Ourense en Común solicita no pleno melloras no transporte e a conexión a internet do perímetro rural

Ourense en Común solicita no pleno melloras no transporte e a conexión a internet do perímetro rural

•     OUeC recolleu en Castro de Beiro o malestar veciñal polas deficiencias e o trato desigual que o rural padece na prestación de servizos públicos.
•     O grupo extende a demanda a núcleos como Palmés, ou Vilar de Astrés que non dispoñen de transporte público directo a un Centro de Saúde de atención primaria.
•     Coa iniciativa “A voz do barrio” o grupo facilita a participación activa da veciñanza no pleno, trasladando en forma de moción as opinións recollidas a pé de rúa.

    Seguindo coa iniciativa “A voz do barrio”, coa que o grupo está a recoller a pé de rúa as denuncias, consellos e opinións da veciñanza de cada zona da cidade, Ourense en Común dará voz no pleno do próximo luns ás veciñas e veciños de Castro de Beiro, logo de visitar o barrio o pasado 18 de novembro.

    O grupo sinala á perda de poboación que padece o rural galego, como “unha das máis dramáticas consecuencias do insuficiente nivel de desenvolvemento logrado no noso país”, e apuntan a que “afecta tamén ao perímetro do concello de Ourense.

    A moción bota man da Ordenanza municipal de administración electrónica do Concello de Ourense,  que recoñece os dereitos da cidadanía en relación coa utilización dos medios electrónicos, e establece obrigas concretas ás administracións públicas para asegurar o acceso, integridade, autenticidade, confidencialidade e conservación dos datos, informacións e servizos. “O Concello non está a garantir os dereitos que recoñece a ordenanza, nin cumpre coas súas obrigas”, denuncian,  “non falamos só do acceso a internet, senón da velocidade e parámetros de calidade da conexión. Hai veciñas en Ourense que non dispoñen de conexión suficiente para poder desenvolver dous trámites electrónicos simultáneamente. Son deficiencias que impiden o desenvolvemento de novas relacións laborais non presenciais, o teletraballo e/ou o comercio electrónico nestes lugares”, e conclúen que a situación supón “unha perda de oportunidades de impulso para moitas destas zonas en plena depresión demográfica”.

    Ourense en Común aborda tamén nesta moción as problemáticas na mobilidade para Palmés, Beiro, Castro de Beiro, ou Vilar de Astrés, “a 15 minutos do centro urbano, non dispoñen de transporte público directo a un Centro de Saúde de atención primaria”, polo que solicitarán no pleno que se modifique o itinerario do transporte público co fin de que estes núcleos podan acceder directamente ao Centro de Saúde da Ponte sen necesidade de facer transbordo.


O subdelegado do Goberno confirma a Ourense en Común a falta de certezas sobre a subvención para a rehabilitación da Praza de Abastos

O subdelegado do Goberno confirma a Ourense en Común a falta de certezas sobre a subvención para a rehabilitación da Praza de Abastos

•     Miguel Doval e Montserrat Valencia reuníanse esta mañá con Emilio González Afonso, que dí descoñecer o estado da prórroga da subvención do Ministerio de Fomento.
•     Na xuntanza abordaron tamén cuestións sobre a reforma do Arqueolóxico, o trazado da chegada do AVE, a estación intermodal ou a protección do Barbaña.

    O Grupo Municipal Ourense en Común, achegábase esta mañá á sede da Subdelegación do Goberno en Ourense, para manter o primeiro encontro oficial co novo responsable provincial do Goberno do Estado, e trasladarlle algunhas cuestións da cidade que dependen directamente de diferentes ministerios do Goberno central.

    Miguel Doval e Montserrat Valencia, edís do grupo, trasladáronlle a Emilio González a súa preocupación pola prórroga da subvención do Ministerio de Fomento para a rehabilitación da Praza de Abastos, concedida en 2015, pero aínda sen contratar nin executar, e sobre a que o subdelegado, tras a súa incorporación ao posto, non dispón de documentación.A subvención continúa rodeada de incertezas”, asegura Miguel Doval ao remate da reunión.

    As concelleiras de Ourense en Común plantexáronlle tamén ao subdelegado peticións referidas á integración da alta velocidade na cidade, defendendo que as obras da variante exterior se liciten antes de acondicionar o actual corredor como solución provisional, xa que “perpetuará a brecha que divide o casco urbano”.

    O grupo tamén se interesou polas obras de reforma no Arqueolóxico, a circunvalación Norte, e a protección do río Barbaña,  confirmando o subdelegado o seu compromiso para poñer en marcha unha comisión de vixiancia do río e nos próximos anos chegar a erradicar os vertidos e sanealo.

Mulleres na política debaten en Ourense os retos do feminismo nas institucións

Mulleres na política debaten en Ourense os retos do feminismo nas institucións

• A voceira de Podemos no Congreso, Irene Montero, compartirá palestra con deputadas de En Marea e concelleiras da Marea Atlántica e Ourense en Común .
• O encontro, aberto ao público, celebrarase este sábado ás 12h no Salón de actos da Biblioteca, na rúa Concello.

    Ourense en Común promove para este sábado unha mesa redonda coa participación de cinco mulleres na primeira liña da política, que baixo o título “Os retos do feminismo na política das comúns”, abordarán os desafíos que afronta a revolución feminista do noso século.

    Ledicia Piñeiro, edil de OUeC no Concello de Ourense, exercerá como anfitrioa para moderar o debate entre Irene Montero, voceira de Podemos no Congreso dos Deputados, xunto con deputadas de En Marea no Congreso e o Parlamento, e a responsable de Igualdade e Diversidade do goberno coruñés da Marea Atlántica.

    A concelleira de Ourense en Común explica que coa xornada de mañá queren “defender e visibilizar” o “imprescindible papel da muller na adopción de decisións e na formulación de políticas públicas”, e explica que “a democracia só terá un significado verdadeiro cando as políticas sexan decididas conxuntamente por homes e mulleres, prestando unha atención equitativa aos intereses e aptitudes das dúas metades da poboación.”

Anova reflexiona en Ourense sobre a necesidade de unidade popular contra os ataques conservadores

Anova reflexiona en Ourense sobre a necesidade de unidade popular contra os ataques conservadores

• Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez e Lucía España intervirán na palestra.
• O debate centra a mirada no horizonte 2019 e o proxecto de Unidade Popular.
• O encontro será este venres, desde as 20h15 no Espazo en Común das Burgas.

    O Espazo en Común acolle mañá unha das “xeiras” que adoita celebrar Anova por todo o país, como actos abertos para facilitar a reflexión colectiva e conectar coa sociedade,  fomentando novas formas de facer política e compartir o proxecto de unidade popular coa sociedade civil activa.

    Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez e Lucía España serán as protagonistas que intervirán no debate, que baixo o título de “Crise política e saída autoritaria do Réxime do 78”, estará centrado no momento que estamos a vivir, e porá o foco no horizonte 2019.

    Explica Lucía España que, tanto en Galicia como no Estado español, “se está reforzando a ofensiva conservadora para frear os avances das forzas políticas de ruptura”, coa intención de pechar de vez o ciclo político que se iniciou co 15-M e, no noso país, en 2012 coa emerxencia electoral de AGE e que tivo continuidade na primavera municipalista de 2015 e no éxito electoral da primeira En Marea, e engade que neste contexto, “cómpre revisar as alianzas políticas no Estado español que poidan facer contrapeso ao peche de filas que fixeron  as “forzas constitucionalistas”, acompañadas dos principais poderes económicos e mediáticos”.

    O encontro será aberto, e celebraráse desde as 20h15 deste venres no Espazo en Común das Burgas.

Nace en Ourense o xérmolo para unha rede municipalista galega

Nace en Ourense o xérmolo para unha rede municipalista galega

• Os alcaldes de Compostela e A Coruña compartiron no Hai Mareas as experiencias desenvolvidas nos concellos que gobernan.
• Máis dun cento de persoas chegadas de toda Galicia participaron no encontro de traballo en código aberto.
• A parálise do goberno de Jesús Vázquez en Ourense fronte aos bos exemplos de Compostela, A Coruña ou Ferrol foi un tema recorrente durante a xornada.
• O horizonte 2019 perfílase para as mareas desde os principios de participación, transparencia e feminización, para facer unha política máis sostible e ao servizo dos cidadáns.

    A cidade de Ourense acolleu hoxe o encontro “Hai Mareas”, no que máis dun cento de persoas vencelladas ao movemento municipalista galego partillaron ferramentas, metodoloxías e experiencias co obxectivo de mirar cara ao 2019 desde a boa praxe na xestión municipal, tomando os exemplos de Coruña ou Compostela, que están poñendo os concellos ao servizo da cidadanía”.

    O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, xunto ao voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, abriron o encontro manifestando a necesidade de compartir estes espazos de reflexión, debate e traballo” para “aprender e reivindicar xuntas a capacidade do municipalismo na transformación da autonomía social e local”.

    Durante a mañá, tres mesas de traballo abordaron simultáneamente as metodoloxías organizativas de cada proceso municipalista, as experiencias participativas desenvolvidas en concellos como o da Coruña e Compostela, e o funcionamento interno das propias institucións, desde as vivencias en primeira persoa de Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, de edís da Marea Atlántica, Compostela Aberta, Marea de Vigo, e Ourense en Común, e de deputadas de En Marea no Parlamento galego.

    Xa pola tarde, o salón de actos da biblioteca acolleu tres palestras abertas.

    Desde as catro e media, durante a primeira das palestras, dinamizada polo edil de OUeC, Miguel Doval, púxeronse en común as conclusións das mesas de traballo matinais, coincidindo e facendo fincapé na necesidade de “abrir máis aínda as institucións á participación cidadá”, vencellando a vida institucional coa extitucional, e fortalecendo un “espazo común e fraterno onde as mareas camiñemos xuntas”.

    Na segunda palestra da tarde, baixo o título de “contrapoder” e coa participación de movementos e organizacións sociais como a Mocidade republicana galega, Stop Desafiuzamentos, a Plataforma Non ao TTIP, a plataforma en Defensa da Sanidade Pública, a organización estudiantil ANEGA, ou a Masa Crítica de Ourense, o debate centrouse no que os movementos da rúa precisan do municipalismo e das propias institucións.

    Na recta final do encontro, Jorge Duarte (concelleiro no goberno de Compostela), María García (concelleira no goberno da Coruña), Xosé Lois Jácome (concelleiro da Marea de Vigo), e Martiño X. Vázquez (voceiro de OUeC), avaliaron o camiño percorrido polo municipalismo ata hoxe, e as perspectivas, obxectivos e  retos que se plantexan no momento político actual, e de cara á cita electoral de 2019.

    No peche da xornada, o alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, xunto á concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, concluíron que “é preciso máis e mellor municipalismo, porque merecemos limpar as institucións de ladróns, corruptos, acosadores, e podemos facelo”.  Xuntas avaliaron o nefasto goberno de Jesús Vázquez na alcaldía de Ourense, “unha cidade paralizada, fronte aos bos exemplos de Compostela, A Coruña ou Ferrol”, e é que si “se pode ter renda municipal, se pode ser transparentes nas contratacións, se pode facer que ningún neno ou nena quede atrás e poidan comer nas súas escolas, que podemos ter terrazas nas rúas sen que sexan un perigo, que podemos ter o monte limpo e vivo...” e infinidade de  probas máis de que “miramos ao inimigo de fronte e con valentía, desafiándoo,  porque somos a xente común e levamos moita fartura enriba”.

    Concluídas as intervencións o artista O Neno Elliot puxo a nota musical á xornada de traballo, interpretando o tema “Venceremos nós”, un “canto optimista e esperanzador para un cambio político desde abaixo, feito pola xente, desde a rúa”.

Ourense debate sobre a custodia compartida

Ourense debate sobre a custodia compartida

•    Ourense en Común promove un encontro aberto para abordar a iniciativa lexislativa popular que promove a Asociación Galega de Pais e Nais Separados.
•    O debate celebrarase no Espazo en Común das Burgas,  mañá xoves desde as 19h00.
•    A custodia compartida aplícase actualmente en Galicia no 18,6% dos casos de separacións e divorcios.

    Ourense en Común convoca este xoves un encontro aberto para debater a ILP que está a promover a Asociación Galega de Pais e Nais Separados por unha lei galega de custodia compartida, para a regulación do que acontece cos nosos fillos e fillas en caso de separación, divorcio ou nulidade .

    O grupo quere dar a oportunidade á asociación de expoñer a súa proposta, e entende que o debate debe ser aberto a calquera que queira achegarse a dar súa opinión, “seguindo o noso estilo de sentarnos a falar e darlle a palabra a todas”.

    Coas conclusións extraídas do debate, OUeC realizará un posicionamento sobre se a custodia compartida debe ser o réxime habitual nos casos de separación, nulidade ou divorcio.

    O encontro celebrarase a partir das 19h deste xoves, no Espazo en Común das Burgas, con entrada libre a quen desexe participar.

Ourense en Común convoca un debate aberto sobre o borrador do Plan Municipal de Equidade de Xénero

Ourense en Común convoca un debate aberto sobre o borrador do Plan Municipal de Equidade de Xénero

•    A mesa de traballo celebrarase o mércores a partir das 19h no Espazo en Común das Burgas.
•    O grupo recollerá as reflexións e propostas que xurdan da xuntanza, co fin de achegalas como emendas para a mellora do Plan.
•    O Partido Popular demora xa por catro meses a aprobación deste plan, que debera estar vixente desde xaneiro.

Ourense en Común convoca, para este mércores día 5 de abril ás 19.00 un debate no Espazo en Común (Burgas, 8), para recoller propostas ao borrador do III Plan de Equidade de xénero 2017-2020 do Concello de Ourense <<Consulta AQUI>>.

    Seguindo co seu carácter participativo, o grupo pretende recoller propostas de entidades sociais, colectivos, asociacións e persoas interesadas en avaliar o borrador deste terceiro plan municipal, abordando a igualdade en eidos como o da linguaxe, as oportunidades no emprego, a educación e a cultura, a saúde, a participación cidadá, ou o deporte, e facendo fincapé na prevención das violencias de xénero desde a corresponsabilidade da administración.

    “Dende Ourense en Común defendemos a intelixencia colectiva e a participación cidadá como a mellor forma para crear documentos que repercutan no bo funcionamento do Concello de Ourense, con moito máis motivo cando se está a falar de dereitos básicos”.

    O período de vixencia técnica deste III Plan de Equidade municipal, previsto para principios deste ano 2017, leva xa catro meses de retraso e “o Partido Popular aínda non puxo o cronómetro a correr e nin sequera levou o borrador a comisión de pleno”, apunta Ledicia Piñeiro.

    Con esta convocatoria, Ourense en Común adiántase ao plazo de dez días para a recollida de emendas, pendente aínda de ser aberto.

    Ademáis de ser unha convocatoria aberta á veciñanza en xeral, á mesa de traballo deste mércores foron xa convocados colectivos como o Foro Feminista Falando Nós, a Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega, e persoas que forman parte do Consello Municipal de Igualdade.

OUeC sinala as contradicións da ordenanza para a xestión de vivendas de emerxencia social proposta polo Partido Popular

OUeC sinala as contradicións da ordenanza para a xestión de vivendas de emerxencia social proposta polo Partido Popular

O grupo municipal Ourense en Común presentou 9 emendas ao borrador da ordenanza para a xestión de vivendas de emerxencia social.

Tralo debate de dúas xornadas monográficas con diferentes colectivos sociais do Concello de Ourense especialmente sensibilizados en materia de vivenda e emerxencia social como a propia Plataforma Stop Desafiuzamentos, entre outras, OUeC presentou nove emendas ao borrador da ordenanza de vivendas de emerxencia social. O obxectivo apuntan é sempre mellorar ese documento e non confrontar politicamente nun tema tan sensible e que afecta a un dereito básico como é a vivenda.

Entre as emendas presentadas destaca unha de substitución á totalidade. Esta enmárcase dentro da parte da exposición de motivos pois apuntan que “se partimos dunha exposición de motivos errada estaremos condicionando toda a ordenanza. Así é que evidénciase un claro enfoque dende os principios da política social asistencialista, namentres o que a mesa de debate con colectivos coñecedores da problemática demandaba era a necesidade de virar ese prisma cara  a protección de dereitos fundamentais, tal e como se recolle na lexislación, na Constitución e en múltiples Declaracións Internacionais”.

Precisamente nesta liña de protección de dereitos, o grupo municipal OUeC presentaba outra emenda de modificación para que os gastos no subministro de luz, auga e calefacción, sexan asumidos polo Concello. Así é que entenden “ilóxico ofertar tres vivendas para situacións de emerxencia social, nas que un dos requisitos para ser persoa beneficiaria é demostrar a imposibilidade de facer fronte ao pago dunha vivenda, pero pola contra teñas que pagar os gastos que unha vivenda en condicións dignas require”.

Outras modificacións importantes refírense aos prazos de estancia nas propias vivendas. Así a mesa de debate organizada por Ourense en Común propón eliminar os prazos de estancia máxima e que sexan as traballadoras e educadoras sociais, a través de proxectos de inserción social e laboral, as que valoren cando unha familia ou persoa están preparadas para continuar coa súa vida fora das vivendas municipais.

AUDIO concelleira Ledicia Piñeiro

OUeC prosegue o seu achegamento do PXOM aos barrios

OUeC prosegue o seu achegamento do PXOM aos barrios

Ourense en Común convoca hoxe luns á Asociación de Veciños de Santa Mariña para achegar o modelo de cidade pretendida polo PXOM, responder ás dúbidas veciñais e informar de primeira man sobre o estado de aprobación do documento.     

Nas dúas semanas anteriores realizáronse encontros nas zonas da Carballeira, Camelias, Polvorín, Seixalbo, Cuña, Mariñamansa e Montealegre.   

As principais dúbidas dos veciños concéntranse no impacto da chegada da alta velocidade, a denominada “Ronda Bulevar” e a falta de resposta personalizada ás alegacións presentadas.

 

O grupo municipal Ourense en Común comezou o luns 29 de febreiro un roteiro por todos os barrios do Concello de Ourense. Neste tempo os concelleiros Martiño Xosé Vázquez e Miguel Doval, xunto coa labor de case unha decena de persoas voluntarias para a coordinación dos eventos, achegaron o documento a zonas como a Carballeira, Camelias, Polvorín, Seixalbo, Cuña, Mariñamansa e Montealegre. Hoxe luns 14 de marzo é a quenda de Santa Mariña e Cumial. A cita será ás 20h na Asociación de Veciños de Santa Mariña.

“O noso obxectivo é visitar semanalmente dúas zonas do Concello de Ourense para transmitir o modelo de cidade pretendida polo novo PXOM, responder as posibles dúbidas existentes e informar en primeira man á veciñanza do estado de aprobación do documento. Acción que debería partir do propio equipo de goberno do Partido Popular para facer este documento o máis estable, transparente e participado posible. Pois ninguén debería querer volver a cometer erros pasados como o seu propio PXOM tombado pola xustiza.”

Dende Ourense en Común insisten en que este PXOM non é o que houberan desexado pois consideran deficiente a coñecida como Fase de Avance na que o equipo redactor recolle impresións, suxestións e demandas veciñais. Carencia que teñen comprobado nestes mesmos encontros nos barrios.

Hai un claro descoñecemento entre a veciñanza de que cidade se pretende con este plan. Os veciños de Seixalbo ou A Cuña non son consciente das posibilidades da liberación do corredor ferroviario coa chegada da alta velocidade, os veciños do Polvorín, Camelias ou Carballeira non foron informados do por que sería necesario un desdobre tipo Ronda Bulevar e ninguén explicoulle aos veciños do Montealegre porque é necesario un plan especial na zona ou que solución se aporta no plan ao problema de accesibilidade ao Parque Botánico.

Igualmente, algo gravísimo é que non exista vontade por parte do equipo de goberno de comunicar persoalmente o resultado motivado das alegacións. Somos nós os que estamos facendo un traballo de mediación entre veciños e Concello de Ourense, función que non nos corresponde nin estamos cualificados para tal pero que seguiremos facendo namentres o Partido Popular non se responsabilice”.  

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC achegará o PXOM a todos os barrios do concello

OUeC achegará o PXOM a todos os barrios do concello

Ourense en Común comeza este luns na Carballeira un roteiro por todos os barrios do Concello de Ourense para achegar o modelo de cidade pretendida polo PXOM, responder ás dúbidas veciñais e informar de primeira man sobre o estado de aprobación do documento.

O grupo municipal Ourense en Común comeza este luns 29 de febreiro ás 20h na Asociación Carlasca da Carballeira un roteiro por todos os barrios do Concello de Ourense. A próxima parada será o mércores 2 de marzo no Centro Cívico da Cuña. Deste modo cada semana visitarán dúas zonas do Concello de Ourense para transmitir o modelo de cidade pretendida no novo PXOM, responder as posibles dúbidas existentes e informar en primeira man á veciñanza do estado de aprobación do documento.

O proceso de elaboración deste PXOM non é, nin moito menos, o que houberamos desexado dende Ourense en Común. Así é que a coñecida como Fase de Avance foi deficiente ou case inexistente. Botamos en falta daquela unha maior permeabilidade na elaboración do documento que permitira a participación e recoller impresións, suxestións e demandas veciñais. Algo nodal se pretendemos aliñar a máis de cen mil persoas nunha estratexia de cidade para os próximos vinte anos.

Daquela OUeC non estaba nas institucións e nin sequera existía, pero agora si e con este roteiro pretendemos paliar eses déficits de participación iniciais. Xa que logo consideramos imprescindible desbloquear a actual situación provocada pola anulación en vía xudicial dun PXOM depredador redactado polo Partido Popular cunha previsión de nova vivenda para máis de 50.000 persoas”.

Ourense en Común fixaba no seu programa electoral participado cal serían as súas condicións para aprobación dun PXOM. Algunhas xa executadas parcialmente como a constitución dun grupo de traballo amplo con presenza de todas as organizacións políticas do Concello de Ourense e conformado polo propio equipo redactor e equipos técnicos que non xerara novos gastos á Corporación Municipal. Malia a isto esta comisión non foi aberta como solicitaban a outros colectivos veciñais e técnicos.

A Comisión de Seguimento do PXOM cumpriu a súa función só parcialmente. Se ben os grupos da oposición recibimos información técnica detallada do estado do plan e dos informes de alegacións elaborados polo equipo redactor, botamos en falta que se exploren novas vías de participación: consultora municipal,campañas de información específica por barrios, etc. Así é que novamente como en tantas outras áreas de goberno (mobilidade, voluntariado, animais…) é Ourense en Común quen se remanga e ponse a traballar. Se eles non o fan, facémolo nós.

Sobre o apoio ou non da organización municipalista a este PXOM seguen a advertir ao Partido Popular do risco de politizar un proceso ata o de agora netamente técnico. Con todo remarcan que, como organización asemblearia, a decisión final de Ourense en Común será unha decisión colexiada tomada en asemblea veciñal aberta á participación de calquera persoa interesada.

 Nunha primeira análise o PXOM redactado cumpre moitas das demandas de OUeC pois atende ao núcleo urbano xa consolidado e aposta por pechar a malla urbana antes de conquistar novos espazos como si facía o plan do PP. Contempla ademais un epicentro de cohesión no distrito norte da Ponte que permitirá superar desigualdades históricas entre barrios, reserva un grande número de equipamentos, espazos comúns, vivenda pública e zonas verdes.”

Dende Ourense en Común afirman que a falta da lectura de informes sectoriais aínda pendentes e dunha análise aínda máis detallada especialmente orientada ao impacto das novas infraestruturas naquelas áreas de interese natural, cultural e paisaxístico; o principal problema actual pasa pola adaptación do PXOM á nova Lei do Solo de Galicia e o modelo de xestión.

Coa aprobación en solitario por parte do Partido Popular da nova lei no Parlamento Galego desaparece un tipo de solo específico, tradicionalmente orientado á reserva en caso de expansión natural da cidade, e con el aumentaría dun bocado o número de vivendas ata 4000 máis das contempladas na aprobación inicial.

Se a esta característica sumámoslle que o Partido Popular de Ourense pretende alterar o modelo de xestión proposto por un modelo de compensación que favoreza a iniciativa privada, estaríase atacando a un dos eixos do plan que é o peche da malla urbana antes da conquista de novos espazos. Por non falar de que xa non sería a administración municipal a que levara a iniciativa do seu propio planeamento”.

Ourense en Común será convocado nos próximos días, xunto co resto de partidos da oposición, a reunións bilaterais co equipo de goberno co fin de seguir avanzando na aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato