Ourense en Común solicitará unha rebaixa do 39% no salario do alcalde e porcentual en todos os salarios da corporación municipal

  • A asemblea de Ourense en Común votará en contra da proposta da Alcaldía sobre o réxime retributivo dos membros da corporación que se presentará no pleno de mañá ao consideralo desproporcionado e lonxe da realidade ourensá: “A provincia galega cos salarios máis baixos non pode ter o alcalde mellor pagado de Galicia”
  • Ourense en Común votará en contra tamén na ratificación da urxencia do pleno: “Esta só se explica dende unha perspectiva estratéxica por parte do equipo de goberno para limitar a labor de oposición”.

OURENSE 27/06/2015. —Ourense en Común resolveu, a través dunha asemblea extraordinaria celebrada onte venres día 26 de xuño ás 20:00h no Campus Universitario, votar en contra da ratificación da urxencia do pleno convocado pola alcaldía de Ourense para o luns 29 de xuño. A asemblea decantouse por condenar as malas prácticas que xa comeza a demostrar a alcaldía, que trata de acurtar os prazos limitando a labor de oposición.

Segundo Ourense en Común a convocatoria de urxencia debeuse evitar ao dispor a alcaldía de dúas semanas para a convocatoria dun pleno extraordinario que non afectara á celebración do primeiro pleno ordinario do mes de xullo. Ao esgotar os prazos e enviar a última hora do pasado venres a convocatorio para o luns ás 10h a alcaldía está condicionando o tempo para que o resto de grupos municipais podan estudar os expedientes, polo tanto está condicionando a labor de oposición e obstaculizando a necesaria fiscalización de toda acción municipal. Por todo o anterior e despois de analizar a orde do día, na que non aparecen elementos urxentes máis aló da configuración orgánica da propia institución, Ourense en Común vese na obriga de votar en contra neste apartado, condenando as formas e instando ao equipo de alcaldía a mellorar a súa dilixencia de cara a futuro. A responsabilidade dunha posible paralización da labor de goberno é unicamente da alcaldía, quen rexeita coas súas prácticas a posibilidade de traballar cos outros grupos municipais.

 

Nun concello cun 23% de persoas en risco de exclusión social é inmoral manter o réxime retributivo dos membros corporativos da anterior lexislatura.

A asemblea de veciñas de Ourense en Común decidiu tamén votar en contra da proposta da Alcaldía sobre o réxime retributivo dos membros da corporación que pretende manter as asignacións vixentes da anterior lexislatura cunha única redución do 5% no salario do alcalde. Un xesto agradecido pola organización municipalista pero que consideran insuficiente.

O Código Ético polo que se rexe Ourense en Común aposta porque ningún salario supere dúas veces e media o salario bruto da provincia de Ourense que, segundo os datos do Mercado de Traballo e Pensións nas Fontes Tributarias, publicado anualmente pola A.E.A.T, tendo en conta os últimos datos publicados de 2013, este límite sería 41.330 € brutos anuais. O que suporía unha redución do 39% con respecto ao actual salario do alcalde e tería en conta o contexto social de Ourense.

O resto de salarios da corporación deberán respectar este límite e establecerse de forma porcentual segundo o nivel de responsabilidade, dedicación e exposición pública, de acordo coa capacidade orzamentaria e someténdose á prioridade do ben común.

 

Dúas dedicacións parciais para conciliar a labor profesional, familiar e política.

A proposta de Alcaldía contempla que dúas persoas de Ourense en Común realicen as súas funcións en réxime de dedicación parcial. Proposta que responde ás demandas desta organización para que estas persoas podan exercer unha labor de oposición eficiente, levar adiante os centos de encomendas adquiridas coas veciñas recollidas no programa participativo e obter unha compensación pola necesaria redución de xornada que deberán asumir nos seus postos de traballo actuais. Malia isto, ao non poder votar os puntos por separado e integrar esta proposta dentro da mesma que o réxime retributivo, Ourense en Común votará en contra de todo o punto.

 

Un reparto de áreas de goberno e delegacións que apunta á vella política.

Xunto coa proposta de Alcaldía sobre o réxime retributivo dos membros da corporación, no pleno do luns darase conta da actividade de goberno en materia orgánica dende a súa constitución o pasado 13 de xuño. Malia a tratarse de puntos informativos Ourense en Común quere deixar clara a súa preocupación por varias decisións que apuntan a un modo de goberno en prol dunha minoría social, que mantén unha mirada depredadora para co noso medio ambiente e que mantén prácticas da vella política limitando a participación cidadá e a transparencia dentro do consistorio. Así é que dende Ourense en Común denunciamos:

  • A total ausencia do concepto de transparencia tanto nas diferentes Áreas de Goberno como no reparto de Delegacións./li>
  • A supresión da área de Mobilidade limitando esta a unha Delegación relacionada co Transporte Público que amosa un total descoñecemento da mesma.
  • A integración de vivenda na área de Urbanismo, mantendo así unha visión especulativa nun apartado que debería ser considerado como un dereito propio de Benestar Social.
  • A integración de Participación Cidadá na área allea como é a de Infraestruturas e Medio Ambiente.
  • A ausencia total de apartados referidos á xestión integral da auga, dos residuos, enerxía, soberanía alimentaria ou apostar por un modelo de desenvolvemento sostible.
  • O mantemento do vínculo termalismo — turismo sen explorar novas vías con respecto a este sector estratéxico para Ourense como a xeotermia, industria das augas
  • A ausencia total de referencias á lingua, nin como delegación de área nin dende un punto de vista transversal a todas.
  • A ausencia dunha delegación específica para diversidade na área de Benestar Social.

Posición de Ourense en Común respecto ás axudas públicas ao Club Ourense Baloncesto

En primeiro lugar, queremos felicitar a todas as persoas que forman parte do Club Ourense Baloncesto polos méritos deportivos que lle permiten ter a posibilidade de competir na ACB e desexar que cumpra todos os requirimentos desta organización para poder participar nela a vindeira tempada.

Ourense en Común entende que a cooperación municipal con empresas privadas pasa porque estas asuman compromisos vinculados ás boas prácticas empresariais e á realización de accións que redunden en beneficio da comunidade, tal e como recollemos no Programa Participativo. Na reunión mantida cos grupos políticos o día 5 de xuño e ao que OUeC foi invitada, o COB non fixo proposta algunha relativa a este retorno que entendemos fundamental á hora de estudar a cooperación con empresas privadas.

Ao fío do expresado polo presidente do COB, Antonio Gavilanes, xa que a presenza do club na ACB vai supoñer unha revalorización das accións, solicitamos que estas sexan postas a venda, dando prioridade a socias e socios de adquirir pequenos paquetes de accións (unha ou dúas). Consideramos importante favorecer a entrada de capital non vinculado a empresas senón a persoas particulares, para así coñecer o interese real da veciñanza no proxecto do COB.

En Ourense en Común non permanecemos alleos ao desexo de moitas das nosas veciñas de contar cun club na ACB, segundo moitos, a segunda mellor competición de baloncesto do mundo logo da NBA. Por iso nos aledamos do logro acadado. Por iso trasladamos os nosos parabéns ao COB, aos xogadores, corpo técnico, dirección e, como non, a todas as seareiras.

A nosa proposta política, reflectida no programa participativo, entende o deporte como unha ferramenta fundamental para potenciar a saúde das nosas veciñas e veciños. É este, amais, un cometido dos concellos, recollido no artigo 25.2.m da LRBRL, “promover o deporte e instalacións públicas e ocupación do tempo libre”.

As veciñas e veciños de Ourense proporcionamos ao COB instalacións deportivas nas que adestrar e disputar partidos, nas que fornecer unha canteira e unha afección, indispensables para a sustentabilidade de calquera club, proporcionamos os medios para que o espectáculo que supón un encontro deportivo deste nivel se poida realizar coa máxima seguridade, poñendo a disposición do club a Policía Local e Protección Civil, a un custe cero para eles, non así para as cidadás, e que, seguro, o COB terá a ben recoñecer o esforzo que xa fai toda a cidade.

En OUeC entendemos e xustificamos as axudas públicas á empresa privada cando estas teñen un fin social. Remitímonos ao Programa Participativo, que no punto ds11 sinala a necesidade de impor a “Cláusula de cooperación empresarial en todos os programas e plans de acción municipais, na que se sinale que as empresas beneficiarias asumen unha serie de compromisos, relacionados coa mellora das condicións laborais dos seus empregados, a introdución de plans de igualdade e de criterios de Responsabilidade Social Corporativa, a eficiencia enerxética, a redución de residuos, a creación de novos postos de traballo, as titorías para emprendedoras, ou outras accións especificas que redunden en beneficio da  comunidade”.

Ante isto, sinalamos dúas reflexións:

  1. Como establecer que accións serían precisas para asegurar o retorno do investido no beneficio da comunidade? Así, entendemos que o COB debería facer unha proposta ao Concello máis alá dos estudios de impacto socioeconómico.
  2. Nunha situación como a que vivimos, con altos índices de pobreza e exclusión social, entendemos que as prioridades nos orzamentos do Concello teñen que ir primeiro a outro tipo de accións.

Na xuntanza á que os partidos políticos foron chamados polo presidente do COB, Antonio Gavilanes, este razoaba que a achega do Concello de Ourense podería ser positiva para o Concello porque a presenza do club na ACB permitiría revalorizar as accións que lle pertencen. Non cremos que a función do Concello sexa especular co valor dunhas accións nin rematar os exercicios con saldos positivos, como vén de suceder no exercicio pasado. A función dun Concello é cubrir as necesidades das súas veciñas. É por isto que consideramos que o Concello de Ourense ten a obriga de aproveitar a oportunidade que se lle presenta para vender as accións que lle pertencen, sen perseguir lucro algún, ao prezo actualmente estipulado, e destinar os fondos recadados a atender a situación de emerxencia social que nos afecta a moitas persoas.

Ourense en Común non ten aínda unha posición definida sobre a remuneración das súas representantes institucionais

Posición OUeC con respecto a información difundida no xornal La Voz de Galicia / Edición Ourense / 12-06-2015 baixo o titular “Ourense en Común propone que sus tres concejales cobren sueldo por dedicación parcial

Hoxe venres 12/06/2015 o xornal La Voz de Galicia na súa edición local facíase eco de varios comentarios emitidos na asemblea do pasado mércores 10 de xuño que dende Ourense en Común consideramos necesario matizar. Xa que logo se ben saudamos con entusiasmo o seguimento destas reunións abertas, emitidas en streaming e cuxas actas son penduradas a posteriori nunha páxina web, sendo a única organización política de Ourense con tal elevado grao de transparencia; os comentarios alí vertidos non representan a posición oficial da mesma ata que adquiren carácter constitutivo e son debidamente comunicados mediante a convocatoria de roldas de prensa, envío de información a medios e documentos compartidos vía web e redes sociais.

Na asemblea do pasado mércores 10 de xuño, durante máis de tres horas de reunión, tratáronse temas orgánicos e de actualidade municipal como o desafiuzamento e destrución da casa dunha veciña en Reza ou a proposta da Sociedade Anónima Deportiva Club Ourense Baloncesto de recibir apoio económico por parte da administración local. Ambas posturas profundamente debatidas e cuxo posicionamento político ao respecto do espazo de confluencia Ourense en Común será compartido nos próximos días.

No punto 2.1. Exclusividade e cargos de libre designación as persoas electas que representarán a Ourense en Común na corporación municipal dende mañá 13/06/2015 conformadas no denominado Grupo de Traballo Institucional, informaron á asemblea da necesidade e urxencia de que esta tomara posición ao respecto de tal decisión. Xa que logo a negociación do funcionamento da corporación faríase con carácter de urxencia despois do pleno de investidura de mañá sábado e que este grupo só tiña como información de base o Código de Ética Política no que entre outros compromisos aparecen:

  • Facer públicas cada ano as súas declaracións de bens, renda e patrimonio.
  • Facer públicos os criterios de contratación de cargos de designación política e a súa necesidade de contratación.
  • Ter uns salarios máximos que non superen dúas veces e media o salario bruto medio da provincia de Ourense.

Malia a este grao de compromiso ético, responsabilidade e nivel de transparencia, Ourense en Común aínda non tomara ningunha decisión ao respecto das exclusividades das veciñas electas. Para ilustrar o debate tomouse como fonte o acordo tomado na anterior lexislatura tomando como paradigma o Bloque Nacionalista Galego por ser esta a organización que contaba con igual número de concelleiras electas. Adiando para un futuro inmediato, no que se convocará unha nova asemblea monográfica que afonde no debate en profundidade, e debido á premura da decisión chéganse aos seguintes acordos:

 

  • Ourense en común defende, como está recollido no seu Código Ético, que as persoas electas como concelleiras deban recibir remuneración pola súa actividade fixando un tope salarial, en base a un argumentario de necesidades e adaptado a criterios de eficiencia e fiscalización.

 

  • O Grupo de Traballo Institucional propón que no caso de que se repita a situación de partida do Bloque Nacionalista Galego as tres persoas prefiren renunciar a exclusividade e repartir o total en parcialidades. Mantendo o teito de gasto pero repartido entre tres persoas. Eventualidade que haberá que negociar co resto de organizacións políticas e co propio goberno municipal.

 

  • O Grupo de Traballo Institucional propón que igualmente se é asignado un contrato de libre designación para labores de administración, este sexa repartido entre dúas persoas ao fin de reducir a carga traballo. Os criterios de contratación deberán cumprir os compromisos de transparencia presentes no Código Ético e no Código de Gobernanza.

 

Decisións tomadas todas co único fin de que Ourense en Común poda levar adiante os centos de encomendas adquiridas coas veciñas recollidas no programa participativo. Unha dura labor no que todas somos necesarias e que requirirá un maior esforzo por parte do Grupo de Traballo Institucional que con xenerosidade renunciaron xa ao seu anonimato. Nas próximas semanas cederan asemade aínda máis tempo do xa raptado das súas familias e amigas en prol dun mellor futuro para todas. A remuneración, sexa como fose que aínda está por decidir, é só a compensación por parte dese esforzo e polas necesarias reducións de xornadas que deberán asumir nos seus postos de traballo actuais.

Cumprimos! Estamos orgullosas da nosa campaña

Cumprimos! Estamos orgullosas da nosa campaña

Estamos orgullosas do que fixemos estes ultimos 15 días.

Cumprimos e demostramos que sí hai xeitos de ter unha xestión áxil, eficiente, transparente e en beneficio das persoas.

As contiñas claras

Estamos satisfeitas de ter feito toda unha campaña sen experiencia previa, en tempo record e cumprindo co orzamento planificado, de 5.500€. Un orzamento cuberto con achegas económicas de veciñas e veciños, que se implicaron con donativos e empréstitos apostando por Ourense en Común. Persoas ás que de novo lles damos as GRAZAS.

As maiores partidas do orzamento foron destinadas á impresión de 4.500 cartaces, 11.000 volandeiras, aluguer de local e pintura para graffitis. (Todos os datos sobre os gastos de campaña están no apartado de transparencia dentro da nosa web)

E a pesares do limitado orzamento en comparación con outras forzas que concorren ás municipais, fomos as que desenvolvemos a campaña máis próxima, fresca, e diferente ás campañas tradicionais, ou eso nos dín.

9 encontros de barrio, 7 propostas culturais, lúdicas e reivindicativas

Nos 9 días laborables de campaña, realizamos outros tantos encontros en espazos públicos de diferentes barrios da cidade: Seixalbo, Barrocás, As Lagoas, A Ponte, O Posio, A Carballeira, O Vinteún, O Couto, e O Polvorín, onde onte celebrabamos o acto central de campaña con máis de un cento de persoas.

Queriamos nestes encontros crear ambientes distendidos e agradables para o debate veciñal, e fixémolo.

[metaslider id=3046]

Ademais, nas dúas fins de semana que ocupou a campaña, producimos 7 actividades lúdico-culturais de balde para públicos de diferentes idades: unha ludoteca, unha marcha ciclista, un roteiro histórico pola rúa do Progreso, unha maratón fotográfica, un encontro de debuxantes e graffiteiros, ou mesmo unha andaina.

Hoxe faremos a última destas actividades. Pechando a campaña de Ourense en Común, varios grupos da cidade darán xuntos un concerto gratuito de cumbia-rock municipalista. Será ás 22h na Praza San Marcial.

Queriamos con esto dinamizar e poñer en valor o que xa temos, e visibilizar o que precisamos: nenas e nenos felices, unha mobilidade sustentable e eficiente, fomentar o comercio local, apostar polo talento de aquí  ou valorar o noso patrimonio. Fixémolo tamén.

[metaslider id=3062]

A xente do común

Unhas 50 persoas estivemos esta última quincena dando o mellor das nosas capacidades e folgos para sacar a campaña que vístedes adiante: atendendo o punto informativo, producindo chapas, pegando cartaces, deseñando, fotografando, producindo vídeos, montando os sets nos barrios, probando son, creando contido, levando as redes, xestionando axendas, mantendo a web, enviando notas de prensa ou ata facendo transmisións en directo.

Foi laborioso e case unha loita diaria, mais a situación de emerxencia move o noso acelerador, e este traballo por un Ourense en Común non é máis que froito da ilusión e a xenerosidade. Damos o mellor de nós para intentar que todas as veciñas entendamos a oportunidade de cambiar o xeito de facer política, para que a política de verdade nos teña en conta a todas.

Nós xa gañamos

Ourense en Común xa gañou, xa comezamos a mudar o xeito e os métodos para facer política. Gañamos coa idea de que é posible ese cambio, e de que todas poidamos axudar a desenvolvelo.

Gañamos pensando nun Ourense do bo vivir para todas, para as nosas fillas e fillos, netas e netos e para as que nos visitan. Un bo vivir que permaneza no tempo.

E gañamos en aprendizaxe cada día unhas das outras.
Estamos orgullosas de finalizar unha campaña chea de valores, limpa e honesta, feita con amor. E agradecidas de ter compartido estes días con tantas veciñas que, coma tí, nós e coma todas, queremos un Concello para as persoas. Participa do cambio!

Ourense en Común dá o seu apoio á Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude para que a institución volva ser un espazo de dinamización cultural das mozas do Concello

Ourense en Común dá o seu apoio á Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude para que a institución volva ser un espazo de dinamización cultural das mozas do Concello

  • Dende Ourense en Común queremos recuperar a dinámica e filosofía participativa e de autoxestión que caracterizou o fucionamento da Casa da Xuventude.

 

  • Entendemos que unha institución histórica, referente a nivel estatal como un espazo animación sociocultural da mocidade non pode seguir desemantelando o seu servizo.

 

Ourense en Común quere manifestar publicamente o seu apoio á recén creada Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude que denuncia no seu manifesto “como durante os últimos anos de goberno da Xunta de Galicia a presenza de mozos e mozas na Casa da Xuventude de Ourense se viu gravemente reducida por mor da falta de actividades e da mala xestión da Xefatura Territorial da Consellería”. (https://plataformacasadaxuventude.wordpress.com/)

Dende OUeC defendemos que os espazos públicos deben estar ao servizo das veciñas e veciñas do Concello e entendemos que unha institución histórica, referente a nivel estatal como o foi durante máis de 30 anos a Casa da Xuventude como un lugar de encontro e de animación sociocultural da mocidade non pode seguir desemantelando o seu servizo. De feito, no noso Programa Participativo recollemos expresamente o compromiso de recuperar a dinámica e filosofía participativa e de autoxestión que caracterizou ou funcionamento da Casa da Xuventude.

A atención á mocidade e o fomento da participación en asociacións e colectivos xuvenís é tamén un eixo transversal do noso proxecto de cidade das persoas. E para iso propoñemos medidas concretas:

  • Programa de asistencia xuvenil. A través dos distintos servizos municipais desenvolveranse ferramentas e materiais específicos para a información, o asesoramento e a atención ás necesidades da mocidade, especialmente nos ámbitos da formación, o emprendemento, o asociacionismo, o emprego, o deporte, a cultura e a vivenda.
  • Activación do Consello da Mocidade coa participación das asociacións e colectivos xuvenís, para a identificación de necesidades, a planificación de accións e campañas, a participación e co-xestión en programas municipais ou a coordinación e dinamización de espazos xuvenís.
  • Centros xuvenís autoxestionados. Cesión de espazos á mocidade nos diferentes barrios, que se constituirán como lugares de encontro e de promoción da participación e a cooperación en actividades sociais, culturais, deportivas e formativas.
  • Recuperar filosofía participativa e de autoxestión que caracterizou ou funcionamento da Casa da Xuventude.
  • Deseño dun programa de lecer alternativo. Promoción de actividades de lecer como alternativa ao consumismo, que teñan como obxectivo fomentar a participación e interrelación entre a xente nova.
  • Establecemento de baremos equitativos e xustos que dean prioridade ás persoas máis necesitadas na adxudicación de vivendas protexidas (familias desafiuzadas, vítimas de violencia de xénero, xuventude, maiores, familias e persoas en situación ou en risco de exclusión).
  • Apoiar o deporte escolar con viso a que se produza unha confluencia a nivel técnico entre todos os actores do deporte de base de Ourense. Crear un servizo de monitorado de reforzo aos Colexios Públicos, para aumentar a participación nas ligas escolares.
  • Ampliar os horarios de apertura das instalacións deportivas dos centros escolares fóra do horario lectivo e no período vacacional, para uso da veciñanza de Ourense en colaboración coa Consellería de Educación e en coordinación coas ANPAS.
  • Desenvolvemento dun Plan Municipal de Emprego, que permita articular os servizos existentes e outros de nova creación (bolsa de emprego, servizos de promoción…), con medidas para o emprego de colectivos específicos (mocidade, muller, persoas con diversidade funcional e outros colectivos en situación ou risco de exclusión).
  • Adaptación dos Plans Especiais de Reforma Interior (PERI) ás necesidades e demandas sociais, combinando a necesaria protección e coherencia dos núcleos co desenvolvemento do comercio, a vivenda, etc. Farase unha aposta pola promoción do comercio local e vivenda para a xuventude nestes espazos mediante a progresividade fiscal, axudas para restaurar, e aluger social.
  • Introducir a perspectiva de xénero en todas as actividades a desenvolver desde os departamentos de Educación e Mocidade, incidindo na formación nas relacións afectivo-sexuais, a xestión das emocións e a resolución de conflitos interpersoais e familiares.
  • Consello Municipal de Infancia. Constitución dun órgano democrático representativo das nenas e nenos de Ourense. Con carácter asembleario e horizontal; un foro de debate e elaboración de propostas con capacidade para tomar decisións e levalas ao pleno municipal. Conformaríase como órgano consultivo en materia de mocidade por parte da institución municipal.
  • Buscar espazos de encontro entre a mocidade e axentes simbólicos e figuras representativas do ámbito cultural, social, deportivo, empresarial, innovación, comunicación, para promover unha imaxe atractiva e positiva da nosa lingua.

Deixámosvos o enlace do noso Programa Participativo na nosa web por se queredes consultar estas ou outras medidas. http://ourenseencomun.gal/programa-participativo/

Comunicado en contra da violencia machista

A plataforma cidadá Ourense en Común quere manifestar a súa repulsa polo novo caso de violencia machista acontecido esta mañá no Complexo Hospitalario de Ourense.

María Isabel Fuentes Fernández (66 años), veciña de Verín, faleceu a primeira hora da mañá na habitación do CHUO onde estaba ingresada, despois de recibir varias coiteladas por parte do seu marido, de 76 anos.

Isabel estaba ingresada por unha agresión na súa vivenda ocorrida o pasado 3 de abril, e malia que a Garda Civil tiña indicios de que estabamos ante un novo caso de violencia de xénero, NON tiña ningunha medida de protección especial. Por iso, dende Ourense en Común esiximos un Pacto de Estado contra o terrorismo machista!. Non queremos ter que contar máis mulleres asasinadas polo machismo.

O dereito á igualdade é unha condición previa fundamental da democracia. OueC asumiu a igualdade de xénero como elemento central da súa identidade e así o trasladará ao Concello de Ourense. Porque séculos de loita social das mulleres non caeron en saco roto, pero continúa a darse unha violencia estrutural dunha metade da poboación contra a outra. Unha violencia que ignora, invisibiliza, silencia, coacciona e mata. 54 mulleres asasinadas en España en 2014, 6 en Galicia.

A perspectiva de xénero ten que ser un eixo central das políticas públicas municipais, incorporándose ao deseño orzamentario, á organización laboral, aos procesos de toma de decisións, etc. Cómpre transformar a sociedade dos homes na sociedade das persoas e comezar a empoderarnos, todas e todos, como cidadás de pleno dereito.

Por iso, no noso Programa Participativo temos medidas concretas para unha loita máis eficaz en contra da violencia machista dende o Concello de Ourense:

  • Aumentar os recursos destinados a previr e intervir en violencia de xénero, garantindo ás mulleres, así como ás persoas dependentes delas (maiores e/ou menores), unha atención integral, recursos e servizos de calidade para a promoción da súa autonomía económica a través de plans de (re)incorporación laboral e/ou de prestacións dignas.
  • Dotación de recursos humanos suficientes ao CIM. Aumentar o persoal especializado nas áreas de psicoloxía, traballo social e axentes de igualdade.
  • Estudo da viabilidade para a remunicipalización do servizo da Casa de Acollida de Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero.
  • Fomento activo do asociacionismo e o cooperativismo entre as mulleres.
  • Introducir a perspectiva de xénero en todas as actividades a desenvolver desde os departamentos de Educación e Mocidade, incidindo na formación nas relacións afectivo-sexuais, a xestión das emocións e a resolución de conflitos interpersoais e familiares.
  • Programas de sensibilización e formación da cidadanía en igualdade de xénero, de corresponsabilidade de homes e mulleres nas tarefas de coidados e domésticas, o uso de permisos de paternidade e maternidade de xeito igualitario e intransferible, ou a detección e tratamento de actitudes, prácticas e comportamentos sexistas.
  • Potenciar o Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes.

Ademais, contamos con outras medidas indirectas concretas, o Programa Participativo de Ourense en Común é transversal:

  • Impulsar plans específicos de emprego dirixidos ás mulleres en xeral e ás mulleres vítimas da violencia machista en particular, pois a independencia económica é prioritaria.
  • As mulleres vítimas da violencia machista que o precisen poderán contar cunha vivenda en réxime de alugueiro social, establecendo baremos equitativos e xustos que dean prioridade ás persoas máis necesitadas na adxudicación de vivendas protexidas.
  • Incluír a perspectiva de xénero nos orzamentos, nos criterios de selección de contratos e adxudicacións de subvencións municipais e incluíla como baremo nas cláusulas dos pregos de condicións técnicas dos concursos.
  • Formacion obrigatoria en igualdade de xénero a todo o persoal do concello, entre eles a Policía Local e outros organismos relacionados.
Gráficas do horror: tipos de feminicidio en 2015
Gráficos do horror: tipos de feminicidio en 2025. [Fonte http://www.feminicidio.net/articulo/españa-2-mujeres-fueron-asesinadas-hombres-abril-2015]
Gráficos do horror: Feminicidios e asesinatos por meses.
Gráficos do horror: Feminicidios e asesinatos por meses. [Fonte http://www.feminicidio.net/articulo/españa-2-mujeres-fueron-asesinadas-hombres-abril-2015]
Presentación do Programa Participativo

Presentación do Programa Participativo

Chegou o momento!
Este luns 4 de maio ás 20:00h no Centro Cívico da Rúa Colón presentamos o Programa Participativo de Ourense en Común e queremos contar contigo. Invitamos a todas as persoas, asociacións, colectivos e medios da cidade a asistir.

Nel participaches tí e moitas outras persoas da cidade aportando ideas, estrutura, horas de traballo, mapas de demandas veciñais, redacción, revisións, correccións e categorización das propostas. Queremos facer un acto colectivo que dea reflexo de toda a pluralidade de persoas que forman parte del. Coa xente dos encontros de barrio e das mesas sectoriais. Un encontro que sirva de agradecemento pola vosa participación, dende a casa, nas redes ou nas xornadas monográficas de traballo.

Nunca antes a xente do municipio tivo tanto peso na elaboración dun programa de cidade, de barrio e de eixos temáticos. Temos un novo modelo de cidade, e o exercicio da intelixencia colectiva expresada neste Programa Participativo é xa un trunfo para nós. Demostramos, tras oito meses de esforzo que outra manera de facer política é posible e que esta candidatura é precisamente a conxuncion perfecta entre experiencia e participación, entre solidez e renovación.

Este Programa Participativo non se redactou nos despachos, non é o froito de acordos ocultos con grupos de interese, é un progama feito entre todas, pola xente do común. O noso traballo destes meses é este, tras unha profunda diagnose, propoñemos un mapa que sintetiza os nosos compromisos coas veciñas do Concello de Ourense, se conseguimos gañar a institución municipal para a xente.

Chegou o momento! O cambio achégase e dende Ourense en Común queremos facerlle fronte aos poderosos e a política caciquil cun programa avalado pola cidadanía: participativo e feito con sentido común para un goberno honesto, que pense na xente, para mellorar Ourense, a nosa cidade que queremos e amamos.

Agardámoste!

Ourense en Común

Gañaremos seguro: venceremos nós

Gañaremos seguro: venceremos nós

_MG_2172En novembro de 2014 presentábase ante a cidade o proxecto político de Ourense en Común. Daquela a ilusión era máxima para construír unha candidatura cidadá e de confluencia, unha candidatura honesta, cuns principios básicos e un obxectivo claro: Gañar Ourense. Gañar Ourense para transformalo, para mudar os xeitos de participar en política e, en definitiva, para devolverlle o protagonismo á xente, ás persoas, ao pobo.

Daquela, lembrade, o peche do acto Ourense Ben Común remataba cantando aquel “Venceremos nós”, unha versión renovada do clásico de Peter Seeger, xa versionada por Luis Olivares ou máis recentemente polo Neno Eliot, pero máis que un himno, unha declaración de intencións.

E hoxe a candidatura de Ourense en Común e xá unha realidade. A ilusión medrou e medrou, non sen dificultades, pero agora máis forte que nunca, máis claro que nunca, Ourense en Común está reforzado como espazo de construcción dun modelo de cidade. E así o quixeron deixar claro as candidatas na súa primeira rolda de prensa ante os medios de comunicación ourensáns. Na posta en escena en Magma Espacio, lembraron que gañar é o obxectivo pero, gañar non a calquera prezo.

_MG_2170

O candidato número tres da lista, Martiño Xosé Vázquez, destacou que “para nós gañar Ourense non é gañar as eleccións, nin sequera o goberno municipal. Nós gañamos seguro, porque imos desenvolver un proceso completo, se conseguimos establecer en cada barrio do Concello de Ourense un grupo de traballo. Constituír mesas sectorias de xeito permanente, xa gañamos, porque estamos transformando a realidade social do Concello”. Establecer un método de traballo que permita facer de interlocutores entre a administración, os técnicos e as persoas Estamos convencidas, gañaremos seguro!.

OueC quere e aspira a facer cidade, unha cidade para as persoas e por iso facemos cidade, construímos cidade e o único xei de facelo é a través da cidade, en contacto coa xente nos barrios e nas mesas sectoriais.

O histórico líder do movemento veciñal nos barrios de Ourense, Miguel Doval, é o home que encabeza a lista e para el tamén é a oportunidade de poñer en práctica “todo o que levo 20 anos predicando nos barrios”. É o momento e destacou que “queremos rachar conceptos, a participación cidadá é o máis importante, e o noso programa vai estar en contínua evolución, seguindo a evolución da cidade”. Para Doval, o protagonisto está nas cidadás que queremos “ser protagonistas do noso propio destino” construíndo a cidade que queremos. E unha resposta clara a unha pregunta “Gústame Ourense en Común porque dende o principio sentinme cómodo e máis novo”, dixo Doval. “Se te sinalan co dedo un montón de xente nova, para min é un orgullo. E ainda por riba teñen a ocurrencia de facer o que levo predicando toda a vida: partipación, como ía negarme?”.

Miguel si que hai necesidade de meterse en fregados coma este, e como negarse?

Somos cidadás actoras da política municipal e queremos que as veciñas tamén o sexan e todas teñamos voz non só fóra senón tamén dentro da institución. E así as candidatas llo trasladaron aos medios, que tamén serven para que esta ilusión chegue a máis xente.

Seguimos adiante, mirando de fronte porque como dixo a número dous, Ledicia Piñeiro, “a xente que soubo entender este novo método seguimos aquí, seguimos sendo Ourense en Común”.

Coa lista pechada e xa en precampaña toca traballar e para iso xa comezou o traballo hai oito meses e despois dunha análise das máis dun cento de propostas recibidas o programa sairá á luz o vindeiro 30 de abril. O primeiro programa colaborativo de Ourense feito en común pola xente de Ourense, expertos, veciñas, activistas, militantes de organizacións politicas, xuntas!.

E para difundir e amplificar esta mensaxe e como explicou a candidata número seis Mavi Calviño “faremos unha campaña, austera, honesta, diferente e tiraremos da creatividade da xente que estamos en Ourense en común para que sexa atractiva para o cidadán” e destacou “vai ser unha campaña totalmente transparente como as nosas contas publicadas dende o minuto un na nosa páaxina web”.

Un equipo de xente traballa xa na organición desa campaña, xa a veremos…. e xa vos iremos contando. Permanecede atentas!.

OURENSE BEN COMÚN

OURENSE BEN COMÚN

“Cando a tiranía é lei, a revolución é orde”. Parafraseando a Calle 13 (que a súa vez colleu o lema de Pedro Albizu Campos, combatente pola liberación de Porto Rico), Martiño Xosé Vázquez rematou a súa intervención no acto #OurenseBenComún. Engadindo que se a tendencia non muda, terá que unirse (cos seus títulos universitarios) á maioría dos seus amigos, que se viron obrigados a buscar a vida no exterior por falta de oportunidades na terra.

foto1A presentación de Ourense en Común tras acadar o primeiro obxectivo fixado, as 1.500 sinaturas como aval ao proxecto, foi unha grande asemblea no Campus na que as ourensás e os ourensáns (da cidade e das aldeas) puideron escoitar qué é OeC, cales son os seus principais cometidos e cara onde se dirixe esta marea cidadá sen mar, co Miño de columna vertebral. Puideron escoitar e tamén participar e expoñer as súas inquedanzas e as súas pegas.
foto2E é que cando a desesperanza se converte en enfado, entón si, hai que facer algo! Non hai mellor esterco ca xenreira, a rabia para a toxicidade, para un vivir sombrío. E sempre se pode facer algo para cambialo, ata os desesperanzados poden intentalo.
Cando lees os xornais sabendo que non hai defensa dos desfavorecidos, se unha mañá máis escoitas a radio agardando o próximo imputado, cando acendes a tele e volves apagala, compañeira, compañeiro, tes que facer algo. E por fin, tras anos e anos no papel de vasalos, hai onde amarrarse. foto3O 15M foi o xérmolo da implicación política dos de a pé. Berrarlle á pantalla tonta, despotricar nas redes sociais non fixo efecto e houbo que saír ás rúas, ás prazas para unirse cos que levan quilómetros de activismo nos pés e seguen portando faixas. Agora chegou o momento de gañar, de tomar as institucións para a cidadanía.
foto4Transparencia, participación e horizontalidade, os tres piares organizativos fundamentais de OeC, quedaron reflictidos nas breves e concretas explicacións dos voceiros de cadanseu grupo de traballo. A palestra encheuse de verbas para o cambio e desa enerxía que recenden os que cren no que falan, os que cren no que fan. As mans de fronte, respondían.
foto5
Só se pode gobernar para todas e todos, se antes de crear as ferramentas precisas para a participación directa, se pensa no ben común. Ata agora só se lles permitiu chegar aos gobernos a individuas e individuos que unicamente pensaban no resto (máis ben en empresas ca en persoas) se tiñan riqueza que ofrecerlle, se lle posibilitaban perpetuarse no poder con artimañas non só ilegais senón ademais carentes de ética algunha.
Un Ourense habitábel para todas e todos é unha cidade solidaria, unha cidade sustentábel (a ecoloxista María Durán explicando os medios no salón de actos amosouna realizábel).

foto6E isto está por construír, entre todas e todos. A confluencia de forzas, as sinerxias de ideas poden crear un programa para un municipio no que os servizos públicos (renovados, reforzados) chegen sobre todo a quen máis os precisa, no que a cultura tamén poida ser un xeito de vida, unha opción de enriquecemento intelectual e de ocio ( ninguén en Ourense como a invitada Ánxeles Cuña para explicar nesta presentación o esquecemento das administracións á cultura e á educación).
foto7Quixeron ir ao grao, directos, non hai tempo, cada día que pasa é un día cara o empeoramento. Pediron voces para engadirse a este espazo común, para modelar entre todas e todos, os medios máis axeitados para chegar aos feitos.
Unha posta en escena clara e dinámica que trasmitiu máis dixerible a mensaxe. E remataron coa guitarra e o acordeón, con ese xa popular chamamento de Pete Seeger a vencer, contra o medo e cantado en galego. Un bo final para algo que comeza, en ti tamén está chegar aos feitos.­
foto8