OUeC convertirá Ourense nunha Cidade das Persoas e para as Persoas

OUeC convertirá Ourense nunha Cidade das Persoas e para as Persoas

Ourense en Común reordenará e impulsará o transporte urbano.

Traballaremos para que trala chegada do AVE, o corredor liberado sexa transformado nunha senda verde.

Ourense 14/05/2015. Ourense en Común convocamos hoxe aos medios de comunicación no Parque de San Lázaro para expor a nosa proposta de mobilidade. Unha proposta que se estudou ao detalle nunha xornada aberta e participativa, unha proposta seria, realista e realizábel para un mellor Ourense, unha Cidade das persoas.

 

Deficiencias do transporte urbano

O actual sistema de transporte urbano do Concello de Ourense, como amosamos no plano presentado, deixa amplas zonas sen servizo, “hai barrios que non teñen nin conexión directa cos seus propios centros de saúde como é o caso de Castro de Beiro, algo semellante pasa en San Francisco” apunta Martiño Xosé Vázquez. Ademais, as frecuencias son en numerosas liñas moi reducidas, hai unha falta de conexión directa entre os principais centros de atracción da cidade e unha sobrecarga do eixo norte-sur. Un deseño que ademais non permite a intermodalidade e é moi contaminante. Unhas graves deficiencias que non se subsanaron na convocatoria do novo concurso público de trasporte urbano, feito á présa e sen escoitar aos axentes sociais, demandas que nós si tivemos en conta para a elaboración do noso Programa Participativo.

 

As propostas de OUeC en mobilidade

Dende Ourense en Común apostamos por reordenar e impulsar o transporte urbano e dar collida as novas formas de mobilidade, “que unha persoa que viva en Seixalvo e baixe en bicicleta ao centro poida volver a casa no bus coa súa bici” pon de exemplo o número 3 da candidatura de Ourense en Común.

Ademais Ourense é a terceira cidade de España na que peor uso lle damos ao transporte particular. O mellor exemplo deste defecto é o colapso que provocan no tráfico os coches de nais e pais que levan aos cativos aos colexios, “unha cidade na que as nenas non poden ir camiñando ao colexio non é unha cidade segura, saudábel nin exemplo de nada” reflexiona Martiño Xosé Vázquez.

É por isto que levaremos a cabo medidas a custe reducido como a pacificación do tráfico de todos os barrios da cidade. “Apostamos por un modelo de cidade lenta, cómoda para ser vivida e onde conquistemos os espazos secuestrados polos coches” di Martiño Xosé Vázquez. Ademais, desenvolveremos unha estratexia de expulsión progresiva do tráfico rodado do interior da cidade mediante o apoio do transporte metropolitano. Este debe ir acompañado da construción de aparcadoiros disuasorios á entrada da cidade e completar o eixo de circunvalación exterior.

 

A entrada do AVE

Dende OUeC apostamos por reducir ao máximo o impacto da integración da Alta Velocidade en Ourense e aproveitar a súa chegada para que “ese corredor liberado suture unha ferida que hai no Concello, a división entre barrios ”. O metro de superficie non soluciona o problema de mobilidade que sufrimos as ourensás e os ourensáns, seguiría mantendo o eixo norte-sur e non está garantido o seu mantemento, endebedaría ao concello cando hai urxencias de gasto como é o 23% de persoas en risco de exclusión social. Nós apostamos por unha conquista progresiva dese espazo, levantando as vías e construíndo zonas axardinadas, sendeiros, infraestruturas deportivas e un carril bici. Un corredor verde.

Nas intervencións arquitectónicas subordinadas ao AVE deberán primar a utilidade e integración na paisaxe natural, cultural e humana da cidade e a nova estación deberá garantir unha correcta intermodalidade entre diferentes medios de transporte.

“Toda estratexia de mobilidade de Ourense en Común está pensada nas persoas, non facemos unha campaña con propostas mediáticas para saír en prensa, outro tipo de mobilidade sostíbel é posible. Queremos unha cidade saudábel que mereza a pena ser vivida” conclúe Martiño Xosé Vázquez.

[metaslider id=2609]
Xuntanza coa Asociación Diabética Auria

Xuntanza coa Asociación Diabética Auria

Miguel Doval, Ledicia Piñeiro e Esteban Sánchez representaron a Ourense en Común o pasado xoves 8 de maio neste encontro coa Asoc. Diabética Auria, que desde 2002 vén prestando axuda e asesoramento ás persoas diabéticas da nosa provincia. Mª Paz Gómez, presidenta da asociación, expúxonos os principais atrancos que levan atopando desde a súa creación, así como as deficiencias que detectan na atención e axeitado tratamento das persoas afectadas por esta doencia. A seguinte táboa resume as súas propostas para as institucións:

DIFICULTADES

PROPOSTAS

Local social cedido pola deputación con moitas deficiencias:- Soto escuro- Problemas de accesibilidade, propiciando accidentes- Lonxe da rúa Cesión polo Concello dun novo local con outras características, que cumpra os mínimos de accesibilidade e favoreza o encontro entre o movemento asociativo entre si, e coas veciñas.
Escasez de persoal específico a disposición desta e doutras asociacións. Dotación de persoal para asociacións. Neste caso:- Nutricionistas- Enfermeiras

– Psicologas

– Traballadoras Socias

Ausencia de traballo en medicina preventiva. Desenvolvemento de plans específicos de Medicina Preventiva.
As caixas de tiras reactivas coas que se mide o azucre en sangue custan 50€, as doentes viaxan ata Portugal onde consiguen as mesmas por 19€. Investigación do que se agocha destrás deste encarecemento do produto, ante a posibilidade de intereses que estean convertindo a nosa saúde nun negocio. Subvencionar todo medicamento ou utensilio necesario para salvagardar o benestar das persoas enfermas.
As subvencións municipais a asociacións xustificanse todas cos memos criterios sen ter en conta as particularidades das actividades segundo a natureza da asociación. Deste xeito, non se subvencionan aloxamentos, alimentación e transportes. Isto, para unha asociación que ten actividade medico-educativa sobre os hábitos de vida das persoas, é unha grande traba. Buscar a maneira de axudar a financiar a actividade da asociación. Con subvencións específicas os flexibilizando os criterios nas subvencións xerais.
Ausencia de protocolos de actuación cos nenos e nenas diabéticas nas escolas. Facer de interlocutor entre Xunta e asociación para conseguir ampliar as figuras da educadora social nas escolas, para que poida atender axeitadamente a nenas e nenos diabéticos.
Encontro co Centro Comercial Aberto Couto Centro

Encontro co Centro Comercial Aberto Couto Centro

Os candidatos de Ourense en Común Miguel Doval e Carlos García, despois de explicar o noso proxecto, escoitaron as demandas de Julio Fernández Prol, presidente do Centro Comercial Aberto Couto Centro. Máis zonas de aparcadoiro e rúas peonís son dúas cuestións que os comerciantes do barrio máis poboado de Ourense, xunto co da Ponte, consideran imprescindibles para reactivar os seus negocios. Propoñen neste ámbito crear na zona do campo de fútbol un centro deportivo, con aparcadoiros, un parque infantil e espazos culturais. Quéixanse tamén de que o transporte urbano ignora esta zona, non hai conexión directa coa estación de autobuses nin coa de tren nin con outros puntos estratéxicos da cidade.

Por outra banda, cren necesario que haxa máis comunicación e traballo conxunto tanto coas asociacións veciñais e culturais do Couto como coas outras asociacións de comerciantes do municipio. E din que, malia ser o pequeno comercio un piar da economía de Ourense, non recibe o apoio das administracións, séntense os comerciantes deste barrio especialmente abandonados polo Concello. Tampouco se ven apoiados pola Federación de Comercio nin pola Cámara de Comercio e engaden que a CEO presta só atención ás grandes empresas.

Os comerciantes do Couto cren que é excesivo o prezo dos locais do barrio, tanto para alugar como para mercar, o que non favorece nada a apertura de novos negocios. Din que debido a este motivo moitos baixos permanecen pechados, sucios e en moi mal estado, consideran que o Concello debería facer cumprir unha normativa que obrigara a manter en bo estado os locais para que o barrio non presente unha mala imaxe.

Gustaríalles ademais a estes comerciantes maior axilidade por parte do Concello á hora de tramitar as licenzas de obra ou de actividade e unha baixada das taxas do lixo e da auga, tendo en conta sobre todo que a concesionaria do servizo de limpeza non presta un bo servizo, láianse.

Valoran positivamente o incremento de xente nova ao frente de negocios, participando na asociación e aportando ideas novidosas.

Tras escoitar estas propostas, comunicámoslle que precisamente o Programa Participativo de Ourense en Común inclúe un Plan de Apoio ao Comercio e aos Produtos Locais para sensibilizar á poboación a través de accións de promoción como a creación dunha marca de calidade propia de Ourense, feiras, mostras, obradoiros, publicidade… Ademais, recollemos un plan integral para a revitalización de áreas comerciais e un programa completo de medidas que atendan as necesidades concretas das PEMES.

Ourense en Común organizou un roteiro crítico pola principal vía da cidade: «O progreso en Común», unha visita pola arte e o desastre

Ourense en Común organizou un roteiro crítico pola principal vía da cidade: «O progreso en Común», unha visita pola arte e o desastre

A visita guiada por unha historiadora percorreu a rúa do Progreso dende a Ponte Romana e serviu para visibilizar a realidade urbanística da arteria principal da cidade.

No roteiro crítico lembrouse o pasado dos edificios históricos espallados nunha rúa onde a arte e o patrimonio cultural se mesturan co desastre, pero tamén coa esperanza de futuro.

Ourense en Común continúa coa súa campaña electoral apostando polo contacto directo coa veciñanza, o autofinanzamento, a austeridade e a creatividade. Esta tarde candidatas de OUeC e veciñas, guiadas pola historiadora Gema Seara, percorreron a rúa do Progreso dende a Ponte Romana. Alí puideron comprobar o estado dos Ben de Interese Cultural (BIC), a ponte e a capela dos Remedios, así como os atentados cometidos no leito do Miño e as zonas verdes das ribeiras. Durante a visita foron descubrindo o pasado dunha rúa vítima das agresivas políticas urbanísticas, unha destrución do Progreso que comezou nos 50-60 e continuou nos anos 70 ata a actual situación de abandono.

O roteiro crítico “O progreso en Común. Artes e desastres do centro”, serviu para falar tamén de edificios tan emblemáticos como a Casa dos Taboada, o desaparecido Hotel Roma, derrubado no ano 69 e substituído por vivendas. O Pazo Provincial que, segundo explicou Gema Seara, levantouse para albergar unha empresa de textil, pagada pola Deputación e despois, alugáronse as oficinas. Tamén puidemos coñecer curiosidades como que o Centro Marcos Valcárcel, ata hai pouco Edificio Simeón, foi unha tenda de tecidos ao por maior. Ou o Antigo Hotel Barcelona, en ruínas e aínda á espera de rehabilitación. O roteiro rematou ao carón do edificio do século XIX que foi cárcere provincial, un espazo adecuado para ser autoxestionado por asociacións. Dende OUeC cederemos ese espazo e dende o Concello daremos apoio para a constitución dun Centro Social Autoxestionado.

 

“O Progreso en Común”

Na rúa do Progreso xúntase o poder coa esperanza. A grandeza coa banalidade. A arte co desastre. O patrimonio cultural co patrimonio económico duns poucos. O estado desa rúa, a arteria principal de comunicación da cidade de Ourense, tamén é unha foto fixa do estado dun Ourense, que sofre polo peche de comercios, o abandono de edificios e a falta dunha planificación que consiga pacificar o tráfico e converter as rúas nun lugar máis saudable e seguro. Por iso dende Ourense en Común apostamos por unha cidade para as persoas.

Porque somos veciñanza queremos que o noso territorio sexa a chave do desenvolvemento. Facer un mellor aproveitamento dos nosos recursos: a riqueza do medio natural e o talento das persoas como fonte de oportunidades. Fomentar a colaboración e o entendemento entre o público e o privado. Comprometernos coas pemes, os autónomos, o comercio local.

Queremos transformar Ourense nunha cidade dos coidados. Das persoas, do patrimonio e do medio ambiente. Con espazos naturais
protexidos e ríos limpos que sexan o noso legado para o futuro. Con barrios equilibrados nos que movernos e relacionarnos nas mellores condicións posibles. Cunha cultura de base que saia a rúa, e que nos axude a ser un pouco máis felices cada día. Queremos un Ourense do bo vivir. Un concello para as persoas!.

Por iso nós imos facer unha campaña próxima e aberta a todas as veciñas, con conversas entre todas, en distintos barrios da cidade, nas que analizaremos a realidade e daremos a coñecer as nosas propostas para solucionar problemáticas concretas.

 

Cun pé no pasado e outro no futuro

En OueC sentimos o patrimonio coma aquel ben, sexa cultural, natural, material ou inmaterial, que recibimos como herdanza do noso pasado, continuamos a crear hoxe, e legaremos as xeracións do futuro. O patrimonio non pode ser propiedade de ninguén, senón responsabilidade nosa, conxunta. Defendemos a participación pública no patrimonio como ferramenta coa que poder desenvolver todo o seu valor e facer del un recurso estratéxico para Ourense. Cómpre actuar para garantir a súa accesibilidade, conservación, estudo e, sobre todo, o seu uso público. Non só para o turismo, que tamén, senón para nós, as veciñas e veciños de Ourense, para poder seguir medrando, aprendendo e producindo riqueza.

[metaslider id=2379]
Ourense en común deu comezo á campaña con dous actos centrados nas nenas e nenos e na mobilidade sostible

Ourense en común deu comezo á campaña con dous actos centrados nas nenas e nenos e na mobilidade sostible

Pola mañá nos xardíns do Padre Feijoo estableceuse un espazo de lecer interactivo para nenas e nenos.

Pola tarde, unha marcha ciclista percorreu a cidade reivindicando a mobilidade sostible.

Ourense en común puxo en marcha a súa campaña electoral apostando polo contacto directo coa veciñanza, o autofinanzamento, a austeridade e a creatividade. Deste xeito, os dous primeiros actos centráronse na cidadanía de mañá, as nenas e nenos do concello de Ourense e nun novo modelo de mobilidade.

Pola mañá estableceuse unha zona de lecer nos xardíns do Padre Feijoo onde as pequenas puideron debuxar, contar, atoparse, escoitar e aprender. Un espazo interactivo, sen consumo, cargado de valores. Unha pequena cidade xardín onde a xente miuda puido imaxinar ese Ourense futuro que a candidatura municipalista albisca: unha cidade das persoas.‬

A partires das 18h, unha marcha ciclista percorreu distintas rúas da cidade en reivindicación dunha mobilidade sostible no entorno urbano. Ao tempo aproveitouse para identificar deficiencias e perigos presentes nas nosas rúas, tanto para a xente que aposta pola bici como medio de transporte como para os peóns. Esta acción procura reivindicar unha nova cidade pensada para ser vivida, na que o tráfico se vexa pacificado progresivamente e facilite un ritmo de vida máis tranquilo.

As actividades continúan hoxe domingo con “O progreso en común”, un roteiro crítico pola principal arteria da cidade que procura a visibilización da súa realidade urbanística onde se xunta o poder coa esperanza, a grandeza coa banalidade, a arte co desastre e o patrimonio cultural co patrimonio económico duns poucos. Unha foto fixa do estado actual de Ourense.

[metaslider id=2351]

Comunicado en contra da violencia machista

A plataforma cidadá Ourense en Común quere manifestar a súa repulsa polo novo caso de violencia machista acontecido esta mañá no Complexo Hospitalario de Ourense.

María Isabel Fuentes Fernández (66 años), veciña de Verín, faleceu a primeira hora da mañá na habitación do CHUO onde estaba ingresada, despois de recibir varias coiteladas por parte do seu marido, de 76 anos.

Isabel estaba ingresada por unha agresión na súa vivenda ocorrida o pasado 3 de abril, e malia que a Garda Civil tiña indicios de que estabamos ante un novo caso de violencia de xénero, NON tiña ningunha medida de protección especial. Por iso, dende Ourense en Común esiximos un Pacto de Estado contra o terrorismo machista!. Non queremos ter que contar máis mulleres asasinadas polo machismo.

O dereito á igualdade é unha condición previa fundamental da democracia. OueC asumiu a igualdade de xénero como elemento central da súa identidade e así o trasladará ao Concello de Ourense. Porque séculos de loita social das mulleres non caeron en saco roto, pero continúa a darse unha violencia estrutural dunha metade da poboación contra a outra. Unha violencia que ignora, invisibiliza, silencia, coacciona e mata. 54 mulleres asasinadas en España en 2014, 6 en Galicia.

A perspectiva de xénero ten que ser un eixo central das políticas públicas municipais, incorporándose ao deseño orzamentario, á organización laboral, aos procesos de toma de decisións, etc. Cómpre transformar a sociedade dos homes na sociedade das persoas e comezar a empoderarnos, todas e todos, como cidadás de pleno dereito.

Por iso, no noso Programa Participativo temos medidas concretas para unha loita máis eficaz en contra da violencia machista dende o Concello de Ourense:

  • Aumentar os recursos destinados a previr e intervir en violencia de xénero, garantindo ás mulleres, así como ás persoas dependentes delas (maiores e/ou menores), unha atención integral, recursos e servizos de calidade para a promoción da súa autonomía económica a través de plans de (re)incorporación laboral e/ou de prestacións dignas.
  • Dotación de recursos humanos suficientes ao CIM. Aumentar o persoal especializado nas áreas de psicoloxía, traballo social e axentes de igualdade.
  • Estudo da viabilidade para a remunicipalización do servizo da Casa de Acollida de Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero.
  • Fomento activo do asociacionismo e o cooperativismo entre as mulleres.
  • Introducir a perspectiva de xénero en todas as actividades a desenvolver desde os departamentos de Educación e Mocidade, incidindo na formación nas relacións afectivo-sexuais, a xestión das emocións e a resolución de conflitos interpersoais e familiares.
  • Programas de sensibilización e formación da cidadanía en igualdade de xénero, de corresponsabilidade de homes e mulleres nas tarefas de coidados e domésticas, o uso de permisos de paternidade e maternidade de xeito igualitario e intransferible, ou a detección e tratamento de actitudes, prácticas e comportamentos sexistas.
  • Potenciar o Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes.

Ademais, contamos con outras medidas indirectas concretas, o Programa Participativo de Ourense en Común é transversal:

  • Impulsar plans específicos de emprego dirixidos ás mulleres en xeral e ás mulleres vítimas da violencia machista en particular, pois a independencia económica é prioritaria.
  • As mulleres vítimas da violencia machista que o precisen poderán contar cunha vivenda en réxime de alugueiro social, establecendo baremos equitativos e xustos que dean prioridade ás persoas máis necesitadas na adxudicación de vivendas protexidas.
  • Incluír a perspectiva de xénero nos orzamentos, nos criterios de selección de contratos e adxudicacións de subvencións municipais e incluíla como baremo nas cláusulas dos pregos de condicións técnicas dos concursos.
  • Formacion obrigatoria en igualdade de xénero a todo o persoal do concello, entre eles a Policía Local e outros organismos relacionados.
Gráficas do horror: tipos de feminicidio en 2015
Gráficos do horror: tipos de feminicidio en 2025. [Fonte http://www.feminicidio.net/articulo/españa-2-mujeres-fueron-asesinadas-hombres-abril-2015]
Gráficos do horror: Feminicidios e asesinatos por meses.
Gráficos do horror: Feminicidios e asesinatos por meses. [Fonte http://www.feminicidio.net/articulo/españa-2-mujeres-fueron-asesinadas-hombres-abril-2015]
Ourense en Común fará unha campaña diferente, próxima e austera

Ourense en Común fará unha campaña diferente, próxima e austera

Ás 23:45 do 7 de maio, no Parque de San Lázaro, demos comezo a dúas intensas semanas nas que imos estar, como fixemos dende o principio, moi preto das veciñas e os veciños. Ourense en Común non dará mitins nin as súas candidatas farán intervencións como as que os políticos tradicionais nos teñen acostumadas. Nós imos facer unha campaña próxima e aberta con conversas entre todas, en distintos barrios da cidade, nas que analizaremos a realidade e daremos a coñecer as nosas propostas para solucionar problemáticas concretas. En varios destes encontros contaremos ademais coa participación de convidadas e convidados expertos en diferentes temáticas que vos iremos adiantando.

Ourense en Común fará deste xeito unha campaña diferente, austera, posible grazas a vós, e creativa. O noso Programa Participativo non son só propostas para gobernar o noso concello, son ideas para o cambio que estamos levando xa a cabo. As próximas dúas fins de semana poremos algunhas delas en práctica co obxectivo de visibilizar que si é posible. Son actividades sociais, culturais e deportivas que teñen como intención amosar que existe outro xeito de gobernar. Unha marcha ciclista na que se irán denunciando as eivas da cidade, unha ludoteca para as nosas nenas e nenos, unha visita guiada por unha historiadora para coñecer as artes e os desastres do progreso son só algunhas das propostas ás que estades todas convidadas.

E é que todo o que temos organizado ata o día 22, que pecharemos cunha festa na Praza de San Marcial, vai dirixido a ti. Unha campaña para que coñezas de preto que pretende Ourense en Común e na que tamén podes colaborar. É isto o que nos diferencia do resto, dos partidos políticos, que imos escoitar na rúa as vosas propostas porque temos un Programa Participativo para xestionar un municipio que pense no ben común, pero que aínda non está pechado, ti tes moito que falar.

Participa! 

Encontro coa Asociación Cultural e Deportiva de Propietarios de Mascotas de Ourense

Encontro coa Asociación Cultural e Deportiva de Propietarios de Mascotas de Ourense

O candidato de Ourense en Común á alcaldía, Miguel Doval, reuniuse hoxe con representantes de AMOU que lle trasladaron a necesidade de tomar conciencia da nova dimensión social que os animais de compaña están acadando nas zonas urbanas. Din que a normativa aprobada no ano 1991 non ten en conta o número crecente de mascotas, calculan unhas 30.000, e as súas funcións.

Piden deste xeito:

  • Unha nova normativa municipal.
  • Un rexistro xeral de mascotas que permita planificar a súa interacción coa cidade.
  • Un control racional dos animais urbanos en semiliberdade.
  • Modificar o concepto espazo exclusivo para animais polo de espazo ordenado. Unha poboación crecente de mascotas, como a actual, non permite unha política viable de parques exclusivos que ademais segregan entre propietarios de animais e non propietarios.
  • Máis diálogo cos profesionais do sector, nomeadamente co colexio de Veterinarios.
  • A creación dun perfil técnico, na concellería de Medio Ambiente, capacitado para a xestión da poboación de mascotas de Ourense.
  • Un protocolo de actuación da Policía Local.
  • Tentar xerar un modelo de sanción que non só penalice se non que contribúa á toma de conciencia do propietario e a colectividade.
Encontro coa Asociación Alma Llanera

Encontro coa Asociación Alma Llanera

O candidato de Ourense en Común á alcaldía, Miguel Doval, e as tamén integrantes da nosa lista Mavi Calviño e Bea Reza xuntáronse esta tarde con Sonia Sánchez e José Antonio, membros de Alma Llanera, a asociación adicada principalmente á problemática das persoas inmigrantes de Venezuela e dos emigrantes ourensáns no país americano.

Durante a conversa, Sonia e José criticaron a desinterese do Concello de Ourense polo colectivo inmigrante, abandonando plans de axuda que, segundo din, non se continuaron levando a cabo por desidia e non por falta de recursos. É o caso de programas de interculturalidade e convenios para cursos de formación, por poñer algún exemplo.

Alma Llanera pide así a colaboración do concello tanto para as persoas inmigrantes como para as ourensás e os ourensáns que viven en Venezuela e non contan co apoio do seu municipio para retornar á terra, e engaden que a administración tampouco lle pon doados os trámites burocráticos aos emigrantes retornados. Solicitan, por exemplo, poder convalidar os títulos académicos, así como unha oficina de información e apoio na busca de emprego, xa que «en Servizos Sociais están saturados e teñen sufrido as consecuencias da falta de persoal e de recursos económicos». Botan en falta tamén locais e espazos públicos cedidos de balde polo concello para realizar as súas actividades.

Pola nosa banda, explicámoslles os apartados do Programa Participativo de Ourense en Común relativos aos temas que máis lles preocupan, tanto no asesoramento na busca de emprego como no plan integral de servizos sociais, vivenda e cesión de locais infrautilizados para uso de colectivos e asociacións. Facemos tamén fincapé no importante que é para nós a riqueza que aporta a diversidade cultural, e que queremos un Concello de persoas que vivan dignamente, independentemente da súa orixe, raza ou credo.

Rematamos co compromiso de manternos en contacto.

Ourense en Común non está soa no camiño ao cambio

Ourense en Común non está soa no camiño ao cambio

A número 2 da candidatura de OUeC ás eleccións municipais de Ourense, Ledicia Piñeiro, participou hoxe no acto “Ahora en Común”

O encontro, celebrado esta tarde en Madrid, foi a presentación oficial de candidaturas cidadás irmandadas de toda España

O 24 de maio vanse celebrar unhas eleccións municipais nas que concorrerán, por vez primeira, unha chea de candidaturas cidadás en moitas vilas e cidades, coa ilusión de ser a precisa revolución democrática. Moitas delas participaron no acto celebrado hoxe ás sete da tarde en Madrid, na praza do Museo Raíña Sofía. Ourense en Común non podía faltar. Ledicia Piñeiro, número dúas da nosa lista, trasladouse ata a capital de España para participar nesta confluencia de plataformas moi semellantes. Un encontro no que intercambiaron experiencias e xuntaron forzas para continuar neste proceso de cambio político e social real, pensado para as persoas.

Manuela Carmena, candidata de Ahora Madrid, Ada Colau, candidata de Barcelona en Comú, Xulio Ferreiro, de Marea Atlántica, e entre eles Ledicia Piñeiro, defenderon nunha praza ateigada de xente uns concellos que traballen polo ben común.

“Ourense en Común non está soa nesta loita, este proceso municipalista está multiplicado por tódalas partes do Estado. É o principio do cambio. A primeira batalla é nos municipios pero forma parte dun todo que sigue medrando e espallándose”. Son palabras de Ledicia Piñeiro, emocionada, ao remate do acto.

Na súa intervención, Ada Colau afirmou que estas iniciativas son moi parecidas porque surxen do 15M, de movementos sociais ou de Plataformas coma a PAH, pola necesidade de mudar o xeito de facer política. De aí a importancia de gañar os concellos e non quedarse unicamente en forzas testemuñais. Tanto a candidata de Barcelona en Comú coma Manuela Carmena concordaron con Ourense en Común e coas outras forzas en Madrid representadas que as principais metas son a recuperación da economía, a creación de emprego e garantir o acceso ao servizos básicos como a vivienda ou a educación a tódalas persoas. Porén, estas prioridades non nos deben facer esquecer que hai que rematar ademais coa corrupción e o escurantismo presente nas institucións.

Uns obxectivos que dende Ourense en Común vimos defendendo dende hai xa un ano, cando comezamos a traballar. En ti está que se fagan realidade.

[metaslider id=2224]