sería mellor que a coordinación da programación cultural fose levada por un equipo de programación e non por unha única persoa.

Explicamos que a autoxestión no CMC e a súa capacidade de decisión é unha iniciativa política que aspiramos poñer en marcha no concello, facéndoo extensíbel a todas as áreas.

Tamén tivemos ocasión de falar do micromecenado e acompañamento a iniciativas culturais. Carlos, de ESCUA, expresa as súas dúbidas sobre o financiamento a iniciativas privadas; concretamos a idea explicando que toda inversión económica a iniciativas privadas tería que estar acompañada dun retorno, ben económico ou ben social.

Comentando a necesidade da implicación veciñal na organización das festas maiores de Ourense, Pablo dubida da necesidade desta festa e comenta a posibilidade de facer unha consulta para desprazalas cara outra data máis tradicional, coma o entroido ou os magostos. Concordamos na necesidade de poñer o debate enriba da mesa.

Pablo explica que durante anos se gastou moito diñeiro no OUFF (Festival de Cine Internacional de Ourense) e que non tivo retorno ningún de cara á cidade. Expón tamén o agravio comparativo co Cineclube Padre Feijoo, que non ten apenas soporte do Concello. Comenta tamén sobre outras actividades semellantes coma o Festival Derrame. Explicamos que a proposta é recuperar as actividades durante todo o ano do OUFF e a implicación dos colectivos do audiovisual de Ourense na súa organización.

Rematada a lectura, Carlos e Pablo dan a coñecer o proxecto de ESCUA  e máis a alegación presentada ao PXOM. Comentan que hai anos que este proxecto de autoxestión dun edificio por parte das asociacións e colectivos sociais e culturais da cidade está enriba da mesa das diferentes concellerías sen recibir unha resposta até o momento.

Reunión de Ourense en Común e o resto de forzas políticas que acadaron representación electoral nas pasadas eleccións municipais co Clube Ourense Baloncesto SAD

Reunión de Ourense en Común e o resto de forzas políticas que acadaron representación electoral nas pasadas eleccións municipais co Clube Ourense Baloncesto SAD

Hoxe venres 5 de xuño de 2015 ás 10 horas, mantivemos unha xuntanza co Clube Ourense Baloncesto SAD (COB), que estaba representado polo seu presidente Antonio Gavilanes e tres representantes máis.

A esta xuntanza tamén foron invitados representantes do Partido Popular, Partido Socialista de Galicia – PSOE e Democracia Ourensana no Pazo dos Deportes “Paco Paz”. Asistiron dous representantes do PP, Mario Guede e Jesús Vázquez, unha representante do PSOE, Juana Ageitos, dous representantes de DO, entre eles Gonzálo Pérez Jácome e dous representantes de OUeC, entre eles Miguel Doval.

A reunión desenvólvese a porta pechada e comeza coa entrega por parte dos representantes do COB a tódolos grupos políticos dun documento informativo no que se indican os trámites e prazos para a inscrición do COB na ACB. O presidente do COB expón un resumo do documento e invita aos grupos políticos a posicionarse respecto ao mesmo de cara a acadar os apoios de orzamento precisos.

O Sr. Gavilanes, na súa exposición subliña dous termos por riba dos demais:

  • O día 14 de xuño como data na que se debería ter acadado o apoio do Concello. Coa posibilidade de negociar coa ACB unha demora nos prazos, sempre que se tivera garantía do voto favorable.
  • Das cantidades que se reflicten no documento, 1.500.000 de euros serían financiados vía aval (no que o Concello podería ser avalista) e os restantes 800.000 euros (400.000 que figura no apartado n) e 400.000 máis do que logo sería o presuposto da campaña que ascendería a 1.000.000 de euros en total).

O Sr. Gavilanes lémbralles aos membros electos da corporación local a condición de propietario por parte do Concello dun 23% das accións. Que co investimento que suporían os 400.000 euros aumentarían en valor.

A continuación intervén un dos representantes do PP, Jesús Vázquez, que sinala a importancia de coñecer a opinión do persoal técnico do Concello de Ourense en canto aos prazos para facilitar o orzamento necesario. Chama a atención sobre o máximo permitido por lei que o Concello podería aportar e sinálase a cifra de 200.000 euros. O seu grupo, polo ben da cidade, sería proclive a apoiar ao COB asumindo que só co apoio da Deputación e o Concello non sería abondo e que se precisaría un patrocinador ou varios que lle quiten carga a ambos.

Por parte de DO intervén o Sr. Pérez Jácome, que fai unha consideración persoal na que compara os 400.000 euros que o Concello destina á Banda de música municipal co que custaría o ascenso do COB, parecéndolle o investimento ao COB un mellor xeito de gastar os cartos por parte do Concello. Por outra parte está en contra de tal investimento e xustifica a súa postura na idea que ten de non dar cartos do Concello á promoción dun espectáculo.

Continúa OUeC, e o Sr. Doval subliña que será a asemblea de OUeC a que tomará a decisión sobre este asunto. Nunha exposición persoal afirma que é favorable a axudar ao COB non como un investimento na promoción dun espectáculo, senón como promoción da actividade deportiva no Concello. Indo máis alá do propio proxecto de canteira do COB nun proxecto no que puidese participar toda a cidade (como exemplo sinala aos centros educativos). Subliña a disposición, na medida do posible, por parte de OUeC a falar con empresas da cidade para facilitar un posible patrocinador.

Volve a intervir o PP, neste caso o Sr. Guede, quen amosa dous documentos dos anos 2003 e 2008, dos acordos do COB co concello na súa estadía tanto na ACB (co goberno do PP) como na LEB (coa vixencia do goberno bipartito entre PSOE e BNG). Tales documentos serían exemplos do xeito no que se debería artellar un hipotético acordo de investimento do concello no COB tendo en conta cantidades e requisitos.

Por último intervén a representante do PSOE, a Sra. Ageitos, que desculpa a ausencia do Sr. Barquero debido a un compromiso adquirido con anterioridade. Sinala a disposición positiva do PSOE a axudar ao COB con unha partida do orzamento, pero mantendo unhas esixencias que fosen máis aló do plano profesional e se incidise en visitas a colexios, escolas deportivas, etc. Subliña a necesidade dun novo accionista privado para acadar o investimento necesario para a viabilidade do COB na ACB.

Posición de Ourense en Común: Para tódalas decisións a tomar, en OUeC remitímonos ao Programa Participativo e nel non se contemplan as subvencións a Sociedades Anónimas Deportivas como é o caso do COB. Porén, en OueC non renunciamos a sentarnos e dialogar con ninguén e, como indicou Miguel Doval na reunión, poderíamos estudar este asunto se a inversión tivese un retorno efectivo na promoción da actividade deportiva de base e como un proxecto global no que se involucrase toda a cidade.Ademais, queremos subliñar que certos asuntos non nos parecen prioritarios para as nosas veciñas tendo en conta o momento de emerxencia social que vivimos. Aproveitamos a ocasión para convocar un pacto de todos os axentes sociais, organizacións políticas, sindicais, patronais e movementos sociais para erradicar a pobreza e as desigualdades que a xeran: “un pacto polo emprego digno e a vivenda digna”. Tal acordo é a verdadeira prioridade para a xente de OUeC.

Reunión Ourense en Común con Democracia Ourensana

Reunión Ourense en Común con Democracia Ourensana

Hoxe luns 1 de xuño de 2015 ás 19 horas, mantivemos unha xuntanza con Democracia Ourensana, en Magma Espacio. Por Democracia Ourensana asistiron: Miguel Caride, Gonzalo Pérez Jácome e Eloy Mojón; e por Ourense en Común: Martiño Ramos, Martiño Xosé e Trinidad Domínguez.

photo_2015-06-01_22-33-32

Acta da xuntanza:

Comezamos transmitindo os parabéns mútuos polos resultados electorais. OUeC agradece o recoñecemento de Gonzalo Pérez Jácome no seu discurso na noite electoral polo resultado que acadou Ourense en común.

Comeza a intervención Miguel Caride expoñendo que a aposta de goberno que fai DO é a de crear unha alternativa á maioría simple do PP conformando un pacto de gobernanza municipal no que estarían DO, PSOE e OUeC. Xustifícao dende un punto de vista legal e político. A primeira susténtase en que a lei 27/2013 supón un retroceso democrático ao reducir as competencias do pleno e aumentar as da Xunta de Goberno e Alcaldía polo que resulta imprescindible para DO acadar esta última para garantir a aplicación do seu programa electoral así como dos acordos que propón para o pacto de gobernanza. Exemplifícao no sistema de aprobación de orzamentos ou do PXOM.

Dende o punto de vista político para DO a maioría conformada por PSOE, OUeC e DO sería suficiente para lexitimar un goberno municipal alternativo ao do Partido Popular. Ese pacto de goberno tería como máximas a transparencia total, a redución do gasto e control da xestión econónica e financeira, orzamentos participativos, auditoría da contratación e remunicipalización de servizos, priorización de necesidades nos servizos sociais e vivenda, e PXOM. Nesta proposta a alcaldía recaería na forza política representada por máis concelleiros, a tenencia primeira na segunda forza e a tenencia segunda na terceira con maior representación cunha participación proporcional e por competencias no goberno municipal e todo baseado nun pacto común de gobernanza.

Por parte de Ourense en común Martiño Xosé Vázquez agradece o ofrecemento de Democracia Ourensana e trasládalles a postura do proceso municipalista de non conformar pactos de goberno con outras forzas políticas tal e como se recolle no punto 6.2 do Código de Boa Gobernanza aprobado en asemblea en datas anteriores á celebración das eleccións municipais. Neste código, prosigue Martiño, indícase que non se entrará a formar parte dun goberno que non encabece Ourense en común e que quedará en mans da asemblea a decisión de dar soporte a outra candidatura para que forme goberno.

A reunión continúa poñendo en común aqueles aspectos programáticos das dúas forzas nos que non hai concordancia: Ourense en común aposta pola progresividade fiscal fronte á reducción lineal do 20% que propón Democracia Ourensana, o sentido da Transparencia máis radical e definido tal e como aparece recollido no programa participativo de OUeC ao igual que acontece co sistema de contratación público no que entrarían  en xogo criterios de sustentabilidade ou o respecto aos dereitos laborais.

Miguel Caride intervén para indicar que a proposta constitúe de momento apenas un programa de mínimos e que pola súa banda abriríase un proceso negociador no que se tentarían atopar os puntos en común.

Por parte de OUeC reitérase o posicionamento de non acadar pactos de gobernos con outras forzas políticas polo que calqiuera outra vía de diálogo ficaría aberta agás a que está a plantexar Democracia Ourensana. Nembargantes OUeC, en cumprimento do seu principio de transparencia, daría conta da proposta de Gobernanza conxunta á asemblea en común que se realizará na segunda semana de xuño.

Por parte de Democracia Ourensana resáltase a importancia da presencia de Ourense en común nun pacto de goberno municipal de progreso para o Concello de Ourense pola concordancia que atopan coas liñas programáticas e os métodos que está a utilizar e traslada novamente a vontade de colaborar para aportar unha nova visión á política municipal local. Asimesmo queren facer pública a decepción pola nova maioría absoluta acadada polo Partido Popular na Deputación de Ourense, argumento que abonda na necesidade dun cambio político no concello e na provincia.

Rematamos a reunión deixando aberta a porta á comunicación no plano institucional e reiterando a nosa aposta pola transparencia como método e non só como principio comunicando que a acta da reunión se fará pública á maior brevidade posible.

Reunión Ourense en Común con Partido Popular de Ourense

Reunión Ourense en Común con Partido Popular de Ourense

Hoxe venres 29 de maio de 2015 ás 12 horas, mantivemos unha xuntanza co Partido Popular de Ourense, no Museo Municipal. Polo Partido Popular asistiron: Jesús Vázquez e Francisco González; e por Ourense en Común: Miguel Doval, Emilio Rodríguez e David Bruzos.

Miguel comeza indicando que é norma en Ourense en Común levantar acta e facela pública, seguindo a forma de traballar de forma transparente.

Comeza Jesús Vázquez indicando que están facendo reunións con todos os grupos políticos, tanto os que teñen representación institucional como cos que non a teñen pero que sacaron un número importante de votos (pero non obtiveron representación por non chegar ao mínimo marcado pola lei electoral). Considera que é moi importante falar e debater. Que non existindo maiorías absolutas o importante é dialogar para buscar o mellor para o concello, e a cidadanía así o demanda.

Jesús Vázquez tamén indica que eles son claros na súa proposta para o día 13 de xuño (acto de investidura): van a votar á súa candidatura e tentar gobernar en minoría, pero buscando apoios concretos co resto de organizacións políticas. Que o seu plantexamento é non levar adiante pactos de goberno, senón pactos puntuais que permitan favorecer o crecemento da cidade e o benestar dos veciños. O seu compromiso é de transparencia e cumprimento de programas. Cre que todos nos debemos aos veciños, tanto os que sacamos 10 concelleiros, como os que sacamos 8, 6 ou 3 concelleiros. Tamén insiste en que non vai facer críticas ao resto de organizacións políticas porque queren unha corporación respetuosa.

Miguel resalta tamén que Ourense en Común ten aprobado o Código de Boa Gobernanza, no que se indica que non entraremos en pactos de goberno. Poderanse dar apoios puntuais en cuestións que aparezan no noso programa. Di que esas propostas que saen no programa son propostas que saen de escoitar a todas as veciñas e veciños do Concello: cubrir as necesidades básicas e ter os pés na terra, estar coa xente e solventar os seus problemas.

Jesús Vázquez di que coinciden plenamente nesas liñas de traballo. Que o PP non renuncia a grandes infraestructuras culturais, pero que a prioridade é a mesma que indica Miguel.

Miguel exemplifica diferencias que existen entre o PP e OUeC, coma no PXOM. Jesús concorda en que haberá diferencias pero que de seguro que haberá tamén puntos en común, como revisar o planeamento para que non queden fóra de ordenación construcións feitas no seu momento de forma completamente legal. E Tanto Miguel como Jesús coinciden en potenciar as zonas máis rurais do concello, como Palmés, Velle, Lonia, Santa Eulalia, etc…

Jesús insiste, a súa proposta é votar o día 13 a investidura do Partido Popular. Non provocarán a ingobernabilidade e se non saen investidos poñeranse a favorecer a gobernabilidade con quen saia elexido alcalde de Ourense.

Miguel indica a postura de OueC respecto ao acto de investidura do día 13 de xuño, recollido no seu Código de Bon Goberno: non pactar gobernos con ninguén, nin entrar a formar goberno con ningunha forza política.

Remata a reunión coa intervención de Francisco (Partido Popular) e Emilio Rodríguez (OUeC) concordando en que as vías de diálogo se manteñan sempre abertas. Teñamos máis concordancias ou discrepancias, pero o diálogo é bo. É moi necesario que teñamos aberta a porta para falar.

CGKx7mrWEAEpPrp
Fotografía Periódico Barrios

 

Encontro cos comerciantes da Praza de Abastos

Encontro cos comerciantes da Praza de Abastos

Productiva xuntanza dos candidatos de Ourense en Común Miguel Doval, Carlos Miguélez e Carlos García con representantes dos comerciantes da Praza de Abastos da cidade. As primeiras críticas que fixeron estes pequenos empresarios foron dirixidas ás xa coñecidas deficiencias da infraestrutura. “A accesibilidade ao mercado é pésima e urxe un xeito de esquivar as escaleiras” trasladaron, tamén a iluminación e o sistema de calefacción é deficiente. Ademais cómpre, din, unha reforma urxente do tellado e da zona do Rianxo, algúns postos nin contan con acometidas de auga e luz. Estes lastres da Praza de Abastos, un referente comercial antaño, están provocando a perda de clientela. Deste xeito, os comerciantes piden que dunha vez se fagan as reformas precisas, algo que dende o goberno municipal non fixeron nos últimos anos malia as promesas. Din que as palabras dos políticos son sempre de apoio, sobre todo en tempo de campaña, pero láianse de que despois non fan nada.

A estes problemas hai que sumarlle a falta de aparcadoiros, din os afectados, non só para clientes, tamén para proveedores. Unha solución viable que aportan é baixar os prezos do parking privado da Alameda e crear unha conexión directa ata o mercado.

Trasladan ademais os comerciantes da Praza de Abastos a Ourense en Común a necesidade de adecentar a contorna do mercado pero preocúpalles o feito de que os futuros proxectos para a zona como centro neurálxico do termalismo traian grandes construccións que non respeten un equilibrio arquitectónico e acaben prexudicándoos. Apuntan precisamente a un proxecto máis semellante ao recollido no Programa Participativo de OueC, unhas infraestruturas de baixa altura relacionadas coa cultura e o termalismo.

Con todo, os comerciantes da Praza de Abastos aseguran que os seus negocios teñen un bo nivel de actividade, pero que estas melloras necesarias suporían un importante pulo e mesmo axudarían a ocupar a totalidade dos postos, moitos deles baleiros agora. Pensan, e niso Ourense en Común concorda plenamente, que o comercio local é un piar fundamental na economía da cidade e cren que a aposta por eles debe ser real. Contra as grandes superficies eles ofrecen calidade e un bo servizo. Innovación e diversificación de oferta axudaría ao pulo que precisan.

photo_2015-05-15_10-24-53 photo_2015-05-15_10-24-43

Xuntanza coa Asociación Diabética Auria

Xuntanza coa Asociación Diabética Auria

Miguel Doval, Ledicia Piñeiro e Esteban Sánchez representaron a Ourense en Común o pasado xoves 8 de maio neste encontro coa Asoc. Diabética Auria, que desde 2002 vén prestando axuda e asesoramento ás persoas diabéticas da nosa provincia. Mª Paz Gómez, presidenta da asociación, expúxonos os principais atrancos que levan atopando desde a súa creación, así como as deficiencias que detectan na atención e axeitado tratamento das persoas afectadas por esta doencia. A seguinte táboa resume as súas propostas para as institucións:

DIFICULTADES

PROPOSTAS

Local social cedido pola deputación con moitas deficiencias:- Soto escuro- Problemas de accesibilidade, propiciando accidentes- Lonxe da rúa Cesión polo Concello dun novo local con outras características, que cumpra os mínimos de accesibilidade e favoreza o encontro entre o movemento asociativo entre si, e coas veciñas.
Escasez de persoal específico a disposición desta e doutras asociacións. Dotación de persoal para asociacións. Neste caso:- Nutricionistas- Enfermeiras

– Psicologas

– Traballadoras Socias

Ausencia de traballo en medicina preventiva. Desenvolvemento de plans específicos de Medicina Preventiva.
As caixas de tiras reactivas coas que se mide o azucre en sangue custan 50€, as doentes viaxan ata Portugal onde consiguen as mesmas por 19€. Investigación do que se agocha destrás deste encarecemento do produto, ante a posibilidade de intereses que estean convertindo a nosa saúde nun negocio. Subvencionar todo medicamento ou utensilio necesario para salvagardar o benestar das persoas enfermas.
As subvencións municipais a asociacións xustificanse todas cos memos criterios sen ter en conta as particularidades das actividades segundo a natureza da asociación. Deste xeito, non se subvencionan aloxamentos, alimentación e transportes. Isto, para unha asociación que ten actividade medico-educativa sobre os hábitos de vida das persoas, é unha grande traba. Buscar a maneira de axudar a financiar a actividade da asociación. Con subvencións específicas os flexibilizando os criterios nas subvencións xerais.
Ausencia de protocolos de actuación cos nenos e nenas diabéticas nas escolas. Facer de interlocutor entre Xunta e asociación para conseguir ampliar as figuras da educadora social nas escolas, para que poida atender axeitadamente a nenas e nenos diabéticos.
Candidatas de Ourense en Común escoitan as propostas do Sindicato Profesional de Policías Municipais

Candidatas de Ourense en Común escoitan as propostas do Sindicato Profesional de Policías Municipais

Os candidatos de Ourense en Común Miguel Doval e Maravillas Calviño, mantiveron esta mañá en Magma Espacio un encontro cos representantes do Sindicato Profesional de Policía Municipais de España (SPPME), Bautista Rodríguez e Xoan Carlos Bouso. O noso candidato á Alcaldía de Ourense e a número seis da nosa candidatura cidadá escoitaron a súa exposición sobre a situación da Policía Local no Concello. Un dos principais problemas sinalaron é a “grande arbitrariedade por parte dos mandos, tanto técnicos como políticos, na organización do colectivo”. Tamén destacaron a carencia de medios materiais e humanos cos que traballan e sinalaron que, segundo a ratio da Lei de Coordinación de Policías Locais debería haber 1,8×1000 habitantes (194) e na Relación de Postos de Traballo hai 145, están ocupadas 115 (entre mandos e básico), dos que só 60 están operativos na rúa. Neste sentido, engaden que hai un exceso que policía locais desenvolvendo labores administrativas”. E neste punto, o Miguel Doval sinaloulles a intención de Ourense en Común de facer unha auditoría para racionalizar os recursos humanos e ser máis eficientes no servizo ás cidadás do Concello. Outros puntos que abordaron na xuntanza foron a necesidade de que os funcionarios poidan acceder a cursos de formación continua, a elevada antigüidade do parque móbil, (40 vehículos), e o feito de que a media de idade do cadro de persoal “é moi superior aos 40 anos”

Tras falar das principais necesidades abordaron tamén das  propostas para un mellor funcionamento da Policía Local de Ourense, moitas das propostas que lles espuxeron xa estaban recollidas no Programa Participativo de OUeC, como, a aposta por un carril bici segregado naquelas arterias non pacificadas e cunha alta acumulación de tráfico, a creación de camiños escolares…. E tamén a aposta decidida de OUeC de crear rúas e espàzos peonís primando a humanización do espazo público fronte ao tráfico motorizado. Así como a paficifación do tráfico en todos os barrios, reducindo a velocidade máxima nas rúas secundarias a 30 km/h. Destacaron, ademais,  que lles parece parece moi boa a idea incorporar a bicicleta como medio de transporte en determinados servizos.

Outro punto en común entre os representantes do sindicato, Bautista Rodríguez e Xoan Carlos Bouso, e as propostas recollidas no Programa Participativo é a posibilidade de que os maiores de 58 anos puidesen realizar funcións de “conserxería” durante as fins de semana para manter abertas as instalacións de ocio e deportivas dos centros educativos para o seu uso por todas as veciñas. Neste sentido sinalaron que “é preciso racionalizar a 2ª actividade para os maiores de 58 anos que teñen semi-abandonados nas rúas sen unha tarefa real, xa que os postos de oficina que poderían desenvolver están ocupados por policías novos”.

Outra das precocupacións que trasladaron ás candidatas de OueC é a necesidade dun Regulamento de funcionamento da Policía Local, que agora non existe, e din que evitaría que se visen obrigadas a actuacións tales como acudir a desafuizamentos, ou non dar cobertura ao Día da Bici. Falaron tamén da necesidade dunha Policía Local específica de barrio,  con patrullas permanentes e tamén, segundo lles apuntaron Doval e Calviño, consideran importante ter unha patrulla especializada en medio ambiente, con labores de educación, información e concienciación.

Dende o Sindicato Profesional de Policías Municipais de España manifestaron o seu desexo de aumentar a cercanía coa poboación e “quitar de enriba a mala imaxe que os “políticos seguen empeñados en manter”.

O encontro serviu para compartir opinións sobre o corpo de Policía Local, a máis cercana ás veciñas do Concello, e que debe prestar un servizo de calidade ás cidadás. Por iso, destacaron a necesidade de modernizar os equipos de comunicación e corpo en xeral porque din que nos últimos anos se ten producido un estancamento e retroceso na organización e planificación tanto política e como técnica.