Ausencia dos tres concelleiros de Ourense en Común dos actos conmemorativos da Constitución

Ausencia dos tres concelleiros de Ourense en Común dos actos conmemorativos da Constitución

Os concelleiros de Ourense en Común non asistirán aos actos de conmemoración do día da Constitución o próximo 6 de decembro. Expomos a continuación, de xeito conciso, as razóns para iso:

Rexémonos por un marco xurídico obsoleto, froito dun contexto social e político moi determinado, o da transición, que non foi capaz de adaptarse aos novos tempos. A Constitución Española celebra o seu 37º aniversario. A súa redacción estivo marcada pola necesidade de alcanzar un consenso entre as forzas progresistas e as conservadoras, que posibilitase o paso da ditadura á democracia de xeito pacífico. Catro décadas despois o contexto é moi diferente; a cultura democrática do pobo español consolidouse e a nosa realidade sociopolítica é outra. A estrutura institucional disposta na Constitución mostrou non ser axeitada; a separación de poderes non é real; a soberanía do pobo non conta con canles de participación efectiva. O efectivo avance das liberdades, os dereitos fundamentais e a democracia mesma non poden estar limitados por un marco legal anticuado que se supón serve a este fin.

Consideramos que moitos dos dereitos e liberdades contemplados na Carta Magna non foron obxecto do correspondente desenvolvemento lexislativo nin das actuacións necesarias por parte dos poderes públicos para facelos efectivos. É o caso do dereito ao traballo e a un salario suficiente (art.35), o dereito a unha vivenda digna (art.47), o dereito á asistencia e prestacións sociais suficientes en caso de necesidade (art.41), ou o dereito a un sistema tributario xusto e progresivo (art.31), entre outros moitos. Este marco constitucional non foi capaz de garantir a efectiva imposición destes dereitos e liberdades, que foron sistematicamente esmagados polas políticas duns e outros gobernos, chegándose ao caso de incluír na propia Constitución unha modificación (art.135) que antepón a satisfacción de intereses privados do sector financeiro ao cumprimento do interese xeral.

Vivimos, asemade, un claro proceso de “apropiación” da Constitución por parte de determinados grupos políticos que se alternaron no poder, que lonxe de traballar por desenvolver o seu contido para facelo efectivo e de adaptalo ás novas realidades e necesidades da cidadanía, utilizárona como arma arreboladiza contra calquera forma de expresión social, política ou cultural non coincidente cos seus postulados e posicionamentos.

Cremos firmemente que é necesario abrir un novo proceso constituínte, que conte cunha ampla participación social, de cara a elaborar unha nova Carta Magna que sirva efectivamente ao interese xeral e sexa capaz de garantir os dereitos e liberdades da cidadanía e os pobos que conviven en España por enriba de calqueras intereses particulares.

Por todo iso, o próximo 6 de decembro os concelleiros de Ourense en Común no Concello de Ourense abstéñense de participar na celebración institucional do día da Constitución. Non se pode celebrar que nos rexemos por un marco normativo obsoleto, inoperativo e incapaz de servir ao seu labor. Non se pode celebrar xunto a representantes duns partidos que a incumpriron, usárona á súa conveniencia e agora vanglórianse de ser os auténticos demócratas e constitucionalistas. Non hai nada que celebrar.

Ourense en Común apoiará á candidatura En Marea para as eleccións xerais do próximo 20 de decembro

Ourense en Común apoiará á candidatura En Marea para as eleccións xerais do próximo 20 de decembro

Ourense en Común xorde durante o segundo semestre de 2014 como un colectivo plural no que participa a veciñanza do concello, persoas de xeito individual e axentes cunha traxectoria previa de traballo en diferentes movementos sociais e políticos, en defensa do dereito á vida e ao traballo digno, da sanidade pública (gratuíta e universal), do ensino público (gratuíto e de calidade), do dereito á vivenda, do uso normalizado do galego como lingua propia e dunha cultura de nós para o mundo. Xorde como unha plataforma de confluencia cidadá para trasladar ao ámbito institucional os valores de progreso, solidariedade, tolerancia, igualdade e transparencia. Piares sobre os que asentar o firme compromiso de avanzar na creación e posta en práctica de ferramentas de participación efectiva coas que ampliar os límites do sistema democrático municipal, permitíndonos por fin ás veciñas de Ourense exercer o control real das nosas institucións independentemente de quen sexa responsable das mesmas.

Ourense en Común presentábase ás eleccións municipais de maio de 2015 cun programa colaborativo elaborado mediante a combinación de decenas de mesas técnicas e encontros nos barrios rurais e urbanos do concello. Un programa que pretendía asentar as bases dun proxecto de cidade, elaborado de modo participado, con máis de trescentas propostas que converteron a Ourense en Común no grupo político con representación na nova corporación municipal con máis suxestións de renovación programática, a unha distancia maior de 100 puntos do Partido Popular, 200 do Partido Socialista de Galicia en Ourense e case 300 de Democracia Ourensana.

Os resultados electorais do mes de maio de 2015, insuficientes para implementar o modelo de cidade proposto, permitiron abrir un vano de esperanza polo que introducir novos discursos, metodoloxías e prioridades que, situando o social no centro das políticas públicas, avanzaba na consolidación dun modelo de democracia real e directa.

Durante o verán e outono de 2015 os esforzos colectivos das veciñas que conforman Ourense en Común, sen experiencia na política institucional, concentráronse na introdución destes valores na actual corporación municipal e a superación dunha realidade hermética deseñada por e para organizacións con aparatos a escala supramunicipal. Estruturas e procedementos que afastan á cidadanía dos seus órganos de representación apelando a unha sorte de eficiencia nesta xestión do común. Axioma a todas luces irreal como evidencian os numerosos casos de corrupción destapados nos últimos anos.

A chegada de xentes con ampla formación pero sen experiencia na política institucional, nin medios materiais ou humanos á altura dos partidos tradicionais, supuxo un grande esforzo persoal primeiro para a confección dunha candidatura cidadá e despois para competir na campaña electoral en pé de igualdade co resto de organizacións políticas. Do mesmo modo que obrigou a posteriori a un esforzo extra para comprender, analizar e en parte afastarse das lóxicas viciadas da administración máis próxima ao cidadán como é o Concello de Ourense. Só coa colaboración desinteresada de decenas de persoas e colectivos foi posible que Ourense en Común exercera e siga a exercer a día de hoxe unha labor de oposición construtiva.

Entre outros condicionantes, este enorme desgaste e a necesaria concentración de esforzos na política municipal mantivo a Ourense en Común afastado dos diferentes procesos de confluencia que pretendían replicar a maior escala o acontecido nas eleccións do 24 de maio de 2015. Así é que malia a participación individual nas diferentes iniciativas, as asembleas extraordinarias convocadas para tomar unha decisión colexiada ao respecto decidiron concentrar todos os esforzos no compromiso asumido unicamente no plano municipal.

Ourense en Común, ao igual que o resto de candidaturas municipalistas que emerxeron na pasada primavera, xurdía cun fin de base local para a constitución de alternativas electorais deseñadas dende a máxima transparencia, participación e horizontalidade nos seus procesos de construción. Con todo, a práctica diaria evidencia a necesidade dunha análise autocrítica para reconfigurar a propia estrutura organizativa e adaptala ás emerxencias e demandas sociais. Nese horizonte trabállase xa coa realización de enquisas abertas á participación sobre cal debe ser o seu papel nas institucións. Na mesma liña avánzase na redacción dun plan estratéxico que será aprobado e referendado nunha grande asemblea cidadá no mes de xaneiro baixo o título Repensar Ourense en Común.

No plano territorial comézanse a tecer redes de cooperación intermunicipal para a socialización de experiencias que permitan desenvolver e aplicar accións políticas conxuntas a diferente escala. Obxectivo central e prioritario no que se avanza na actualidade coa construción de novos espazos de confluencia a escala provincial como a denominada Rede de Candidaturas Veciñais de Ourense. Unha iniciativa de colaboración e intercambio entre diferentes candidaturas xurdidas en Ourense no marco das últimas eleccións municipais.

De igual modo o defendido proceso de renovación democrática, iniciado antes nas rúas e materializado nas últimas citas electorais tomando as principais cidades do estado español, debe ter como obxectivo final recuperar todas as institucións, tamén as autonómicas e estatais, das mans dunha minoría corrupta que goberna para enriquecerse e servir aos seus propios intereses.

Dende Ourense en Común entendemos que os próximos comicios electorais de decembro e do vindeiro ano 2016 serán esenciais para superar unha lóxica política histórica na que se perpetuaron no poder unhas elites baixo a alternancia bipartidista. Fronte a propostas baseadas na corrupción, na especulación inmobiliaria, no malgasto e na falta de transparencia das contas, ao carón da privatización sistemática de servizos públicos e ao distanciamento e deshumanización das administracións, debemos propoñer agora novas políticas fundamentadas na xestión do común, priorizando o social e afondando nos principios de xustiza social, igualdade de xénero, sustentabilidade, democracia participativa e compromiso ético. É por isto que a asemblea extraordinaria de Ourense en Común celebrada o luns 23 de novembro tomaba por un referendo superior a 2/3 os seguintes acordos:

  • Apoiar á candidatura electoral de En Marea para os vindeiros comicios do mes de decembro. Así é que, malia a non ter participado no seu proceso de confección e recoñecer déficits en materia de participación e transparencia na súa construción, enténdese que esta é a única candidatura que pode dar continuidade ao proceso de renovación democrática nas institucións iniciado nas eleccións municipais do 24 de maio.

  • Apoiar ás listas para as candidaturas ao parlamento e ao senado pola provincia de Ourense e, malia a recoñecer a súa pluralidade integrando nas mesmas a persoas moi valiosas e activas como David Bruzos, manifestar que Ourense en Común non foi participe da súa elaboración.

  • Anunciar o compromiso de Ourense en Común de colaborar de forma proactiva na futura construción dun espazo de confluencia amplo, aberto á participación e transparente para as eleccións ao Parlamento de Galicia do ano 2016 co que pechar un ciclo electoral que debe recuperar todas as institucións e poñelas novamente ao servizo da cidadanía.

Ourense en Común renuncia aos convites personalizados no  Teatro Principal e os sorteará entre todas as veciñas

Ourense en Común renuncia aos convites personalizados no Teatro Principal e os sorteará entre todas as veciñas

O grupo municipal Ourense en Común sortea as entradas con acompañante que como grupo municipal o Concello puxo a disposición das súas concelleiras para o FESTIVAL DE VOCES FEMININAS 2015. Evento que se celebrará este xoves 26 de novembro ás 20.30h no Teatro Principal.

Entendemos a importancia e o papel de representación que temos que asumir dende o momento que pasamos a formar parte da corporación municipal, pero non entendemos porque temos que ter unhas condicións e un trato diferente ao resto das veciñas de Ourense”. Con este argumento Ourense en Común defende a súa postura de aceptar todos os convites para asistir a actos públicos como membros da corporación municipal pero avisan que esta debe facerse nun marco de ausencia de privilexios con respecto ás demais persoas asistentes.

A renuncia a estas entradas, xunto con outras xa realizadas no pasado como o aparcadoiro reservado ou as medallas conmemorativas, entre outras, responde a que estas prácticas supoñen un incumprimento do Código Ético de Ourense en Común. Un documento no que se recolle a obrigatoriedade destes a renunciar a calquera privilexio ou agasallo polo seu cargo.

Asistimos a moitos eventos que Ourense en Común apoia e seguirá apoiando malia a ter moitas discrepancias coa súa xestión. O último caso foi o XX Festival de Cine Internacional desta fin de semana, pero fixémolo en pé de igualdade co resto das nosas veciñas rexeitando as zonas acoutadas ou reservadas”. Deste modo dende Ourense en Común apuntan a que “no caso de tratarse de eventos nos que sexa necesaria a adquisición dunha entrada non aceptaremos privilexios e aboaremos a cantidade necesaria para acceder. Razón pola que renuncian aos convites personalizados para asistir ao Festival Voces Femininas deste xoves no Teatro Principal e sortearán os seus pases entre todas as veciñas que queiran participar na rifa. 

O procedemento para o sorteo pode consultarse na súa páxina web e toma como referencia o sorteo da ONCE do mércores 25 que será o que determine a papeleta gañadora dividindo o número premiado entre as rifas participantes e o resto que quede desa división será o primeiro con entradas, ordenando tamén as seguintes papeletas premiadas. O prazo para participar remata o mércores 25 ás 20h.

ANEXOS.-

Páxina web para participar no sorteo:

http://ourenseencomun.gal/festival-voces-femininas-2015/

Ourense en Común pide flexibilidade á hora de aplicar o protocolo de ocupación da via pública no caso das entidades non lucrativas

Ourense en Común pide flexibilidade á hora de aplicar o protocolo de ocupación da via pública no caso das entidades non lucrativas

A xunta de goberno local, celebrada o pasado xoves, aprobou un protocolo no que se recollen as condicións de ocupación da via pública en Ourense, facendo especial fincapé nas actividades que se dispoñan na rúa do Paseo. Para desenvolver calquera das actividades contempladas no ámbito de aplicación do protocolo será necesaria a presentación, ante o concello, do impreso regulamentario, do seguro de responsabilidade civil e do pago das taxas.

Ourense en Común entende a necesidade de regularizar e homoxeneizar a situación en aras a dar orde ao uso que se faga da via pública, pero considera necesario atender ás diferentes casuístas tendo en conta ás entidades sen ánimo de lucro da cidade que realizan actividades, ben lúdicas ou ben de información, de xeito altruista e dando cobertura, na maioría dos casos, ás distintas carencias que presentan as administracións públicas á hora de atender os servizos en materia social, cultural e medioambiental, principalmente. “Con estas medidas o concello de Ourense penaliza a aqueles colectivos que, como as asociacións, realizan actividades na rúa para dinamizala. Pensemos en moitas das datas nas que celebramos acontecementos sociais, culturais ou ambientais ao longo do ano”, comentan desde o grupo municipal.

A ordenanza fiscal nº15 do concello de Ourense, reguladora das taxas por aproveitamento especial ou utilización privativa do dominio público local, establece no seu Epígrafe E) o Importe da Tarifa xeral marcado en 0,45 €/m2/día. “Esta cifra que a priori parece asumible non o é para o caso da celebración de certos tipos de actividades culturais sen ánimo de lucro non participadas polo concello e que precisan, loxicamente, moito máis dun metro cuadrado para a celebración das mesmas, convertíndose nunha sanción malia a estar suplindo carencias de programación municipal”.

Ourense en Común reproba o acoso reiterado aos bombeiros

Ourense en Común reproba o acoso reiterado aos bombeiros

Ourense en Común quere denunciar publicamente o grao de acoso que están a sufrir os bombeiros dende que este grupo municipal presentara no pleno do mes de novembro unha moción para mellorar as súas instalacións e a dotación do servizo.

Como representantes institucionais cremos que é o noso deber velar pola seguridade de todas as veciñas e veciños e velar por un servizo absolutamente fundamental de competencia municipal como é o de Bombeiros. Sen unha dotación básica de efectivos e sen unhas condicións mínimas o risco multiplícase de modo exponencial. Hai que dar unha resposta política efectiva e canto antes. Con este argumento o grupo municipal Ourense en Común xustificaba a moción presentada no pleno ordinario de novembro que pretendía atender a situación particular do servizo para garantir a súa seguridade e efectividade no traballo”.

A moción presentada por Ourense en Común asentábase en 3 piares básicos:

Primeiro, a carencia en dotacións do servizo, causadas pola diminución do número de efectivos, de 72 pasaron a 54. Unha cifra insuficiente tendo en conta que a OMS recomenda que nunha poboación por cada mil habitantes debería haber un bombeiro”.

O segundo piar, é o referido á constitución dunha Mesa de Traballo, formada polos bombeiros e os mandos. Nesa mesa elaboraríanse unha serie de protocolos e plans de actuacións para cada unha das accións deste servizo. Agora mesmo carécese de calquera protocolo de actuación”. Asemade este órgano sería o encargado da elaboración dun regulamento interno que recolla figuras, funcións, dereitos e deberes. Sen esta documentación, non hai un marco común no que centrar o servizo e pódese caer no risco de arbitrariedades nos preceptos ou de contradicións entre quendas.

O terceiro piar, céntrase na mellora e actualización do material e do propio parque. Existen grandes deficiencias en ambos aspectos que deben ser solucionadas”.

A moción foi rexeitada cos votos en contra de Democracia Ourensana e Partido Popular. Na defensa da súa posición e voto o argumento máis virulento chegaba dende a bancada de Democracia Ourensana que ata en dúas ocasións denominaba aos bombeiros como “privilexiados” e “interesados”.

Dende Ourense en Común reitérase que en ningún apartado da moción aparece un acordo que teña que ver cun aumento salarial. O que se recolle é unha reivindicación laboral, que pretende a incorporación dos pluses de nocturnidade e festividade ao complemento específico. Máis dun 20% do seu salario forma parte das retribucións variables. Isto quere dicir, que un bombeiro cunha baixa de longa duración estaría cobrando case un 20% menos do seu salario.

Do mesmo modo dende Ourense en Común quere manifestar que no proceso de debate da moción estivo sempre disposto a recibir propostas, emendas e chegar a acordos. Así se lle fixo saber ao grupo municipal de Democracia Ourensana antes da presentación por rexistro da moción”. Malia ao anterior ningún grupo municipal fixo ningunha achega de mellora ao acordo.

Dende Ourense en Común solicitamos o fin deste ataque a un servizo esencial como son os bombeiros e advirte da situación de emerxencia na que se atopa o Concello de Ourense en materia de extinción e prevención, tal e como concluía a concelleira Ledicia Piñeiro na súa intervención no pleno de novembro se pasa calquera cousa este goberno será responsable porque non temos un corpo de bombeiros dimensionado ás necesidades de Ourense”.

ANEXOS.-

Moción en defensa do servizo de bombeiros presentada por Ourense en Común no pleno ordinario do Concello de Ourense do 06/11/2015:

http://issuu.com/ourenseencomun/docs/moci__n_bombeiros_definitiva_censur

Ourense en Común esixe explicacións do peche da oficina de Policía Local no Centro Histórico e o seu mantemento

Ourense en Común esixe explicacións do peche da oficina de Policía Local no Centro Histórico e o seu mantemento

O grupo municipal Ourense en Común solicitaba onte en xunta de área explicacións sobre o estado de abandono da oficina da Policía Local na Praza da Ferreiría e a razón de seguir pagando o seu aluguer nove meses despois do seu peche.

“Se como alegaban no pasado a redución do número de policías locais impide prestar o servizo de custodia nesa oficina o lóxico sería pechala e non seguir pagando o seu aluguer durante nove meses sen uso ningún. Iso ou amortizala con novos usos. Con este argumento Ourense en Común presentaba onte na Xunta de Área de Benestar e Persoal unha batería de preguntas desprendidas da análise comparativa das memorias da Policía Local anos 2013 e 2014.

“Observamos con moita preocupación a baixada no número de efectivos no ano 2014 e a supresión de varios servizos”. Deste modo Ourense en Común apunta a redución de ata nove policías e un oficial como causa da supresión de servizos anteriormente prestados como a patrulla rural ou a propia custodia na oficina do Centro Histórico.

“Dunha análise en detalle das memorias presentadas pola Policía Local despréndese varias conclusións. A principal é o enorme esforzo que debe concentrar este persoal en materia de estacionamento e vados, un servizo que noutras cidades pode ser prestado por axentes de mobilidade”. Unha figura presente en cidades como Madrid que, sen a categoría de Policía, axuda en materia de mobilidade ao funcionariado municipal “Isto permitiría liberar persoal para atender outras intervencións que deberían ser prioritarias como violencia de xénero ou outras moi demandadas polas veciñas de Ourense como a medición e sancións en materia de ruídos”.

Malia a todo o anterior dende Ourense en Común fan unha avaliación positiva da actividade da Policía Local, pois “con menos persoal conseguiron unha redución xeralizada do número de intervencións que queremos entender como a materialización dunha maior seguridade cidadá e non como o resultado dunha carencia de persoal”.

Ourense en Común cuestiona o procedemento de adxudicación para a construción dun campo de fútbol 5 nos Remedios

Ourense en Común cuestiona o procedemento de adxudicación para a construción dun campo de fútbol 5 nos Remedios

O grupo municipal Ourense en Común observa con preocupación que a empresa adxudicataria presentara un orzamento a só 9€ do límite legal para que a obra tivera que saír a concurso público.

Non denunciamos nada porque non é ilegal. O que cuestionamos é que a empresa adxudicataria fóra a única, das tres que presentaron oferta, en non superar o límite establecido pola lei para que o servizo saíra a concurso público. E que o fixera ademais só por 9€ menos é escandaloso”. Con este argumento Ourense en Común quere poñer en coñecemento da sociedade ourensá como a futura construción dun campo de fútbol 5 nos Remedios será considerado contrato menor ao non superar o límite dos 50.000€ que fixa o Real Decreto Lexislativo 3/2011 (Art. 138), do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público.

“Ao quedar 9€ por baixo de 50.000€ o contrato pode ser adxudicado directamente a calquera empresario, só están obrigados a aprobar o gasto”. Deste modo Ourense en Común observa con preocupación que dos tres orzamentos solicitados para a execución do servizo de obra dous superaran a barreira dos 50.000€ ata case 4500€ e a empresa adxudicataria final non chegara a ese límite por só 9€.

A adxudicación foi aprobada na sesión ordinaria do Consello Municipal de Deportes do día 22 de outubro co único voto a favor do Partido Popular.

Ourense en Común crítica á política de “espectáculo” promovida tanto polo Partido Popular como polo Partido Socialista e Democracia Ourensana

Ourense en Común crítica á política de “espectáculo” promovida tanto polo Partido Popular como polo Partido Socialista e Democracia Ourensana

Fonte foto: La Región

O grupo municipal Ourense en Común vincula as críticas duns e outros, a propósito dos convites aos magostos, a un interese electoralista instrumentalizando os mesmos en beneficio de partido. Dende este grupo municipal reclaman esa mesma interese en traballar nas necesidades socias.

 

“É paradoxal escoitar a Democracia Ourensana e Partido Socialista queixándose de non recibir os convites dos magostos o mesmo día en que chegan a unha mesa de traballo sen proposta algunha. Esta é a resposta de Ourense en Común as denuncias da oposición sobre o afán protagonista do alcalde Jesús Vázquez a propósito da ocultación dos convites veciñais para magostos.

“Sabemos ben o gusto do alcalde pola promoción en materias que son de obrigado cumprimento. Así foi que o denunciamos en pleno cando só pola prensa tivemos coñecemento dos casos de lexionela na empresa municipal de limpeza”. Malia a esta afirmación dende Ourense en Común defenden que “estamos aquí para atender as necesidades sociais e non as do noso partido na procura de votos”.

Ourense en Común foi o único grupo municipal en presentar emendas á Ordenanza de Animais Perigosos, o único en presentar voluntarios aos Consellos Escolares, o único en presentar alegacións ao Plan de Mobilidade Urbana e os únicos en presentar en prazo representantes ao Consello Municipal de Cultura. Este foi o argumento empregado tamén no pleno do pasado venres para non bloquear o Plan Económico Financeiro: “non o bloqueamos porque entendemos que o importante serán os orzamentos e dar resposta as necesidades sociais”.

Por outra banda, noutra orde de temas os tres edís de Ourense en Común non asistirán aos actos relixiosos na honra de San Martiño amparados na aconfesionalidade do Estado como recolle a Constitución Española: “respectamos as crenzas individuais pero entendemos que a administración responde ao ámbito público e non privado”.

Ourense en Común condena as actuacións represivas do estado español sobre os dereitos fundamentais das persoas

Ourense en Común condena as actuacións represivas do estado español sobre os dereitos fundamentais das persoas

  1. Ourense en Común nace cun manifesto no que chama á veciñanza ourensá a unirse para construir “Unha cidade na que os dereitos fundamentais estean garantidos e na que a institución municipal poña todos os seus recursos ao servizo do ben común”.

Pero agora, máis que nunca nos últimos anos da chamada democracia, Ourense está sufrir ataques contra estes dereitos fundamentais. Ser unha persoa con pensamento crítico e pelexar polos dereitos dos teus concidadáns sinálache como obxectivo dun estado que non vela polo benestar da súa cidadanía senon que utiliza os servizos públicos con motivos políticos, electorais e propagandísticos.

As detencións que a Audiencia Nacional está a facer nos últimos días en Ourense e noutras vilas non son un ataque directo contra ningún tipo de organización nin contra estas persoas, tampouco son só contra unha opinión política ou unha maneira de pensar, senon contra os dereitos fundamentais.

Estas accións estigmatizan non só ás súas víctimas senon tamén ás súas familias, amigas e coñecidas. Limitando as súas opcións laborais e sociais. Ourense en Común atopa estas actuacións por parte da xustiza do estado desproporcionadas e inútiles, xa que a Unión Europea advertiu en diversas ocasións ao goberno central que non pode seguir facendo este tipo de detencións.

Por todo isto Ourense en Común quere dar soporte ao noso veciño Borxa, vítima dos abusos dun estado que só obedece a intereses que nada teñen que ver cos da súa poboación. El é un exemplo de cidadán preocupado polas familias dos afectados por esta plaga endémica que é a persecución política.

Ourense en Común pide o cese desta campaña de descrédito e estigmatización da solidariedade galega por parte do estado español contra as nosas veciñas, así como contra asociacións coma Causa Galiza, que sempre velaron polos nosos dereitos.“A nossa solidariedade é imparabel”.

Ourense en Común esixe ao Partido Popular de Galicia contundencia e depuración de responsabilidades políticas

Ourense en Común esixe ao Partido Popular de Galicia contundencia e depuración de responsabilidades políticas

Como consecuencia da denuncia presentada o pasado 13 de outubro ante a Fiscalía coñecida no día de hoxe, na que se acusa ao Presidente da Deputación de Ourense de ofrecer un posto de traballo a cambio de sexo, a organización municipalista demanda valentía no Presidente do partido en Galicia para acabar dunha vez por todas coas prácticas de nepotismo do seu partido na provincia.

“Respectando a presunción de inocencia e a independencia xudicial que resolverá no seu momento a existencia ou non dun delito, entendemos que xa son suficientes os indicios de nepotismo para que o Partido Popular esixa a dimisión de Manuel Baltar como presidente da Deputación. É a súa obriga poñer fin ás prácticas que manteñen a provincia asolada polo desemprego e a emigración. É unha cuestión de responsabilidade e ética política.”

Na rolda de prensa que o grupo municipal celebrou hoxe, informou da súa posición no pleno ordinario do venres 6 de novembro e defenderá as tres mocións presentadas:

1º) Constitución dunha Mesa de Traballo de Patrimonio para estudar a variación do Camiño de Santiago ao seu paso polo concello e facelo máis seguro e atractivo para os peregrinos.

2º) Atención das demandas laborais dos bombeiros municipais, nomeadamente en materia de reposición de prazas, espazos de comunicación, material e instalacións.

3º) Monitorizar as actividades sufragadas ou patrocinadas en todo ou parte en base os orzamentos municipais.

Asemade na rolda de prensa estivo presente a voceira de OUeC para defender o posicionamento desta organización con respecto a denuncia presentada o pasado 13 de outubro ante a Fiscalía e coñecida no día de hoxe na que se acusa ao Presidente da Deputación de Ourense de ofrecer un posto de traballo a cambio de sexo.