Renovación democrática e axenda social seguen a ser os condicionantes de OUeC perante unha eventual moción de censura de DO e PSdeG-PSOE

Renovación democrática e axenda social seguen a ser os condicionantes de OUeC perante unha eventual moción de censura de DO e PSdeG-PSOE

O grupo municipal de Ourense en Común non participará en ningún caso dun goberno de coalición nesta lexislatura e condiciona o seu voto a favor dunha eventual moción de censura ao modelo de cidade e xestión proposto por DO e PSdeG-PSOE.

Mañá martes 15/03/2016 os grupos de traballo institucional, apertura e relato de OUeC asistirán á reunión convocada por Gonzalo Pérez Jácome, como portavoz da formación política Democracia Ourensana.

O grupo municipal foi o primeiro en expresar a súa posición perante unha eventual moción de censura proposta en diferentes ocasións por Democracia Ourensana. Fundamentan o seu argumento nun encontro aberto á participación veciñal celebrado no Xardín do Posío o 15/05/2015, que aprobaba por consenso o seu Código de bo goberno e que marcaría os seus compromisos despois das eleccións municipais do 24/05/2015. No punto 6 daquel articulado, entre outras, recollíase:

6.2. De non ser a lista máis votada, Ourense en Común abrirá un proceso para valorar dar soporte a outra candidatura para que forme goberno, do cal non formará parte en ningún caso. As decisións a este respecto serán tomadas por parte dunha Asemblea en Común, na que se valoren todas as opcións e opinións atendendo aos principios de participación, transparencia e horizontalidade. O funcionamento desta asemblea rexerase polos regulamentos, protocolos e códigos de Ourense en Común.

Nesta mesma liña reafirmábase OUeC despois de que o sábado 13/02/2016, no contexto dunha xornada reflexiva para redefinir o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos, definira cal sería a súa posición perante a unha eventual moción de censura apelando novamente ao articulado daquel Código de bo goberno:

6.4. En relación a calquera posible acordo relativo a iniciativas lanzadas por outras organizacións políticas no Concello de Ourense, Ourense en Común tomará a decisión en base aos seus principios, os documentos de organización interna e o Programa Participativo.  

É por todo o anterior que a posición desta organización perante o  convite lanzado por Democracia Ourensana queda definido xa con anterioridade á propia reunión:

“Ourense en Común irá alí onde o chamen para falar sobre decisións que poden afectar ao noso municipio. Agora ben, a aritmética do resultado electoral das eleccións municipais deixaron na man de DO e PSOE unha posible alternativa ao PPNós non participaremos nesta lexislatura dun goberno de coalición porque a iso nos comprometemos en maio, pero si podemos dar soporte a outra candidatura alternativa ao Partido Popular se esta é compatible e sensible coas demandas de renovación democrática e rescate das persoas. Porque o importante non é quen é alcalde, senón para que”.

OUeC solicita por rexistro a convocatoria de xunta de voceiros

OUeC solicita por rexistro a convocatoria de xunta de voceiros

O grupo municipal Ourense en Común presentou por rexistro unha instancia dirixida á alcaldía solicitando a convocatoria de xunta de voceiros para que Jesús Vázquez informe do estado do Centro de Interpretación de Parques Naturais e das previsións para os colectores soterrados.

O grupo municipal Ourense en Común lembra que esta xuntanza estaba prevista para a semana do pleno pero foi adiada ao coincidir na temática proposta cunha moción do grupo de Democracia Ourensana.

“Despois da última xunta de voceiros o propio alcalde convocaba ao resto de grupos para informarnos en detalle sobre a súa previsión para os colectores soterrados e sobre novidades no denominado Centro de Interpretación de Parques Naturais. Comprendemos, e no seu momento incluso apoiamos, a solicitude de Democracia Ourensana de adiar aquela xunta de voceiros por condicionar a súa proposta de debate para o pleno de marzo. Pero superado este agora consideramos pertinente que se convoque aquela xunta de portavoces para que o alcalde informe en detalle ao resto dos grupos municipais sobre aquelas e outras temáticas.

A xunta de portavoces é unha mostra de saúde democrática e co-goberno na xestión. Animamos ao Partido Popular a avanzar en medidas de renovación democrática.”

OUeC responsabiliza ao PP sobre a parálise da Banda de Música

OUeC responsabiliza ao PP sobre a parálise da Banda de Música

O grupo municipal Ourense en Común reprocha ao PP que foi un dos primeiros problemas que tiveron que enfrontar inmediatamente despois de prometer o cargo e a situación é idéntica nove meses despois.

O grupo municipal Ourense en Común lembra que no pleno do mes de setembro presentou unha moción para que se estudase, de maneira participada acollendo todas as sensibilidades existentes, as posibilidades de contratación da banda de música. Ningún grupo daquela apoiaría a iniciativa que hoxe evidénciase máis necesaria que nunca.

No pleno ordinario do mes de setembro Ourense en Común presentaría unha moción que evidenciaba problemas agora de actualidade e que naquel tempo non tiveron apoio do resto dos grupos municipais. Todos os grupos políticos presentes na corporación votaron en contra daquela iniciativa.

A moción baixo o título Banda de Música, xestión democrática e transparente presentaba a necesidade de reconsiderar a partida orzamentaria destinada a este servizo cultural así como a singularidade propia dunha banda municipal por definición pero con xestión por concurso como unha contrata máis. Afondaba na necesidade de que a xestión deste, como doutro calquera con cartos públicos, debería ser o máis transparente e democrática posible. Para tal propuña a constitución dun grupo de traballo específico no marco do Consello Municipal de Cultura para elaborar un informe de funcionamento e mellora con indicadores obxectivos. Ningún grupo votaría a favor.

“O noso obxectivo con aquela moción era crear a base para un acordo duradeiro que solucionara dunha vez por todas o conflito e non poñer parches que nos leven constantemente a volver sobre os mesmos problemas e ao final recalar na mesma solución temporal.

Cremos que o asunto da banda non se pode resolver soamente poñendo o foco no puramente contractual, hai que falar da xestión. Que se esixan mecanismos de control, implantación de instrumentos de transparencia técnica e orzamentaria. Cando un entende en que investimos os cartos públicos, xestionase mellor e desaparecen as suspicacias.”

Ourense en Común subscribe a defensa desta institución, polos anos de historia e pola labor pedagóxica posible. Así apuntan quepodería ser un motor de dinamización de lugares e barrios, onde non se programa practicamente ningunha actividade cultural en todo o ano”.

AUDIO concelleira Ledicia Piñeiro

Ourense en Común realizou un debate aberto e público sobre a ordenanza para a xestión de Vivendas de emerxencia social

Ourense en Común realizou un debate aberto e público sobre a ordenanza para a xestión de Vivendas de emerxencia social

O grupo municipal Ourense en Común realizou un debate, dúas tardes, para recoller propostas á ordenanza sobre a xestión de Vivendas de emerxencia social.

Seguindo co carácter participativo de Ourense en Común, o grupo convocou un debate no que pretenden recoller as propostas de entidades sociais, das asociacións e de persoas interesadas e afectadas na xestión social da Vivenda. A convocatoria fora inicialmente para o mércores día 2 de marzo pero, tras ver a necesidade de ampliar, continuaron o luns día 7. O ritmo do debate ven marcado polo grupo que participa e chegamos á conclusión que había que ampliar un día máis o debate e por iso mesmo rematamos onte luns”.

Entre as conclusións que extraen do falado destaca unha crítica ao enfoque da ordenanza e por considerala insuficiente para afrontar a problemática de vivenda, xa que logo soamente son tres vivendas as que se prentenden xestionar dende Asuntos Sociais. Consideramos fundamental que se aborde esta realidade dende unha perspectiva de garantía dos dereitos fundamentais e non dende o enfoque dos principios rectores de política social e económica, como xeralmente fai o PP, nesta institución e noutras supramunicipais”.

A pesar das críticas agora mesmo OUeC está en fase de redacción, en forma de emendas das propostas aportadas no debate e serán presentadas por rexistro maña mércores.

OUeC solicitará ao resto de grupos municipais un  compromiso coa lingua galega

OUeC solicitará ao resto de grupos municipais un compromiso coa lingua galega

Ourense en Común procurará un consenso plenario de todos os grupos da corporación para comprometerse coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, tratado internacional que garante os dereitos lingüísticos de linguas como a galega.

O grupo Ourense en Común defenderá no pleno deste venres unha moción para que a corporación municipal manifeste o seu compromiso coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, tratado internacional que garante os dereitos lingüísticos, nomeadamente en relación á lingua galega como lingua propia e oficial de Galicia.

“Debemos asumir a responsabilidade compartida na defensa da nosa lingua. Así é que se necesita o máximo consenso social e político para materializalo.”

Ourense en Común faise eco deste modo dunha solicitude realizada dende a Mesa pola Normalización Lingüística quen a inicios de febreiro remitía a todas as organizacións políticas e concellos galegos unha proposta de moción semellante que pretende que as corporacións locais insten á Xunta de Galicia a cumprir as recomendacións e esixencias da citada carta.

“A Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais é un acordo ratificado en Estrasburgo por todos os estados membros do Consello de Europa para a defensa e promoción de todas as linguas, só as oficiais pois exclúense expresamente os dialectos. 

Ata a data un total de 31 países asinaron esta Carta, dos cales 23 tamén a ratificaron. España foi un dos primeiros asinantes en 1992 e ratificou a mesma en 2001. O pasado 21 de xaneiro facíase público o 4º Informe de avaliación do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, elaborado polo Comité internacional de expertos. Ao tempo, e baseadas neste informe, facíanse públicas as recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa ao Estado español. Nestas recomendacións, o Comité de expertos e o Comité de Ministros sinalan os aspectos que cómpre corrixir para o cumprimento efectivo destas garantías. Así é que o único que solicitamos dende a escala local é que se atenda a compromisos xa asinados.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC solicitará en pleno que o Concello de Ourense adquira os terreos de Benposta

OUeC solicitará en pleno que o Concello de Ourense adquira os terreos de Benposta

Ourense en Común procurará un consenso plenario de todos os grupos da corporación para que os técnicos municipais realicen un informe xurídico e de intervención económica que explore todas as vías posibles, oportunidades e amezas, para a adquisición dos terreos de Benposta pendentes de poxa por parte da Seguridade Social.

O proceso de poxa aberto pola Seguridade Social, como última fase dun procedemento administrativo de requirimento despois de fallar os procesos anteriores, supón un fito importante e que pode ser histórico no conflitivo discorrer dos terreos de Benposta dende o ano 2003. Así é que ábrese a porta por fin á posibilidade de superar a actual problemática de titularidade, pois esta administración está facultada por lei para embargar bens dos debedores e vendelos en pública poxa para cobrarse a débeda pendente e saldar o débito perseguido.

Dende Ourense en Común entendemos que o Concello de Ourense ten unha oportunidade única. Se ben a data inicial da poxa quedaba fixada para o 30/03/2016, que dificultaría cumprir os prazos establecidos para unha correcta intervención dende a institución municipal, o recurso presentado pola Fundación Benposta Nación de los Muchachos debería materializarse nunha paralización temporal do proceso para superar os defectos apuntados. Así é que habería tempo suficiente para a constitución dun equipo de traballo xurídico e de intervención económica dentro do Concello de Ourense que avanzara na elaboración dun informe de posibilidades e ameazas para a adquisición dos terreos de Benposta pendentes de poxa. Fundamento co que consignar e aprobar despois as partidas orzamentarias necesarias no caso de consideralo factible e positivo.

Ábrese deste modo a posibilidade para o Concello de Ourense de adquirir como único propietario uns terreos que engadir ao patrimonio municipal. Xa non polo valor do inmoble, senón que tamén polos valores engadidos ao lugar que o converten en patrimonio material e inmaterial de todas as veciñas de Ourense.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC fronte á convocatoria da xunta de portavoces

OUeC fronte á convocatoria da xunta de portavoces

O grupo municipal de Ourense en Común agradece ao Partido Popular que atendera a súa petición de convocatoria dunha xunta de portavoces de carácter monográfico con motivo da reunión do alcalde Ourense en Madrid sobre a Estación Intermodal.

 “Dende Ourense en Común consideramos pertinente que, despois de calquera reunión desta natureza con outras administracións, se convoque unha xunta de portavoces para informar en detalle do acordado ao resto dos grupos municipais. É unha mostra de saúde democrática e co-goberno na xestión. Así é que como dixemos no pasado, un tema tan sensible, con debate plenario incluído nas últimas semanas, debería contar coa máxima transparencia”.

Ao respecto da posición a priori de Ourense en Común sobre a nova estación intermodal manteñen a súa defensa dunha actuación integral en todo o ámbito sen definir a autoría do proxecto:

“Entendemos que sexa o proxecto de execución que sexa, preferiblemente o máis económico pois a nosa prioridade de gasto non se centra nas infraestruturas senón nas persoas, este deberá primar a utilidade sobre a singularidade e suprimir barreiras na mobilidade urbana conectando por fin os barrios ao norte e sur das vías de tren.

Compartimos a análise técnica do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia de Ourense pois evidencia a necesidade de que calquera actuación no ámbito sexa practicada dende un punto de vista integral e non parches illados. Asemade non apoiaremos ningunha actuación que non contemple a intermodalidade real e efectiva polo que os proxectos da estación de autobús e alta velocidade ferroviaria deben ser compatibles e integrados”.

OUeC advirte de que a concesión do servizo de mantemento de bicicletas adxudícase en baixa temeraria

OUeC advirte de que a concesión do servizo de mantemento de bicicletas adxudícase en baixa temeraria

O grupo municipal de Ourense en Común advirte ao Partido Popular que o servizo a día de hoxe é deficiente e dificilmente será mellor cun contrato case 8000 euros por baixo da oferta media.

 A Xunta de Goberno Local do 04/02/2016, no punto 18 da orde do día, acordaba adxudicar o servizo de préstamo de bicicletas do Concello de Ourense ao licitador autor dunha oferta valorada en 50.067 €, 7411.5 € por debaixo da oferta media e 12.89% de desviación con respecto ao resto de ofertas. Así é que de acordo co artigo 85 o Regulamento Xeral da Lei de Contratos das Administracións Públicas podería incorrer en presunción de temeridade

En base a este argumento xurídico a mesa de contratación requiriulle un informe de xustificación á empresa adxudicataria, motivando e concretando o sentido da súa oferta. Documentación entregada e admitida polo que adxudícase finalmente o servizo por esa cantidade.

“Dende Ourense en Común non cuestionamos o procedemento, xa que logo non existe ningunha irregularidade máis aló do criterio de aceptar ou non o informe de xustificación de temeridade da empresa. O que poñemos en evidencia é que este servizo era deficitario no pasado, cun estado ruinoso das bicicletas e soporte informático das bases, e dificilmente mellorará este ano con menos cartos”.

A organización municipalista advirte asemade que estas deficiencias no estado de conservación e mantemento da flota de bicicletas inciden directamente na caída de usuarios. No ano 2011 acadouse a cifra de 6099 préstamos namentres no mes de xullo de 2015 esa cifra apenas superaba os 1500 préstamos.

 “Dende que chegamos a corporación vimos denunciando que Ourense ten un problema estrutural en materia de mobilidade. Non é unha cuestión subxectiva senón que os propios datos o avalan: número de atropelos, uso de transporte privado fronte transporte público, infraestruturas non adaptadas para persoas con mobilidade reducida, etc. Se dende a administración local boicoteamos tamén aqueles servizos que promoven medios de transporte alternativo como a bicicleta seguimos e seguiremos afondando no problema e non na solución”.

Ourense en Común trasladará esta queixa no pleno ordinario de marzo e pediralle un compromiso público ao alcalde popular Jesús Vázquez Abad para que se responsabilice do correcto mantemento deste servizo.

Pregarémoslle a Jesús Vázquez, como máximo responsable desta institución, que se comprometa publicamente con toda a veciñanza a que este servizo será viable coa cantidade adxudicada. Nós, dende Ourense en Común, comprometémonos asemade a fiscalizar e controlar que en verdade isto será así.”

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC censura a falta de sensibilidade do PP ao non escoitar ás familias afectadas no centro público para discapacitados adultos

OUeC censura a falta de sensibilidade do PP ao non escoitar ás familias afectadas no centro público para discapacitados adultos

Foto: reunión 24 de febreiro con colectivos e familias

O grupo municipal de Ourense en Común asistiu onte a convocatoria para a constitución dunha plataforma en defensa da creación dun centro de educación especial para maiores de 21 anos xunto con numerosos colectivos, organizacións sindicais, persoas a título individual, familias afectadas e todos os grupos políticos de Ourense agás o Partido Popular.

 A non asistencia do Partido Popular á convocatoria das familias afectadas amosa a pouca ou nula sensibilidade deste grupo por un problema que eles mesmos poden solucionar ao estar gobernando en concello, deputación, xunta e temporalmente no propio estado.”

 OUeC dará soporte institucional e apoiará a moción que se presentará no próximo pleno ordinario do Concello de Ourense para instar ás administracións supramunicipais con competencias na temática para solucionar o que consideran un grave problema que afecta a veciñas da nosa cidade e provincia.

 OUeC intégrase en pé de igualdade, sen instrumentalización de ningún tipo, na coordinadora da plataforma xunto con todos os colectivos e organizacións asistentes. O obxectivo é traballar tanto na mobilización social como na presión institucional xunto co resto de colectivos e persoas nunha solución a longo prazo, reclamando a construción dun centro de educación especial para maiores de 21 anos, e tamén a curto prazo, mantendo o servizo actualmente prestado pola administración para non deixar a ningunha persoa no camiño”.

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

OUeC insta ao PP a esgotar as vías xurídicas para prohibir a exposición de réptiles vivos

OUeC insta ao PP a esgotar as vías xurídicas para prohibir a exposición de réptiles vivos

O grupo municipal Ourense en Común instaba onte en Xunta de Área á concelleira responsable, Sofía Godoy, a garantir o trato digno dos réptiles e a legalidade da exposición.

 O Concello de Ourense debe avanzar por fin nunha ordenanza concreta de protección animal na que se regule de forma expresa este tipo de eventos. Dende OUeC entendemos que nun municipio antitaurino e libre de maltrato animal, onde arredor de 27.000 persoas asinaron a prohibición expresa deste tipo de prácticas, tampouco estaría ben considerada esta exposición.

Ourense en Común advirte que de non garantir o trato digno dos réptiles promoverá accións de rúa e apoiará todas aquelas accións de protesta contra a mesma: “Recibimos infinidade de queixas ao respecto, tanto a título individual como de colectivos. Nós xa procuramos a súa solución por vía institucional en Xunta de Área instando á concelleira responsable. No caso de que a actividade mantéñase daremos apoio a todas aquelas accións de protesta que se convoquen e de non ser así nós mesmos tentaremos promovelas .”

AUDIO concelleiro Martiño Xosé Vázquez Mato

reptís