Pedimos no pleno unha RPT elaborada con calidade técnica e transparencia, e buscando a eficiencia dos recursos humanos municipais

Pedimos no pleno unha RPT elaborada con calidade técnica e transparencia, e buscando a eficiencia dos recursos humanos municipais

• A Relación de Postos de Traballo do PP foi recurrida por Ourense en Común. Se o goberno aproba o documento antes da sentenza do TSXG, podería incorrer nunha infracción do principio de congruencia e boa fe procesual.
• Varias organizacións sindicais advirten de que acudirán tamén á xustiza e a RPT podería verse inmersa noutro contencioso.
• Un equipo de expertos en Economía Aplicada e consultoría institucional contratado por OUeC concluía hai xa un ano que a RPT do Partido Popular foi deseñada para consolidar enchufes.
• Ourense en Común encara os últimos plenos da lexislatura “propoñendo e comprometendo medidas para acometer desde o primeiro minuto que cheguemos á alcaldía”.

    Ourense en Común anunciaba esta mañá que levará a RPT ao pleno do próximo venres, logo de que o goberno siga adiante co “despropósito” de aprobar unha Relación de Postos de Traballo “chea de inxustizas e arbitrariedades, erros, irregularidades e incoherencias, tramitada pasando por alto os principios democráticos, e que “só consolida enchufes, deixando ao concello mermado como institución pública e convertido nun negociete cun inventario de persoal deseñado a medida das persoas que ocupan os postos, e non das necesidades para prestar o mellor servizo público”.

    A través dunha moción, o grupo solicitará ao goberno paralizar a aprobación da RPT “de inmediato e namentres que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non se pronuncie” sobre o recurso contencioso-administrativo presentado por Ourense en Común e admitido a trámite a finais do pasado verán. “Ate que o tribunal emita sentenza, aprobar a RPT podería infrinxir o principio de congruencia e boa fe procesual. É unha nova irresponsabilidade e falsidade deste goberno co único fin de sumar titulares: a sentenza podería concluír a nulidade da súa RPT, que nunca entrará en vigor”.

    O grupo propón tamén nos acordos iniciar, xa coa nova corporación, a elaboración dunha nova RPT, entendida como “unha ferramenta organizativa fundamental para ter unha política de persoal eficaz no concello”, e confeccionada “con calidade técnica, transparencia, garantindo a participación das representantes legais das traballadoras, e respectando as competencias do Pleno para a súa aprobación”.

    Con esta moción, Ourense en Común busca “deixar avanzado o traballo do próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero para os intereses da cidadanía desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.

Ourense en Común encara os últimos plenos da lexislatura “comprometendo medidas para acometer desde o primeiro minuto que cheguemos á alcaldía”

Ourense en Común encara os últimos plenos da lexislatura “comprometendo medidas para acometer desde o primeiro minuto que cheguemos á alcaldía”

• Propostas “necesarias e viables” centrarán as mocións do grupo nas sesións plenarias previas á cita electoral.
• O grupo incidirá no pleno de marzo na xestión directa municipal da Casa de acollida a vítimas de violencia de xénero, cedida en segredo á Xunta de Galicia polo goberno de Jesús Vázquez.
• Martiño X. Vázquez acompañarase na candidatura dun equipo “forte, solvente, e preparado para gobernar desde o 27 de maio”.

    Ourense en Común afronta os plenos da recta final da lexislatura municipal como “unha oportunidade para deixar avanzado o traballo do próximo ciclo electoral”, e definen na súa folla de ruta levar ás sesións plenarias restantes ata maio “propostas realizables e de incuestionable necesidade” para Ourense, confiando en que “pasen o filtro unánime de toda a corporación” para que, xa sobre eses acordos, “o noso goberno empece a ser fructífero para os intereses da cidadanía desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.

    Desde o grupo declaran que “desde o goberno teremos o deber de reverter o grave legado dos catro anos de parálise dun goberno estéril e disfuncional do peor alcalde da historia de Ourense, intencionadamente xordo e cego ante o importante, ególatra, e adicado en exclusiva ao marketing, desatendendo todo o demais”, en referencia a Jesús Vázquez.

    No espazo municipalista traballan xa no programa electoral co que concorrerán á cita de maio, mantendo as premisas dun “modelo de cidade no que o concello poña de verdade os seus recursos ao servizo do ben común, e onde a cidadanía decida e tome o poder para transformar o seu porvir”.

    Namentres Martiño X. Vázquez ultima a lista que presentará á asemblea para acompañalo na candidatura, buscando conformar “un equipo sólido, forte, solvente, e preparado para gobernar desde o 27 de maio”.

O PP no concello desfíxose da Casa de Acollida, en mans da Xunta desde o verán

O PP no concello desfíxose da Casa de Acollida, en mans da Xunta desde o verán

• Sofía Godoy “vendeu por 50.000 €” o Servizo de Acollida de Mulleres Vítimas de Violencia Machista o mesmo día que o BOP publicaba o anuncio de contratación para a xestión do centro, que finalmente se declarou deserto.
• En só un mes, o PP publicou un concurso de contratación, conveniou entre institucións o mantemento da casa, resolveu subvencións en favor da congregación relixiosa que presta o servizo, e declarou deserta a licitación.
• Ourense en Común vén defendendo nestes anos a xestión directa municipal do centro. “A protección ás vítimas é unha obriga dos poderes públicos, este é un servizo de manifesta utilidade pública para a cidade. Debe prestarse desde o Concello”.

    Ourense en Común poñía hoxe de manifesto “o engano artellado por Sofía Godoy e Jesús Vázquez en complicidade co goberno de Feijoo para ceder á Xunta de Galicia a Casa de Acollida de Vítimas de Violencia de Xénero”.

    O grupo denuncia que “o Partido Popular enganou a toda a cidadanía, simulando no mes de marzo un concurso de licitación namentres simultáneamente conveniaban a cesión do centro, e finxían despois normalidade no pleno posterior”, en referencia á sesión plenaria de maio de 2018 na que, a proposta de OUeC, se debatía a remunicipalización do servizo tras declararse deserto o concurso en abril e ás portas de que o contrato quedara a partir de xuño en precario.

    Montserrat Valencia facilitaba esta mañá o cronograma co que o PP executou o traspaso do centro (ver imaxe debaixo), e revela que o fixeron “en tempo récord e agochando a información”, malia a que “reiteradamente se lle vén preguntando” a Sofía Godoy en xuntas de área e no Consello Municipal de Igualdade polo funcionamento do servizo. “A falta de transparencia deste goberno é total, obstrúen a nosa labor fiscalizadora como oposición, convertémonos en investigadoras para chegar aos datos”, e sinala a Sofía Godoy como “o maior caso de incapacidade” no equipo de Jesús Vázquez, “sobrepasa todos os límites: cando non se agocha e deixa de comparecer nas xuntas de área, sae do paso a golpe de enganos namentres abandona e desmantela servizos, e permanentemente pon en risco o respaldo ás persoas máis vulnerables da nosa cidade.

    Desde o grupo aseguran que “seguiremos investigando nesta cuestión ata o final, e requiriremos a Concello e Xunta toda a documentación vencellada ao convenio asinado, os informes que o motivaran, e información detallada das condicións en que se presta o servizo desde entón”.

Advertimos ao PP: a RPT non pode aprobarse antes de que o TSXG se pronuncie

Advertimos ao PP: a RPT non pode aprobarse antes de que o TSXG se pronuncie

• A Relación de Postos de Traballo segue pendente dunha resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que podería concluír a nulidade do documento.
• Un equipo de expertos en Economía Aplicada e consultoría institucional contratado por OUeC conclúe que a RPT do Partido Popular é un inventario de postos deseñado para regularizar a rede de enchufes practicados durante anos no Concello.
• Se o goberno aproba a RPT antes de concluír o proceso xudicial podería incorrer nunha posible infracción do principio de congruencia e boa fe procesual.

    Ourense en Común aclaraba esta mañá que “Flora Moure minte e o goberno de Jesús Vázquez erra nas previsións” de aprobar a RPT antes de maio. “Son prazos que non están tendo en conta o proceso aberto no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”, que admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo iniciado por Ourense en Común para denunciar os erros, irregularidades, incoherencias, arbitrariedades e incluso ilegalidades que contén a RPT proposta polo Partido Popular.

    Desde o grupo aclaran que o recurso interposto no alto tribunal galego fíxose en base a unha auditoría contratada por OUeC a un equipo de técnicos expertos en Economía Aplicada, que concluíron “evidencias de interese premeditado” do Partido Popular para “perpetuar centos de enchufes practicados durante anos no Concello de Ourense sen buscar organizar nin facer máis eficientes os recursos humanos do consistorio”, e apuntan a que “a RPT do PP é un inventario de postos, deseñado para regularizar unha situación irregular, para manter a rede clientelar e a estrutura de poder que afunde Ourense.

    Montserrat Valencia, edil do grupo, engade que “Flora Moure sabe do recurso no TSXG, e sabe que ate que non se resolva e o tribunal emita sentenza, aprobar a RPT podería infrinxir o principio de congruencia e boa fe procesual. É unha nova irresponsabilidade e falsidade deste goberno co único fin de sumar titulares: a sentenza podería concluír a nulidade da súa RPT, que nunca entrará en vigor”.

Apremiamos ao goberno a concorrer ás subvencións para impulsar o cooperativismo

Apremiamos ao goberno a concorrer ás subvencións para impulsar o cooperativismo

• A cegueira do concelleiro de Promoción Económica é total: renuncia presentarse ás axudas nunha cidade castigada polo paro.
• Vinte días antes de vencer o prazo, o goberno do PP xa desbotou optar a miles de euros para incentivar o emprendemento. “É un total menosprezo ás persoas desempregadas”.
“Ourense está á cola”. As grandes capitais galegas e vinteseis concellos da nosa provincia están xa adheridos á Rede Eusumo, que presta apoio directo ao emprendemento e a consolidación do emprego con base na economía social.
• Pumar anunciou en 2016 a creación dunha Oficina Municipal de Fomento Cooperativo que nunca existiu.

    Ourense en Común apela ao goberno de Jesús Vázquez a concorrer ás axudas da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e así o trasladaba na Xunta de área de Promoción económica celebrada o pasado martes.

    O grupo interpelaba ao responsable desta área, Jorge Pumar, sobre as intencións do goberno coa convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria publicada no DOG a pasada semana, coa que o Concello optaría a cubrir ata 100.000 euros para cursos e obradoiros, formación especializada de persoal para o asesoramento e acompañamento de proxectos, organización de conferencias, feiras, mostras, congresos, e xornadas de difusión, ou mesmo deseñar un plan estratéxico de carácter plurianual para o desenvolvemento da economía social no concello de Ourense.

    Máis de vinte días antes de finalizar o prazo para solicitar as axudas -finaliza o 7 de marzo-, Pumar xa desbota presentar ao concello á subvención.

    Desde OUeC fan unha lectura de “total menosprezo” do equipo de Jesús Vázquez ás persoas desempregadas no concello de Ourense. “En catro anos, o Partido Popular non tivo nin a idea nin moito menos a intención de reverter a grave situación de desemprego que viven miles de familias na nosa cidade, e que o edil encargado de impulsar políticas de emprego renuncie agora a estas axudas é moi revelador: a súa cegueira é total, e con ela pinta de negro o futuro laboral nesta cidade, explica Montserrat Valencia.

    A última ocasión na que o concello de Ourense concorreu a esta subvención foi en 2016, e logo de serlle concedida, perdéronse máis de 23.000 euros sen executar nin xustificar: sen avisar ás persoas inscritas, canceláronse sen motivo seis accións formativas e a promesa dunha oficina Municipal de Fomento Cooperativo nunca chegou a materializarse.

Este venres instalaremos un punto interactivo no centro da cidade. Convidámoste a tomar parte do futuro de Ourense

Este venres instalaremos un punto interactivo no centro da cidade. Convidámoste a tomar parte do futuro de Ourense

• Co lema “O futuro é contigo”, a instalación percorreu nas últimas semanas varios barrios da cidade.
• As veciñas e veciños poderán expresarse, pedir contas ás concelleiras do grupo, aportar ideas, queixarse, empoderarse e corresponsabilizarse co futuro de Ourense.
• O punto ubicarase nos Xardíns do Padre Feijoo desde as 17h e durante toda a tarde deste venres.
• A axenda da nosa fin de semana aproxímase intensa. O domingo celebramos a xornada anual do “Repensar”.

    Ourense en Común sae mañá de novo á rúa para facer parada no corazón da cidade coa vontade de “convidar ás veciñas e veciños de Ourense a ilusionarse co futuro, e a empoderarse  e sumarse para construílo xuntas”.

    Durante a primeira quincena de febreiro visitamos diferentes barrios da cidade co mesmo punto interactivo que mañá chega ao centro, no que “as veciñas poden expresarse, denunciar os problemas de Ourense, e coñecer de primeira man o noso traballo no Concello, ademais de reflexionar sobre a corresponsabilidade de todas no devir da cidade.

    Con esta acción encaramos unha fin de semana na que tamén celebramos a xornada monográfica anual do “Repensar”, na que perfilaremos a folla de ruta de cara á cita electoral do próximo mes de maio.

Censuramos o abandono da Ponte Romana, que leva unha semana completa sen alumeado público

Censuramos o abandono da Ponte Romana, que leva unha semana completa sen alumeado público

• Inseguridade, risco de caídas e un impacto negativo nos comercios inmediatos son as principais consecuencias da falta de luz no monumento.
• Ourense en Común denuncia o abandono do goberno municipal a un Ben de Interese Cultural, referente simbólico da cidade e principal zona de paso e conexión entre as dúas ribeiras do río.
• O abandono da Praza de Abastos ou a urbanización da Rúa Ribeira de Canedo foron outras das denuncias veciñais no punto interactivo instalado por Ourense en Común na entrada da Ponte Romana este sábado.

    O grupo municipal Ourense en Común lanzaba na mañá de onte sábado o punto de información e denuncia interactiva  “O futuro é contigo”, un espazo que percorrerá os principais barrios da cidade durante os vindeiros días. Hoxe mesmo achegaránse  ao barrio do Couto.

    “Trátase de crear un espazo de diálogo e denuncia o máis próximo posible a veciñanza. Para comunicar calquera problema poñemos a súa disposición todas as ferramentas posibles para solucionalo: conversas coas concelleiras, queixas para comisións de área, mocións a pleno e incluso abrirlle a porta a que podan concorrer con nós nas vindeiras eleccións municipais de maio”, apunta o portavoz da formación e candidato a alcalde por Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez.

    A principal denuncia recollida no día de onte é o abandono xeneralizado do barrio da Ponte por parte do goberno do Partido Popular. Ao peche sine die da Praza de Abastos sumábanse outras denuncias máis próximas como a falta de mantemento das beirarrúas ou a demanda histórica de urbanización da Rúa Ribeira de Canedo. Porén a denuncia máis repetida por sorprendente foi a falta de alumeado público na Ponte Romana. Viandantes e veciñas da zona denunciaron unha situación de inseguridade e risco de caídas que leva prolongándose por máis de 5 días, aportando fotos do estado no que se atopa.

    “En calquera outra cidade sería impensable que o principal monumento, un referente simbólico da cidade, quedase ás escuras unha semana. E neste caso aínda máis grave pois xa non falamos só dun Ben de Interese Cultural, senón dunha infraestrutura necesaria pola que cruzan cada día centos de persoas”, afirmaba Martiño Xosé Vázquez ao remate da xornada.

    O grupo municipal presentará esta mesma semana unha queixa formal no rexistro municipal ao tempo que demandará a súa solución na Comisión Informativa de Infraestruturas.

Saimos ás rúas a atoparnos coas veciñas, escoitalas, e e convidalas a tomar parte do futuro de Ourense

Saimos ás rúas a atoparnos coas veciñas, escoitalas, e e convidalas a tomar parte do futuro de Ourense

• Co lema “O futuro é contigo” e comezando pola Ponte e O Couto, un punto informativo-interactivo percorrerá a partir de mañá varios barrios da cidade.
• As veciñas e veciños poderán expresarse, pedir contas ás concelleiras do grupo, aportar ideas, queixarse, empoderarse e corresponsabilizarse co futuro de Ourense.
• O sábado estarán de 11h a 13h na contorna da Ponte romana e o domingo visitarán O Couto.

    Como xa avanzara hai uns días, Ourense en Común sae de novo ás rúas da cidade coa vontade de “convidar ás veciñas e veciños de Ourense a ilusionarse co futuro, e a empoderarse  e sumarse para construílo xuntas”.

    Comezando mañá na Ponte e o domingo no Couto, o grupo visitará na primeira quincena de febreiro diferentes barrios da cidade cun punto interactivo, no queas veciñas poderán expresarse, denunciar os problemas do seu barrio, e coñecer de primeira man o noso traballo no Concello, ademais de reflexionar sobre a corresponsabilidade de todas no devir da cidade. Un Ourense mellor para todas e entre todas é posible”.

    Nas próximas semanas a instalación fará tamén parada nas Lagoas (mércores 6), O Vinteún (sábado 9), Barrocás (domingo 10), e o centro da cidade (venres 15).

Ourense en Común sae á rúa para implicar á veciñanza nunha candidatura que gañe o futuro de Ourense

Ourense en Común sae á rúa para implicar á veciñanza nunha candidatura que gañe o futuro de Ourense

• Desde o próximo luns o grupo sae á rúa para “sumar, ensanchar e construír un proxecto político gañador, liderado barrio a barrio e persoa a persoa”.
• Martiño Xosé Vázquez chama ás veciñas e veciños a “mover ficha, e responsabilizarse no futuro de Ourense”, como cidade “sostible, feminista, ecoloxista, limpa, alegre, vivible, e próxima, onde os coidados ás persoas sexan o primeiro”.
• O candidato á alcaldía defende “a participación como método, o municipal como escenario de xogo, e a confluencia como instrumento para que gañe o ben común”.

    O candidato á alcaldía por Ourense en Común, presentaba esta mañá varias novidades con respecto a confección da candidatura de cara ás elección municipais de maio de 2019.

    Martiño Xosé Vázquez, avanzaba que desde o próximo luns imos ir, vou a ir, barrio a barrio, persoa a persoa, cara a cara, a convidar ás veciñas e veciños de Ourense a ilusionarse co futuro e sumarse para construílo xuntas, cun proxecto político gañador e co mellor equipo de persoas para poñelo en marcha, e demostrar que un Ourense mellor para todas e entre todas é posible”.

    Ademais de buscar a corresponsabilidade das veciñas co futuro de Ourense “sexa cal sexa o modo no que queiran ou poidan colaborar, apoiando dende a distancia, na elaboración do programa ou incorporándose á lista electoral”, as accións de rúa que o grupo inicia a próxima semana, inclúen tamén o habitual programa  “A voz do Barrio”, co que “seguiremos cedendo os nosos micros ás demandas das veciñas, e dándolles voz no pleno, para que o alcalde escoite as necesidades que teñen”.

    Montserrat Valencia e Miguel Doval, edís do grupo, estarán tamén a pé de rúa, dando conta dos tres anos e medio do grupo na vida institucional, dos que o voceiro valora que “constatamos os graves problemas que ten esta cidade, pero tamén que os poderíamos solucionar case de forma inmediata”, tomando como exemplo as eivas na limpeza ou o tráfico en Ourense,  que “só requiren de valentía”.

Pedimos no pleno unha comisión de investigación e seguemento do convenio entre Progape e o Concello

Pedimos no pleno unha comisión de investigación e seguemento do convenio entre Progape e o Concello

• Voluntarias e socias da protectora denuncian irregularidades na xestión, obstrución no acceso ás instalacións e deficiencias graves na atención aos animais.
• A directiva da asociación mudou ata tres veces nos últimos anos, a máis recente nunha asemblea extraordinaria e irregular, impugnada por varias socias.
• Ourense en Común exixe comparecencias da actual directiva, da saínte, de socias e voluntarias, e acceso ás memorias económicas, e os libros contables dos últimos exercicios.

    Ourense en Común anunciaba hoxe que solicitará no próximo pleno municipal a creación dunha comisión de investigación e seguemento do convenio asinado entre Progape e o Concello de Ourense, “que permita ofrecer luz sobre o funcionamento da Protectora de gatos e cans de Ourense”, e apuntan a que “son xa varias testemuñas -socias e voluntarias- que están denunciando irregularidades na xestión e posibles infraccións dos termos do convenio”.

    Montserrat Valencia, edil do grupo, apunta ás obrigacións con respecto á custodia dos cans e gatos e o coidado e mantemento das instalacións municipais que Progape ten, e declara ter “indicios e evidencias de posibles incumprimentos do convenio”, sinalando tamén aos cambios na directiva da asociación, ata en tres ocasións nos últimos anos,  “as desavenencias persoais están repercutindo directamente no mantemento, no benestar e na atención aos animais, que son os que máis nos preocupan. Velar por eles é competencia do Concello”.

    Desde o grupo denuncian que a edil responsable, Sofía Godoy, “mire cara outro lado e eluda profundar nuns síntomas que poderían rozar cuestións de saúde pública, e exixirán que todos os grupos da corporación poidan cotexar datos nunha comisión na “que tanto a actual directiva coma as anteriores presenten memorias, partes e libros contabilidade, e que teñan tamén voz as socias e voluntarias, ás que nalgúns casos se lles está obstruíndo o acceso ás instalacións”.