Avaliación dos 100 primeiros días da nova corporación do Concello de Ourense, diagnose e perspectivas
21 Setembro, 2015
0

O grupo municipal Ourense en Común fai balance 100 días despois da súa chegada ao Concello. A pouca permeabilidade desta institución á participación veciñal e as prácticas partidistas que antepoñen intereses electorais aos de Ourense principais eixos da súa análise.

«A inexistencia dun programa de benvida fai que calquera persoa que pretenda traballar polo común se sinta estraña na que debería ser a súa casa». Esta foi a frase pronunciada polo edil de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, no primeiro pleno ordinario da nova corporación e segue a ser unha das principais críticas deste grupo municipal, que bota en falta ferramentas e programas para promover a participación veciñal na vida política ourensá.

Os primeiros 100 días do actual equipo de goberno municipal evidencian para Ourense en Común o mantemento de vellas formas de facer política que sitúan a Ourense na cola da renovación democrática xurdida no estado español como consecuencia das eleccións municipais do 24 de maio. «O feito de que teñamos o alcalde mellor pagado de Galicia na provincia cos salarios máis baixos é a proba de que este cambio aínda non chegou a Ourense» apúntase desde Ourense en Común.

Sobre as afirmacións do alcalde Xesús Vázquez apelando a unha “política de man tendida”, Ourense en Común amosa as súas discrepancias. «As formas e intereses do actual equipo de goberno quedaron en evidencia cando promoveron sen consenso unha modificación de crédito que mantiña as prioridades de gasto lonxe da xente do común». O que vemos en OUeC é que «entre o anterior goberno do PSdeG e o actual do PP gastarán neste ano 2015 case un millón de euros en propaganda institucional», o que nos fai ser moi críticos coa posibilidade de que se estean empregando «cartos públicos con intereses partidistas en ano electoral».

  • Audio da Rolda de Prensa na que se expón o que foron para OUeC estes primeiros 100 días no Concello: http://ourenseencomun.gal/avaliacion-100-primeiros-dias
  • Vídeo no que o voceiro de OUeC no Grupo Municipal, Martiño X. Vázquez, analiza o que foron estes 100 primeiros días no Concello: